Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2018 Páx. 6272

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o período 2018-2019.

O Regulamento 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola do Desenvolvemento Rural (Feader), fixa os obxectivos aos cales debe contribuír a política de desenvolvemento rural e as correspondentes prioridades da Unión en materia de desenvolvemento rural.

No marco xeral da PAC, a axuda ao desenvolvemento rural contribuirá, entre outros obxectivos, a lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego. Este obxectivo enmárcase dentro da prioridade relativa ao fomento da inclusión social, a redución da pobreza e o desenvolvemento económico nas zonas rurais, facendo especial fincapé en facilitar a diversificación, a creación e o desenvolvemento de pequenas empresas e a creación de emprego.

Neste contexto, o Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI: 2014ES06RDRP011), prevé na ficha correspondente á submedida 6.4 subvencións a investimentos en actividades non agrícolas, dirixidos a empresas que desenvolven a súa actividade no medio rural, como unha oportunidade de fixar poboación (promovendo o mantemento e, de ser o caso, a creación de novos postos de traballo) e co fin de mellorar a competitividade das zonas rurais, fomentar a diversificación económica e o equilibrio territorial e a sustentabilidade do medio rural, tanto en termos sociais como económicos, incidindo directamente na área focal 6A.

No marco do PDR de Galicia 2014-2020, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) configúrase como unha entidade xestora da submedida 6.4. Esta atribución competencial é coherente coas funcións que resultan da súa lei de creación (disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e do réxime orzamentario e administrativo) e modificacións posteriores, que configuran a Axencia como o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e na coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e evitar o seu despoboamento, e ao cal se lle encomenda, entre outras funcións, a xestión de medidas e actuacións no marco da programación dos fondos agrarios de desenvolvemento rural.

No contexto da citada submedida, e nos exercicios orzamentarios 2016 e 2017 convocáronse sendas liñas de axuda co fin de promover investimentos en actividades non agrícolas, nas cales se constatou unha importante demanda por parte das persoas destinatarias.

Xa que logo, cómpre tramitar un novo procedemento de concesión de axudas encamiñadas á mellora, ampliación e/ou modernización de unidades produtivas xa existentes.

A xestión desta liña de axudas en exercicios anteriores puxo de manifesto un problema de execución debido a que, en ocasións, os promotores non tiñan tempo dabondo para executar o proxecto subvencionado a causa das dificultades derivadas da subministración de maquinaria por parte dos provedores, sobre todo, naqueles casos de maquinaria deseñada e fabricada a medida e tamén nos casos de maquinaria adquirida a provedores de fóra do territorio nacional. Por esta razón, cómpre ampliar o prazo de execución dos investimentos e trasladar a xustificación final á anualidade 2019.

Por outra banda, e sendo conscientes de que a maquinaria subvencionada require, en ocasións, a execución de obras e instalacións, cómpre, ademais, incluír como concepto subvencionable as obras necesarias para asegurar o carácter finalista dos proxectos.

A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionado á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2018.

Esta convocatoria de axudas está cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural nunha porcentaxe do 75 %.

Desde o punto de vista da normativa do Estado de axudas públicas está amparada no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DO L 352, do 24 de decembro).

Tendo en conta o anterior, o director xeral de Agader, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección de Agader do 11 de xullo de 2013 (Resolución do 24 de xullo de 2013, DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas, que se xuntan a esta resolución como anexo I, co seguinte código de procedemento administrativo MR708B.

2. Convocar para o período 2018-2019, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas.

3. Aprobar os anexos que se xuntan a esta resolución para a xestión da convocatoria.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 4.500.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 13-A1-712A-770.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (código de proxecto 2016-00004), coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade 2018: 2.000.000 €.

Anualidade 2019: 2.500.000 €.

Este crédito está cofinanciado nun 75 % por Feader (no marco da medida 6, submedida 4 «Investimentos en actividades non agrícolas», do PDR de Galicia 2014-2020), nun 7,5 % pola Administración xeral do Estado e nun 17,5 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta convocatoria de axudas tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2018, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei; deberase publicar no DOG o aludido incremento de contía.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes de axuda

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 4. Obriga de relacionarse electronicamente

Nos termos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

No caso de persoas físicas incluídas no réxime especial de traballadores autónomos, a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración fundaméntase no artigo 14.3 da Lei 39/2015, en relación co artigo 31.dous da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

Tendo en conta o anterior, tanto a presentación das solicitudes de axuda, como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras das correspondentes axudas.

Artigo 5. Prazo para a xustificación dos investimentos

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2018 será o 17 de setembro de 2018.

O prazo final de execución e xustificación dos investimentos subvencionados remata o 29 de xuño de 2019.

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado de Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web de Agader: agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos.

c) No teléfono 981 54 73 82/981 54 26 90 (Agader).

d) De xeito presencial, en Agader (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 82.

Disposición adicional terceira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral de Agader mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.xeral.agader@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

O director xeral de Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2017

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I
Bases reguladoras das subvencións a proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas con Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020

CAPÍTULO I
Regras xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, destinadas a mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, mediante o apoio á adquisición de equipamentos produtivos e a execución de obras necesarias para a súa instalación, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais.

As axudas consisten en subvencións directas de capital.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR708B.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, sempre que cumpran os demais requisitos previstos nelas:

a) As microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

Segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balanzo xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

As empresas deberán ter a súa razón social ou ben un centro de traballo no territorio elixible, nos termos establecidos no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

Para estes efectos, considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

No caso de persoas físicas, deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. No caso de persoas xurídicas, deberán estar constituídas antes da citada data.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

2. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas Directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). As empresas presentarán xunto coa solicitude da axuda, unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura, nin as que están dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

Non se concederán axudas a solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da LSG e, en particular, aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito exixido polas disposicións aplicables.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados á ampliación e/ou modernización de pequenas empresas que desenvolven actividades non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.

c) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos.

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).

e) Actividades de ocio, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

2.Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia.

Non obstante o anterior, non serán subvencionables os proxectos que se desenvolvan nas parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). O anexo X relaciona as parroquias que teñen a consideración de zonas densamente poboadas (ZDP).

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nas presentes bases.

f) O investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante. Para estes efectos, deberá acadar algún dos seguintes obxectivos:

– Aumentar a competitividade da empresa.

– Reducir os custos.

– Aumentar o valor engadido.

– Reducir o impacto ambiental.

– Mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións.

– Diversificar as producións e/ou os mercados.

– Mellorar a calidade das producións.

– Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

– Mellorar a comercialización das producións.

Para acreditar isto, na memoria-resumo do proxecto (anexo III) deberase xustificar expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

g) As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta convocatoria.

h) Quedarán excluídos aqueles proxectos que presenten un orzamento elixible inferior a 10.000 € e/ou superior a 300.000 €.

No caso de proxectos promovidos no sector da artesanía, os límites anteriores quedan establecidos en 5.000 € e 100.000 € respectivamente.

Artigo 4. Investimentos subvencionables

1. Con carácter xeral, serán subvencionables:

a) Compra de maquinaria e equipamentos novos afectos á actividade empresarial, e que sexan necesarios para o seu desenvolvemento.

b) Execución de obras e/ou instalacións encamiñadas á mellora ou ampliación de edificacións existentes na empresa que sexan necesarias para a instalación e funcionamento da maquinaria adquirida.

O importe máximo subvencionable para este concepto non superará o 50 % do total dos gastos subvencionables, ata o límite de 100.000 €.

2. Non serán subvencionables:

a) Material funxible en xeral.

b) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.

c) A reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria-resumo do proxecto (anexo III).

d) Obras de reparación de edificios e de traslado.

e) Equipamentos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten.

f) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

g) Equipamentos informáticos de oficina e licenzas informáticas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática.

h) Deseño e/ou actualización de páxinas web.

i) A compra de vehículos de transporte exterior.

j) Mobiliario de oficina.

k) Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vai desenvolver a empresa a curto prazo, ou ben dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade.

l) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante.

m) Os gastos de alugamento de instalacións e equipamentos, nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).

n) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.

o) As taxas por licenzas administrativas.

p) O imposto de valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.

q) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

r) Os xuros debedores.

s) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como «outros».

t) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.

Artigo 5. Intensidade da axuda

A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.

As axudas concedidas ao abeiro desta resolución están amparadas no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013 (DO L 352, do 24 de decembro) referente á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

De acordo co artigo 3 desa norma, o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 6. Compatibilidade e acumulación de axudas

1. Unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

2. Á marxe do anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo II) e na solicitude de pagamento (anexo IX).

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizarase só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015).

2. A notificación efectuarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude de axuda un aviso no cal se lle indica a posta á súa disposición da notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, desde a páxina web de Agader, agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde á posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, Agader realizará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO II
Presentación das solicitudes e documentación complementaria

Artigo 8. Presentación de solicitudes

1. A presentación da solicitude de axuda realizarase unicamente por medios electrónicos.

Dentro do prazo establecido na convocatoria, as persoas interesadas deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web de Agader agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda.

Para poder presentar a solicitude, é imprescindible que a persoa solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

Para a presentación das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. Para poder presentar a solicitude, será necesario seguir os seguintes pasos:

– Darse de alta na aplicación informática para a xestión das axudas. O nome de usuario será o NIF da persoa solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.

– Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 9 destas bases reguladoras, en función do tipo de solicitante e tipoloxía do proxecto de que se trate.

– Unha vez cuberto o formulario, a persoa solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.

No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación e xerará de forma automática os anexos II (solicitude de axuda), III (memoria-resumo do proxecto), IV (cadro do orzamento) e V (relación de ofertas). A publicación no DOG dos citados anexos ten carácter puramente informativo.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, Agader pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 981 54 73 82/981 54 26 90, e o enderezo de correo electrónico infoagader@xunta.gal

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Os anexos III, IV e V debidamente cubertos e xerados a través da aplicación informática.

b) Documentos acreditativos da personalidade e, de ser o caso, da representación do solicitante:

No caso de persoas xurídicas, certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, en que se identifique a constitución e a representación correspondente, con indicación do seu alcance e vixencia. De non achegarse o dito certificado, deberán presentar copia das correspondentes escrituras de constitución e do poder de representación, debidamente inscritas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.

No caso de que as persoas físicas actúen a través de representante, deberán xuntar, debidamente cuberto, o anexo VI (autorización de representación), asinado pola persoa solicitante e pola designada como representante.

c) Documentación acreditativa dos compromisos de emprego:

– Certificación ou informe expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, acreditativo de todos os códigos conta de cotización da empresa, correspondentes aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

– Informe de vida laboral da/s conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

– Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

d) Tres presupostos ou facturas pro forma, correspondentes a distintos provedores, para cada un dos gastos propostos, nos termos previstos no artigo 11 destas bases reguladoras.

e) No caso de proxectos que comporten a execución de obras e/ou instalacións, deberase presentar unha memoria valorada asinada por técnico/a competente, que inclúa unha breve descrición das obras que se van executar, esbozo e o orzamento desagregado por unidades de obra, con indicación de medicións e prezos unitarios.

f) No caso de persoas xurídicas, declaración do imposto sobre sociedades (modelo 200), correspondente ao exercicio 2016.

g) No caso dos membros dunha unidade familiar agraria, referidos no artigo 2.1.c) destas bases reguladoras, acreditación do grao de parentesco co titular.

h) Licenza de actividade do concello ou, de ser o caso, acreditación da comunicación previa de inicio de actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

i) De ser o caso, documentación acreditativa do grao de discapacidade da persoa solicitante, no caso de que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 16.II. c) destas bases reguladoras).

j) De ser o caso, a declaración censual da alta –modelo 036 ou 037– (artigo 16.IV.b) destas bases reguladoras).

k) De ser o caso, documentación acreditativa da contratación de persoas con discapacidade (artigo 16.V.c) destas bases reguladoras).

l) De ser o caso, os informes do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa, correspondentes ao ano natural 2015 –do 1 de xaneiro de 2015 ao 31 de decembro de 2015– e 2017 –do 1 de xaneiro de 2017 ao 31 de decembro de 2017– (artigo 16.VI.b) destas bases reguladoras).

m) De ser o caso, documentación acreditativa da formación específica do promotor vinculada ao proxecto (artigo 16.VII destas bases reguladoras).

n) De ser o caso, as certificacións expedidas por unha entidade de certificación acreditada na ENAC, e/ou acreditación de que dispón da Marca galega de excelencia en igualdade (artigo 16.IX destas bases reguladoras).

o) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015.

3. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, Agader poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Cada arquivo individual non poderá superar os 5 MB. No caso de que un documento ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño.

4. Non será necesario que as persoas solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, poderán acollerse ao establecido nos artigos 28.3 da Lei 39/2015 e 20.3 da LSG, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade a que se formule a proposta de resolución.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI/NIE da persoa física solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de empadroamento.

– Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

– Certificado acreditativo de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado de discapacidade, no caso de que fose recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 16.II.c) das bases reguladoras).

3. No caso de que a persoa interesada se opoña a estas consultas, deberá indicalo no cadro correspondente habilitado na solicitude de axuda e achegar os correspondentes documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Moderación de custos

1. Os custos deberán corresponder a prezos de mercado. Débese respectar a moderación de custos, tal como establece o artigo 48 do Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

2. Para todos os gastos incluídos na solicitude da axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a adquisición do ben de que se trate, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, circunstancia que deberá ser xustificada expresamente no anexo V, con indicación:

– Das características dos gastos que fixeron imposible a localización dun mínimo de tres ofertas.

– Dunha explicación de como se realizou a busca dos provedores.

Non se admitirán certificados, informes, invitacións realizadas ou documentos similares indicando que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida sen que se concrete o seu alcance.

3. As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables, con características técnicas similares, e cumprir cos requisitos formais e materiais establecidos a continuación:

– Elementos materiais: as ofertas presentadas deberán estar suficientemente detalladas e desagregadas en canto ao seu contido, con indicación, de ser o caso, do prezo dos distintos elementos que as integran.

– Elementos formais: deberán indicar a data de expedición e identificar tanto a razón social do provedor (incluíndo, de ser o caso, o selo ou logo da empresa) como o destinatario, que deberá coincidir coa persoa ou entidade solicitante da axuda.

Non se admitirán ofertas de compracencia ou ficticias.

As ofertas solicitadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas coa persoa ou entidade solicitante, ou entre elas, nos termos previstos na lexislación de contratos. Non se admitirán supostos de autofacturación.

4. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente cando esta non recaia na oferta máis económica. A xustificación deberá ser, en todo caso, motivada. No caso de que non se xustifique debidamente, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta máis económica.

5. As ofertas presentadas son unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiaria da axuda. Non se considerarán subvencionables os gastos incluídos na solicitude da axuda que non veñan avalados polas ofertas presentadas nos termos expostos.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da LSG, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

CAPÍTULO III
Instrución do procedemento

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos cales deba ditarse a resolución de concesión competerán á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

2. En relación coa solicitude da axuda, o órgano instrutor comprobará que a operación cumpre as obrigas establecidas pola normativa da Unión Europea, a lexislación nacional e o programa de desenvolvemento rural, entre elas as relativas ás axudas estatais e demais normas e requisitos obrigatorios. En particular, verificarase:

a) A admisibilidade da persoa beneficiaria.

b) Os criterios de admisibilidade, os compromisos e outras obrigas que debe cumprir a operación para a cal se solicita a axuda.

c) O cumprimento dos criterios de selección.

d) A verificación da moderación dos custos propostos.

3. Logo da presentación da solicitude da axuda e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o incremento do seu importe, nin a inclusión de novos elementos ou gastos.

4. Durante a instrución do procedemento, Agader poderá realizar unha visita previa ao lugar da operación, para os efectos de verificar a admisibilidade do proxecto.

Artigo 14. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requiriralle á persoa interesada que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, coa indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo.

Efectuarase igual requirimento no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de facenda.

2. As notificacións do requirimento de emenda efectuarase por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 7 destas bases reguladoras.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web de Agader (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) utilizando a aplicación informática habilitada para a xestión destas axudas.

4. Co fin de completar a instrución do procedemento, Agader poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois de ter presentadas as solicitudes de axuda. Estes modelos presentaranse, igualmente, polos medios indicados no número 3 deste artigo.

Artigo 15. Baremación das solicitudes

Unha vez revisadas as solicitudes de axuda e practicadas as emendas, as áreas dependentes do órgano instrutor valorarán aquelas que reúnan todos os requisitos e conten coa documentación necesaria. A valoración realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta os datos e a documentación achegada pola persoa solicitante e segundo os criterios de baremación previstos no artigo seguinte.

Excluiranse os proxectos que, logo da súa baremación de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 30 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos das presentes bases.

Artigo 16. Criterios de baremación

Para a selección dos proxectos, deberán aplicarse os seguintes criterios:

I. En función da localización do proxecto, ata un máximo de 20 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

a) Taxa de evolución interanual de poboación do concello, segundo datos do IGE para o período 1999-2016, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos:

Concellos cunha caída de poboación igual ou superior ao 30 %: 5 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou maior ao 20 % e menor do 30 %: 4 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou maior ao 10 % e menor do 20 %: 3 puntos.

Concellos con caída de poboación menor do 10 %: 2 puntos.

Concellos con incremento de poboación igual ou menor ao 25 %: 1 punto.

Concellos con incremento de poboación superior ao 25 %: 0 puntos.

b) Renda familiar dispoñible por concello, segundo datos do IGE para o ano 2009, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos (calculados en base 100):

Concellos cunha RFDH inferior ou igual a 70: 5 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 70 e menor ou igual a 80: 4 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 80 e menor ou igual a 90: 3 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 90 e menor ou igual a 100: 2 puntos.

Concellos cunha RFDH maior de 100: 0 puntos.

c) Proxectos que se desenvolvan en zonas de montaña, segundo a definición que resulta da medida 13 do PDR de Galicia 2014-2020: 5 puntos.

Pódese consultar a relación de concellos coa consideración de zonas de montaña na páxina web de Agader.

d) Taxa de envellecemento do concello (porcentaxe de poboación >64 anos), segundo datos do IGE para o ano 2016, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos:

Concellos cunha taxa de envellecemento igual ou superior ao 4 5%: 5 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 45 % e igual ou superior ao 35 %: 3 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 35 % e igual ou superior ao 25 %: 2 puntos.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 25 % e igual ou superior ao 15 %: 1 punto.

Concellos cunha taxa de envellecemento inferior ao 15 %: 0 puntos.

II. En función da tipoloxía do promotor: máximo 10 puntos.

a) Proxectos promovidos por mulleres ou persoas xurídicas nas cales os titulares sexan mulleres nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do capital social: 5 puntos.

b) Proxectos promovidos por menores de 35 anos ou persoas xurídicas nas cales os titulares sexan menores de 35 anos, nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do capital social: 5 puntos.

c) Proxectos promovidos por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, ou persoas xurídicas nas cales os titulares sexan persoas con discapacidade (co mesmo grao referido), nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do seu capital social: 5 puntos.

III. Proxectos que se desenvolvan nalgún dos seguintes ámbitos: 10 puntos.

Diversificación económica cara a actividades non agrarias en explotacións agrarias prioritarias.

Artesanía.

Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do TFUE.

Turismo activo.

Servizos sociais e atención á infancia.

Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.

Téxtil (agás o que se refira ao sector de fibras sintéticas, segundo a definición establecida no anexo IV das Directrices de axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2014-2020 (2013/C 209/01)).

IV. Empresas nas cales concorran algunha das seguintes circunstancias: máximo 10 puntos.

a) Empresas que dispoñen de páxina web: 4 puntos.

Se a través da páxina web ten establecidas canles de comercialización, sumarase 1 punto máis.

b) Empresas de recente creación: 5 puntos.

Para estes efectos, enténdense de recente de creación aquelas empresas constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2017, segundo a declaración censual de alta.

V. En función do número/calidade de empregos creados: máximo 20 puntos.

a) Por cada emprego creado, equivalente a unha UTA: 5 puntos, ata un máximo de 10 puntos. As fraccións de UTA computaranse de xeito proporcional.

b) Ratio investimento elixible/emprego creado (equivalente a unha UTA): ata un máximo de 5 puntos:

Ratio inferior a 1 emprego/60.000 € de investimento: 5 puntos.

Ratio entre 1/60.000 € e 100.000 € de investimento: 4 puntos.

Ratio entre 1/100.001 € e 140.000 € de investimento: 3 puntos.

Ratio superior a 1/140.000 € de investimento: 2 puntos.

c) Sumaranse 2,5 puntos adicionais, ata un máximo de 5 puntos, se a creación de emprego, en termos de UTA, beneficia algún dos seguintes colectivos: mulleres, menores de 35 anos, persoas desempregadas maiores de 55 anos ou persoas con discapacidade (en grao igual ou superior ao referido na epígrafe II deste artigo). As fraccións de UTA computaranse de xeito proporcional.

Para os efectos do disposto nestas bases reguladoras, e nos termos previsto no anexo I do Regulamento 651/2014, unha UTA equivale ao traballo dunha persoa na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, computarase como fraccións de UTA.

VI. En función dos empregos existentes na empresa: máximo 15 puntos.

a) Que no cadro de persoal da empresa figuren contratadas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, cunha antigüidade mínima de 6 meses: 5 puntos.

b) Que se producise un incremento neto de emprego, equivalente como mínimo ao 20 % do cadro de persoal, entre os anos 2015 e 2017: 5 puntos.

Para estes efectos, tomaranse en consideración os datos resultantes dos informes do cadro de persoal medio correspondentes aos anos naturais 2015 e 2017.

c) Ratio investimento elixible/emprego mantido: ata un máximo de 5 puntos.

Ratio inferior a 1 emprego/15.000 € de investimento: 5 puntos.

Ratio entre 1/15.000 € e 30.000 € de investimento: 4 puntos.

Ratio entre 1/30.001 € e 50.000 € de investimento: 3 puntos.

Ratio entre 1/50.001 € e 70.000 € de investimento: 2 puntos.

Ratio entre 1/70.001 € e 100.000 € de investimento: 1 punto.

Ratio superior a 1/100.000 € de investimento: 0 puntos.

VII. Formación específica do promotor vinculada ao proxecto que se vai desenvolver: 5 puntos.

Para estes efectos, enténdese por formación específica aquela que teña relación directa co obxecto empresarial da persoa ou entidade promotora, sexa tanto formación regrada (formación profesional ou universitaria) ou formación non regrada cunha duración igual ou superior a 20 horas, e impartida por centros de formación, escolas de negocios, formación sindical...

VIII. Outras axudas recibidas polo promotor nos últimos cinco anos, xestionadas por Agader: 5 puntos.

Axudas acumuladas por importe superior a 150.000 €: 0 puntos.

Axudas acumuladas entre 100.001 € e 150.000 €: 1 punto.

Axudas acumuladas entre 50.001 € e 100.000 €: 2 puntos.

Axudas acumuladas entre 25.001 € e 50.000 €: 3 puntos.

Axudas acumuladas ata 25.000 €: 4 puntos.

Non recibiu axudas: 5 puntos.

IX. Dispor dalgunha das seguintes certificacións expedidas por unha entidade de certificación acreditada na ENAC e/ou dispor da Marca galega de excelencia en igualdade (artigo 28 do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, –DOG núm. 35, do 19 de febreiro–), 5 puntos:

– Certificación en sistemas de xestión de calidade.

– Certificación en sistemas de xestión ambiental.

– Certificación en xestión da responsabilidade social.

No caso de empate, terá prioridade o proxecto que obtivese máis puntuación no criterio V do baremo (número/calidade de empregos creados) e, de persistir o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio I (localización xeográfica). Se aínda así persiste o empate, primará o momento de presentación da solicitude.

Artigo 17. Proposta de resolución

1. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde decrecente de puntuación, en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo anterior.

2. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral de Agader.

3. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, importe da axuda proposta e fontes de financiamento.

De ser o caso, contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de espera no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Expresará tamén, de forma motivada, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

CAPÍTULO IV
Resolución do procedemento

Artigo 18. Órgano competente

O director xeral de Agader resolverá motivadamente, por delegación do Consello de Dirección de Agader, a selección dos proxectos. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de catro meses, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.

Artigo 19. Notificación das resolucións do procedemento

1. Todas as resolucións se notificarán nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos, segundo o establecido no artigo 7 destas bases reguladoras.

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a subvención se concede ao abeiro da submedida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020 e que esa actuación se enmarca na prioridade 6 do desenvolvemento rural da Unión Europea. Así mesmo, indicarase que está amparada no Regulamento 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. A resolución de concesión expresará o importe total da axuda que lle corresponde para a execución do proxecto, calculado sobre a base do orzamento elixible, así como a súa distribución por anualidades.

3. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se transcorridos dez días hábiles desde a notificación, a persoa interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención (anexo VII) entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da LSG e, en particular, as establecidas nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

2. Obrigas en materia de emprego:

a) En canto ao compromiso de mantemento do emprego:

– A persoa beneficiaria está obrigada a manter a cifra media de emprego existente na empresa durante o período de execución do proxecto. O incumprimento do compromiso de emprego no momento da xustificación final dos investimentos comporta a perda do dereito ao cobramento da axuda.

– O compromiso de mantemento do emprego será o que resulte do informe de cadro medio de persoal en situación de alta na empresa correspondente aos doce meses anteriores á presentación da solicitude de axuda.

b) En canto ao compromiso de creación de emprego:

– Enténdese por creación de emprego a formalización de novos contratos de traballo.

– Só se terá en conta a creación de emprego que se poida acreditar no momento da xustificación final do expediente, á vista da información que resulte dos informes do cadro medio de persoal en situación de alta na empresa presentados xunto coa solicitude de pagamento, así como das copias dos contratos de traballo que se xunten.

– Non se considerará como creación de emprego o cambio de modalidade contractual.

– Na finalización do prazo de execución do proxecto, a creación de emprego computarase a partir da cifra de emprego que se manterá.

c) A persoa beneficiaria está obrigada a manter o nivel de emprego certificado na data do pagamento final do expediente e reflectido na correspondente resolución de pagamento final (empregos mantidos máis os de nova creación, de ser o caso) durante o período de tres anos contados desde esa data.

3. Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para determinados proxectos, caso en que se aplicarán estes. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro público correspondente.

4. As persoas beneficiarias deben publicitar a concesión da axuda nos termos previstos no anexo III do Regulamento 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013, e co disposto na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014-2020 de Galicia; en particular, do seguinte xeito:

– Deberá colocarse nun lugar visible ao público unha placa con información sobre o proxecto, na cal se destacará a axuda financeira da Unión. As placas serán de material resistente e non será admisible a simple impresión en papel.

– No caso de maquinaria ou equipamento móbil que se poida utilizar fóra das instalacións da empresa, deberá colocarse sobre estes elementos, nun lugar visible, un adhesivo en vinilo.

– No caso de que a persoa beneficiaria teña sitio web de uso profesional, incluirá unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea.

Na páxina web de Agader estarán dispoñibles os modelos de placas e adhesivos.

Todos os elementos publicitarios deberán manterse durante un período mínimo de cinco anos contados desde a data de pagamento final do expediente.

5. A persoa beneficiaria deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos e estará obrigado a facilitar a información que lle requira Agader e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións; en especial, aos controis sobre o terreo e controis a posteriori que poida realizar o órgano xestor de acordo cos artigos 49 e seguintes do Regulamento (UE) núm. 809/2014.

Así mesmo, en aplicación do disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013, as persoas beneficiarias deberán facilitarlle á autoridade de xestión do PDR de Galicia 2014-2020, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización das tarefas, toda a información necesaria para realizar o seguimento e a avaliación do programa.

6. As persoas beneficiarias estarán obrigadas a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado, segundo resulta do artigo 66 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013.

7. Cando unha persoa beneficiaria non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia efectuarase mediante o anexo VII.

CAPÍTULO V
Xustificación e pagamento

Artigo 21. Xustificación dos investimentos

1. A presentación da solicitude de pagamento (anexo IX) realizarase unicamente por medios electrónicos, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e na páxina web de Agader agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda, dentro do prazo de execución e xustificación referido no artigo 5 da resolución pola que se convocan as correspondentes axudas. O anexo IX publícase no DOG para efectos puramente informativos.

A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase igualmente de forma electrónica.

Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (en diante, RLSG), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porállelos no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días hábiles para a súa corrección.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado esta, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente, nos termos previstos no artigo 44.2 do RLSG.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda.

Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 7 destas bases reguladoras.

2. Xunto coa solicitude de pagamento (parcial e final), as persoas beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Facturas ou documentos probatorios de valor equivalente, debidamente desagregados por conceptos, que deberán identificar, cando menos, a marca e o modelo dos equipamentos subvencionados e, de ser o caso, o número de serie.

No caso de proxectos que comporten a execución de obras e/ou instalacións, a factura deberá detallar as unidades de obra executadas, con indicación para cada unha delas das correspondentes medicións, prezos unitarios e importes.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) Documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento:

Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria), no que conste a data de pagamento, o número da factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado. Neste caso, achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

Todos os xustificantes de pagamento deberán estar validados co selo da entidade bancaria correspondente.

Non se admitirán pagamentos en metálico.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados ou orde de pagamentos da empresa selada polo banco.

Tanto a data das facturas como a dos xustificantes de pagamento deberán estar comprendidas dentro do período de execución dos investimentos, é dicir, desde o día da presentación da solicitude da axuda e ata a data límite de execución e xustificación dos investimentos determinada no artigo 5 da resolución pola que se convocan as correspondentes axudas.

Se a persoa beneficiaria xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Na fase de xustificación do gasto, Agader poderá contrastar os prezos achegados pola persoa beneficiaria por calquera dos medios previstos no artigo 30.5 da LSG co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

c) Informe fotográfico dos investimentos executados, que necesariamente deberá incluír:

– No suposto de investimentos que incorporen un número de serie, fotografía da correspondente placa identificativa.

– Fotografías que acrediten o cumprimento das obrigas de publicidade referidas no artigo 20.4 destas bases reguladoras (placas e, de ser o caso, adhesivos).

3. A maiores da documentación referida no número 2 deste artigo, xunto coa solicitude de pagamento parcial deberán xuntar a seguinte documentación:

Licenza municipal de obra no caso de proxectos que inclúan obras e/ou instalacións. No caso de obras acollidas ao sistema de comunicación previa segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, deberá achegarse a dita comunicación xunto cun certificado emitido polo concello indicando que a dita comunicación é eficaz.

4. A maiores da documentación referida no número 2 deste artigo, xunto coa solicitude de pagamento final, deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa dos empregos creados e mantidos, nos seguintes termos:

– Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento.

– Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta durante os doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Copia dos contratos de traballo correspondentes aos empregos creados, debidamente comunicados ao Servizo Público de Emprego.

– Da documentación que se presente debe resultar acreditada a calidade do emprego creado, nos termos previstos no artigo 16.V.c) destas bases reguladoras.

b) De ser o caso, certificación asinada por técnico/a competente acreditativa da finalización das obras executadas.

c) De ser o caso, as inscricións ou autorizacións que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación para cada tipo de investimento.

Agader poderá solicitarlle á persoa beneficiaria as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que o órgano xestor considere convenientes.

Aquelas persoas beneficiarias que, na data máxima de execución e xustificación da operación prevista no artigo 5 da resolución pola que se convocan estas axudas, non renunciasen expresamente á subvención concedida ou non executasen nin xustificasen o proxecto sen causa debidamente xustificada e comunicada a Agader, quedarán excluídos das dúas seguintes convocatorias de axudas que, dentro da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020 xestione Agader para a adquisición de maquinaria e equipamento en actividades non agrícolas.

No suposto de subcontratación polas persoas beneficiarias das actividades subvencionadas, aplicarase o disposto no artigo 27 da LSG en relación co artigo 43 do RLSG.

Artigo 22. Control administrativo da solicitude de pagamento

1. Os controis administrativos da solicitude de pagamento incluirán necesariamente as seguintes comprobacións:

– A operación finalizada en comparación coa operación para a cal se presentou a solicitude e se concedeu a axuda.

– Os custos contraídos e os gastos realizados.

2. Todas as operacións de investimento incluirán, polo menos, unha visita in situ ao lugar da operación para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento, en cumprimento do artigo 48 do Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

3. O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.

Conforme o artigo 63 do Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 –modificado polo Regulamento de execución (UE) núm. 2017/1242–, cando o importe que derive da solicitude de pagamento supere en máis dun 10 % o importe pagadeiro á persoa beneficiaria logo do exame da admisibilidade do gasto que figura na solicitude de pagamento, aplicarase unha sanción administrativa a este último importe. A contía da sanción será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

Artigo 23. Réxime de pagamento

Con cargo á anualidade 2018 tramitarase un pagamento á conta, en concepto de pagamento fraccionado para responder ao ritmo de execución das accións subvencionadas, que non excederá a anualidade prevista no citado exercicio orzamentario.

Nos termos previstos no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoa beneficiarias están exentas da obriga de constituír garantías, en virtude da autorización do Consello da Xunta, do 21 de decembro de 2017.

Na anualidade 2019 non se concederán pagamentos á conta nin pagamentos anticipados, de maneira que se realizará unicamente a liquidación do expediente mediante o pagamento final.

CAPÍTULO VI
Modificación da resolución de concesión

Artigo 24. Modificación da resolución de concesión da subvención

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida.

En particular, a variación do orzamento aceptado por Agader e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión e, en todo caso, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo final para xustificar o investimento, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, utilizando para isto o modelo normalizado (anexo VIII).

3. No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto, o cal poderá dar como resultado a perda do dereito á subvención.

4. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela. As persoas beneficiarias terán a obriga de comunicarlle a Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención. A modificación poderase autorizar sempre que:

– Non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

– Non exista prexuízo a terceiros.

– Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

5. A conformidade expresa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ás mencionadas modificacións só será outorgada cando non se altere significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

CAPÍTULO VII
Reintegro e réxime sancionador

Artigo 25. Reintegro da subvención

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG. Estes xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución (Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2012, modificado polo Regulamento de execución 2017/1242).

2. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento atinxe ao mantemento do ben, da actividade subvencionada, ao compromiso de mantemento de emprego, ou ao compromiso de creación de emprego, cando este último compromiso determinou a concesión da subvención, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento

3. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do RLSG.

4. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

a) Falecemento da persoa beneficiaria

b) Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención

c) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da empresa subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

Artigo 26. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto nos títulos IV da LSG e VI do RLSG, e ao disposto no Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 e no Regulamento delegado (UE) núm. 640/2014.

CAPÍTULO VIII
Réxime normativo e de recursos

Artigo 27. Normativa de aplicación

Normativa autonómica:

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (RLSG).

Normativa estatal:

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Normativa comunitaria:

Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015, pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia (España) para efectos da concesión da axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2014ES06RDRP011).

Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Feder, FSE ao Fondo de Cohesión, ao Feader e ao FEMP, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Feder, FSE, ao Fondo de Cohesión e ao FEMP.

Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1698/2005 do Consello.

Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común.

Regulamento (UE) núm. 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) núm. 1305/2013.

Regulamento de execución (UE) núm. 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1305/2013.

Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao Sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Regulamento delegado (UE) núm. 640/2014, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo de 2017, que modifica o Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao Sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Artigo 28. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

Recurso potestativo de reposición perante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

Se transcorrido o prazo para resolver non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO X
Relación de parroquias clasificadas como ZDP

Concello

Parroquia

Cambre

O Temple (Santa María)

Coruña, A

A Coruña

Coruña, A

Oza (Santa María)

Coruña, A

San Cristovo das Viñas (San Cristovo)

Coruña, A

Visma (San Pedro)

Culleredo

Almeiras (San Xián)

Culleredo

O Burgo (Santiago)

Culleredo

Rutis (Santa María)

Ferrol

Ferrol

Ferrol

Santa Cecilia de Trasancos (Santa Cecilia)

Narón

Narón

Oleiros

Perillo (Santa Locaia)

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela

San Caetano (Santiago)

Santiago de Compostela

San Lázaro (Santiago)

Santiago de Compostela

Vista Alegre (San Xoán)

Lugo

Lugo

Barbadás

A Valenzá (San Bernabeu)

Ourense

Ourense

Ourense

Montealegre (A Milagrosa)

Ourense

Vista Fermosa (San Xosé)

Pontevedra

Pontevedra

Pontevedra

Lérez (San Salvador)

Pontevedra

Mourente (Santa María)

Pontevedra

Salcedo (San Martiño)

Pontevedra

A Virxe do Camiño (Virxe do Camiño)

Poio

Poio (San Salvador)

Vigo

Vigo

Vigo

Alcabre (Santa Baia)

Vigo

Candeán (San Cristovo)

Vigo

Castrelos (Santa María)

Vigo

Santo André de Comesaña (Santo André)

Vigo

Freixeiro (San Tomé)

Vigo

Lavadores (Santa Cristina)

Vigo

Navia (San Paio)

Vigo

Sárdoma (San Pedro)

Vigo

Teis (San Salvador)