Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2018 Páx. 7148

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2018 pola que se aproba o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios do porto da Guarda e a instalación portuaria da Pasaxe.

A área de explotación e planificación portuaria da entidade pública empresarial Portos de Galicia redactou e tramitou o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto da Guarda e a instalación portuaria da Pasaxe, instalacións portuarias situadas no termo municipal da Guarda, da provincia de Pontevedra, e adscritas ao ente público para a súa xestión.

Este documento foi redactado de acordo coa súa formulación prevista no artigo 69 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, aprobado mediante o Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro (Boletín Oficial del Estado núm. 253, do 20 de outubro), aplicable ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en defecto de lexislación autonómica propia.

Na reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia celebrada o día 27 de xullo de 2017, este acordou dar a súa conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto da Guarda e a instalación portuaria da Pasaxe, segundo o disposto no artigo 13.e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e o referido artigo 69 do texto refundido, así como elevalo e propoñelo para a súa aprobación.

Unha vez vistos o expediente e o informe-proposta da xefa da área de explotación e planificación portuaria do 12.7.2017, que conta coa conformidade do director de Portos de Galicia, así como o acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia do 27.7.2017 dando a conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto da Guarda e a instalación portuaria da Pasaxe e elevándoo e propoñéndoo para a súa aprobación, o presidente do Consello de Administración da entidade pública empresarial Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Mar conferida por Orde do 30 de marzo de 2012, resolve:

Aprobar o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto da Guarda e a instalación portuaria da Pasaxe (A Guarda, Pontevedra), na súa última versión asinada en xullo de 2017 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos da entidade pública empresarial Andrés D. Cervantes Refojos, xefe do departamento de planificación portuaria, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, xefa da área de explotación e planificación portuaria.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2018

José Juan Duran Hermida
Presidente de Portos de Galicia