O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 3 de outubro de 2017, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral a súa convocatoria e publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
A prestación destes servizos está cofinanciada ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular:
Obxectivo temático 03: Mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).
Prioridade de investimento 03.04: Apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.
Obxectivo específico 03.04.01: Promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (….).
Actuación 3.4.1.5-Identificación de oportunidades e prestación de servizos para a profesionalización, modernización e reconfiguración de negocio, procesos, organización e intelixencia competitiva.
Segundo. Convocar as axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), para o exercicio 2018, que teñen a consideración de axuda en especie establecida na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (procedemento IG401C).
Terceiro. Os prazos para a presentación de solicitudes serán os seguintes:
Convocatoria |
Inicio do prazo |
Fin do prazo |
2018.1 |
O día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia |
1.3.2018 |
2018.2 |
5.3.2018 |
19.4.2018 |
2018.3 |
23.4.2018 |
7.6.2018 |
2018.4 |
11.6.2018 |
31.7.2018 |
Cuarto. A distribución de servizos ofertados en cada convocatoria será a seguinte:
Servizo |
2017.3 |
2018.1 |
2018.2 |
2018.3 |
Servizo de diagnóstico de capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0 |
50 |
17 |
17 |
16 |
Servizo de acompañamento na posta en marcha de solucións Industria 4.0 |
16 |
5 |
5 |
5 |
Servizo de xeración de modelos e simulación industrial |
2 |
1 |
1 |
1 |
As empresas que, cumprindo as condicións para seren beneficiarias, resulten rexeitadas nunha convocatoria debido ao esgotamento dos servizos previstos poderán presentar nova solicitude en convocatorias posteriores.
Os servizos que resulten excedentes dunha convocatoria, ou aqueles provenientes da prórroga de contratos ou nova contratación de servizos por parte do Igape, poderán ser reasignados a convocatorias posteriores mediante modificación desta resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017
Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras das axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (programa Re-accionaTIC), cofinanciados polo Fondo Europeo
de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo
Feder Galicia 2014-2020
As empresas necesitan reinventarse continuamente para daren resposta aos retos do mercado. A achega de coñecemento externo, xunto con metodoloxías e ferramentas de traballo, é necesaria para promover o cambio. No entanto, as pemes atópanse con dificultades á hora de accederen a servizos profesionais especialmente adaptados ás súas necesidades: o custo dos servizos, xunto coa incerteza polos resultados e a dificultade de seleccionar prestadores de servizos adecuados, impiden en moitos casos a execución dos necesarios proxectos de mellora.
O Instituto Galego de Promoción Económica (en adiante Igape) ten entre as súas funcións de creación e establecemento o desenvolvemento e oferta dun catálogo propio de servizos de diagnóstico, apoio e mellora competitiva dirixidas ás pemes. A oferta destes servizos pretende mellorar o futuro das empresas galegas mediante a adquisición de novas competencias que lles permitan gozar de vantaxes competitivas permanentes.
A Axenda de Competitividade Industrial Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas que desenvolverá a Administración galega entre os anos 2015 e 2020. A prestación de servizos especializados de asesoramento que apoien o desenvolvemento estratéxico das pemes atópase encadrada no plan de impulso ás persoas e organizacións, dentro do enfoque estratéxico «Profesionalización das pemes».
Á hora de deseñar o instrumento de apoio máis axeitado, optouse por contratar, mediante procedemento aberto (PA 1/16 «programa Re-accionaTIC»), a execución dun número amplo de servizos, para a seguir ofertalos ao tecido empresarial. As empresas que soliciten un servizo deberán pagar ao Igape o importe establecido nesta base reguladora en concepto de cofinanciamento privado. A diferenza entre o custo de cada servizo e o cofinanciamento privado terá a consideración de axuda en especie e a súa concesión respectará os límites establecidos para as axudas en réxime de minimis segundo as definicións dos regulamentos da UE aplicables en cada caso.
A contratación directa polo Igape dos servizos ofertados achega ao esquema de apoio a capacidade pola súa parte de controlar exhaustivamente a execución e resultados dos proxectos.
O programa Re-accionaTIC queda configurado deste xeito como un programa de servizos a pemes que, a través das empresas prestadoras de servizos –seleccionadas mediante procedemento aberto de acordo cos artigos 138.2 e 157 a 161 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público–, permite ás pemes executar proxectos de mellora en distintos ámbitos: diagnóstico de capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións de Industria 4.0, acompañamento na posta en marcha de solucións de Industria 4.0 e xeración de modelos e simulación industrial.
A convocatoria destas axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación e o prazo de presentación de solicitudes.
As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 1. Servizos obxecto de apoio
1. O Igape poderá conceder axudas en especie consistentes na execución de servizos do programa Re-accionaTIC, integrados nas seguintes categorías:
a) Servizo de diagnóstico de capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións de Industria 4.0. Neste servizo analizarase a situación actual da empresa e farase unha detección das súas capacidades para orientarse cara a unha Industria 4.0. Tras a elaboración deste diagnóstico inicial, a contratista identificará as necesidades organizativas e tecnolóxicas que permitan á empresa incorporar novas tecnoloxías e preparará un itinerario de implantación tecnolóxico.
b) Servizo de acompañamento na posta en marcha de solucións de Industria 4.0. Trátase de xestionar o proxecto de implantación dun mínimo de 2 medidas de solucións Industria 4.0 consideradas de maior relevancia pola empresa procedentes dun diagnóstico de capacidades que pode ser realizado dentro deste programa ou ben pode ser resultado doutra análise que ofreza similares resultados.
c) Servizo de xeración de modelos e simulación industrial. Consiste en executar un proxecto de xeración de modelos e simulacións sobre eles. Deste xeito, debe existir un produto, prototipo ou proceso que sexa susceptible da súa modelización, así como un problema que resolver para o cal se necesite realizar procesos de simulación sobre o modelo xerado.
2. As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos, ben que non poderán solicitar un servizo do mesmo tipo que outro xa solicitado anteriormente, a menos que renuncie ao anterior ou que a súa prestación xa estivese finalizada.
3. Os servizos adaptaranse en cada unha das prestacións á realidade da peme destinataria. Para este efecto, deberán establecerse inicialmente os parámetros de cada un deles: priorización de necesidades, alcance do traballo e ámbitos complementarios necesarios. A empresa contratada polo Igape para a prestación do servizo actuará durante todo o proceso como facilitador, fornecendo a metodoloxía de traballo e asegurando a calidade deste.
4. Determinados servizos poderían contar coa participación dun bolseiro tutelado polo axente colaborador do Igape, o cal será determinado pola dispoñibilidade destes no Igape, e pola especificidade do servizo que se vaia prestar.
Artigo 2. Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme. Para esta definición utilizarase a establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
2. Non poderán ter a condición de beneficiarios:
a) Entidades ou empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
b) Entidades ou empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento UE nº 651/2014).
c) Entidades ou empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Artigo 3. Contía e concorrencia das axudas
1. As axudas previstas nestas bases reguladoras configúranse como axudas en especie, da disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita axuda confórmase como a diferenza entre o custo aboado polo Igape pola prestación do servizo e o importe exixido ás beneficiarias en concepto de cofinanciamento.
O importe do cofinanciamento privado é o que se indica na seguinte táboa para cada tipo de servizo e para cada tipo de empresa destinataria do servizo:
Servizo |
Custo do servizo € |
Cofinanciamento peme € |
Cofinanciamento peme asociada a clúster € |
Cofinanciamento microempresas € |
Servizo de diagnóstico de capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0 |
4.356,00 |
300,00 |
225,00 |
150,00 |
Servizo de acompañamento na posta en marcha de solucións Industria 4.0 |
7.744,00 |
2.160,00 |
1.620,00 |
1.080,00 |
Servizo de xeración de modelos e simulación industrial |
7.683,50 |
2.160,00 |
1.620,00 |
1.080,00 |
2. Ás empresas que tivesen finalizado un ou varios servizos do mesmo tipo nos dous anos anteriores á solicitude aplicaráselles un incremento no seu cofinanciamento crecente dun 20 % por cada un dos servizos do mesmo tipo reiterados nese período.
3. A diferenza entre o custo do servizo e o cofinanciamento privado terá a consideración de axuda en especie, en réxime de minimis, e a súa contía indicarase na resolución de concesión.
4. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía doutras axudas concedidas para o proxecto non supere o importe do cofinanciamento privado indicado neste artigo. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.
5. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como, se for o caso, das axudas recibidas en réxime de minimis nos últimos tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar, se for o caso, ao inicio dun procedemento de reintegro.
Artigo 4. Solicitude
1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:
a) Os prazos de presentación de solicitudes serán os especificados na convocatoria, co obxectivo de organizar coa mellor eficacia posible a formación grupal, e tramitar o procedemento como bloques de solicitudes aos cales se aplicarán os criterios de selección en concorrencia competitiva.
Os períodos de admisión de solicitudes anunciaranse na páxina web do Igape (http://www.igape.es/reacciona) e na súa oficina virtual (http://tramita.igape.es), e serán os especificados na convocatoria. Se se dá o caso de esgotamento dos servizos contratados ás empresas mediante licitación pública, publicarase tal circunstancia no DOG co fin de anular os prazos de presentación de solicitudes que restasen por producirse.
Dentro dos prazos establecidos na resolución de convocatoria, os solicitantes deberán cubrir un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.
Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractación SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.
As solicitudes presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo.
Unha vez cuberto o formulario, na aplicación informática obterase o formulario normalizado de solicitude que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo, no que será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadase concederase aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
b) Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
c) A tramitación electrónica será obrigatoria, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Esta obrigatoriedade esténdese ás persoas físicas solicitantes en tanto que solicitan a axuda para a súa actividade profesional como autónomos, polo que se entende que teñen o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.
No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá ao solicitante que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:
1º. Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.
2º. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.
3º. A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
4º. Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
5º. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
d) Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es.
2. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.
Artigo 5. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.
e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 6. Órganos competentes
A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento, e corresponde, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.
Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador cuxos membros serán designados pola Dirección Xeral do Igape de entre o persoal técnico da Área de Competitividade. Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará cun presidente e un secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 7. Instrución dos procedementos
1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.
2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo.
3. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador do Igape en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e elaborará unha relación delas coa puntuación que corresponde a cada unha, en aplicación dos seguintes criterios de valoración:
a) Segundo o número de empregados da peme no último exercicio:
De 0 a 5: 5 puntos.
De 6 a 15: 20 puntos.
De 16 a 50: 50 puntos.
51 ou superior: 35 puntos.
b) Ter desenvolvido unha análise previa ou plan estratéxico onde se poña de manifesto a necesidade do servizo para o cal se solicita a axuda: 25 puntos. Para a asignación desta puntuación, a análise deberá conter, polo menos: presentación da empresa, principais magnitudes económicas e organizativas, exposición da situación actual da empresa, análise consensuada co equipo directivo das principais características do contorno e propias da empresa nas cales se poden abordar proxectos de mellora e de plans de acción motivados (ou borrador deles).
c) Actividades preferentes da Axenda de competitividade Galicia Industria 4.0, que constitúe o Plan director da industria de Galicia 2015-2020, definido no artigo 23 da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, ou referenciados no reto 2 (modelo industrial da Galicia do futuro) da estratexia RIS3 de Galicia: sector automoción e auxiliar de automoción, industria da madeira, industria de transformación agroalimentaria, sector moda (confección e complementos), industria aeronáutica e auxiliar, sector de náutica deportiva e de recreo e auxiliar de náutica deportiva e de recreo, sector químico e industria farmacéutica, fabricación de material sanitario, biotecnoloxía, biomecánica, fabricación de equipos ambientais, fabricación de equipamentos e sistemas para instalacións de enerxías renovables, eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos, servizos e desenvolvemento de software, sector audiovisual e desenvolvemento de contidos e centros telemáticos, loxística: 15 puntos.
d) Pola asociación a un clúster: 10 puntos.
No caso de empate na baremación, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio «a». Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio «b» e así sucesivamente. Esgotados estes criterios de desempate, se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no art. 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto en que a empresa participante teña implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude e, en último caso, polo número de expediente máis baixo, que se outorga segundo a data de presentación da solicitude no Igape.
4. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das axudas por delegación do Consello de Dirección do Igape.
Na resolución figurarán os seguintes aspectos:
a) O importe do cofinanciamento privado.
b) A contía da axuda en especie, en réxime de minimis, calculada como se establece no artigo 3 destas bases reguladoras.
c) Que a axuda está cofinanciada co Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.
d) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.
e) Prazo para a execución do servizo.
f) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).
A axuda terá a consideración de axuda en especie en réxime de minimis e cumprirá o establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).
5. A resolución conxunta relativa a cada período de admisión de solicitudes será notificada de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 45 da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, á cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.
As resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón «tramitación electrónica» para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun aviso de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).
6. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións será de 45 días hábiles desde o peche de cada período de admisión. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Artigo 8. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 9. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e admítense, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas á modificación do prazo de execución do servizo e á tipoloxía de servizo/s que se van acometer, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo.
2. O beneficiario deberá solicitar a modificación presentando instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.
Artigo 10. Execución do servizo
1. Unha vez concedida a axuda en especie, a empresa prestadora do servizo porase en contacto coa peme destinataria a fin de organizar a formación inicial descritiva do servizo, que poderá ser individual ou en grupo.
2. Unha vez recibida a dita formación, e antes de comezar a súa execución, a peme destinataria deberá ingresar na conta bancaria indicada na resolución de concesión a súa parte de cofinanciamento, que será empregado polo Igape co fin único e exclusivo de contribuír ao pagamento dos servizos contratados co correspondente provedor, prezo que será aboado directamente polo Igape á contratista.
3. No caso de que dous meses antes da finalización do prazo de execución do servizo non se producise o ingreso, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda e arquivarase o expediente. Este prazo poderá ser exceptuado mediante resolución do órgano competente para a instrución do procedemento, sempre que concorran causas xustificadas.
4. O beneficiario da axuda deberá prestar a dedicación requirida para a execución do proxecto de mellora durante a prestación do servizo, así como facilitar o labor da prestadora deste poñendo á súa disposición a información requirida para completar o traballo. O Igape estudará e resolverá calquera situación de desacordo entre as partes que se puider producir nesta fase.
Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios
Son obrigas dos beneficiarios:
a) Executar o proxecto de mellora, no cal poderán participar en todo momento técnicos do Igape.
b) Ingresar antes da execución do servizo, mediante o procedemento establecido no artigo 10, o importe do cofinanciamento privado indicado na resolución de concesión, que non será reintegrado unha vez comezada a execución do servizo, salvo casos de forza maior debidamente xustificados.
c) Colaborar co Igape nas actividades divulgativas do programa Re-accionaTIC: xeración de casos de éxito, material promocional, participación en presentacións, reportaxes audiovisuais, visitas demostrativas e calquera outra similar. O compromiso máximo exixido será o dunha xornada laboral dalgunha das persoas implicadas na prestación de servizo.
d) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo II a estas bases.
e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. A tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, durante, polo menos, un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.
f) Proceder ao reintegro da axuda recibida, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) No caso de non ser capaz de realizar o proxecto de mellora, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.
h) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.
i) Facilitar ao Igape ou ás entidades que colaboren con el a recolla de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do servizo, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.
j) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.
k) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
l) As pemes beneficiarias están obrigadas a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.
m) O beneficiario acepta que os datos resultantes da execución do servizo, unha vez desvinculados dos datos identificativos da súa empresa, pasen a formar parte dunha base de datos para a súa explotación multicriterio con fins estatísticos, de deseño de políticas públicas e de difusión de situacións empresariais.
Artigo 12. Xustificación da execución
1. O prazo para presentar a documentación xustificativa da execución do servizo rematará un mes despois do prazo establecido para a súa execución.
2. A documentación xustificativa que se deberá presentar é a seguinte:
a) Xustificante de ter impartido a formación inicial.
b) Xustificante da peme destinataria de ter aboado o confinaciamento privado.
c) Memoria do proxecto e outros entregables definidos no contrato entre o Igape e a empresa prestadora do servizo.
3. A entrega ao Igape da documentación xustificativa será realizada pola empresa prestadora do servizo, en virtude da autorización da peme prestadora do servizo recollida no anexo I, a través da plataforma informática de xestión que manterá o Igape coas empresas prestadoras dos servizos.
Artigo 13. Perda do dereito á axuda e reintegro
1. Producirase a perda da axuda en especie no suposto de falta de xustificación da execución do servizo, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de reintegrar ao Igape total ou parcialmente a contía da axuda en especie percibida, así como os xuros de mora correspondentes.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito da axuda en especie e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.
b) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
c) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 11.d) destas bases.
d) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e debe resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio: negativa ou obstrución a facilitar información de indicadores: penalización económica equivalente ao importe do cofinanciamento privado do servizo.
Artigo 14. Réxime sancionador
Aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 15. Fiscalización e control
Os beneficiarios destas axudas someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, así como ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.
Artigo 16. Comprobación de axudas
1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da axuda, así como a execución do servizo e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da axuda.
2. Para todo o non previsto no punto anterior será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 17. Publicidade
1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.
2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas en especie concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape (www.igape.es) e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, o beneficiario, a contía e a finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.
3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
Artigo 18. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable desde ficheiro é o Igape, quen no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesario achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.
Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.
Artigo 19. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto en:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
e) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).
f) Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014).
g) Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).
h) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).
i) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.
j) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.
k) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.
2. En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.