Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2018 Páx. 6003

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, como monumento, a casa da Rega, sita no número 13 da avenida da Coruña no termo municipal de Betanzos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro, do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.1 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, establecese que os bens do patrimonio cultural poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados e a seguir, no parágrafo 3, define os bens catalogados como aqueles bens e manifestacións inmateriais non declarados de interese cultural que, polo seu notable valor cultural, sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo o artigo 87 da mencionada lei, os bens que integran o patrimonio arquitectónico son os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás cales se recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela. Ademais, o artigo 88.1.e) establece que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico para a súa inclusión dentro dos bens que integran o patrimonio arquitectónico naqueles edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos. Para a consideración do seu valor cultural, os inmobles deben evidenciar, total ou parcialmente, os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial ou construtiva, a súa singularidade estética ou a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa.

O 2 de novembro de 2009, a propietaria deste inmoble solicitou á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC) incluír a casa número 13 da avenida da Coruña do concello de Betanzos, no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, de conformidade co disposto na extinta Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia. Acompañaba esta solicitude dunha memoria xustificativa que incluía unha serie de datos descritivos e de localización do ben, planos de situación, copia de varios planos do proxecto de construción da vivenda, planos do estado actual, fotografías do ben e do seu contorno, unha copia da ficha catastral e unha copia da nota simple do Rexistro da Propiedade do predio. O 18 de maio de 2010, a propietaria presentou un recurso de alzada contra a desestimación presunta por silencio administrativo da solicitude anterior, que foi estimado o 24 de xuño do mesmo ano.

Por tanto, en virtude do manifestado é a vista da memoria descritiva elaborada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, na cal se manifesta o notable valor cultural e significación no conxunto do patrimonio cultural de Galicia, e da documentación técnica achegada pola propiedade, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o inmoble denominado casa da Rega, sita no número 13 da avenida da Coruña no concello de Betanzos (A Coruña), segundo a descrición do ben que consta no anexo I e coa delimitación e réxime de protección dos anexos

Segundo. Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar de forma provisional o réxime de protección previsto para os bens catalogados en tanto se tramita o expediente, que deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Despois de transcorrer ese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e abrir un período de información pública por un prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela), ou no servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2, 15071), despois da correspondente petición da cita.

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Betanzos, así como aos departamentos con competencias no ámbito afectado.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición

1. Denominación: casa da Rega.

2. Localización: esta edificación érguese no número 13 da avenida da Coruña na vila de Betanzos nun predio con referencia catastral 3625611NH6932N e coordenadas xeográficas UTM/ETRS 89 e fuso 29): 563636, 4792495.

3. Descrición: a casa da Rega sitúase na beira oeste do río Mendo, que delimita o conxunto histórico de Betanzos. Ocupa unha parcela de máis de 2.600 m2 onde se erguen varios inmobles. Deste xeito, na esquina nordés da parcela hai unha pequena construción, destinada orixinalmente a corte, que foi parcialmente expropiada e demolida, xunto coa totalidade do muro de peche norte. Na parte central da parcela hai outra edificación auxiliar de planta baixa, con soportal, destinada a actividades agropecuarias. Na actualidade, a parcela atópase axardinada e acolle diversas árbores, algunha das cales (situadas ao leste da vivenda) foi plantada no momento de construción da vivenda.

O edificio principal da vivenda componse de planta semisoto, baixa, alta e baixo cuberta con forma rectangular e cuberta resolta con faldróns a catro augas. Como elemento singular destaca a torre miradoiro, situada na esquina nordés, resolta con catro faldróns a catro augas. Na fachada sur sitúase unha ampla galería que prolonga a cuberta principal do edificio. O acceso á vivenda realízase polo centro da fachada leste, a través dunha escaleira de dous tramos simétricos que salvan o desnivel entre a cota do terreo e a da planta baixa.

O sistema estrutural do edificio principal da vivenda resólvese cunha dobre coxía comprendida entre os muros perimetrais de cachotaría de pedra e unha fieira lonxitudinal de catro piares de formigón nos cales se apoia a estrutura horizontal dos pisos, a escaleira e a cuberta inclinada, todas elas de madeira.

A planta semisoto acolle un gran espazo de almacén e un garaxe que ocupa o volume correspondente da planta baixa. Accédese a este andar pola parte central da fachada leste e presenta unha distribución moi sinxela, cun corredor central lonxitudinal ao cal se abren as estancias, todas elas iluminadas e ventiladas polos ocos das fachadas, incluída a escaleira aberta, situada na parte central da fachada sur, que leva ás plantas superiores. A cociña, situada na esquina noroeste, contén a escaleira que comunica coa planta semisoto.

A planta posúe unha disposición moi semellante á da planta baixa, cun corredor central lonxitudinal ao cal abren todas as estancias. O elemento máis singular é a galería situada na fachada sur e os balcóns dos ocos da estancia situada na esquina nordés.

