Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2018 Páx. 4504

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018 (SI435B, SI435A, SI427B).

A eliminación das desigualdades entre homes e mulleres é un obxectivo prioritario da Unión Europea desde a entrada en vigor do Tratado de Ámsterdam, onde se recolle o compromiso formal de considerar a igualdade entre homes e mulleres como un obxectivo horizontal chamado a integrar a totalidade das políticas da Comunidade. Este compromiso veuse articulando a través de diferentes directivas e resolucións do Consello relativas á aplicación do principio de igualdade de trato nos diferentes ámbitos. Así mesmo, a normativa reguladora dos fondos europeos tamén recolle de forma constante a referencia a este compromiso; de feito, na regulamentación actual do FSE tamén se fai mención expresa á necesidade de que a execución das prioridades financiadas polo FSE deben contribuír a loitar contra a discriminación por razón de sexo, recollendo entre as súas prioridades de investimento a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos, incluídos o acceso ao emprego, a progresión na carreira profesional, a conciliación da vida laboral e a vida privada, e a promoción de igual remuneración por igual traballo, así como a loita contra todas as formas de discriminación e a promoción da igualdade de oportunidades.

Pola súa vez, na Estratexia europea 2020 por un crecemento intelixente sustentable e integrador tamén se destaca a necesidade de desenvolver políticas que promovan a igualdade entre sexos co fin de incrementar a participación da poboación laboral, contribuíndo así ao crecemento e á cohesión social.

A Constitución española, no seu artigo 14, prohibe expresamente calquera discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2, formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas. Polo que respecta á Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece que corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación dos galegos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias asumidas polo Estatuto, aprobáronse dúas leis galegas en materia de igualdade, unha no ano 2004, de carácter integral, e outra no ano 2007, específica para o ámbito do traballo, hoxe recollidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, así como a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario para a Xunta de Galicia, e tivo o seu reflexo nas ditas normas e na implantación de plans que definen e recollen estratexias globais para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres en condicións de igualdade en todos os ámbitos da sociedade.

Nesta actuación recoñécese o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, como o idóneo para o desenvolvemento de accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social, polo que nesta materia se vén traballando coas entidades locais no marco da colaboración e coordinación, para avanzar na consecución do obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes. Pola súa vez, promóvese e impúlsase un marco de xestión compartida no ámbito da colaboración e cooperación entre concellos para dotar dunha maior eficacia e eficiencia os servizos e as actuacións en materia de igualdade no ámbito territorial de Galicia.

O VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020 recolle como unha das súas prioridades de actuación a de «fomentar as políticas de igualdade no eido local» a través, entre outras medidas, da consolidación da Rede de centros de información á muller de Galicia para o fomento da igualdade no ámbito local, da colaboración e coordinación coa Administración local para o deseño e implantación de programas e medidas de conciliación, así como para a prevención e atención integral en materia de violencia de xénero. Isto tamén se afianza nas áreas estratéxicas para a igualdade, en particular, no obxectivo específico 2.3 «Reforzar os recursos que facilitan a conciliación da vida laboral, persoal e familiar» prevese como medida concreta o «estímulo ao desenvolvemento desde as entidades locais de programas e medidas que favorezan a conciliación»; e no obxectivo específico 5.4 «Promover a especialización e a diversificación dos recursos públicos para facilitar unha resposta de calidade ás necesidades das mulleres, en especial das que se encontran en situación de maior dificultade» faise mención expresa á oferta de servizos de atención e acompañamento ás mulleres en situación de vulnerabilidade a través da rede de CIM. Así mesmo, nas áreas estratéxicas definidas para a prevención e tratamento da violencia de xénero, pola súa relación cos programas previstos nesta convocatoria, debe salientarse que no obxectivo específico 2.1 «Fortalecer a resposta institucional para unha adecuada intervención e atención integral ás vítimas de violencia de xénero» se establece como medida concreta o apoio ás entidades locais para o desenvolvemento de programas para a atención a vítimas de violencia de xénero.

Consonte co anterior, esta convocatoria ten por obxecto facilitar a implantación de programas e medidas de igualdade no ámbito local en Galicia, co obxecto de favorecer a igualdade de oportunidades e de trato no territorio e a erradicación da violencia de xénero; a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, así como para impulsar o funcionamento e a consolidación dos servizos de atención integral de información e asesoramento no territorio, co fin de prestarlles unha atención e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación sociolaboral ás mulleres, en particular, a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou estean nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.

Con este fin, recóllese un marco de axudas públicas para o financiamento de medidas e actuacións desenvolvidas polas entidades locais, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartida, ao abeiro de tres programas: a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; b) Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; c) Programa de apoio aos centros de información á muller (CIM).

Esta convocatoria está cofinanciada polo FSE nunha porcentaxe do 80 % no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. No caso do programa de fomento da conciliación no obxectivo temático 8 «Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral», prioridade de investimento 8.4 «A igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos, incluídos o acceso ao emprego, a progresión na carreira profesional, a conciliación da vida laboral e a vida privada e a promoción de igual remuneración por igual traballo», obxectivo especifico 8.4.2 «(Re)integrar e manter no mercado laboral as persoas con dependentes ao seu cargo, a través de medidas de conciliación da vida persoal e laboral, e fomentar a igualdade de xénero no ámbito formativo, educativo e laboral»; e no caso dos outros dous programas de prevención da violencia de xénero e de apoio aos CIM, no obxectivo temático 9 «Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 9.3 «A loita contra toda forma de discriminación e o fomento da igualdade de oportunidades», obxectivo específico 9.3.1 «Aumentar a integración sociolaboral das persoas pertencentes a colectivos máis vulnerables, a través de actuacións que fomenten a igualdade de xénero e a conciliación da vida persoal e laboral, e evitar, pola súa vez, a discriminación múltiple».

Na súa consecuencia, é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) número 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) número 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) número 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo, e polo que se derroga o Regulamento (CE) número 1081/2006 do Consello, así como ao establecido na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 (BOE núm. 307, do 21 de decembro).

Segundo o establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) número 1304/2013, as subvencións e a asistencia reembolsable que se beneficien dunha axuda pública non superior a 50.000 euros adoptarán a forma de baremos estándar de custos unitarios, de importes a tanto global ou de financiamento a tipo fixo. Por este motivo incorpórase nesta convocatoria o establecemento de métodos de custo simplificados.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro) e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Con esta finalidade, de conformidade co previsto no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e segundo o establecido no Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia, establécense as bases reguladoras e a convocatoria de axudas dirixidas ás entidades locais para a promoción da igualdade.

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito axeitado e suficiente para este fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 19 de outubro de 2017.

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizado por acordo do Consello da Xunta o compromiso de gasto plurianual para o programa de apoio aos CIM e a concesión de anticipos de ata o 75 % da subvención concedida nos diferentes programas, sen constitución de garantías, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2018 as subvencións ás entidades locais de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, para o desenvolvemento de programas, actividades, actuacións e medidas para facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, o tratamento integral da violencia de xénero, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a participación das mulleres na vida política, económica, social e cultural, así como para consolidar o funcionamento de servizos de atención integral de información e asesoramento ás mulleres no territorio, co fin de prestarlles unha atención e acompañamento de proximidade, psicolóxico, xurídico e de orientación sociolaboral ás mulleres, en particular a aquelas que pertenzan a colectivos en risco de exclusión ou se encontren nalgunha situación de vulnerabilidade, de cara a mellorar a súa situación social, laboral e profesional.

Coa dita finalidade establécense os seguintes programas:

a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, en diante, Programa de conciliación (SI435B).

b) Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, en diante, Programa de prevención da violencia de xénero (SI435A).

c) Programa de apoio aos centros de información á muller, en diante, Programa de apoio aos CIM (SI427B).

2. Só se pode presentar ou participar nunha solicitude de subvención, ben sexa individual ou conxunta, respecto de cada un dos programas previstos no punto 1 anterior. Para o caso de concorrencia de solicitudes, individuais e conxuntas ou de xestión compartida, darase prevalencia á solicitude de xestión compartida.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de catro millóns douscentos corenta e oito mil seiscentos once euros con noventa e oito céntimos (4.248.611,98 euros), distribuído en tres programas e, nun deles, en dúas anualidades, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Aplicación

Cód. proxecto

Importe 2018

Importe 2019

Total

05.11.312G.460.1

2016 00018

524.926,51 euros

-

524.926,51 euros

05.11.313B.460.0

2015 00144

2.253.685,47 euros

1.470.000,00 euros

3.723.685,47 euros

Total

2.778.611,98 euros

1.470.000,00 euros

4.248.611,98 euros

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. A partida orzamentaria 05.11.312G.460.1, destinada ao financiamento do Programa de fomento da conciliación no obxectivo temático 8 «Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral», prioridade de investimento 8.4 «A igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos, incluídos o acceso ao emprego, a progresión na carreira profesional, a conciliación da vida laboral e a vida privada e a promoción de igual remuneración por igual traballo», obxectivo especifico 8.4.2 «(Re) integrar e manter no mercado laboral as persoas con dependentes ao seu cargo, a través de medidas de conciliación da vida persoal e laboral, e fomentar a igualdade de xénero no ámbito formativo, educativo e laboral»; e no caso da partida orzamentaria 05.11.313B.460.0, destinada ao financiamento dos programas de prevención da violencia de xénero e de apoio aos CIM, no obxectivo temático 9 «Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 9.3 «A loita contra toda forma de discriminación e o fomento da igualdade de oportunidades», obxectivo específico 9.3.1. «Aumentar a integración sociolaboral das persoas pertencentes a colectivos máis vulnerables a través de actuacións que fomenten a igualdade de xénero e a conciliación da vida persoal e laboral, e evitar, pola súa vez, a discriminación múltiple».

Da partida orzamentaria 05.11.313B.460.0 destinarase un importe máximo de 352.000 euros, con cargo ao exercicio 2018, para o financiamento do Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Para o caso de que non se esgote o dito importe máximo logo da valoración de todas as solicitudes presentadas ao abeiro deste programa, o remanente de crédito destinarase ao financiamento das solicitudes do programa de apoio aos CIM.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

3. O importe máximo inicial do crédito destinado aos programas e subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas e ingresos xerados

1. As subvencións para as actuacións e actividades recollidas nos diferentes programas desta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública para a mesma actuación ou actividade.

2. Se a actividade ou actuación subvencionada xera ingresos como consecuencia de taxas de inscrición, matrículas ou equivalentes, o seu importe será deducido do gasto subvencionable despois de aplicar o tipo fixo cofinanciado polo FSE no momento da concesión da axuda, en atención aos declarados, obtidos ou previstos na solicitude de axuda. Para o caso de que os ingresos obtidos non se fixesen constar na solicitude ou fosen superiores aos declarados nela, a dedución farase ou reaxustarase no momento do pagamento final.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións, comúns ou específicos de cada uns dos programas de axuda ou derivados, se é o caso, da presentación dunha solicitude para a xestión compartida dun proxecto ou servizo.

3. Ademais do anterior, para poder ser beneficiaria das subvencións correspondentes ao programa de apoio aos CIM, a entidade local ten que ser titular dun centro de información á muller (CIM) acreditado segundo o establecido no Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.

Poderase presentar solicitude individual ou conxunta para a xestión compartida da prestación deste servizo mediante a agrupación ou asociación das entidades locais titulares de CIM ou con outros concellos que non o teñan acreditado.

4. Por outra banda, para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2016 ao Consello de Contas de Galicia; e, ademais, no caso dos CIM, deberá ter presentada a memoria anual do CIM correspondente ao ano 2017 ante a Secretaría Xeral da Igualdade, segundo os termos e prazos establecidos no artigo 14 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

5. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberanse cumprir na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no punto 4 deste artigo.

Artigo 5. Solicitudes de xestión compartida: requisitos e condicións

1. Para estes efectos, terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren varios concellos.

2. Os concellos que se agrupen ou asocien para o programa de prevención da violencia de xénero ou para o de conciliación, así como os titulares de CIM que se agrupen entre eles ou ben con outros concellos non titulares, deberán:

a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor. A Secretaría Xeral da Igualdade, a través do seu portal, publicará un ou varios modelos de convenio relativos á xestión compartida, de forma conxunta, agrupada ou asociada, que terán carácter orientativo.

Se non se achega o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega logo do requirimento efectuado para o efecto, considerarase que desiste da súa solicitude. Non obstante, para o caso de que se trate dunha solicitude do programa de apoio aos CIM, poderase tramitar como solicitude individual do CIM sempre que o manifeste expresamente e por escrito no dito prazo.

b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Secretaría Xeral da Igualdade, que será a que reciba e xustifique a subvención. No caso dos agrupamentos para a prestación do servizo CIM, a representación corresponderá á persoa titular da alcaldía dun concello que teña acreditado o CIM.

c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.

d) Os concellos agrupados ou asociados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e os que participan no proxecto ou servizo para o cal se solicita subvención.

4. Procederá a exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes de xestión compartida nas cales non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para o cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Sen prexuízo do anterior, considerarase que cumpren o requisito de xestión compartida os agrupamentos para a prestación do servizo de CIM. No programa de prevención da violencia de xénero e no de conciliación, mesmo de se realizaren actuacións independentes en cada concello, considerarase cumprido este requisito cando na memoria xustificativa se acrediten os beneficios da solicitude conxunta, tales como licitacións conxuntas, razóns de economía de escala, racionalización do gasto, criterios de eficiencia e eficacia e colaboración técnica e administrativa, entre outros.

Nos supostos de mancomunidades e consorcios, deberase acreditar que o servizo se presta de xeito mancomunado ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Artigo 6. Programa de fomento da conciliación: accións subvencionables e contía da axuda

1. No programa de fomento da conciliación son subvencionables as seguintes medidas:

a) Medidas ou programas de conciliación sempre que os seus obxectivos respondan ao fin de fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares.

b) Bancos de tempo, coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral, a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes dun contorno dado, cuxa medida é a hora de tempo.

En todo caso, non serán subvencionables ao abeiro desta resolución as medidas que consistan na convocatoria, tramitación e concesión de subvencións públicas.

2. As entidades solicitantes deberán reflectir o perfil e os criterios de selección das persoas participantes nas actividades de conciliación para as cales se solicita subvención, así como o número previsto de participantes, que en ningún caso poderá ser inferior a dez.

Na selección terase en conta o nivel de renda da unidade familiar e deberá darse prioridade ás persoas participantes con menos ingresos. En todo caso, para os efectos desta axuda, só se terán en conta as persoas participantes con ingresos non superiores a 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples 2017 (IPREM), límite que se incrementa nun 15 % máis cando se trate de familias monoparentais ou de familias numerosas.

3. Cada entidade local, individual ou agrupada, só poderá presentar solicitude de subvención para unha das medidas previstas no punto 1 anterior.

4. Para que a medida poida ser obxecto de subvención ao abeiro deste programa é necesario que a entidade teña validada a medida de acordo co disposto no Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento.

No caso de non estar validada, deberá presentar a solicitude de validación ante a Secretaría Xeral da Igualdade, antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes previsto nesta convocatoria, co fin de obter a dita validación, que deberá producirse, en todo caso, antes do prazo de xustificación.

5. Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas de conciliación referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos, nos termos establecidos no artigo 9 desta resolución.

Só serán subvencionables os gastos xerados entre o 1 de outubro de 2017 e ata o 30 de setembro de 2018.

O importe máximo dos custos directos de persoal que se pode presentar para optar a esta axuda é de 40.000 euros; para o caso de que sexa superior, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que o reaxuste.

6. O gasto subvencionable determinarase en función do importe dos custos directos de persoal máis o 40 % dos ditos custos para o financiamento doutros gastos directos e indirectos vinculados á medida subvencionada.

En todo caso, a contía máxima da axuda será de 12.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 22.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

O importe da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable a porcentaxe que resulte da puntuación obtida na valoración realizada segundo o establecido no artigo 15 desta resolución, co límite da contía máxima da axuda que corresponda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

7. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal. Así mesmo, a subvención concedida será minorada nun 2 % cando o número de persoas participantes co límite de ingresos establecido no punto 2 deste artigo sexa inferior en máis dun 30 % ás previstas na solicitude e sempre que se acade o número mínimo exixido. No caso de concorrer ambas as causas de minoración, a que supoña menor importe entenderase subsumida na de contía superior.

En todo caso, non xerarán dereito ao cobramento da subvención, e procederá o reintegro do anticipo, cando as xustificacións non acaden como mínimo o 40 % do custo do persoal ou cando non se teña acadado o número mínimo de persoas participantes, que deben cumprir co límite de ingresos indicado no número 2 deste artigo.

Artigo 7. Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero: accións subvencionables e contía da axuda

1. Ao abeiro deste programa son subvencionables accións de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, que poderán consistir nalgunha das seguintes medidas:

1.a) Intervencións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes, e dirixidas a impulsar unha atención profesional de maior calidade: accións de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación persoal, social e laboral, así como de asesoramento xurídico especializado, de atención directa a menores fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, todas elas na procura da recuperación da súa identidade e autonomía e da restauración dos seus proxectos vitais, e de apoio na súa orientación persoal, social e laboral. O número de persoas beneficiarias desta actuación non poderá ser inferior a 10.

As medidas deben estar dirixidas ás vítimas de violencia de xénero segundo o indicado no parágrafo anterior; non obstante, tamén poderán participar nelas aquelas mulleres, así como as persoas ao seu cargo, que polas súas circunstancias persoais ou polo seu contorno familiar ou social requiran ou aconsellen este tipo de intervención como medida preventiva.

1.b) Actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución, en particular, encamiñadas a mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres que se encontran nesa situación, a través de accións de información, atención, orientación e para a mellora da súa situación persoal, social e laboral, así como de asesoramento xurídico especializado. O número de persoas beneficiarias desta actuación non poderá ser inferior a 10.

Estas medidas poderán incluír actividades complementarias de prevención e concienciación sobre a violencia de xénero na sociedade relacionadas coas actividades subvencionadas, sempre que o seu custo non sexa superior ao 7 % do custo de persoal directo subvencionable.

2. As medidas previstas no punto 1 deste artigo, para que poidan ser obxecto de subvención, deberán estar recollidas no plan de igualdade vixente, aprobado polo Pleno ou pola Xunta de Goberno local, ou no caso de contar cun plan anterior, estar en proceso de elaboración do seguinte, o que se deberá acreditar mediante certificación da persoa representante da entidade local.

3. Cada entidade local, individual ou agrupada, só poderá presentar solicitude de subvención para unha das medidas previstas no punto 1 anterior.

4. Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas de prevención da violencia de xénero referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos, nos termos establecidos no artigo 9 desta resolución.

Só serán subvencionables os gastos xerados entre 1 de outubro de 2017 e ata o 30 de setembro de 2018.

O importe máximo dos custos directos de persoal que se pode presentar para optar a esta axuda é de 40.000 euros; para o caso de que sexa superior, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que o reaxuste.

5. O gasto subvencionable determinarase en función do importe dos custos directos de persoal máis o 40 % dos ditos custos para o financiamento doutros gastos directos e indirectos vinculados á medida subvencionada.

En todo caso, a contía máxima da axuda será de 10.000 euros, cando se trate dunha de solicitude individual, e de 20.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

O importe da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable a porcentaxe que resulte da puntuación obtida na valoración realizada segundo o establecido no artigo 15 desta resolución, co límite da contía máxima da axuda que corresponda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

6. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal. Así mesmo, a subvención concedida será minorada nun 2 % cando o número de persoas participantes sexa inferior en máis dun 30 % ás previstas na solicitude e sempre que se acade o número mínimo exixido. No caso de concorreren ambas as causas de minoración, a que supoña menor importe entenderase subsumida na de contía superior.

En todo caso, non se xerará dereito ao cobramento da subvención, e procederá o reintegro do anticipo, cando as xustificacións non acaden como mínimo o 40 % do custo do persoal ou cando non se teña acadado o número mínimo de persoas participantes segundo o establecido no punto 1 deste artigo.

Artigo 8. Programa de apoio aos centros de información á muller (CIM): accións subvencionables e contía da axuda

1. Ao abeiro deste programa financiaranse as actuacións desenvolvidas nos CIM en relación coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, de acordo co establecido na disposición adicional única desta resolución. Co dito obxecto, para reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan estes servizos, serán subvencionables:

1.1. A existencia no cadro de persoal ou na relación de postos de traballo da entidade de prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM, en concreto para os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Cando as prazas ou os postos antes referidos non estean ocupados con carácter definitivo por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido, a entidade deberá presentar xustificación razoada da motivación que lle impide tal cobertura. Con carácter xeral só se admitirá como xustificación a cobertura por persoal funcionario interino, baixas por enfermidade ou similares, as que deriven da aplicación da lexislación vixente ou por estar en curso o proceso de oposición ou concurso correspondente.

1.2. A contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, sempre que a entidade local non conte con persoal que preste servizos no CIM para a realización das correspondentes funcións.

2. Cada entidade local deberá solicitar axuda para os diferentes postos do CIM nunha única solicitude. En primeiro lugar, atenderase ao financiamento dos postos necesarios para o normal funcionamento do CIM segundo o disposto no artigo 10 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, e o crédito restante destinarase ao financiamento dos postos de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

3. O número mínimo de usuarias con atención individualizada e con atención continuada establécese segundo a poboación do ámbito territorial do CIM, de acordo co seguinte:

a) Máis de 15.000 habitantes: o número de usuarias con atención individualizada terá que ser como mínimo de 100 mulleres en situación de vulnerabilidade, das cales cando menos 15 deberán ter unha atención continuada e de seguimento, cun mínimo de 3 intervencións.

b) Entre 5.001 e ata 15.000 habitantes: o número de usuarias con atención individualizada terá que ser como mínimo de 40 mulleres en situación de vulnerabilidade, das cales cando menos 6 deberán ter unha atención continuada e de seguimento, cun mínimo de 3 intervencións.

c) Ata 5.000 habitantes: o número de usuarias con atención individualizada terá que ser como mínimo de 20 mulleres en situación de vulnerabilidade, das cales cando menos 4 deberán ter unha atención continuada e de seguimento, cun mínimo de 3 intervencións.

Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2017, fonte IGE.

4. Serán gastos subvencionables os custos directos de persoal que desenvolva funcións no CIM correspondentes ao tempo efectivo de traballo dedicado a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, nos termos establecidos no artigo 9.1.a) e segundo resulta do previsto neste artigo.

Serán subvencionables os custos de persoal xerados entre o 1 de abril de 2018 e ata o 31 de marzo de 2019.

As entidades beneficiarias deberán identificar e xustificar de maneira independente os gastos directos de persoal, segundo as horas efectivamente traballadas dedicadas a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, que se imputarán en cada exercicio. Os gastos de persoal correspondentes ao período comprendido entre o 1 de abril de 2018 ata o 30 de novembro de 2018 imputaranse ao exercicio 2018, e os gastos correspondentes ao período comprendido entre o 1 de decembro de 2018 ata o 31 de marzo de 2019, ao exercicio 2019.

5. Para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención establécense custos unitarios por hora efectivamente traballada dedicada a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, así como contías máximas en atención ao posto ou función que se vaia realizar, a dedicación ao CIM a tempo completo ou a tempo parcial e ao tipo de relación ou vinculación coa entidade beneficiaria, así como unha contía máxima global, segundo o seguinte:

5.1. Para os postos de dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica coas funcións establecidas, respectivamente, nos artigos 11, 12 e 13 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, ocupados con carácter definitivo por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido, cando ocupen postos ou prazas existentes no cadro de persoal ou RPT, ou coas particularidades previstas no punto 1.1 anterior.

O custo unitario por hora efectivamente traballada dedicada a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade será de 19,86 euros, ata un máximo de 1.720 horas, correspondente a unha dedicación dun ou dunha profesional a tempo completo durante un período de doce meses, de acordo co previsto no artigo 68.2 do Regulamento (UE) número 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

Cando a dedicación ao CIM sexa a tempo completo, a contía máxima da axuda será de ata 30.000 euros e cando sexa a tempo parcial será de ata 18.000 euros. En todo caso, a xornada da dirección do CIM terá que realizarse nos termos establecidos na letra a) do artigo 10.1 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

Cando se teña que recorrer á contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico e atención psicolóxica establecidos no Decreto 130/2016, aplicarase o custo/hora correspondente e a contía máxima da axuda será de 14.000 euros.

5.2. Para os postos de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero ocupados con carácter definitivo por persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido, cando ocupen postos ou prazas existentes no cadro de persoal ou RPT, e coas particularidades previstas no punto 1.1.

O custo unitario por hora efectivamente traballada, segundo se requira titulación universitaria ou non para o desenvolvemento das funcións que se lle asignen, será o seguinte:

– Titulación universitaria: 16,98 €/hora.

– Sen titulación: 14,13 € /hora.

Ao custo unitario por hora efectivamente traballada dedicada a tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade aplicarase ata un máximo de 1.720 horas, correspondente a unha dedicación dun ou dunha profesional a tempo completo durante un período de doce meses, segundo o previsto no artigo 68.2 do Regulamento (UE) número 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro

A contía máxima da axuda será de ata 25.000 euros por posto ocupado a tempo completo e de 15.000 euros cando se ocupe a tempo parcial.

Cando se teña que recorrer á contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, aplicarase o custo/hora correspondente e a contía máxima da axuda será de 12.000 euros.

5.3. A contía total máxima de axuda que se pode conceder ao abeiro do Programa de apoio aos CIM é de 45.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.

6. O importe da axuda calcularase aplicando ao custo unitario polas horas estimadas de traballo efectivo dedicadas ao CIM en tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade a porcentaxe que resulte da puntuación obtida segundo o establecido no artigo 15 desta resolución, cos límites de axuda máxima que correspondan segundo o indicado no punto 5 anterior ou, de ser inferior, da contía solicitada.

7. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas de traballo, en cada un dos períodos previstos no número 4 deste artigo, tidas en conta para a determinación da contía do gasto subvencionable ou cando o número de persoas usuarias con atención individualizada sexa inferior ao numero mínimo previsto no punto 3 deste artigo, segundo o número de poboación do ámbito territorial do CIM.

Así mesmo, cando o número de usuarias con atención individualizada sexa inferior en máis dun 30 % ás declaradas na solicitude e sempre que se acade o número mínimo previsto no punto 3 deste artigo, a subvención concedida será minorada nun 2 %.

No caso de concorrer máis dunha destas causas de minoración, a que supoña menor importe entenderase subsumida na de contía superior.

En todo caso, non se xerará dereito ao cobramento da subvención e procederá o reintegro do anticipo cando as xustificacións non acaden como mínimo o 50 % das horas previstas como efectivamente traballadas ou o 50 % do número mínimo de usuarias con atención individualizada, ou cando non se cumpra o número de atencións continuadas exixidas, cun mínimo de tres intervencións segundo o indicado no punto 3 deste artigo.

Artigo 9. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os derivados das medidas, actividades ou servizos obxecto da axuda, realizados nos prazos e períodos de referencia e segundo o establecido para cada programa nesta resolución e que respondan a algún dos seguintes tipos:

1. Gastos directos: terán esta consideración aqueles custos que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e identificable a ela, en particular, os seguintes:

a) Gastos directos de persoal: serán subvencionables, nos tres programas previstos nesta convocatoria en concepto de custos directos de persoal, as retribucións salariais brutas totais do persoal propio da entidade, correspondentes ao tempo efectivo dedicado á execución da actividade subvencionada, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, segundo o previsto no artigo 5.1 da Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Así mesmo, no caso de contratación mercantil ou externa serán subvencionables os custos de persoal que formen parten da prestación de servizos externos, sempre que o persoal e o custo pola súa contratación estean claramente identificados e detallados na factura, na cal debe figurar exclusivamente o concepto correspondente ao custo de persoal. Ou, na súa falta, só para o caso de que fose anterior á solicitude de subvención, nunha certificación emitida pola provedora externa conformada pola entidade beneficiaria.

Para calcular os custos directos de persoal terase en conta soamente o tempo efectivo dedicado á execución da medida subvencionada, segundo o previsto na letra c) do artigo 5.1 da Orde ESS/1924/2016; para estes efectos, non se computarán as situacións con dereito a retribución en que non se presta servizo efectivo, como as ausencias ou as incapacidades temporais, nin as situacións recollidas no artigo 37.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Respecto do programa de fomento da conciliación e do programa de prevención da violencia de xénero, non serán subvencionables os gastos de persoal que non fose contratado especificamente para o desenvolvemento da medida ou actuación subvencionada, nin os gastos de persoal pertencente aos CIM de calquera das entidades locais de Galicia. Excepcionalmente, en atención ás circunstancias concorrentes debidamente xustificadas pola entidade solicitante, sempre que se trate de actuacións con permanencia no tempo que supoñan funcións de intervención directa e exista persoal cualificado non pertencente ao CIM que xa as viñese realizando con anterioridade, poderán ser subvencionables os custos de persoal correspondentes á porcentaxe de horas imputadas ás ditas funcións.

Non obstante o anterior, non serán subvencionables os custos do persoal que ocupe postos de traballo ou que pertenza a servizos financiados, total ou parcialmente, con fondos procedentes de plans ou programas de calquera Administración pública, en particular, do programa de servizos sociais comunitarios.

En todo caso, as actuacións subvencionadas deben ser desenvolvidas por profesionais con especialización ou experiencia acreditada nas áreas de igualdade e prevención da violencia de xénero.

b) Outros gastos directos: no programa de fomento da conciliación e no de prevención da violencia de xénero serán subvencionables en concepto de custos directos a elaboración de materiais, a adquisición de materiais didácticos ou outros materiais necesarios para a realización da actividade, os gastos de publicidade para a organización e difusión da actuación ou actividades subvencionadas, os gastos de seguros destinados a cubriren continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, os gastos de transporte por desprazamentos das persoas participantes en actividades programadas; axudas de custo e gastos de locomoción do persoal que desenvolve a actividade necesarios para a súa realización. Os gastos de publicidade non poderán supoñer un importe superior ao 7 % dos custos directos de persoal.

2. Gastos indirectos: no programa de fomento da conciliación e no de prevención da violencia de xénero tamén serán subvencionables, en concepto de custos indirectos, os gastos correntes que non se corresponden en exclusiva á operación subvencionada por ter carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos en bens consumibles e en material funxible, gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

3. En todo caso, os programas e medidas que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento UE 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) número 1083/2006 do Consello; no Regulamento UE 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) número 1081/2006 do Consello, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020, en particular, na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 (BOE núm. 307, do 21 de decembro).

4. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

5. Non será subvencionable a subcontratación da execución total das medidas, actividades, actuacións ou servizos obxecto das axudas previstas nesta convocatoria, sen prexuízo de que algunha das categorías de gastos sexan subcontratadas, tales como servizos, compra de material, contratación mercantil de persoal ou subministracións. Para os efectos desta resolución, entenderase que non hai subcontratación total na súa execución sempre que a entidade beneficiaria reserve para si a organización, a xestión e o seguimento da medida, actuación, actividades ou servizos para os cales se solicita a subvención, circunstancia que se deberá acreditar cando o servizo se contrate cunha única empresa.

6. No programa de fomento da conciliación e no programa de prevención da violencia de xénero os custos directos de persoal financiaranse e xustificaranse a custo real; por iso, e para o caso de contratación mercantil ou externa do persoal para a prestación do servizo, dado que as actuacións que se levarán a cabo son susceptibles de cofinanciamento con fondos europeos no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, co obxecto de facilitar o labor das auditorías, as entidades beneficiarias deberán achegar, xunto coa xustificación, copia do expediente de contratación, de acordo co establecido no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, incluídas, se é o caso, as tres ofertas a que se fai referencia no parágrafo seguinte.

Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías do contrato menor establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, á prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 10. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 11. Documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I.1, I.2 ou I.3, segundo o programa) a documentación común e a específica de cada programa que se relaciona a continuación:

a) Anexo II: certificación do órgano competente da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro do correspondente programa e do compromiso do financiamento do custo da actuación ou medida obxecto de axuda naquela parte que exceda o importe da subvención para a súa completa realización. No caso de mancomunidades ou consorcios, deberán cubrir o último punto do anexo para facer constar a relación de concellos que a integran e os que participan na actuación ou medida para a cal se solicita a subvención.

b) Anexo II-bis (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do órgano competente do concello representante, en que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo en relación cos requisitos e condicións previstos no artigo 5 desta resolución.

c) Anexo III (só para o programa de conciliación e para o programa de prevención da violencia de xénero): memoria descritiva das actuacións que se vaian realizar, con indicación do importe dos custos directos de persoal, número estimado de persoas participantes, obxectivos e resultados esperados das actuacións subvencionadas, así como a tipoloxía dos gastos directos que se van imputar á subvención acordes co establecido no artigo 9, debidamente asinada pola persoa que teña a representación da entidade solicitante.

Na memoria tamén se teñen que recoller as actuacións realizadas pola entidade solicitante nos dous últimos anos, que respondan á tipoloxía das medidas previstas no programa para o cal se solicita subvención, así como os resultados obtidos.

Deberá presentarse un anexo (memoria) por cada actuación ou actividade singularizada prevista no marco da medida para a cal se solicita subvención.

d) Anexo IV.1 e 2 (só para o programa de apoio aos CIM): memoria descritiva (IV.1) do funcionamento do CIM; do persoal adscrito ao CIM, gasto subvencionable dos custos directos de persoal para o cal se solicita a axuda segundo custo unitario por hora efectivamente traballada dedicada ao CIM en relación coas tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; número de usuarias previstas con atención individualizada durante o período subvencionable, obxectivos e resultados esperados das actuacións subvencionadas, en particular, os directamente vinculados á mellora das expectativas na busca de emprego ou da situación laboral e profesional das mulleres do contorno territorial, debidamente asinada pola persoa que teña a representación da entidade solicitante.

Así mesmo, as fichas individualizadas do persoal que presta ou que vai prestar servizos no CIM (IV.2), que se numerarán correlativamente e se anexarán á memoria como parte integrante desta.

e) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).

f) Memoria de aforro de custos respecto da realización do programa ou actividade de forma individualizada (só no caso de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades ou consorcios).

g) Plan de igualdade vixente ou, de ser o caso, e segundo o previsto no artigo 7.2, o Plan de igualdade anterior xunto coa certificación do/a representante da entidade local en que se faga constar que se iniciou o proceso de elaboración do novo plan de igualdade, con indicación da fase en que se encontra e do prazo ou data prevista para a súa aprobación (só para o programa de prevención da violencia de xénero).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Así mesmo, tamén se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 14. Instrución do procedemento e Comisión de Valoración

1. A instrución dos procedementos previstos nesta resolución correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

– Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue.

– Secretaría: exercerá a secretaría da comisión un/unha dos/das vogais da comisión.

– Vogalías: o/a xefe/a do Servizo de Planificación e Programación, o/a xefe/a do Servizo de Fomento, o/a xefe/a do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional, o/a xefe/a do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, e o/a xefe/a do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo e unha persoa da Dirección Xeral de Administración Local, con rango de subdirector/a ou, de ser o caso, de xefe/a de servizo.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.

3. A Comisión de Valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e pautas establecidos no artigo 15, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible segundo o establecido no artigo 2 desta convocatoria, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución complementarias seguindo a orde de puntuación obtida.

Artigo 15. Criterios de valoración

A comisión valorará os expedientes consonte os seguintes criterios:

1. Criterios comúns aos tres programas:

1.1. Solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios ou cando se trate de fusión de municipios, ata 40 puntos, de acordo co seguinte:

1.1.a) Agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios, teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Pola mera presentación da solicitude para a xestión compartida: 15 puntos.

b) Polo número de concellos asociados e a repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total, segundo as cifras de poboación en 1 de xaneiro de 2017, fonte IGE: ata 15 puntos. De acordo co seguinte:

b.1) Polo número de concellos participantes: 2 concellos, 3 puntos; 3 concellos, 4 puntos; 4 concellos, 5 puntos; 5 concellos, 6 puntos; máis de 5 concellos, 7 puntos.

b.2) Pola poboación total: ata 5.000 habitantes, 1 punto; de 5.001 a 10.000 habitantes, 3 puntos; de 10.001 a 15.000 habitantes, 5 puntos; de 15.001 a 20.000 habitantes, 7 puntos; máis de 20.000 habitantes, 8 puntos.

c) Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación do servizo de modo individual: 10 puntos.

1.1.b) Fusión municipal:

a) Pola mera presentación da solicitude: 30 puntos.

b) Polo número de concellos fusionados e a repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total, segundo as cifras de poboación en 1 de xaneiro de 2017, fonte IGE: ata 10 puntos, de acordo co seguinte:

b.1) Polo número de concellos participantes: 2 concellos, 3 puntos; 3 concellos, 4 puntos; máis de 4 concellos, 5 puntos.

b.2) Pola poboación total: ata 5.000 habitantes, 1 punto; de 5.001 a 10.000 habitantes, 2 puntos; de 10.001 a 15.000 habitantes, 3 puntos; de 15.001 a 20.000 habitantes, 4 puntos; máis de 20.000 habitantes, 5 puntos.

1.2. Distribución poboacional da entidade local solicitante. No caso de agrupación de concellos, a poboación do concello representante ou titular do CIM e, no caso de mancomunidades, terase en conta a media da poboación de todos os concellos que a integran, segundo as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2016, fonte IGE: ata 16 puntos, de acordo co seguinte: ata 5.000 habitantes, 16 puntos; de 5.001 ata 10.000 habitantes, 12 puntos; de 10.001 a 20.000 habitantes, 8 puntos; e máis de 20.000 habitantes, 4 puntos.

