Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2018 Páx. 6951

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece entre os fins que persegue a lei, aos que a Administración autonómica acomodará as súas actuacións, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade, con garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.

A Axencia Turismo de Galicia créase, en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da Comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na Comunidade Autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico; a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, regula no seu artigo 27 a declaración de municipios turísticos, e no artigo 29 os efectos da citada declaración, e establece que os municipios turísticos e os suxeitos turísticos que prestan neles os seus servizos deben ser obxecto de atención preferente nos seguintes ámbitos:

a) Na elaboración dos plans e programas turísticos das administracións supramunicipais e da Administración da Xunta de Galicia.

b) Nas liñas e medidas de fomento económico establecidas pola Administración da Xunta de Galicia e polas deputacións provinciais.

c) Nas actividades da Administración da Xunta de Galicia dirixidas á promoción interior e exterior do turismo e ao fomento da imaxe de Galicia como oferta ou marca turística global.

d) Nas políticas de implantación ou de mellora de infraestruturas e servizos que incidan notoriamente no turismo e sexan impulsadas polos distintos departamentos da Administración da Xunta de Galicia.

A afluencia turística dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro nos municipios turísticos, fai necesaria a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos citados municipios para o mantemento da calidade no servizo de información turística que se presta, de xeito que se potencia a imaxe non só dos municipios de interese turístico senón da Comunidade Autónoma, no seu conxunto, no exterior.

A través desta resolución convócanse as ditas axudas que se tramitarán baixo o réxime de concorrencia non competitiva de maneira que as solicitudes recibidas no prazo establecido serán atendidas respectando a súa orde de incoación, sen que se produza comparación entre elas, e ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento vén motivada pola propia natureza das axudas, xa que a súa concesión unicamente a determina o cumprimento por parte das entidades solicitantes dos requisitos establecidos na propia resolución.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade e conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, de 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas aos municipios declarados turísticos e aos xeodestinos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2018.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

2. Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse da forma e no prazo establecidos no devandito artigo 4 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

4. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal

b) O teléfono 981 540260 e o fax 981 546 371 da devandita axencia.

c) Enderezo electrónico: xerencia.turismo@xunta.gal

d) Presencialmente.

5. Réxime de recursos.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2018

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos declarados municipios turísticos e xeodestinos
de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses
de xuño, xullo, agosto e setembro

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos galegos e dos xeodestinos durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro (TU900A).

O dito persoal poderá contratarse no período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, ambas as dúas datas incluídas.

No caso de que solicite a subvención un concello, será requisito indispensable que o concello conte coa declaración de municipio turístico galego regulada no Decreto 32/2015, do 19 de febreiro, polo que se regula a declaración de municipio turístico (DOG núm. 41, do 2 de marzo).

No caso de que soliciten a subvención entidades que representen os xeodestinos ou subxeodestinos descritos no mapa oficial de xeodestinos de Galicia publicado pola Axencia Turismo de Galicia, deberá designarse o concello en que realizará o seu traballo o persoal contratado obxecto destas subvencións.

O persoal que se contrate deberá estar en posesión dalgún dos seguintes títulos: técnico superior en Información e Comercialización Turística ou técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística; técnico en Empresas e Actividades Turísticas, ou grao ou diplomado/a en Turismo ou equivalente homologado ou ben contar coa habilitación de guía de turismo.

Como medida de fomento do emprego, o persoal que se contrate deberá figurar como desempregado, ou demandante dunha mellora de emprego, no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados entre o 15 de xuño e o 15 de setembro de 2018.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os pague efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.460.0, proxecto 2015 00006, cun crédito de 300.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o cal poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación dos expedientes.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2018.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

2. As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 5.200 euros por entidade beneficiaria, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 5.200 euros, a contía da axuda será como máximo o importe dos gastos.

Considéranse gastos subvencionables a contratación de persoal para prestar servizos de información turística nas oficinas de turismo do concello ou entidade solicitante, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro. Nestes gastos inclúense os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada.

3. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatales, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concurrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que conten coa declaración de municipios turísticos galegos.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarios destas subvencións os 18 xeodestinos e subxeodestinos descritos no mapa oficial de xeodestinos de Galicia, publicado pola Axencia Turismo de Galicia, que deberán estar representados por algunha das seguintes entidades:

– Mancomunidades e consorcios locais de Galicia constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xulio, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

– Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

O órgano de representación destas entidades ou agrupacións será o encargado de designar o concello do xeodestino ou subxeodestino en cuxa oficina de turismo será desenvolvida a actividade de información, obxecto da subvención.

3. Só poderá presentarse unha solicitude por concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación.

Porén, os concellos cuxas oficinas de información acollan o informador/a designado/a polos xeodestinos ou subxeodestinos, poderán pola súa vez facer unha solicitude de maneira independente, sendo compatible, deste xeito, a condición de beneficiario dun concello de interese turístico con ser o concello cuxa oficina de turismo é designada polo xeodestino ou subxeodestino como a destinataria do/a informador/a obxecto de subvención.

4. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

5. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

Artigo 4. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

5. Os interesados presentarán a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo II subscrita polo órgano competente do concello ou entidade solicitante.

No caso de que presente a solicitude unha agrupación de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Así mesmo, e para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que as integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

b) Acreditación de que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos cada concello deberá acreditar a citada remisión.

c) Certificación do/a secretario/a da entidade local na que consten os seguintes datos:

– Acordo de solicitar a subvención e de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

Este acordo deberá adoptarse antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

– O número de traballadores que se van contratar e as súas retribucións salariais brutas, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, nas cales se inclúa a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

Así mesmo, e de forma imprescindible, deberá remitirse a referencia da publicación do convenio colectivo que se aplique, así como as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

No caso das agrupacións de concellos, presentarase unha certificación emitida pola secretaría do concello representante, na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos integrantes da agrupación:

– Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención e de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

– O nomeamento do/a alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

– Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.

d) O instrumento xurídico que regule a agrupación, o cal deberá incluír, en todo caso, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles e a designación do/a alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que ten que presentar o/a solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos ou en formatos non admitidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Axencia Turismo de Galicia publicará na súa páxina web, ademais da información que se debe facer pública segundo a normativa básica en materia de transparencia (importe, obxectivo ou finalidade e beneficiarios), o texto íntegro da convocatoria das axudas ou subvencións, e as concesións das devanditas axudas ou subvencións, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. En cumprimento do disposto no artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: estrada Santiago-Noia, km 3 (A Barcia) Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a xerencia.turismo@xunta.gal

Artigo 7. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. Esta proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigorosa orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF da entidade solicitante, data de presentación da solicitude, número de traballadores contratados, duración dos contratos, e o seu custo, contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante ao cal se lle concede a subvención, o número de traballadores contratados, período polo que se contratan e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

Unha vez esgotado o crédito destinado a estas subvencións publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia que comportará a inadmisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá efectuada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada.

6. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

7. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Se o acto non for expreso, poderá interpoñerse o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade local beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar: memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 9 destas bases.

6. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar a modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime ao beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) O beneficiario deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar nas oficinas de turismo, na súa publicidade ou na información que xeren en relación coa actividade subvencionada, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, de ter páxina web a oficina de turismo, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

h) Igualmente, o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turismo.gal/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos adecuados así como as indicacións do uso.

i) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 15. Subcontratación

Poderán ser obxecto de subcontratación, ata o 100 %, as actuacións subvencionadas nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

En ningún caso se poderán subcontratar actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

No caso en que se realice a subcontratación, só se considerará gasto subvencionable o custo dos traballadores contratados de conformidade co disposto no punto 2 do artigo 2, e en ningún caso se subvencionará o beneficio da empresa ou entidade que realice a contratación, nin ningún imposto indirecto derivado desta.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de outubro de 2018 para presentar, por medios electrónicos e de acordo co sinalado no artigo 4 destas bases, orixinais ou copias da documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V.

b) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:

– En todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Certificación expedida pola secretaría da entidade local co visto e prace do/a alcalde/alcaldesa ou, se é o caso, do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria, en que consten as retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

c) Copias dos contratos de traballo e dos partes de alta e de baixa na Seguridade Social dos traballadores contratados.

d) Orixinais ou copias das titulacións dos/as traballadores/as contratados/as.

e) Anexo III: modelo de declaracións actualizado.

No caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que as integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

f) Unha memoria asinada feita polo/a traballador/a contratado/a sobre as actividades levadas a cabo ou algún aspecto relacionado co sector turístico no municipio.

2. O investimento xustificado deberá coincidir co importe do gasto subvencionable da resolución de concesión das subvencións ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor e sempre que se cumpra coa finalidade para a cal se concedeu a subvención, corresponderá igualmente o pagamento do importe concedido sempre que a contía xustificada sexa igual ou superior a este.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 17. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Axencia, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Tamén farán na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Os interesados poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorran algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas ou entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 21. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 193/2011, de 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file