O acceso á planta baixo cuberta efectúase por unha porta colocada no último banzo da escaleira e dá paso a un espazo diáfano situado debaixo da cuberta do edificio que se usa como rocho. Na esquina nordés sitúase o característico miradoiro da torre.

A composición das fachadas é claramente asimétrica, non só polo feito de colocar a torre miradoiro na esquina, senón tamén porque a disposición dos ocos non garda as regras da simetría. Asemade, poden distinguirse varias «ordes» compositivas diferentes, separadas por impostas decorativas que bordean as fachadas do edificio e corresponde cada unha delas a cada planta do edificio.

A base do edificio carece de ornamentación e unicamente se abren os ocos do garaxe (porta e fiestra de ventilación). O elemento máis significativo é a escaleira de acceso principal á vivenda, constituída por dous tramos simétricos de 10 pasos, protexida por unha varanda formada por balaústres, que conducen ao relanzo ao cal abre a porta da vivenda e baixo o cal se localiza unha porta para acceder ao espazo baixo da escaleira.

Os ocos correspondentes á planta baixa, tanto as portas coma as ventás, responden a un tipo compositivo singular, xa que todos eles teñen as esquinas superiores rematadas cun «achafranado» en arco: arco deprimido cóncavo (mestura entre arco plano e carpanel). Os ocos están realzados por unha moldura perimetral construída con cemento.

Poden distinguirse dous tipos de carpintaría de madeira pintada nas ventás (colocadas na cara interior), as máis pequenas teñen dúas follas batentes e un pano superior fixo, mentres que as ventás de maior dimensión teñen, ademais, dous montantes con decoración vexetal e dous panos fixos que enmarcan as follas abatibles.

A porta de entrada é de dúas follas batentes con entrepanos de madeira pintada, sen vidros, mentres que a de acceso ao garaxe, tamén de dúas follas de madeira pintada, ten un singular pano fixo na parte superior, formado por vidros ovalados de dous tipos.

En tres das fachadas da planta baixa (todas agás a sur) realizáronse «acanaladuras» horizontais nos paramentos, que quedan comprendidas entre as respectivas impostas decorativas. Outras canaladuras tamén marcan as doelas dos arcos alintelados dos ocos nas mesmas fachadas.

Os ocos do primeiro andar teñen unhas características totalmente distintas dos anteriores. Agás os dous da torre, que son «portas de aire» para acceder aos balcóns e evidentemente á galería da fachada sur, todos eles son de igual dimensión, de forma rectangular e profusamente decorados en todo o seu perímetro, con pilastras nas xambas rematadas cun florón, con molduras nos antepeitos e con falsos frisos nos linteis, todo isto construído con cemento. Os ocos da torre resólvense dun xeito similar, pero aos elementos descritos engádeselles un falso telladiño, ao modo de frontón clásico.

Todas as carpintarías destas ventás son de dúas follas batentes de madeira pintada, colocadas na cara interior. A galería, formada por oito ventás de guillotina de madeira pintada, ten unha feitura similar á de calquera edificio da arquitectura tradicional.

Por último, a torre miradoiro remátase coas respectivas loggias formadas por piares e pilastras (con bases e capiteis) nos cales descargan os tres arcos de medio punto. Descansan nunha imposta asentada sobre canzorros. A carpintaría sitúase detrás estes elementos e está formada por ventás de dúas follas batentes de madeira pintada e un pano fixo na parte superior de forma semicircular con vidros de cor verde.

As ventás e os balcóns das fachadas norte, oeste e leste contan con varandas de forxa que representan formas vexetais rematadas cun listón de madeira, mentres que as ventás da fachada sur teñen unhas pequenas varandas formadas por balaústres construídos con cemento e pintados. Outra singularidade da fachada sur é a ausencia de molduras perimetrais nos ocos da planta baixa e a falta de canaladuras no paramento cego da planta baixa.

Os muros exteriores da casa teñen un revestimento lucido, os elementos ornamentais (impostas, pilastras, frisos, molduras, etc.) están construídos con cemento e os arcos foron executados con tixolos cerámicos. Neste momento, os muros están pintados dunha cor amarela clara e os elementos ornamentais son de cor branca. A carpintaría exterior é toda de cor marrón, agás a da galería e a das contraventás, que están pintadas de cor branca.

A cuberta do edificio –tanto do corpo principal como da torre– apóiase nunha estrutura ou armazón de madeira e remátase con tella cerámica plana. Os beirís, apoiados en pontóns de madeira, voan amplamente sobre a cornixa moldurada que percorre a fachada. Os canlóns perimetrais recollen as augas e diríxenas ás baixantes colocadas nas esquinas da casa. Na cuberta tamén se observa unha cheminea de evacuación dos gases da cociña e varios ocos pequenos de iluminación do faiado, integrados nos planos dos faldróns.

