Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2018 Páx. 5550

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 5/2018, do 18 de xaneiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Mellora da seguridade viaria na OU-105-Seixalbo, de clave OU/16/247.06, no concello de Ourense.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 31 de xullo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia nú. 144 o Anuncio do 19 de xullo de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública, en materia de expropiacións, a relación de bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto de construción Mellora da seguridade viaria na OU-105-Seixalbo, de clave OU/16/247.06.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións e certificados e procedeuse á súa valoración.

Terceiro. Despois da análise das alegacións e certificados presentados, o 15 de decembro de 2017 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción Mellora da seguridade viaria na OU-105-Seixalbo, de clave OU/16/247.06.

Este proxecto ten por obxecto realizar as actuacións necesarias de mellora da seguridade viaria na estrada OU-105, no concello de Ourense, na zona de Seixalbo, mediante a reordención da sección transversal, para unha optimización da circulación de peóns, bicicletas e tráfico rodado.

A competencia para a execución da expropiación forzosa no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xaneiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción Mellora da seguridade viaria na OU-105-Seixalbo, de clave OU/16/247.06.

Santiago de Compostela, dezaoito de xaneiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda