Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2018 Páx. 6227

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 6/2018, do 11 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

O consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia foi creado mediante o convenio de colaboración asinado o 30 de xaneiro de 2001 entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. Antes da existencia dun marco lexislativo expreso que regulase, naquel momento, a garantía da calidade universitaria, bótase a andar o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia partindo das experiencias previas no campo da avaliación resultantes do Plan nacional de avaliación da calidade das universidades e froito da consciencia da necesidade de acadar a máxima calidade do ensino, da investigación, da xestión e dos servizos das universidades galegas.

A entrada en vigor da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, fixo necesaria a adaptación do Sistema universitario de Galicia ao Espazo Europeo de Educación Superior. Por outra banda, o ingreso do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, en novembro de 2009, como membro de pleno dereito da European Association for Quality Assurance in Higher Education estableceu un novo contexto de actuación e implicou a asunción de novas competencias, o que fixo imprescindible afrontar diversas reformas normativas. Entre estas reformas cabe destacar a atribución, a través da disposición adicional vixésimo sétima da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, das funcións de avaliación, certificación e acreditación previstas na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, ao Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia; a modificación dos estatutos do consorcio, mediante acordo do Consello de Dirección do 14 de xullo, que supuxo a formalización o 10 de decembro de 2008 dun novo convenio de colaboración modificativo do asinado o 30 de xaneiro de 2001; e a modificación do Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, por parte do Decreto 326/2009, do 11 de xuño.

A publicación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e máis recentemente a aprobación da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, deseñan un novo marco de actuación ao cal, novamente, debe adaptarse o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, tanto desde o plano estrutural como a nivel funcional e competencial. Así se indica expresamente na citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, na cal, mediante a disposición transitoria oitava, se establece o mandato de que, antes do prazo dun ano da entrada en vigor desta lei, o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia procederá a adaptar os seus estatutos ao disposto nela, así como ao resto da lexislación que lle sexa aplicable.

En relación co anterior, este decreto ten como finalidade aprobar os novos estatutos que rexerán o funcionamento do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ao abeiro da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, así como a súa adaptación ao establecido pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De conformidade co exposto, logo do acordo adoptado polo Consello de Dirección do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia na reunión do 20 de decembro de 2017, polo que se aproba a adaptación dos estatutos do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ao abeiro do establecido na disposición transitoria oitava da Lei 6/2013, do 13 de xuño, e na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xaneiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación dos estatutos do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

Ao abeiro do establecido na disposición transitoria oitava da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, apróbanse os estatutos do consorcio autonómico Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, coa redacción que figura no anexo deste decreto.

Disposición adicional primeira. Dos informes e avaliacións doutros órganos de avaliación externa

A equiparación de avaliacións, informes, certificacións, acreditacións e verificacións respecto de funcións que teña atribuídas o consorcio, emitidas por outros órganos de avaliación externa, requirirá a subscrición previa do correspondente convenio entre estes e a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional segunda. Continuidade de gasto

As actuacións dos órganos, comités e comisións colexiadas do consorcio non xerarán incremento nas consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de universidades.

O aboamento das asistencias pola concorrencia ás reunións dos órganos colexiados consultivos e de avaliación do consorcio, deberá axustarse aos termos establecidos polo Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogados os estatutos do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia contidos no anexo á Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, pola que se publicou o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, polo que se modifica o convenio do 30 de xaneiro de 2001 para a creación do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

2. Queda derrogado o Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

3. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xaneiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Estatutos do consorcio Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica e adscrición

1. O consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia é un consorcio autonómico, dotado de personalidade xurídica propia, e con plena capacidade e independencia respecto dos seus membros, para o cumprimento dos seus obxectivos.

2. O consorcio adscríbese organicamente á consellería que teña atribuídas as competencias en materia de universidades.

Artigo 2. Entidades que integran o consorcio

1. O consorcio está constituído coa participación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a consellería que ten atribuídas as competencias en materia de universidades e a consellería que ten atribuídas as competencias en materia de investigación, desenvolvemento e innovación, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

2. Poderase ampliar o número de membros do consorcio coa admisión de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que queiran colaborar coas finalidades do consorcio. O acordo de admisión de novos membros será adoptado polo Consello Reitor coa maioría prevista no artigo 30.4.