A cumieira da torre remata cun elemento singular decorativo metálico formado por dous pináculos e tres elementos ornamentais similares formados por círculos e cruces de Santo André. Os pisos son de táboas de madeira e a escaleira principal interior resólvese toda ela en madeira, incluíndo os chanzos e as varandas de balaústres. O pavimento dos aseos e da cociña é de baldosas hidráulicas coloreadas (este material tamén se usa no espazo exterior que rodea a escaleira de acceso) e as súas paredes están parcialmente recubertas de pezas cerámicas. A carpintaría interior é de madeira pintada e con variados elementos decorativos, composta por portas de entrepanos con vidros nos panos fixos superiores. A madeira tamén recobre parte das paredes interiores da vivenda, especialmente o recibidor, o salón e parte da escaleira.

Polo tanto, a casa da Rega é un dos inmoble máis relevantes e característicos do territorio situado ao oeste da cidade medieval de Betanzos e, ademais, é testemuña da historia de principios do século XX da cidade e exemplo representativo tanto da arquitectura de indianos como da arquitectura ecléctica galega. O inmoble evidencia totalmente os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico, o eclecticismo academicista, e pode considerarse o seu proxecto representativo da denominada arquitectura de autor de indianos, da cal constan poucos exemplos en Galicia. A calidade do proxecto está avalada polo feito de que o seu autor, Leoncio Bescansa, é un dos arquitectos máis recoñecidos das primeiras décadas do século XX en Galicia, e a casa da Rega pertence á época en que construíu as súas obras máis representativas. A singularidade da súa construción, tanto polo lugar en que se asentou como pola volumetría e estilo elixidos, destaca aínda máis hoxe dentro dun ámbito deturpado por moitas construcións descontextualizadas.

4. Estado de conservación.

A pesar de se tratar dunha edificación de case un século de antigüidade, o estado de conservación é moi bo, e non se detectan patoloxías aparentes nin problemas de conservación salientables. Por tanto, cómpre louvar a propiedade pola adecuada conservación e mantemento que permitiu que este ben chegase en tan boas condicións ata os nosos días.

5. Uso.

O uso orixinal e actual corresponde ao de vivenda unifamiliar, emprego para o cal se proxectou o edificio e que se mantén na actualidade, como o máis axeitado. Porén, no caso de que se propoña mudar este uso, o novo uso proposto deberá ser compatible co mantemento de todos os elementos característicos da vivenda e adaptarse ás súas características. No momento oportuno, se é o caso, valorarase a proposta dun novo uso, sen que se considere oportuno prohibir ningún a priori.

6. Réxime de protección.

A incoación do procedemento para incluír este ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime común de protección de bens de interese cultural e catalogados, segundo os capítulos II e III, artigos 36 a 44 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

Este réxime implica que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 LPCG). Entre outras consideracións, o réxime implica:

– Obriga de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

– Utilización: a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitir o acceso aos ditos bens tanto ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X como persoal investigador acreditado pola Administración competente despois de formularen unha solicitude motivada de investigación. O cumprimento desta obriga poderá ser dispensado ou condicionado no seu exercicio pola Administración cando existan causas que o xustifiquen de acordo coa protección do ben, as características deste ou os dereitos das súa persoas titulares coma ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios na tramitación dos procedementos de declaración de interese cultural ou de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, que poderá solicitar o exame destes para comprobar o grao de cumprimento das obrigas derivadas desta lei.

– Obriga de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens declarados de interese cultural ou catalogados están obrigadas a comunicar á consellaría competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou perda que sufran e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

6. Fotografías.

missing image file

missing image file

missing image file

Anexo II
Delimitación literal e gráfica

1. Liña delimitadora.

A delimitación do ben axústase á parcela física en que se sitúa, que coincide coa parcela con número de referencia catastral 3625611NH6932N. A superficie do ben delimitado é de 2.605 m2. Cómpre indicar que para xustificar o trazado da delimitación do contorno de protección tívose en conta a referencia aos límites físicos (ríos e canles), ás vías e infraestruturas públicas (rúas e vía do ferrocarril) e aos ámbitos do planeamento vixente, axustándose principalmente á cartografía catastral.

O contorno de protección da casa da Rega axústase á ribeira do río Mendo polo leste; polo norte á vía do ferrocarril, incluíndo todas as parcelas con fronte á avenida da Coruña; polo oeste abrangue as parcelas do barrio da Madalena con fronte a esta avenida, e polo sur, considerouse oportuno axustarse á bolsa de solo rústico apto para urbanizar SAUR1, que delimitaron as vixentes NSP de Betanzos. A superficie delimitada deste contorno de protección é de 165.412 m2.

2. Delimitación gráfica.

missing image file