1.3. Colaboración coas actuacións da Secretaría Xeral da Igualdade, así como, no caso do programa de apoio aos CIM, pola coordinación e traballo en rede a través da aplicación informática CIM desenvolvida pola dita secretaría: 2 puntos.

1.4. Polo compromiso da entidade pola igualdade entre homes e mulleres: ata 2 puntos, de acordo co seguinte: a) estar adherido á Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, 1 punto; b) ter constituída unha concellería para a promoción da igualdade, 1 punto.

2. Criterios específicos para o programa de fomento da conciliación e para o programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero:

2.1. Pola calidade, interese, obxectivos e resultados esperados do proxecto, actividade ou medida que se propón, así como polas actividades realizadas en 2016 e 2017 que se correspondan coa tipoloxía do programa para o cal solicita a axuda, valorado en función da memoria presentada: ata 15 puntos.

2.1.a) Interese, calidade, necesidade, viabilidade e obxectivos: ata 12 puntos.

Valorarase o interese do programa en relación coa necesidade e finalidade da actuación (4 puntos); o carácter innovador do proxecto en relación cos programas presentados (3  puntos); a metodoloxía, o sistema de organización, selección e seguimento das persoas participantes durante a realización das actuacións (3 puntos), así como que inclúa actividades ou accións específicas para sensibilizar as persoas participantes no eido da igualdade, da corresponsabilidade, no respecto mutuo e na prevención do acoso e da violencia por razón de xénero (2 puntos).

2.1.b) Actividades realizadas en 2016 e 2017: puntuarase con 0,25 puntos cada actividade ou actuación de duración superior a 15 horas, ata un máximo de 3 puntos.

2.2. Pola duración ou continuidade da medida presentada dentro do período subvencionable, ata un máximo de 15 puntos, de acordo cos seguintes criterios, segundo o programa:

2.2.1. Programa de fomento da conciliación: para a valoración deste criterio establécense dous criterios, un de aplicación ás actuacións en períodos non lectivos e outro ás actuacións que se desenvolvan ao longo do período subvencionable ou durante o curso escolar, segundo o seguinte:

2.2.1.a) Polo número de actuacións que se desenvolvan en períodos no lectivos: 5 puntos por actividade, ata un máximo de 15 puntos.

2.2.1.b) Pola duración e continuidade das actividades que se van desenvolver ao longo do período subvencionable ou durante o curso escolar: ata catro meses, 4 puntos; máis de catro meses e ata sete meses, 8 puntos; máis de 7 meses e ata 10 meses, 12 puntos; máis de 10 meses, 15 puntos.

2.2.2. Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero:

Pola duración e continuidade das actuacións e actividades que se van desenvolver ao longo do período subvencionable: 1,5 puntos por cada mensualidade en que se desenvolva a actuación ou actividade, ata un máximo de 15 puntos.

2.3. Polo nivel de cofinanciamento con fondos propios da entidade solicitante dos custos directos de persoal: ata 10 puntos. De acordo co seguinte: máis do 5 % e ata o 15 %, 2 puntos; máis do 15 % e ata o 25 %, 4 puntos; máis do 25 % e ata o 35 %, 6 puntos; máis do 35 % e ata o 50 %, 8 puntos; máis do 50 %, 10 puntos.

3. Criterios específicos para o programa de apoio aos centros de información á muller (CIM):

3.1. Pola amplitude horaria na prestación dos servizos básicos e pola calidade do servizo: ata 16 puntos, segundo o seguinte:

3.1.a) Atención xurídica prestada en horario superior a 10 horas/semana: puntuarase con 0,25 puntos por cada hora de atención superior ao mínimo semanal, ata un máximo de 6 puntos.

3.1.b) Atención psicolóxica prestada en horario superior a 10 horas/semana: puntuarase con 0,25 puntos por cada hora de atención superior ao mínimo semanal, ata un máximo de 6 puntos.

3.1.c) Existencia de persoal que desenvolva as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero: 0,80 puntos por axente, ata un máximo de 2 puntos.

3.1.d) Pola realización de servizos adicionais ou de actividades específicas orientadas á mellora da situación sociolaboral das mulleres, segundo resulte da memoria anual do ano 2017 presentada ante a Secretaría Xeral da Igualdade: 2 puntos.

3.2. Polo número de usuarias en situación de especial vulnerabilidade atendidas e que superen o número mínimo exixido, segundo a xustificación da subvención concedida ao abeiro do Programa de apoio aos CIM na convocatoria de 2016 (DOG núm. 168, do 6 de setembro) e segundo a poboación do ámbito territorial do CIM, ata 18 puntos. De acordo co seguinte: a) máis de 15.000 habitantes, 3 puntos por cada 50 mulleres atendidas máis que o número mínimo exixido; b) entre 5.001 e ata 15.000 habitantes, 3 puntos por cada 20 mulleres atendidas máis que o número mínimo exixido; c) ata 5.000 habitantes, 3 puntos por cada 10 mulleres atendidas máis que o número mínimo exixido.

3.3. Polo nivel de cofinanciamento con fondos propios da entidade solicitante dos custos directos de persoal segundo hora efectivamente traballada en relación con tarefas vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade: ata 6 puntos. De acordo co seguinte: máis do 5 e ata o 15 %, 1 punto; máis do 15 % e ata o 25 %, 2 puntos; máis do 25 % e ata o 35 %, 3 puntos; máis do 35 % e ata o 50 %, 4 puntos; máis do 50 %, 6 puntos.

4. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, para o desempate terá preferencia, en primeiro lugar, a solicitude de xestión compartida fronte á presentada individualmente; en segundo lugar, a puntuación obtida en cada criterio de valoración seguindo a orde establecida neste artigo, ata que se produza o desempate; e, de persistir este, resolverase tendo en conta a hora e a data de presentación da solicitude.

5. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable a porcentaxe de axuda que corresponda á puntuación obtida na valoración realizada segundo os criterios establecidos neste artigo, e segundo os seguintes tramos:

• Máis de 80 e ata 100 puntos: 100 % do gasto subvencionable.

• Máis de 60 e ata 80 puntos: 95 % do gasto subvencionable.

• Máis de 40 e ata 60 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

• Máis de 20 e ata 40 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

• Ata 20 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

No caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención no correspondente programa, sempre que non exista lista de agarda, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de valoración, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. De conformidade co previsto no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo o establecido na disposición adicional segunda do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta do órgano instrutor e logo da fiscalización por parte da Intervención Delegada, a resolución destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, que producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Dado que a subvención está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informarase a entidade beneficiaria do cofinanciamento comunitario, con expresión do obxectivo temático, prioridade de investimento e obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciamento. Así mesmo, informarase de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) a súa aceptación, e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionada no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar isto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas no número 3 deste artigo e no artigo 13 desta resolución practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e segundo o seguinte:

a) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación por medios electrónicos entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que acceda ao seu contido.

c) Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar as modificacións nos supostos en que proceda, atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 19. Solicitude de pagamento, prazo e xustificación da subvención

1. Conforme o establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o cobramento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da medida subvencionada que se relaciona no número 3 deste artigo, e dentro do prazo establecido para cada un dos programas, segundo o seguinte:

1.1. Programa de fomento da conciliación e programa de prevención da violencia de xénero: o prazo para a presentación da xustificación da medida subvencionada ao abeiro destes programas finaliza o 11 de outubro de 2018.