3. As achegas económicas destinadas ao mantemento do consorcio veñen establecidas no Plan galego de financiamento universitario e reflíctese anualmente no orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Sede

O consorcio terá a súa sede en Santiago de Compostela.

Artigo 4. Obxecto

A promoción e a garantía da calidade do Sistema universitario de Galicia (en diante SUG) constitúe a finalidade primordial do consorcio e asume para este efecto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a consecución dos obxectivos a que se refire o artigo 31.1 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (en diante LOU) e o artigo 69 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (en diante LSUG).

Artigo 5. Ámbito de actuación

O ámbito de actuación do consorcio comprende todas as universidades integradas no SUG, así como os centros que impartan en Galicia ensinanzas universitarias de acordo con sistemas educativos estranxeiros, nos termos previstos no artigo 86 da LOU.

Artigo 6. Colaboración

1. O consorcio poderá establecer mecanismos de cooperación e recoñecemento mutuo, de acordo cos criterios que sexan aprobados polo seu consello reitor, atendendo a criterios e directrices internacionais de calidade e dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, coas actuacións e programas de avaliación e calidade de carácter autonómico, estatal e internacional que se efectúen nesta materia.

Así mesmo, poderá coordinarse e intercambiar datos e información con outras axencias ou organismos de avaliación autonómicos, estatais e internacionais que teñan atribuídas competencias ou funcións no seu mesmo ámbito. Para estes efectos establecerá os acordos de colaboración que procedan, respectando os límites previstos na Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado.

2. O consorcio poderá propoñer actuacións e desenvolver programas encamiñados a impulsar a colaboración entre universidades, empresas, centros de investigación e outras institucións públicas ou privadas, sempre que estean relacionados coa promoción e a garantía da calidade universitaria.

Artigo 7. Funcións

1. O consorcio realizará, no ámbito da Comunidade Autónoma, as funcións que lle atribúe a LSUG, así como as funcións de emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación previstas na LOU.

2. Son funcións do consorcio, en particular:

a) A promoción en materia de calidade, a coordinación entre as universidades galegas e entre estas e outras institucións.

b) A emisión do informe previo á creación de universidades públicas e recoñecemento das universidades privadas a que se fai referencia no artigo 12 da LSUG.

c) A avaliación do plan de desenvolvemento de titulacións, para cada rama de coñecemento, para a creación ou recoñecemento dunha nova universidade no SUG a que se fai referencia no artigo 13.h) da LSUG.

d) A avaliación previa á adscrición ou desadscrición a unha universidade pública de centros docentes, de titularidade pública ou privada, a que se fai referencia no artigo 23.1 da LSUG.

e) A emisión das avaliacións e informes pertinentes para a implantación, seguimento, modificación e acreditación de títulos universitarios oficiais.

f) A avaliación dos centros que impartan ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros a que se fai referencia no artigo 32 da LSUG.

g) A avaliación, seguimento e certificación dos sistemas de garantía de calidade das universidades.

h) A avaliación quinquenal da actividade desenvolvida polos institutos universitarios de investigación do SUG a que se fai referencia no artigo 19.6 da LSUG.

i) A realización dos estudos e análises sobre a inserción laboral das persoas tituladas universitarias do SUG.

j) A avaliación, seguimento e certificación dos procedementos de avaliación da calidade docente do profesorado das universidades.

k) A avaliación, informe e acreditación sobre a actividade individual do profesorado, así como o deseño de políticas de calidade que impliquen a mellora da actividade docente e investigadora do profesorado.

l) A valoración positiva previa á asignación singular e individualizada de complementos retributivos ligados ao exercicio da actividade e da dedicación docente, investigadora, de transferencia de coñecemento ou de xestión, a que se fai referencia no artigo 94 da LSUG.

m) A realización de análises ou avaliacións das necesidades ou demandas de determinados sectores empresariais ou de produción, a cargo da entidade pública ou privada que solicite os seus servizos, sempre e cando as avaliacións solicitadas sexan de interese dentro dos obxectivos e o ámbito de actuación do consorcio.

n) A promoción da avaliación e da comparación de criterios de calidade no marco europeo e internacional.

ñ) A elaboración de informes e propostas en relación cos sistemas de educación superior doutros países.

o) O establecemento de vínculos de cooperación e colaboración con outras axencias estatais, autonómicas e internacionais que teñan atribuídas funcións de avaliación, acreditación e certificación.

p) A emisión dos informes que lle sexan solicitados polo Consello Galego de Universidades e polos consellos sociais das universidades do SUG integradas no consorcio.

q) A emisión de cantas avaliacións e informes estean previstos na normativa vixente en materia de universidades, centros, titulacións e persoal destas, así como cantos sexan requiridos pola consellería competente en materia de universidades.

r) O asesoramento á consellería con competencias en materia de universidades, ás universidades, aos axentes sociais e á sociedade en xeral, dentro do ámbito propio das súas funcións.

s) As tarefas que, dentro do ámbito das súas competencias, lle sexan encargadas polas consellerías competentes en materia de universidades e en materia de investigación, desenvolvemento e innovación e polas universidades.

3. Igualmente, o consorcio realizará calquera outra función dentro do ámbito da calidade universitaria que se lle atribúa pola normativa de aplicación.

Artigo 8. Información e confidencialidade

1. Para o exercicio das funcións que ten encomendadas, o consorcio poderá pedir ás universidades e ás consellerías que teñan atribuídas as competencias en materia de educación superior e en investigación, desenvolvemento e innovación, a información que sexa necesaria e ter acceso á documentación existente, sen prexuízo do réxime de protección dos datos de carácter persoal. Así mesmo, a base de datos do consorcio poderá ser consultada polas citadas institucións e por organismos externos ao consorcio, nos termos que o Consello Reitor acorde, de conformidade coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

2. No exercicio das funcións que teñen atribuídas por estes estatutos, os órganos do consorcio, as distintas comisións, comités, técnicos e, en xeral, calquera persoa que participe nas correspondentes avaliacións, deben preservar a confidencialidade dos datos e da información e documentación que utilicen, así como o resultado das avaliacións.

Artigo 9. Código ético

O Consello Reitor, por proposta do Consello Asesor, aprobará un código ético de actuación e adecuarase aos criterios e directrices internacionais de calidade.

Artigo 10. Programa de actividades

O consorcio actuará en execución do programa de actividades que aprobe o seu consello reitor. Os seus principios de actuación deberán adecuarse ao código ético.

Artigo 11. Memoria anual

O consorcio elaborará unha memoria anual das súas actividades que, unha vez aprobada polo consello reitor, se fará pública na súa páxina web.

CAPÍTULO II
Réxime orgánico

Artigo 12. Estrutura orgánica

1. A estrutura orgánica do consorcio componse de órganos de goberno e dirección, dun órgano de avaliación e dun órgano consultivo.

2. Os órganos de goberno e dirección son a presidencia, o Consello Reitor e a dirección.

3. A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (en diante CGIACA) como órgano superior de avaliación, e o Consello Asesor como órgano consultivo son órganos permanentes do consorcio.

Sección 1ª. Órganos de goberno e dirección

Artigo 13. A Presidencia

A persoa que ocupe a Presidencia do consorcio será nomeada e separada por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de universidades, escoitadas as reitoras ou reitores e as presidentas ou presidentes dos consellos sociais das universidades do SUG integradas no consorcio, de entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito universitario, por un período de catro anos prorrogables por períodos iguais de tempo.

Artigo 14. Funcións da Presidencia

A presidenta ou presidente do consorcio ten, ademais das funcións descritas no artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante Lofaxga) as funcións seguintes:

a) Velar pola consecución dos obxectivos do consorcio e polo cumprimento dos seus estatutos.

b) Supervisar as actividades do consorcio e elevar ao Consello Reitor a documentación e os informes que considere pertinentes.

c) Aqueloutras funcións que lle sexan encomendadas ou delegadas polo Consello Reitor, cando a súa natureza así o permita.

Artigo 15. Suplencia da Presidencia

No caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal, a presidenta ou presidente do consorcio será substituída/o polo membro do Consello Reitor, con dereito a voto, de maior idade.

Artigo 16. O Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano superior de goberno e dirección do consorcio. Funcionará en pleno ou nas comisións que constitúa.

2. Corresponden ao Consello Reitor as seguintes funcións:

a) O seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da dirección.

b) A aprobación, por proposta da Dirección, da programación anual de actividades do consorcio.

c) A aprobación, por proposta da Dirección, da memoria anual de actividades e de cantos informes se consideren necesarios sobre a xestión do consorcio, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

d) A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.

e) A aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A aprobación, por proposta do Consello Asesor, do código ético que establecerá os principios de actuación do consorcio.

g) A aprobación, por proposta da Dirección, do catálogo de medios e prestacións susceptibles de ser obxecto de cooperación, colaboración e asistencia no ámbito interno do sector público autonómico, a que se fai referencia no artigo 9 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

h) Acordar a realización dos convenios coas institucións e entidades públicas ou privadas que se consideren necesarios.

i) A aprobación e modificación do cadro de persoal, logo do cumprimento do disposto polo artigo 58 da Lofaxga.

j) Acordar as operacións de crédito e as operacións de tesouraría.

k) A aprobación da admisión de novos membros no consorcio e a proposta de modificación dos seus estatutos.

l) A elaboración e aprobación do seu regulamento de organización e funcionamento interno.

m) O acordo de disolución e de liquidación do consorcio.

n) As funcións atribuídas ao consorcio a que se fai referencia nos artigos 12, 13 e 23 da LSUG.

ñ) Exercer todo tipo de accións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e os intereses do consorcio.

o) Calquera outra función que lle sexa atribuída expresamente pola normativa que resulte aplicable.

En todo caso, as funcións non atribuídas expresamente aos restantes órganos do consorcio entenderanse atribuídas ao pleno do Consello Reitor.

Artigo 17. Composición do Consello Reitor

1. O Consello Reitor estará formado polos seguintes membros:

a) A presidenta ou presidente do consorcio, que tamén o será do Consello Reitor.

b) A persoa titular da consellería de adscrición do consorcio.

c) A persoa titular, dentro da consellería de adscrición do consorcio, da secretaría ou dirección xeral que teña atribuídas as competencias en materia de universidades.

d) A persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de investigación, desenvolvemento e innovación.

e) Un representante da consellería competente en materia de facenda.

f) As reitoras ou reitores das universidades do SUG integradas no consorcio.

g) As presidentas ou presidentes dos consellos sociais das universidades do SUG integradas no consorcio.

h) Dúas persoas propostas pola consellería de adscrición do consorcio de entre destacados membros da comunidade académica e científica.

i) Dúas persoas propostas pola persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de investigación, desenvolvemento e innovación de entre destacados membros da comunidade científica ou empresarial.

j) A presidenta ou presidente da CGIACA.

k) Dúas/dous estudantes do SUG dalgunha das universidades integradas no consorcio.

l) A directora ou director do consorcio.

m) A persoa que teña atribuídas as competencias sobre calidade de cada unha das universidades integradas no consorcio, que asistirá ás xuntanzas con voz e sen voto.

2. Aos membros do Consello Reitor resultaralle de aplicación o disposto no artigo 17 da Lofaxga.

3. Os membros do Consello Reitor que non o sexan por razón do seu cargo, serán nomeados pola persoa titular da consellería de adscrición do consorcio, por un período de catro anos prorrogables por períodos iguais de tempo.

4. A pertenza a este órgano non xerará dereitos laborais nin económicos.

Artigo 18. Secretaría do Consello Reitor

O Consello Reitor designará e nomeará unha secretaria ou secretario que desempeñará as funcións propias da secretaría dos órganos colexiados, así como as demais funcións que lle sexan encomendadas polo Consello Reitor. Cando se nomee entre os membros deste órgano asistirá ás xuntanzas cos dereitos que lle correspondan. Tamén poderá ser nomeado de entre algún dos empregados públicos do consorcio e, neste caso, asistirá ás xuntanzas con voz e sen voto.

Artigo 19. Sesións do Consello Reitor

O Consello Reitor reunirase:

a) En sesión ordinaria, cando menos, unha vez cada semestre.

b) En sesión extraordinaria, sempre que o convoque a súa presidenta ou presidente por iniciativa propia ou por instancia da metade dos membros que compoñen o Consello Reitor.

Artigo 20. Creación de comisións polo Consello Reitor

O Consello Reitor poderá constituír, mediante acordo, as comisións que considere oportunas para o desenvolvemento das tarefas que expresamente lle sexan asignadas polo pleno, cando a súa natureza así o permita.

Artigo 21. A Dirección

A persoa titular da Dirección do consorcio será nomeada e separada por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería de adscrición do consorcio, oído o Consello Reitor, e atendendo a criterios de competencia, profesionalidade e experiencia, no ámbito académico e científico, por un período de catro anos, prorrogables por períodos iguais de tempo.

Artigo 22. Funcións da Dirección

Á persoa titular da Dirección corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Executar e facer cumprir os acordos adoptados polo Consello Reitor.

b) Dirixir, organizar, xestionar e inspeccionar as actividades ordinarias do consorcio, de acordo coas directrices do Consello Reitor.

c) Presentar no Consello Reitor as propostas de organización e funcionamento das diversas actividades e programas que promova o consorcio.

d) Informar o Consello Reitor do desenvolvemento das actividades e programas do consorcio e exercer as funcións que lle sexan encargadas ou delegadas por este.

e) Elaborar e elevar a proposta do anteproxecto do orzamento anual e as súas modificacións, para os efectos do seu exame e, se procede, da súa aprobación polo Consello Reitor.

f) Desenvolver a xestión económica do consorcio, autorizar os gastos dentro dos límites fixados polo Consello Reitor e ordenar os pagamentos.

g) Exercer as competencias propias como órgano de contratación, cos límites marcados polo Consello Reitor.

h) Administrar o patrimonio do consorcio baixo as directrices do Consello Reitor.

i) Velar pola conservación e o mantemento das instalacións e do equipamento do consorcio.

j) Elaborar a proposta do cadro de persoal e exercer as funcións de dirección e xestión do persoal do consorcio.

k) Velar pola mellora e a calidade dos métodos de traballo e a introdución das innovacións tecnolóxicas.

l) Informar a Presidencia e o Consello Reitor de todo o necesario para o exercicio das súas funcións e formular as propostas que considere axeitadas para o bo funcionamento do consorcio.

m) Asumir, por delegación da persoa titular da Presidencia, a representación do Consello Reitor en relación coa formalización e notificación dos acordos, convenios e contratos adoptados ou realizados por este órgano.

n) Adoptar as resolucións relativas á inadmisión das solicitudes presentadas fóra de prazo; ao acordo de desistencia do solicitante; ao arquivamento do expediente por non achegar a documentación requirida para os efectos de emenda, de acordo co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e, con carácter xeral, a adopción das resolucións de expedientes por incumprimento de requisitos formais.

ñ) Calquera outra función que lle sexa expresamente encomendada ou delegada polo Consello Reitor cando a súa natureza así o permita.

Sección 2ª. Órganos consultivos e de avaliación

Artigo 23. A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación

1. A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (en diante CGIACA) é o órgano superior de avaliación do consorcio e exercerá con total independencia as funcións de emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación que teña atribuídas o consorcio, así como outras funcións análogas propias do ámbito da garantía da calidade universitaria, que lle poidan ser encomendadas polo Consello Reitor ou pola normativa que resulte de aplicación.

A CGIACA elaborará e aprobará os informes sobre os resultados das avaliacións efectuadas, dos cales dará conta ao Consello Reitor para a súa información.

2. A composición da CGIACA deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia e estará constituída polos seguintes membros:

a) A presidenta ou presidente, que será nomeada/o pola persoa titular da consellería de adscrición do consorcio, de entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito universitario de Galicia, por proposta do Consello Reitor. A Presidencia da CGIACA terá unha duración de catro anos prorrogables por períodos iguais de tempo.

b) Oito vogais elixidos polo Consello Reitor, nomeados pola presidenta ou presidente deste. Seis vogais serán nomeados de entre destacados membros da comunidade académica e científica nacional ou internacional, un será nomeado de entre destacados membros do ámbito profesional ou empresarial galego, con recoñecida experiencia e traxectoria en materia de avaliación universitaria, e outro será nomeado de entre o estudantado das universidades do SUG integrantes do consorcio.

c) A directora ou director do consorcio, con voz e sen voto.

3. Os vogais da CGIACA serán nomeados por un período de catro anos. En todo caso, cada dous anos procederase á renovación da metade dos vogais académicos.

Dentro dos catro meses anteriores á expiración dos nomeamentos, o Consello Reitor deberá nomear os novos vogais. Os vogais continuarán no exercicio das súas funcións ata que tomen posesión os que os sucedan.

No caso de cesamento ou vacante dalgún dos vogais da CGIACA, nomearase un novo vogal para que ocupe o posto polo tempo que reste para rematar o período.

Ningún vogal poderá ser proposto para outro período inmediato salvo que ocupase o cargo por un período non superior a dous anos.

4. Os membros da CGIACA, no exercicio das súas funcións, actuarán a título persoal e con plena independencia, garantindo en todo momento que non se produzan conflitos de intereses e sometidos á normativa vixente en materia de incompatibilidades.

Artigo 24. Secretaría da CGIACA

A CGIACA designará e nomeará unha secretaria ou secretario que desempeñará as funcións propias da secretaría dos órganos colexiados, así como as demais funcións que lle sexan encomendadas pola CGIACA. Cando se nomee entre os membros deste órgano, asistirá ás xuntanzas cos dereitos que lle correspondan. Tamén poderá ser nomeado de entre algún dos empregados públicos do consorcio e, neste caso, asistirá ás xuntanzas con voz e sen voto.

Artigo 25. Funcionamento da CGIACA

1. A CGIACA actuará con independencia e adoptará as decisións últimas respecto das funcións que teña atribuídas, das cales será a responsable final.

2. Na adopción dos acordos relativos á avaliación, acreditación ou informe individual do profesorado universitario só participarán os vogais membros da comunidade académica e científica.

3. Esta comisión aprobará o seu propio regulamento de funcionamento, así como os distintos procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación e acreditación que correspondan para o desempeño das funcións que teña atribuídas, de acordo co disposto nestes estatutos e na demais normativa que resulte de aplicación.

4. A CGIACA, para o auxilio no exercicio das súas funcións, poderá acordar a constitución de comités integrados por persoas asesoras expertas. A CGIACA determinará a composición destes comités o seu réxime de funcionamento e os requisitos e o procedemento de designación dos seus membros.

5. O regulamento de funcionamento da CGIACA, os distintos procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación e acreditación, e as normas reguladoras da composición, réxime de funcionamento, requisitos e procedemento de designación dos comités, deberán ser publicados na páxina web do consorcio.

Artigo 26. O Consello Asesor

1. O Consello Asesor é o órgano consultivo do consorcio e correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Informar, por petición da directora ou director, sobre os procedementos e actuacións que desenvolva o consorcio.

b) Emitir un informe, por petición da directora ou director, verbo das controversias que se produzan respecto do cumprimento das normas ou códigos éticos e de boas prácticas nos procedementos e actuacións que desenvolva o consorcio.

c) Analizar a metodoloxía e as estratexias de avaliación que se puideren aplicar, e propoñer medidas de mellora da calidade dos métodos de traballo e de introdución de innovacións tecnolóxicas.

d) Analizar o funcionamento do consorcio e emitir un informe anual para o Consello Reitor.

e) Manter as relacións de colaboración e cooperación que resulten procedentes para favorecer o intercambio de experiencias e o fluxo de información, cos comités que realicen funcións análogas dentro dos órganos de avaliación externa que existan ou se constitúan no ámbito estatal e internacional.

f) Recoller e analizar as suxestións, propostas e opinións que, respecto das funcións e actuación do consorcio, formulen as administracións públicas, os órganos de avaliación externa que existan no ámbito estatal e internacional, as universidades españolas e calquera outra institución pública ou privada vinculada co ámbito da garantía da calidade universitaria.

g) Elevar á Dirección do consorcio, para a súa consideración, propostas e suxestións para a mellora das súas actuacións.

h) Calquera outra función que lle sexa expresamente encargada pola directora ou director do consorcio cando a súa natureza así o permita.

2. O Consello Asesor terá a composición seguinte:

a) A presidenta ou presidente, que será nomeado pola persoa titular da consellería de adscrición do consorcio, de entre os vogais do Consello Asesor.

b) A directora ou director do consorcio, que asistirá ás xuntanzas con voz e sen voto.

c) Entre seis e dez membros, elixidos polo Consello Reitor e nomeados pola presidenta ou presidente deste, de entre personalidades de recoñecido prestixio do ámbito científico, académico e profesional, tanto nacional como internacional, de entre representantes do sector empresarial galego e de entre o estudantado das universidades do SUG integrantes do consorcio.

3. Os membros do Consello Asesor nomearanse por un período de catro anos prorrogables por períodos de igual tempo.

4. O Consello Asesor aprobará o seu propio regulamento de funcionamento.

Artigo 27. Secretaría do Consello Asesor

O Consello Asesor nomeará unha secretaria ou secretario que desempeñará as funcións propias da secretaría dos órganos colexiados, así como as demais funcións que se lle atribúan. Cando se nomee entre os membros deste órgano, asistirá ás xuntanzas cos dereitos que lle correspondan. Tamén poderá ser nomeado de entre algún dos empregados públicos do consorcio e, neste caso, asistirá ás xuntanzas con voz e sen voto.

Sección 3ª. Réxime de funcionamento dos órganos e comisións colexiadas

Artigo 28. Constitución do órgano para os efectos de celebración de sesións

Para a válida constitución do órgano para os efectos de celebración de sesións, requirirase a presenza da metade dos seus membros con dereito a voto. En todo caso, deberán estar presentes a súa presidenta ou presidente e a súa secretaria ou secretario, ou as persoas que os substitúan.

Artigo 29. Substitución e suplencia

1. Os membros dos órganos colexiados do consorcio que o sexan por razón do seu cargo, poderán ser substituídos, acreditándoo ante a secretaría do correspondente órgano consonte ao disposto no artigo 17.4 da Lofaxga.

2. No caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal análoga, a presidenta ou presidente da CGIACA e do Consello Asesor serán substituídos polo membro do respectivo órgano, con dereito a voto, de maior idade de entre os membros de maior antigüidade.

3. Os órganos colexiados do consorcio nomearán unha secretaria ou secretario suplente ou, na súa falta, establecerán o réxime de substitución deste para o caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal análoga da persoa titular. Cando se nomee entre os propios membros do órgano, asistirá ás xuntanzas cos dereitos que lle correspondan. Tamén poderá ser nomeado de entre algún dos empregados públicos do consorcio e, neste caso, asistirá ás xuntanzas con voz e sen voto.

Artigo 30. Adopción de acordos

1. Os acordos dos órganos e comisións colexiadas do consorcio serán adoptados polo voto da maioría dos membros presentes.

2. En caso de empate, este dirimirase co voto de calidade da presidenta ou presidente.

3. Non se poderán tomar acordos válidos respecto dos asuntos non incluídos na orde do día a menos que na xuntanza estean presentes todos os membros do órgano, o consintan expresamente e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

4. Os acordos relativos á admisión de novos membros no consorcio, á modificación dos seus estatutos e á disolución e liquidación do consorcio requirirán, para a súa válida adopción, o voto favorable das tres quintas partes dos membros con dereito a voto do Consello Reitor.

CAPÍTULO III
Réxime xurídico, económico e patrimonial

Artigo 31. Réxime xurídico do consorcio

1. O consorcio rexerase polo disposto nestes estatutos e nos regulamentos específicos dos seus órganos, polo establecido na LSUG, na Lofaxga, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante LRXSP), e pola demais normativa que resulte de aplicación.

2. Nas súas actividades de contratación administrativa rexerase pola normativa de dereito público.

Artigo 32. Réxime de impugnación dos actos

1. Os actos administrativos emitidos polo Consello Reitor, así como os actos administrativos emitidos pola presidenta ou presidente e directora ou director esgotarán a vía administrativa e contra eles poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, ou ser impugnados directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

2. Os actos administrativos emitidos pola CGIACA no exercicio das potestades que teña atribuídas, esgotarán a vía administrativa e contra eles poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ou ser impugnados directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Artigo 33. Prazos

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución expresa dos procedementos sometidos ao dereito administrativo competencia do consorcio será de seis meses.

Artigo 34. Medios persoais

1. Para dar cumprimento ás funcións atribuídas, e en virtude da singularidade delas o consorcio conta con persoal laboral propio.

2. O persoal do consorcio suxeitarase ao réxime previsto no artigo 58 da Lofaxga e a normativa da función pública en materia de xestión de persoal.

3. Ao persoal laboral do consorcio aplicaráselle o Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia e demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O consorcio poderá contar con persoal investigador, asesor, colaborador externo e bolseiro, de acordo coa normativa que para o efecto sexa de aplicación.

Artigo 35. Patrimonio

O réxime patrimonial do consorcio é o determinado polo artigo 61 da Lofaxga.

Artigo 36. Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e control

O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control do consorcio é o establecido polo artigo 99 da Lofaxga, así como polo artigo 122 da LRXSP.

Artigo 37. Disolución

O consorcio disolverase nos casos de imposibilidade legal ou material de cumprir os seus obxectivos, mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo de acordo do Consello Reitor do consorcio, co quorum sinalado no artigo 30.4 destes estatutos.

Artigo 38. Liquidación dos bens

1. O acordo de disolución determinará a correspondente liquidación dos bens e a reintegración das obras e instalacións achegadas polas entidades consorciadas, de acordo coas directrices establecidas polo artigo 127 da LRXSP.

2. A constitución da comisión liquidadora non debe implicar alteración no funcionamento dos órganos do consorcio.

Artigo 39. Separación dos membros do consorcio

1. A separación dalgún dos membros do consorcio realizarase de conformidade co disposto nos artigos 125 e 126 da LRXSP.

2. A separación dalgún dos membros do consorcio deberá realizarse cun aviso previo de seis meses, sempre que non resulten prexudicados os obxectivos do consorcio.

3. A entidade que se separe debe estar ao día dos seus compromisos anteriores e garantir a liquidación das obrigas que teña contraído ata o momento da separación.

Disposición adicional primeira. Réxime subsidiario

A actuación dos órganos, comités e comisións colexiadas do consorcio estará suxeita ao establecido nestes estatutos e, se é o caso, nos seus regulamentos específicos, así como ao disposto na Lofaxga. No non disposto por estas normas será de aplicación a LRXSP.

Disposición adicional segunda. Igualdade entre mulleres e homes

1. No desenvolvemento e na aplicación do establecido no capítulo II destes estatutos, relativo ao réxime orgánico do consorcio, terase en conta o disposto pola lexislación específica en materia de igualdade e paridade entre mulleres e homes.

2. No exercicio e desenvolvemento das funcións a que se refire este decreto terase en conta a integración transversal da perspectiva de xénero.

Disposición adicional terceira. Nomeamento dos/as estudantes

1. O nomeamento dos estudantes terá unha duración de dous anos, prorrogable por outro período de igual tempo. En ningún caso poderán estar máis de catro anos nun mesmo órgano.

2. As universidades integrantes do consorcio designarán dous estudantes para o Consello Reitor e dous suplentes.

3. As universidades integrantes do consorcio proporán, cada unha, un estudante para a CGIACA e outro para o Consello Asesor.