Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2018 Páx. 6930

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ao alumnado do Centro Superior de Hostalaría de Galicia para cursar estudos complementarios para a obtención dun título oficial en Dirección Hoteleira no estranxeiro no curso 2017/18.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que corresponden ao Estado.

A Axencia Turismo de Galicia está a desenvolver unha política de asistencia económica ás/aos estudantes do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (en diante, CSHG), que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade e internacionalización do currículo do alumno.

Esta resolución ten por obxecto promover unha formación integral avanzada, para favorecer a obtención do alumnado do CSHG, dun currículo internacional que mellore as súas oportunidades cara á súa inserción no ámbito laboral.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Atendendo a estas consideracións xerais, en virtude das competencias que me foron atribuídas, e por proposta da Axencia Turismo de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas á matrícula para os/as alumnos/as que, tendo finalizados os estudos do gran diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras ou diploma superior en Xestión Hoteleira do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, vaian realizar estudos complementarios para a obtención dun título oficial de Dirección Hoteleira no estranxeiro no curso 2017/18 así como efectuar a súa convocatoria para o curso 2017/18 (TU200B).

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario destas axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, xunto cos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 6 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) A páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal e a páxina web do CSHG.

b) Os teléfonos 981 54 25 19 e 981 54 25 59 do CSHG e fax número 981 54 25 90.

c) Enderezo electrónico informacion.cshg@xunta.gal

d) Presencialmente.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal.

Se as dúbidas están relacionadas con esta convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico informacion.cshg@xunta.gal

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ao alumnado do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, para cursar estudos complementarios para a obtención dun título oficial de Dirección
Hoteleira no estranxeiro no curso 2017/18

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto o outorgamento, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas á matrícula para os/as alumnos/as que teñan finalizados os estudos de gran diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hosteleiras ou diploma superior en Xestión Hoteleira do Centro Superior de Hostelaría de Galicia e vaian realizar estudos complementarios para a obtención no curso 2017/18 dun título oficial de Dirección Hoteleira no estranxeiro.

Artigo 2. Número e contías das axudas

As axudas previstas nestas bases imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2 761A 480.0, proxecto 2015 00006 dos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para a anualidade 2018 cun importe total de 60.000 euros.

Ao abeiro desta convocatoria concederanse un máximo de 20 axudas de estudos, cunha contía máxima de 3.000euros por alumno, sen que, en todo caso, esta cantidade supere o 40 % do importe da matrícula.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2018.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Solicitantes

Poderán solicitar estas axudas os/as alumnos/as que reúnan os requisitos académicos que establece esta resolución e teñan formalizada a matrícula para realizar estudos complementarios para a obtención no curso 2017/18 dun título oficial de Dirección Hoteleira no estranxeiro.

Artigo 4. Requisitos

Para poder optar á concesión dunha axuda deberán cumprirse as seguintes condicións:

1. Ser español, ou posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. De conformidade co disposto na Lei 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e na redacción dada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, os estudantes estranxeiros non comunitarios deberán acreditar a súa condición de residentes e queda excluído de concorrer a estas axudas quen se encontre en situación de estadía.

2. Ter finalizados os estudos do gran diploma de Xestión e Dirección de Empresas Hostaleiras ou diploma superior de Xestión Hoteleira do Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

3. Ter formalizada a matrícula para a realización de estudos complementarios para a obtención no curso 2017/18 dun título oficial de Dirección Hoteleira no estranxeiro.

4. Posuír o nivel de idiomas requirido no centro en que se formalice a matrícula.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Acreditación de posuír o nivel de idiomas requirido no centro en que se formalice a matrícula.

– Fotocopia do xustificante da matrícula nos estudos complementarios para a obtención no curso 2017/18 dun título oficial de Dirección Hoteleira no estranxeiro para os cales se solicita a axuda.

3. Non será necesario presentar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que debe presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– Certificación dos estudos realizados no CSHG.

– Certificado municipal de empadroamento.

– Acreditación de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas, no caso de denegar expresamente que as solicite o órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.1. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

8. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitarlles a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente, só para o caso daquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 7. Selección

A puntuación por solicitante será o resultado de sumar a nota do expediente académico e o coñecemento da lingua estranxeira.

O coñecemento da lingua estranxeira será valorado segundo os niveis contidos no Marco europeo das linguas (non acumulables):

C1 ou acreditacións equivalentes: 2 puntos.

C2 ou acreditacións equivalentes: 3 puntos.

No caso de igualdade na puntuación total, os candidatos ordenaranse atendendo aos seguintes criterios complementarios:

1º. Ter superada a titulación nos anos previstos no plan de estudos.

2º. Número de matrículas de honra obtidas nos ditos estudos.

3º. Número de sobresalientes obtidos nos ditos estudos.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto para remitir ao Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Compatibilidade con outras axudas

As axudas reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da matrícula do curso solicitado.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: A Barcia, estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a xerencia.turismo@xunta.gal

Artigo 11. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da axuda e correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión.

Artigo 12. Instrución

1. De conformidade co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

Artigo 13. Comisión avaliadora

1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente/a: a persoa titular da Xerencia da Axencia Turismo de Galicia.

Secretario/a: a persoa titular do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, que actuará como membro do órgano con voz e voto.

Vogais:

A persoa titular do Departamento de Coordinación Académica do CSHG.

Un/unha asesor/a técnico/a da Axencia Turismo de Galicia.

Un/unha asesor/a técnico/a do CSHG.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puider asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

3. A Comisión elaborará a acta das súas deliberacións e redactará un informe en que constará:

– A relación de axudas propostas de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– A lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación.

Á vista do informe da comisión avaliadora, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada, na cal se detallarán as axudas concedidas, o importe e os beneficiarios, así como as listas de reserva.

Esta proposta publicarase na internet, na epígrafe de «Titulacións-axudas e financiamento» do enderezo www.cshg.es, así como no taboleiro de anuncios do CSHG, e os/as interesados/as poderán formular alegacións nun prazo de 10 días, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaralla á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución motivada, que será notificada de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes rexeitadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou deixen de realizar por medios electrónicos.

6. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

8. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico realizarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

10. Contra a dita resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado.

3. Cando o beneficiario da axuda poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da axuda, que poidan dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, e ao terse omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da axuda poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, se entenderá tacitamente aceptada.

2. A renuncia á axuda poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

3. No caso de que os/as beneficiarios/as non acepten a axuda, serán substituídos/as polas persoas que figuren na correspondente listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 17. Aboamento e xustificación das axudas

A Axencia Turismo de Galicia procederá ao aboamento da axuda unha vez notificada a resolución de concesión, e transcorridos os prazos determinados no artigo anterior.

Previamente ao pagamento deberá acreditarse que os beneficiarios están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro mediante a presentación do modelo normalizado anexo IV que comprenderá:

a) Declaración responsable de non estaren incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10, números 2 e 3, da Lei de subvencións de Galicia.

b) Declaración da obtención de outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o proxecto premiado, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión do premio.

Artigo 18. Obrigas dos/das solicitantes e beneficiarios/as

Os/as solicitantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios/as de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

O alumnado que resulte beneficiario destas axudas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico os estudos en que estea matriculado e non anular a matrícula.

b) Cumprir os requisitos e condicións establecidos para a concesión e desfrute da axuda.

c) Cooperar coa Administración nas actuacións de comprobación que sexa necesario verificar, se procede, do cumprimento e da efectividade das condicións determinantes da concesión da axuda.

d) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude ou na declaración responsable e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Axencia Turismo de Galicia.

e) Comunicar á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o custo da matrícula solicitada, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da axuda.

f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Comunicar por escrito a renuncia á axuda no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

h) Subministrar á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia Turismo de Galicia das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Artigo 20. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file