1.2. Programa de apoio aos CIM: o prazo para presentar a documentación xustificativa da actuación subvencionada finaliza o 17 de abril de 2019.

De acordo co sinalado no artigo 11.6 desta resolución, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non obstante, no programa de fomento da conciliación e no programa de prevención da violencia de xénero, os documentos xustificativos dos gastos de persoal para os cales se exixen orixinais (nóminas, facturas ou documentos equivalentes, así como os recibos de liquidación da cotización á Seguridade Social) deberán presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As medidas e actuacións correspondentes a estes programas xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67.1.b) e d) do Regulamento (UE) 1303/2013 e no artigo 14.2 b) do Regulamento (UE) 1304/2013, no caso do programa de apoio aos CIM segundo módulo ou custo unitario por hora efectivamente traballada e, no caso dos outros dous programas, mediante custo simplificado a tipo fixo segundo os custos directos de persoal que se deben xustificar a gasto real.

3. Deberase presentar dentro do prazo sinalado no número 1.1 ou 1.2 deste artigo, segundo o caso, a seguinte documentación xustificativa, común e específica para cada programa:

3.1. Documentación común aos tres programas:

3.1.a) Anexo V: solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que ten a representación da entidade.

3.1.b) Anexo VI: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación ou actividade das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.

3.1.c) Anexo VII: declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3.1.d) Un exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías, capturas de pantalla e outros documentos, onde deberán figurar os logotipos da Unión Europea coa referencia ao FSE e a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualdade, para os efectos de acreditar o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 21.3 e 4 desta resolución.

3.2. Documentación específica para o programa de fomento da conciliación e para o programa de prevención da violencia de xénero:

3.2.a) Anexo VIII: certificación do gasto subvencionable.

No programa de fomento da conciliación e programa de prevención da violencia de xénero, na certificación do gasto subvencionable reflectiranse, respecto de cada un/unha dos/as profesionais e segundo o tipo de relación ou vinculación coa entidade, os custos reais correspondentes aos gastos directos de persoal polo tempo efectivamente traballado para a execución da actividade subvencionada.

Os gastos directos de persoal subvencionables a custo real (nóminas, facturas...) xerados entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018 deberán estar efectivamente pagados na data de finalización do prazo de xustificación da subvención, o 11 de outubro de 2018.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

3.2.b) Anexo IX: se for o caso, certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da normativa de contratación do sector público vixente na tramitación do procedemento de contratación de persoal para a prestación do servizo.

Para efectos de facilitar o labor de auditoría, a dita certificación deberá vir acompañada dunha copia compulsada do expediente de contratación, incluídas, se for o caso, as tres ofertas segundo o indicado no artigo 9.6 desta resolución.

3.2.c) Para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal terá que presentarse copia orixinal dos seguintes documentos:

Respecto do persoal propio da entidade beneficiaria:

– Contrato de traballo ou xustificación da excepcionalidade prevista no último parágrafo do artigo 9.1.a) desta resolución.

– Informe da vida laboral que reflicta a situación de alta en período en que se desenvolveu a actividade subvencionada.

– Orixinais das nóminas e dos recibos de liquidación de cotizacións, así como os modelos TC-2 e documentos bancarios que acrediten a súa realización.

– Modelo 190 de resumo anual, retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a medida ou actividade subvencionada, unha vez que se dispoña deles, segundo o indicado no último parágrafo da letra a) do punto 3.2 deste artigo, e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.

No caso de contratación mercantil:

– Facturas ou documentos con valor probatorio equivalente polo importe correspondente ao persoal contratado, coa excepción prevista no segundo parágrafo do artigo 9.1.a), en caso en que se deberá achegar, xunto coa factura, a certificación da desagregación do gasto nos termos indicados no dito artigo, así como os correspondentes xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento. No xustificante bancario deberá constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura.

Os documentos xustificativos dos gastos directos de persoal (nóminas, facturas ou documentos equivalentes e os recibos de liquidación da cotización á Seguridade Social) presentaranse en orixinal para a súa conformidade e para seren selados pola Secretaría Xeral da Igualdade cun selo que indicará o procedemento para o cal se presentan e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, con indicación, neste último caso, da contía exacta que resulte afectada.

3.2.d) Anexo X: memoria xustificativa da medida subvencionada, con descrición detallada de cada unha das actuacións e actividades desenvolvidas, incluída a tipoloxía dos gastos directos realizados, así como os resultados obtidos, con indicación do número de persoas participantes desagregadas por sexo, así como da publicidade e divulgación que se realizou. A memoria deberá estar asinada pola persoa representante da entidade.

Deberá presentarse un anexo (memoria) por cada actuación ou actividade singularizada realizada no marco da medida subvencionada.

3.2.e) Folla individualizada de asistencia do persoal que desenvolve a actividade asinado por este e pola responsable da entidade beneficiaria que coordina ou xestiona a actividade, segundo o modelo que aparece publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

3.2.f) Unha relación numerada das persoas participantes, das que consten os datos dos indicadores de produtividade e de resultado inmediato na aplicación Participa 1420 e das que teñan debidamente cuberta a ficha individualizada de seguimento prevista no artigo 21.5 desta resolución, acreditativa da atención recibida. A dita relación deberá estar asinada pola persoa responsable do programa.

No programa de fomento da conciliación e no de prevención da violencia de xénero, para o caso de que as persoas participantes sexan menores, a dita relación referirase aos proxenitores, preferentemente nai, pai ou ben da persoa que exerza a tutela, das que consten os datos dos indicadores de produtividade e de resultado inmediato na aplicación Participa 1420 e das que teñan debidamente cuberta a ficha individualizada de seguimento prevista no artigo 21.5 desta resolución. No caso do programa de conciliación, na dita relación deberá facerse constar o tramo de ingresos da unidade familiar. Esta relación será única para todas as actuacións e actividades da medida subvencionada, con independencia de que os fillos ou fillas participasen nunha ou varias das actuacións ou actividades.

No caso de que a actuación se realizase con menores, ademais da relación anterior, terá que presentarse a seguinte documentación:

– Unha relación das nenas e nenos inscritas/os en cada actividade, asinada pola nai, pai ou persoa que teña a tutela, en que conste o nivel de ingresos da unidade familiar.

– Os partes de asistencia á actividade de conciliación, asinados pola persoa monitora e conformados pola responsable da entidade beneficiaria que coordina ou xestiona a actividade. Estes partes deberán ter carácter mensual.

Deben utilizarse os modelos que aparecen publicados na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

3.2.g) Para o caso de actividades complementarias que se poden desenvolver ao abeiro do programa de prevención da violencia de xénero, será suficiente unha certificación da persoa responsable en que conste o número de persoas asistentes, desagregadas por sexo.

3.3. Documentación específica para o programa de apoio aos CIM:

3.3.a) Anexo XI: certificación do gasto subvencionable.

Neste programa, na certificación do gasto subvencionable farase constar, respecto de cada un dos/as profesionais do CIM e segundo o tipo de relación ou vinculación coa entidade beneficiaria, o número de horas efectivamente traballadas dedicadas á realización de tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade polo custo unitario que corresponda segundo o indicado no punto 5 do artigo 8 desta resolución.

3.3.b) Para xustificar o gasto subvencionable segundo hora efectivamente traballada dedicada á realización de tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, deberase presentar, no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade, copia da seguinte documentación:

– Follas mensuais das horas efectivamente traballadas dedicadas á realización de tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, asinadas pola persoa traballadora e pola responsable da entidade.

– Resumo onde conste o número total de horas efectivamente traballadas dedicadas á realización de tarefas directamente vinculadas coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, no período subvencionable, segundo o previsto no artigo 8.4 desta resolución.

3.3.c) Certificación do número total de mulleres en situación de vulnerabilidade atendidas no período subvencionable das cales consten os datos dos indicadores de produtividade e de resultado inmediato na aplicación Participa 1420 e das que teñan debidamente cuberta a ficha individualizada de seguimento prevista no artigo 21.5 desta resolución, xunto coa relación das mulleres atendidas acreditativa da atención recibida asinada pola persoa responsable do programa.

4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa, a documentación prevista nas letras e) e f) do número 3.2, e nas letras b) e c) do número 3.3, deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos dispoñibles na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, as fichas de seguimento individualizado previstas no artigo 21.5 desta convocatoria deberán axustarse aos modelos que figuran na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle que, de non facelo, logo de resolución, se revogará a subvención concedida e, de ser o caso, deberá reintegrar a contía percibida en concepto de anticipo e os xuros de demora.

Artigo 20. Pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 75 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución. No programa de apoio aos CIM, a contía do anticipo non poderá ser superior ao importe da subvención imputada ao exercicio 2018; se for o caso, o importe do anticipo reducirase ata o dito límite.

O 25 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos para cada un dos programas nos artigos 6.7, 7.6 e 8.7 desta resolución e nos demais supostos previstos no artigo 23 e na normativa de aplicación relacionada no artigo 25.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización do programa, actuacións e actividades que fundamentan a concesión da subvención dentro do período e dos prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Manter unha pista de auditoría suficiente; deberanse manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida, así como os custos directos de persoal, no caso do programa de fomento da conciliación e do programa de prevención da violencia de xénero, e conservar toda a documentación relativa á subvención e ás persoas participantes ou usuarias durante, polo menos, un período de tres anos, que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación ante a Comisión Europea. O comezo deste prazo será oportunamente comunicada pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no anexo XII do Regulamento (UE) número 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

En todo caso, os espazos de atención ás usuarias ou participantes, así como as comunicacións, contarán co emblema da Unión Europea e coa referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade está dispoñible a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

4. Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral da Igualdade) e polo FSE, así como dos obxectivos dos fondos. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e documentos que se utilicen ou entreguen ás usuarias e persoas participantes (exemplo: partes de asistencia/participación, relacións e follas de seguimento, enquisas de avaliación ou certificados de asistencia...).

5. Adecuar a metodoloxía de recollida e proceso de datos de seguimento e de acreditación da realización da actividade de persoas beneficiarias as fórmulas, requiridas a través da aplicación Participa 1420, para o que deberán realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través dos indicadores de produtividade e resultado enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) número 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Neste sentido, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os datos dos indicadores de produtividade relativos ás entidades e ás persoas participantes referiranse ao momento inmediatamente anterior á súa participación na medida ou programa dentro do período subvencionable, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse á situación dentro das catro semanas seguintes á finalización da súa participación nese período.

Así mesmo, a Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice a medida subvencionada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, facilitarase ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa 1420.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de produtividade e de resultado das persoas participantes na aplicación Participa 1420.

No programa de fomento da conciliación e no de prevención da violencia de xénero, para o caso de que as persoas participantes sexan menores, rexistraranse os datos do perfil e dos indicadores dun dos proxenitores, preferentemente a nai, pai ou ben da persoa que exerza a tutela.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento cos indicadores de produtividade e de resultado inmediato de cada unha das persoas participantes ou, de ser o caso, dun dos proxenitores, asinada pola participante e pola persoa responsable do programa, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

No programa de apoio aos CIM, tamén deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento da actuación recibida de cada unha das persoas participantes en situación de vulnerabilidade con atención individualizada e continuada onde conste un mínimo de tres intervencións, nos termos indicados no artigo 8.3, asinada pola participante e pola responsable do programa, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

As ditas fichas individualizadas de seguimento cos indicadores de produtividade e de resultado inmediato, así como as referidas a atención recibida cun mínimo de intervencións, non teñen que presentarse na fase de xustificación da axuda concedida, pero deben conservarse e estar á disposición para efectos de actuacións de comprobación e control.

Para os efectos desta convocatoria, non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non consten os datos dos indicadores de produtividade e de resultado inmediato na aplicación Participa 1420 e das que non teñan debidamente cuberta a ficha individualizada de seguimento.

6. Cumprir coa normativa de protección de datos de carácter persoal, en concreto, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. Os datos de carácter persoal das persoas usuarias ou participantes nas actuacións subvencionadas incorporaranse ao ficheiro de datos de carácter persoal da Secretaría Xeral da Igualdade, a que se refire o artigo 27 desta resolución. En todo caso, deberá constar necesariamente a autorización expresa da persoa interesada para o tratamento e incorporación dos seus datos de carácter persoal. A entidade beneficiaria da axuda será a responsable de recadar e custodiar a dita documentación.

7. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

8. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) número 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

Artigo 22. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención serán responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria; a actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 23. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Polo anterior, ademais do disposto na normativa xeral de aplicación a estas axudas, procederá a minoración da subvención concedida ou a perda do dereito ao seu cobramento e, de ser o caso, ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, nos supostos establecidos nos artigos 6.7, 7.6 e 8.7 respecto ao correspondente programa dos previstos nesta convocatoria.

3. Procederá a minoración da subvención concedida ou, de ser o caso, o reintegro do 10 % sobre a contía total da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

4. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida ou, de ser o caso, o reintegro do 100 % da contía total da axuda percibida, máis os xuros de demora correspondentes, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

5. Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 21, números 2, 3 e 4 desta resolución.

6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 24. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e a aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) número 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) número 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) número 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) número 1081/2006, do Consello; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020, en particular, a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 (BOE núm. 307, do 21 de decembro).

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 26. Información ás entidades interesadas

Sobre os procedementos administrativos asociados a esta convocatoria, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada, ou da Secretaría Xeral da Igualdade http://igualdade.xunta.gal; nos teléfonos 981 54 53 12 (conciliación), 981 54 73 97 (prevención da violencia de xénero), 981 54 53 69 (apoio aos CIM); no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal ou presencialmente.

Artigo 27. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos, cuxo tratamento e publicación, nos casos en que así o prevé a norma reguladora, autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar os presentes procedementos, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Igualdade mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo: igualdade@xunta.gal.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, o seguimento, o control, a coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Disposición adicional única. Mulleres en situación de vulnerabilidade

Para os efectos desta convocatoria, terán a consideración de mulleres en situación de vulnerabilidade aquelas en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

– Vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica.

– Vítimas de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

– Inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas.

– Pertencentes a unha minoría étnica.

– Dependentes do consumo de substancias tóxicas ou en procesos de rehabilitación.

– Perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares.

– Reclusas ou ex-reclusas.

– Procedentes de institucións de protección ou reeducación de menores.

– Transexuais ou con conflitos de identidade de sexo.

– Con diversidade funcional ou enfermidade mental.

– Con responsabilidades familiares non compartidas.

– Procedentes de núcleos familiares con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

– Embarazadas ou lactantes sen apoio familiar.

– Sen fogar ou que habitan nunha infravivenda, ou afectadas por un proceso de desafiuzamento.

– Maiores ou viúvas.

– Sen titulación ou con baixa cualificación.

– Desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos.

– Inactivas ou desempregadas de longa duración.

– Con residencia en concellos rurais de zonas pouco poboadas de baixa densidade (ZPP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, que poden consultarse na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Calquera outra situación non prevista expresamente que implique factores de risco ou vulnerabilidade no ámbito familiar, social ou laboral, sempre que sexa ponderada e aceptada polos servizos sociais da entidade local.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral de Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file