Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2018 Páx. 7429

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2016.

A base oitava da Resolución do 22 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área, establece un prazo de cinco días hábiles seguintes ao da publicación dos modelos provisionais de respostas para que os/as interesados/as poidan presentar reclamación contra os exercicios.

Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións presentadas, anula algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Neste caso, serán tidas en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións provisionais e as respostas definitivas dos distintos exercicios, que se efectuará na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Á vista das reclamacións presentadas en prazo, este centro directivo, de conformidade coa antedita base,

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) ao modelo definitivo de respostas, aprobado polo órgano de selección, correspondente a cada un dos exercicios que integran a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 7, do 11 de xaneiro de 2017).

Segundo. Publicar, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes presentados/as aos exercicios da fase de oposición do citado proceso selectivo.

Terceiro. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da súa publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A reclamación deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberá dirixirse á sede do tribunal para efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2018

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos