Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2018 Páx. 5875

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción do emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se convocan para o ano 2018. Programa pola contratación indefinida de persoas asalariadas.

BDNS (Identif.): 382564.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade e pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.

Segundo. Obxecto

Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar, para o ano 2018, os incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción do emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón trescentos cincuenta mil euros (1.350.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

a) As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data da publicación desta orde deberanse presentar no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

b) As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberanse solicitar ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola cal se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

c) O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2018, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2017

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria