Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2018 Páx. 6102

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de tesoureiro/a do Concello de Ourense, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional.

Mediante decreto da concelleira delegada de Recursos Humanos do 19 de xaneiro de 2018, o Concello de Ourense levou a cabo a aprobación da convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de tesoureiro/a, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, así como as súas bases. Tras a tramitación do oportuno expediente ao abeiro do disposto no artigo 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e o artigo 37 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, remitíronse á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no DOG e posterior remisión ao Ministerio de Facenda e Función Pública, para os efectos da súa publicación no BOE.

O xefe do servizo de Réxime Xurídico e Xestión de Funcionarios con Habilitación Nacional, tendo en conta a normativa aplicable (Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, en virtude do mandato recollido na disposición transitoria VII da Lei 27/2013, do 27 de decembro, así como polo Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios/as con habilitación de carácter nacional), tras o exame da solicitude emitiu o correspondente informe proposta que conta co visto e prace da subdirectora de Réxime Xurídico Local, favorable á publicación da convocatoria solicitada.

Con base no informe proposta sinalado e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e o artigo 1.6 da Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias (DOG núm. 92, do 15 de maio)

RESOLVO:

Primeiro. Dar publicidade á convocatoria e as bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de tesoureiro/a, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional co seguinte extracto:

Corporación: Concello de Ourense.

Posto: tesoureiro/a.

Subescala: intervención-tesouraría.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 35.442,44 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Segundo. Publicar esta resolución no DOG e remitila á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública para os efectos da súa publicación no BOE.

Terceiro. A presente resolución, que pon fin a vía administrativa, poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá tamén, potestativamente, interpoñerse recurso de reposición perante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde a mesma data, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2018

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Primeiro. Obxecto

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, previsto nos artigos 88 e 92 da Lei de emprego público de Galicia, o posto de tesoureiro/a, configurado na relación de postos de traballo como de especial responsabilidade ou cualificación profesional.

Segundo. Características do posto

Corporación local: Concello de Ourense.

Número de posto: 2.

Denominación do posto: tesoureiro/a.

Subescala: intervención-tesouraría.

Nivel complemento de destino: 30.

Complemento específico anual: 35.442,44 euros.

Forma de provisión: libre designación.

Observacións: ningunha.

Funcións:

Asume a responsabilidade, decisión, dirección, execución, coordinación e control do traballo das distintas unidades administrativas ou técnicas integradas no seu servizo.

Manexo e custodia de fondos e valores.

Dirección financeira do concello.

Elaboración dun orzamento de Tesouraría.

Pagamento de obrigacións do concello.

Cantas outras teña atribuídas ou se lle atribúan pola lexislación vixente en cada momento.

Aqueloutras non especificadas que sexan inherentes ao posto.

Terceiro. Requisitos dos aspirantes

O posto de traballo que se convoca poderá ser solicitado polo persoal funcionario de carreira habilitado nacional, grupo de clasificación A; subgrupo A1 subescala intervención-tesouraría. Categoría: entrada/superior.

Cuarto. Solicitudes

As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse ao alcalde-presidente do Concello de Ourense, debendo presentarse no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOE.

As instancias poderán presentarse por calquera dos medios previstos no artigo 13.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes deberán achegar á petición un currículo, no cal se incluirán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración e os estudos e cursos realizados.

Deberase xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos que se aleguen, non se terán en conta os méritos non xustificados.

Non será necesario achegar a documentación acreditativa dos méritos cando se trate de documentación que xa conste en poder do Concello de Ourense ou se trate de documentos emitidos por outras administracións públicas. Nestes casos, o concello obterá estes documentos por medios electrónicos, a través das plataformas de intermediación de datos coas administracións competentes ou mediante outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, sempre que non conste a oposición expresa do interesado.

Para estes efectos, teñen a consideración de documentos elaborados por outras administracións públicas, os seguintes:

a) Titulacións académicas.

b) Certificacións de cursos de formación promovidos por administracións públicas.

c) Certificación de servizos prestados noutras administracións públicas.

De conformidade co establecido no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPAC), presumirase que os solicitantes autorizan ao Concello de Ourense para que este consulte ou obteña os documentos elaborados por outras administracións públicas a que se refiren os puntos anteriores, agás que manifesten expresamente o contrario nas súas solicitudes. Neste caso, os interesados deberán achegar copia auténtica dos documentos correspondentes.

No caso de que o interesado pretenda achegar documentos xa entregados ante outras administracións públicas, deberá indicar na solicitude en que momento e ante que órgano administrativo presentou devanditos documentos, para os efectos de que o concello poida obtelos mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto. Presumirase que esta consulta é autorizada polo interesado, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa, suposto no que a documentación deberá ser achegada polo interesado.

Excepcionalmente, se o concello non puidese obter os documentos conforme o previsto nos puntos anteriores, poderá solicitar ao interesado a súa achega, outorgándolle un prazo de quince días naturais.

En todo caso, os datos e documentos obtidos utilizaranse exclusivamente para as finalidades deste procedemento selectivo. Os interesados poderán exercer en calquera momento os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento deste datos, conforme o establecido na lexislación de protección de datos.

Quinto. Nomeamento

En consideración á natureza do sistema de provisión o nomeamento será realizado discrecionalmente polo presidente da corporación, ou polo órgano que teña a competencia delegada. A resolución motivarase con referencia ao cumprimento por parte do candidato ou candidata elixido dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria, en atención aos méritos libremente achegados polos candidatos, a experiencia noutros postos de traballo de similares características e a súa idoneidade para o desempeño do posto; podendo declararse deserta a convocatoria, se así o considera oportuno.

Sexto. Forma e toma de posesión

O prazo para tomar posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou dun mes se comporta cambio de residencia.

Cando o adxudicatario do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles.