Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2018 Páx. 7724

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na Estratexia RIS3 de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN607E).

missing image file

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece, no artigo 149.1.15, que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.19, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ten por obxecto establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación (Gain) e se aproban os seus estatutos, establece que a Gain ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) fixa o marco xeral de actuación cara ao que deben enfocarse os esforzos da política de cohesión europea, que financian os fondos estruturais e de investimento europeos, entre os que está o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) co que se financia esta convocatoria. A EE2020 fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que baseándose, pola súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento: desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e na innovación; desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva e desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial.

No marco da Estratexia de dixitalización europea, a Comunicación COM (2016) 180 final orientada a aproveitar todas as vantaxes dun mercado único dixital, recoñece a importancia do apoio público aos chamados «centros de competencia», a través dos Fondos estruturais e de investimento europeos (EIE) no marco dos Digital Innovation Hubs (DIH). A citada comunicación recolle, de xeito concreto, a necesidade de fomentar:

– As relacións multilaterais entre estes centros e o tecido industrial, tendo en conta a súa función de conectores e catalizadores das actividades de transferencia, onde a proximidade é un elemento clave.

– A interconexión entre os diferentes DIH rexionais para crear sinerxías entre eles, no marco dunha estratexia de dimensión europea, para desenvolver un sistema de portelo único que faga accesible os seus servizos a calquera empresa, especialmente ás pemes.

O obxectivo é que, a través dos DIH, as empresas poidan acceder aos últimos coñecementos, experiencia e tecnoloxía para poñer no mercado, de forma efectiva, produtos innovadores, así como mellorar os seus procesos e desenvolver novos modelos de negocio, que as fagan máis competitivas.

Desde un punto de vista operativo, a nivel europeo estase levando a cabo a definición dun catálogo das DIH existentes, e dun inventario dos centros de infraestruturas que presten servizos ligados ás tecnoloxías facilitadoras. En ambos os dous casos, o obxectivo é sensibilizar e achegar ás empresas, especialmente ás pemes, servizos tecnolóxicos enfocados á comercialización das súas ideas innovadoras (prototipado, testeo, escalado, primeira produción, validación de produto, etc.) para acadar unha mellora da súa competitividade. Nestas dúas iniciativas, a través das que se fomenta a cooperación entre os distintos axentes do ecosistema da I+D+i, recoñécese o papel esencial dos centros tecnolóxicos, avaliados segundo a súa capacidade e a calidade dos seus servizos para a mellora da competitividade do tecido produtivo europeo.

De xeito paralelo, no marco da especialización intelixente da política de cohesión para acadar os obxectivos da Estratexia Europa 2020, a Plataforma S3 da Comisión Europea puxo en marcha varias plataformas temáticas en áreas compartidas pola maioría das rexións (modernización industrial, agroalimentaria e enerxía). A través destas novas iniciativas, introdúcese, de xeito especial, a análise das cadeas de valor a nivel global dentro do enfoque de especialización intelixente, explicitándose a necesidade da colaboración interrexional sempre que se detecten similitudes e complementariedades. O obxectivo é evitar duplicar os investimentos entre rexións europeas, coa consecuente excesiva fragmentación e perda de sinerxías.

A través destas plataformas temáticas, a Comisión Europea avanza no enfoque de especialización intelixente, a cal se debe entender como un proceso continuo de exploración e explotación do potencial de investigación e das oportunidades de negocio. A análise do potencial das rexións para xerar vantaxes competitivas a través da innovación realízase considerando as súas capacidades dentro de cadeas de valor europeas e mundiais e non só rexionais, utilizando a especialización intelixente como principio de coordinación para a colaboración interrexional. Neste enfoque interrexional, ocupa un lugar destacado o fomento das sinerxías entre as tecnoloxías dixitais e outras tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE) (nanoelectrónica, nanotecnoloxía, biotecnoloxía industrial, materiais avanzados, fotónica e tecnoloxías de fabricación avanzada) para a modernización tecnolóxica do tecido produtivo. Inclúese como obxectivo axudar ás rexións a desenvolver e compartir infraestruturas (instalacións de proba, plantas piloto, etc.), prestando especial apoio a aquelas que combinen diferentes instrumentos de investimento da UE.

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (Estratexia RIS3 de Galicia), unha das condicións ex ante do programa operativo Feder Galicia (anexo 11 deste), define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020, selecciona as prioridades de investimento ao redor de tres retos e asocia a cada un deles unha serie de prioridades e liñas de acción específicas, aliñadas cos obxectivos e principais programas de innovación nacionais e europeos, entre os que cabería destacar as respectivas axendas dixitais e o programa Horizonte 2020. En liña co contexto europeo, Galicia tamén está a evolucionar na súa estratexia de especialización intelixente, no marco das prioridades xa recollidas inicialmente na súa Estratexia RIS3 de Galicia, traballando, en concreto, nunha estratexia que permita agrupar, ordenar e especializar aos axentes do ecosistema de I+D+i en ámbitos estratéxicos, promovendo a creación de hubs de innovación dixital. En liña con ela, estas axudas que agora se convocan están orientadas ao fortalecemento da capacidade dos centros tecnolóxicos co obxecto de que se poidan afianzar como centro de competencia dos hubs nos seus respectivos ámbitos de especialización.

Segundo todo exposto, pódese concluír que, para aumentar a competitividade dos centros tecnolóxicos galegos, tanto no desempeño das súas actividades primarias como organismos de investigación (especialmente o desenvolvemento de I+D independente), como nas súas tarefas de transferencia ao tecido produtivo, é necesario que dispoñan de infraestruturas tecnolóxicas punteiras ligadas ás prioridades das cadeas de valor estratéxicas para Galicia no marco dun contexto de cooperación interrexional. Con esta iniciativa, perséguese, por unha banda, seguir avanzando na súa excelencia investigadora, fortalecendo as súas capacidades para mellorar o seu posicionamento a nivel internacional e, por outra, ofrecer ao tecido produtivo os servizos necesarios de experimentación e proba para poñer no mercado produtos e servizos innovadores que melloren a súa competitividade.

O esquema concreto de apoio que se materializa a través desta convocatoria, incluída no marco do Programa Transfire da Estratexia RIS3 de Galicia, defínese na procura dun modelo de apoio secuencial que, en liña co avance na especialización intelixente de Galicia, permita maximizar as sinerxías entre os fondos EIE e Horizonte 2020, unha das prioridades da Comisión Europea para o período 2014-2020. Por este motivo, o apoio oriéntase ás etapas iniciais da cadea de valor da I+D+i dirixidas ao fortalecemento das capacidades do Sistema Galego de Innovación, en concreto dos seus centros tecnolóxicos, pero tamén ás finais, centradas na comercialización dos resultados xerados. Ademais, defínese tamén de xeito complementario con outros instrumentos da Gain, a través do carácter aberto que deberán ter as infraestruturas apoiadas. Mediante a combinación estratéxica de fondos europeos e rexionais de I+D+i búscase acadar un maior impacto na competitividade, no emprego e no crecemento.

Por outra banda, para afondar na eficiencia e eficacia do financiamento público, a concesión destas axudas ligarase á obtención de resultados tanto na mellora da excelencia do centro tecnolóxico, como no desenvolvemento das súas tarefas de apoio ao tecido produtivo para a posta no mercado dos resultados de I+D+i. Así, cada proposta deberá acompañarse dun plan de explotación para as infraestruturas solicitadas, un aspecto esencial na súa valoración, no que deberán explicitarse os obxectivos concretos asociados tanto á actividade de xeración de coñecemento como de transferencia.

O obxectivo final desta dobre funcionalidade das infraestruturas, que se apoiarán con esta liña de axudas será: xerar coñecemento e, pola súa vez, mellorar os labores de transferencia de coñecemento, e acadar un ecosistema de financiamento de I+D+i que poida chegar a ser sustentable por si mesmo, ao estar baseado nun modelo de negocio rendible no marco da especialización intelixente de Galicia, que diminúa a súa dependencia de financiamento externo.

A necesidade deste dobre enfoque fai imprescindible que as infraestruturas apoiadas baixo esta convocatoria se poidan utilizar tanto para o desenvolvemento de actividades económicas como non económicas, sempre respectando a normativa vixente en materia de axudas de Estado. Así, as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) núm. 187, do 26 de xuño de 2014 (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014). Neste regulamento recoñécese que as infraestruturas de investigación de alta calidade son cada vez máis necesarias para unha investigación e unha innovación pioneiras, xa que atraen talento de todo o mundo e son fundamentais para apoiar as tecnoloxías da información e a comunicación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais, atraendo pola súa vez investimento privado.

Dentro deste esquema, tanto a cooperación como o carácter aberto e compartido das infraestruturas son elementos esenciais, polo que serán aspectos considerados de xeito explícito na valoración das solicitudes recibidas.

Tendo en conta todo o anterior, a directora da Gain, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Gain,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Gain para o fortalecemento dos centros de xeración de coñecemento, aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na Estratexia RIS3 de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, as devanditas axudas para o ano 2018 (código de procedemento IN607E), cofinanciadas polo fondo Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (prioridade de investimento 1.1 e obxectivo específico 1.1.2), en consonancia co establecido no artigo 2.91 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia validamente inscritos, no momento da presentación da súa solicitude, no rexistro estatal de centros regulado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro.

2. Consonte o establecido no artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, cando un destes centros leve a cabo actividades económicas (oferta produtos ou servizos nun determinado mercado), ademais das actividades non económicas ligadas ás súas actividades primarias como organismo de investigación e de difusión de coñecemento, o financiamento, os custos e os ingresos desas actividades deberán contabilizarse por separado. Ademais, as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

3. Non poderán acceder ás condicións de beneficiario/a as persoas ou entidades nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 3. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables as infraestruturas de investigación ligadas ao desenvolvemento dunha mesma liña ou liñas de I+D+i no marco de cadeas de valor estratéxicas para Galicia da Estratexia RIS3 (anexo VI) agrupadas nun mesmo proxecto. De xeito coherente co preámbulo desta resolución, deberán ser infraestruturas de investigación de alta calidade para o desenvolvemento dunha investigación e unha innovación punteiras, servindo de apoio ao desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e a comunicación, así como das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

2. Estas infraestruturas poderán consistir exclusivamente na adquisición de equipamento científico e técnico e/ou de programas e aplicacións informáticas de carácter especializado e técnico, os cales se deberán agrupar nun único proxecto (proxecto de infraestrutura) que será obxecto dunha mesma solicitude.

3. Establécese un orzamento mínimo subvencionable de 100.000 euros (cen mil) para cada proxecto de infraestrutura. Ademais, cada centro deberá presentar unha solicitude por cada proxecto de infraestrutura e non haberá limitación no número de proxectos que cada centro presente.

4. As infraestruturas deberán estar orientadas, no marco dun contexto de cooperación interrexional, ao dobre obxectivo de mellora:

a) Da excelencia investigadora do centro tecnolóxico, fortalecendo as súas capacidades para mellorar o seu posicionamento a nivel internacional.

b) Das súas tarefas de transferencia ao tecido produtivo, de xeito que se ofrezan os servizos necesarios de experimentación e proba para poñer no mercado produtos e servizos innovadores que melloren a súa competitividade.

5. As infraestruturas deberán estar, ademais, destinadas á obtención de resultados, de xeito que cada proxecto de infraestrutura deberá acompañarse dun plan de explotación no que cada centro indique cales son os seus obxectivos concretos de xeración de coñecemento e de transferencia.

Artigo 4. Requisitos das infraestruturas apoiadas

As infraestruturas apoiadas ao abeiro destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) De xeito coherente co seu dobre obxectivo, poderán desenvolver actividades económicas e non económicas, pero é imprescindible que o financiamento, os custos e os ingresos de cada tipo de actividade se consignen polo centro de xeito separado, con base en principios de contabilidade de custos aplicados con coherencia e xustificables de maneira obxectiva.

b) O acceso ás infraestruturas estará aberto a varias entidades usuarias de xeito transparente e non discriminatorio. No caso de que unha empresa financie polo menos un 10 % dos custos da infraestrutura, esta poderá beneficiarse dun acceso preferente en condicións máis favorables. Non obstante, co fin de evitar unha compensación excesiva, o dito acceso será proporcional á contribución da empresa, e as condicións faranse públicas.

c) O prezo que se cobre polo funcionamento ou utilización das infraestruturas deberá corresponder ao prezo de mercado.

d) As infraestruturas apoiadas deben cumprir os requisitos do artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014 relativos ao efecto incentivador. As axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se ten presentado antes do comezo da actividade. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha entidade de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos que a entidade incorrería de todos os xeitos, nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica. A data de inicio das actividades presentadas non debe entenderse unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data efectiva de comezo destas.

e) Tal e como se recolle no anterior artigo 3.3, establécese un orzamento mínimo subvencionable de 100.000 euros (cen mil) para cada proxecto de infraestrutura.

Artigo 5. Modalidades de participación

A única modalidade de participación é a individual. Non obstante, as solicitudes dun centro que inclúan un plan de explotación da infraestrutura de forma conxunta con outros centros tecnolóxicos valorarase nos termos sinalados no artigo 18 B).

Artigo 6. Financiamento

1. As subvencións imputaranse á aplicación orzamentaria que se indican neste artigo, de conformidade co establecido no artigo 25.a), do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, pola cal se condiciona a concesión destas subvencións á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación, todo o anterior, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración. O crédito destinado a esta convocatoria é o seguinte:

Eixe

OE

Beneficiarios

Desagregación medida (CE_Actividades)

Partida orzamentaria

Total (€)

01

1.1.2

Organismos de investigación privados

059_084

09.A3.561A.781.0 (2016.00001)

6.500.000,00

2. As axudas reguladas nesta resolución estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 dentro dos seguintes parámetros Eixe 1: «Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación», Prioridade de investimento 1.1 «A mellora das infraestruturas de investigación e innovación (I+i) e das capacidades para desenvolver a excelencia en materia de I+i, e o fomento dos centros de competencias, en especial os de interese europeo», Obxectivo específico 1.1.2. «Fortalecemento das institucións de I+D e creación, consolidación e mellora das infraestruturas científicas e tecnolóxicas», e Actuación 1.1.2.1. «Fortalecemento de centros de xeración de coñecemento».

3. As axudas desta convocatoria fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o cal ten unha taxa de cofinanciamento máxima do 80 %. En consecuencia, as achegas das entidades beneficiarias computaranse como investimento privado elixible.

Artigo 7. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles custos de investimento en equipamento científico e técnico e/ou programas e aplicacións informáticas de carácter especializado e técnico, que correspondan, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o seu desenvolvemento. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado e deberán referirse ás actividades definidas no artigo 3 destas bases.

A estes gastos seralles de aplicación o previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo europeo de desenvolvemento rexional para o período 2014-2020. Segundo o artigo 2.c) da citada orde o imposto sobre o valor engadido que sexa recuperable consonte a normativa nacional non será subvencionable.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen executados con data posterior á da presentación da solicitude, debido ao efecto incentivador que ten a axuda, e nunca antes do 1 de xaneiro de 2018, nin con posterioridade ao 30 de setembro de 2018.

3. A entidade beneficiaria deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as subministren. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 8. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvención. A contía individualizada determinarase en función do custo financiable da actuación e das dispoñibilidades orzamentarias, respectando sempre o límite de intensidade do 50 % dos custos subvencionables previsto no artigo 26 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2. As axudas concedidas pola Gain ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, respectando sempre os termos recollidos no artigo 8 do Regulamento (UE) nº 651/201 e no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013).

De acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o proxecto de infraestrutura poderá recibir axudas doutros fondos EIE, dun ou de varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo consonte un programa distinto.

Artigo 9. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

Se algún dos centros interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase a data de presentación da solicitude será aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 https://sede.xunta.gal/chave365

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 10. Solicitude e documentación

1. Entregarase unha solicitude para cada proxecto de infraestrutura que solicite o centro tecnolóxico, de xeito que un mesmo centro poderá presentar varias solicitudes de axuda, tantas como proxectos de infraestrutura. Segundo o indicado no artigo 3.2, na solicitude de cada proxecto de infraestrutura agruparanse os diferentes equipamentos científicos e técnicos e/ou programas e aplicacións informáticas de carácter especializado e técnico, que estean ligados ao desenvolvemento dunha mesma liña ou liñas de I+D+i no Marco de cadeas de valor estratéxicas para Galicia da Estratexia RIS3.

2. Non haberá un máximo de solicitudes por centro, de xeito que un mesmo centro poderá presentar máis dunha sen ningunha limitación ao respecto.

3. A solicitude estará composta polo seguintes documentos:

a) Formulario de solicitude (segundo o anexo I), que inclúe as seguintes declaracións responsables relativas ao centro solicitante:

1º. Declaración responsable de non estar incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (en diante, Lei 38/2003).

2º. Declaración responsable de non estar suxeito/a a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarara unha axuda ilegal ou incompatible co mercado común.

3º. Declaración de que non pode ser considerada unha empresa en crise consonte o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4º. Declaración de que a solicitude de axuda é anterior ao comezo das actividades para as que se solicita (efecto incentivador).

5º. Declaración responsable de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas nesta declaración no momento en que se produza.

6º. Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, consonte o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007 e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma.

7º. Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

8º. Declaración de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, de que son veraces os datos que se consignan na solicitude relativos á conta bancaria na que se efectuará o pagamento das axudas, así como que a entidade solicitante é o seu titular.

9º. Declaración responsable, no caso de que o centro leve a cabo actividades económicas e non económicas, de que se dispón dunha contabilidade separada que permita distinguir con claridade os dous tipos de actividades.

10º. Declaración responsable, no caso de que a infraestrutura solicitada se empregue para o desenvolvemento de actividades económicas e non económicas, de que dispón dunha contabilidade separada que permita distinguir con claridade os dous tipos de actividades.

11º. Declaración responsable, no caso de dispor dun plan de igualdade implantado no centro, de que este se manterá durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previsto no artigo 24.k) destas bases reguladoras.

12º. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto de infraestrutura para o que se solicita a axuda.

b) Anexo II: declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para o mesmo fin por outras administracións ou entes públicos ou privados.

c) Documentación técnico-económica:

1º. Anexo III: ficha do proxecto de infraestrutura que se solicita.

2º. Memoria descritiva do proxecto de infraestrutura que se solicita, redactada consonte o índice que se inclúe no anexo IV.

3º. Plan de explotación do proxecto de infraestrutura, redactada consonte o índice que se inclúe no anexo V.

Tanto a memoria como o Plan de explotación deberanse entregar en formato electrónico, concretamente deberán ser ficheiros PDF.

d) Documentación administrativa:

1º. Copia do poder cumprido co que actúa o representante legal do centro.

2º. Copia da escritura de constitución do centro debidamente inscrita, se é o caso, no rexistro mercantil ou industrial.

3º. Tres ofertas, como mínimo, de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. No caso de non escoller a oferta más económica, deberá xustificarse o motivo.

4º. No caso de solicitudes dun centro tecnolóxico que inclúan un plan de explotación conxunto do equipamento solicitado con outro/s centro/s, deberá presentarse a documentación a través da cal se poida acreditar debidamente ese uso compartido.

Os anexos I (solicitude), II (declaración doutras axudas ) e III (ficha), estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou eses documentos. Presumirase que esta consulta está autorizada polas entidades interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria deberá presentarse por medios electrónicos. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para este efectos, considerarase como data de presentación aquela que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, poderase obter información adicional na Gain, a través dos seguintes medios:

a) Sitio web da Gain http://gain.xunta.gal, na epígrafe de Axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 73 86, 981 95 74 37, 981 95 73 03 da Gain.

c) No enderezo electrónico axudas.gain@xunta.gal

d) De forma presencial.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos dispoñible en http://sede.xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (en diante, Lei orgánica 15/1999).

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola entidade interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Gain practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán/a da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos, consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que o centro solicitante se opoña a esta consulta, deberá indicalo no cadro correspondente no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ao centro solicitante a presentación dos documentos correspondentes.

Se a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable e o centro solicitante deba presentar estes certificados en fase de emenda, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

5. A Gain informará ás entidades beneficiarias que a aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións, que será obxecto de publicación, onde figurarán os nomes das entidades beneficiarias, as operacións, a cantidade de fondos públicos asignada e outra información prevista no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

6. Consonte o disposto no artigo 20.8 da Lei 38/2003, a cesión de datos que debe efectuarse á Intervención Xeral do Estado para a súa inclusión na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da entidade afectada. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no artigo 21.1 da Lei orgánica 15/1999.

7. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios, e de sancións da Xunta de Galicia, a entidade solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar, agás nos supostos legalmente establecidos. Así mesmo, a entidade solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade, a través do Portal de transparencia e Goberno aberto, dos datos referidos á subvención referida. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, a Gain publicará no seu web oficial a relación das entidades beneficiarias, o importe das axudas concedidas, e incluirá, igualmente, nos correspondentes rexistros públicos, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas puideran impoñerse. En consecuencia, a presentación da solicitude das entidades beneficiarias leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos e a referida publicidade.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, enviarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta e o texto da convocatoria para a súa publicación. Así mesmo, tramitarase a publicación do extracto da convocatoria no DOG.

Artigo 16. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Xestión da Gain será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle á directora da Gain ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se acompaña da documentación exixida, requirirase á entidade interesada mediante anuncio publicado no web da Gain http://gain.xunta.gal, para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán/a da entidade interesada, a cal está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse á entidade solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúna todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados por persoal experto e remitidos á comisión de selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 17. Comisión de selección

1. A comisión de selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria, por orde decrecente de puntuación acadada ata o esgotamento de crédito, de acordo coa valoración realizada por persoal experto atendendo aos criterios fixados no artigo seguinte, e emitirá un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a contía da axuda proposta.

2. A puntuación acadada conforme os criterios de valoración do artigo seguinte determinará a orde de prelación que seguirá a comisión de selección para a proposta de concesión de axudas ata o esgotamento do crédito dispoñible. No caso de empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto no que o centro solicitante teña implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario de solicitude.

3. A composición da comisión de selección será a seguinte:

a) Presidencia: un/unha director/a de área da Gain, ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: un/unha funcionario/a da Gain, con voz e con voto.

c) Tres vogais designados/as pola directora da Gain.

4. No informe que elabore a comisión de selección figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, sen superar o crédito dispoñible e coa intensidade de axuda prevista no artigo 8 desta convocatoria.

Artigo 18. Criterios de valoración e selección

A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria realizaranse por xestores/as técnicos/as da Gain que poderán contar co apoio de persoal experto externo.

A valoración realizarase sobre un total de 100 puntos, que se outorgarán segundo os criterios de valoración seguintes:

A) Calidade, innovación e viabilidade técnica e económica da proposta (25 puntos):

1. Claridade e nivel expositivo da actuación así como a concisión nas formulacións realizadas (3 puntos).

2. Interese e beneficios que a infraestrutura de investigación lle proporcionan ao centro. Valorarase a cuantificación da mellora esperada nas liñas de I+D+i do centro, así como as previsións que se vaian desenvolver a curto e medio prazo (5 puntos).

3. Carácter innovador da infraestrutura proposta ligada ás liñas de I+D+i. Valorarase o grao de innovación e calidade da proposta, que deberá estar correctamente xustificada e indicar as novidades ou melloras substancias respecto ao estado actual da arte (6 puntos).

4. Capacidade técnica e económica do/s centro/s participante/s para a correcta explotación da infraestrutura solicitada (11 puntos):

a) Traxectoria científico-técnica dos/as investigadores/as ou técnicos/as que se dedicarán ás liñas de I+D+i ligadas á infraestrutura solicitada (4 puntos).

b) Complementariedade da proposta cos recursos materiais e económicos dos centro/s (2 puntos).

c) Incremento da competitividade en I+D+i derivada da definición dunha oferta de servizos para o tecido empresarial relacionada co equipamento solicitado (5 puntos). Valorarase se a adquisición do equipamento permite ao centro a apertura dunha nova liña de I+D+i e/ou se a infraestrutura solicitada se emprega en máis de dúas actuacións de I+D+i.

B) Carácter aberto e uso compartido das infraestruturas (15 puntos):

Valorarase a definición dunha metodoloxía de acceso aberto á infraestrutura por parte de entidades externas que maximice a súa explotación por entidades usuarias internas e externas. Consideraranse dun xeito preferente as propostas nas que se inclúa un plan de explotación das infraestruturas solicitadas de xeito conxunto por varios centros tecnolóxicos.

C) Carácter estratéxico da infraestrutura (35 puntos). Valorarase o impacto ou repercusión da actuación na xeración de valor engadido en termos de relevancia científica e socioeconómica:

1. Impacto socioeconómico e aumento das capacidades do centro co obxectivo de avanzar na súa excelencia investigadora no marco das liñas de I+D+i ás que se destinará a infraestrutura solicitada. Valorarase a capacidade de atraer talento e investimento privado (15 puntos).

2. Creación de emprego para actividades científicas e tecnolóxicas. Valorarase o incremento do cadro de persoal do centro ligado á adquisición do equipamento solicitado (10 puntos).

3. Consonancia e adecuación das liñas de investigación de I+D+i ligadas á infraestrutura solicitada cos retos estratéxicos e prioridades identificadas na Estratexia RIS3 de Galicia (10 puntos).

D) Plan de explotación da infraestrutura (25 puntos). Valorarase a definición deste plan en termos dos obxectivos concretos e dos indicadores propostos, e do establecemento de fitos acordes cunha planificación axeitada das actividades:

1. Actividade investigadora do centro (13 puntos):

a) Participación en proxectos H2020 e outros programas de I+D+i internacionais. Valorarase se a adquisición do equipamento solicitado permitirá ao centro participar en máis dunha actuación internacional de I+D+i en termos de retorno ou liderado, entre outros (10 puntos).

b) Proxectos de I+D+i desenvolvidos polo centro en solitario ou ben en colaboración efectiva con empresas (artigo 2.90 do Regulamento 651/2014) orientados á xeración de coñecementos que permita un mellor aproveitamento das infraestruturas solicitadas (3 puntos).

2. Actividade de transferencia do centro en relación coa infraestrutura solicitada (12 puntos):

a) Prestacións de servizos a empresas. Valorarase as prestacións de servizos con base en indicadores como o número de empresas receptoras, facturación prevista, competitividade destes servizos a nivel europeo e internacional (10 puntos).

b) Previsión de posibles patentes xeradas (2 puntos).

A comisión de selección considerará financiables as solicitudes que acaden unha puntuación mínima total igual ou superior a 60 puntos.

Artigo 19. Audiencia

1. Instruído o procedemento e antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de selección á directora da Gain para ditar a resolución definitiva de concesión ou denegación, que deberá estar debidamente motivada de acordo aos criterios de valoración establecidos no artigo 18 desta convocatoria.

Na proposta de resolución figurarán, de forma individualizada, as solicitudes propostas para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas ou, se é o caso, a causa de denegación.

No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. As resolucións que se publiquen no DOG, expresarán, cando menos o seguinte:

– O centro beneficiario da axuda.

– O importe da axuda concedida e o seu orzamento total.

– A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

– A desestimación expresa do resto das solicitudes.

3. A resolución do outorgamento da subvención comprenderá os requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), no que deberán figurar, como mínimo, os seguintes aspectos: identificación do centro beneficiario, contía da subvención e obrigas que lle corresponda, requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, plan financeiro e calendario de execución.

4. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 5 meses, contado a partir da súa publicación no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no DOG, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no DOG e no sitio web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, centro beneficiario, cantidade concedida e finalidade da axuda outorgada.

Artigo 21. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na web da Gain http://gain.xunta.gal, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015. A directora da Gain ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 22. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer un recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Gain, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer un recurso de reposición no prazo dun mes perante a directora da Gain desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta fose expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte en que se produzan os efectos do silencio administrativo, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 23. Modificación da resolución

As actuacións subvencionadas deben executarse nos termos e forma aprobados que se recollen nas resolucións de concesión. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, o órgano concedente poderá modificar a resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Poderase acordar a modificación da resolución de concesión a instancia da entidade beneficiaria, sempre que esta presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación da actividade subvencionable estea comprendida dentro da finalidade e dos requisitos das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación deberá motivar os cambios que se propoñen e debe xustificar a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

5. En ningún caso se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

6. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia á entidade interesada. A autorización de modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle á entidade interesada.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como a cumprir os requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións de axuda.

b) Xustificar ante a Gain, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables, e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Cumprir a normativa aplicable ao Feder, así como a normativa en materia de axudas de Estado e, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006; así como o Regulamento (UE) nº 651/2014 e a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Comunicar á Gain a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

h) Desenvolver as actividades apoiadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos, ou dous anos no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 euros, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída; o órgano concedente informará á entidade beneficiaria da data de inicio a que se refire esta obriga. No caso en que a infraestrutura apoiada se dedique ao desenvolvemento de actividades económicas e non económicas, o centro beneficiario deberá levar unha contabilidade separada de ambos tipos de actividades.

j) Mantemento dos investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos durante un prazo mínimo de cinco anos desde o pagamento final ás entidades beneficiarias en cumprimento do disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

k) Solicitarlle á Gain a autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobados que estean suxeitas á previa autorización. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

l) Realizar unha comunicación divulgativa de difusión ao comezo da actividade das infraestruturas apoiadas para explicar os seus obxectivos e expoñer o seu plan de explotación. Así mesmo, transcorrido un ano da adxudicación da infraestrutura, deberá realizarse, dentro dos tres meses seguintes, un evento de difusión no que se poña de manifesto o avance do plan de explotación. Nestas actividades poñerase de manifesto o apoio do Feder e da Gain.

m) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2016, a entidade beneficiaria deberá, durante a realización da operación e mantemento do investimento:

1º. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión Europea, así como referencias á Unión Europea, ao fondo que dá apoio á operación e ao lema: «Unha maneira de facer Europa».

2º. Informar ao público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto cunha breve descrición na web do centro tecnolóxico, onde consten os obxectivos e resultados acadados e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

3º. Colocar un cartel ou placa permanente de tamaño mínimo A3 nun lugar ben visible para o público, como, por exemplo, á entrada das dependencias do centro onde se sitúen as infraestruturas financiadas. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación, e estarán elaborados de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

n) Darlle publicidade ás axudas recibidas en calquera outro convenio, axuda ou contrato relacionado coa execución da actuación e en publicacións, relatorios e actividades de difusión de resultados acadados coas infraestruturas financiadas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Gain e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación», así como «Cofinanciado con cargo ao Feder». Así mesmo, deberá informarse de que a infraestrutura foi apoiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

ñ) Informar do nivel de logro dos indicadores de produtividade asociados á actuación 1.1.2.1 que lles sexan de aplicación no momento no que presenta a xustificación de gastos.

o) Achegarlle á Gain, cando esta o requira, a relación de equipamentos científico-técnicos dos que dispón o centro co obxecto de incorporalos ao inventario que se creará para configurar o mapa de infraestruturas de I+D dos centros tecnolóxicos de Galicia.

p) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa ás entidades beneficiarias na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.

q) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, deberá manterse implantado o dito plan durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previsto no artigo 24.k) destas bases reguladoras.

Artigo 25. Xustificación da subvención

Para ter dereito ao pagamento da axuda, o centro tecnolóxico deberá presentar a xustificación da subvención por medios electrónicos, accedendo á Carpeta do cidadán/a da entidade beneficiaria dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, utilizando os formularios dispoñibles na web da Gain http://gain.xunta.gal.

1. Os prazos de xustificación das axudas son os seguintes:

a) O prazo para a presentación da documentación xustificativa remata o venres 5 de outubro de 2018.

b) Os gastos (emisión de facturas e realización de pagamentos dos gastos executados) admisibles deberán ser realizados con data posterior á da presentación da solicitude, debido ao efecto incentivador que ten a axuda, e nunca antes do 1 de xaneiro de 2018 nin con posterioridade ao 30 de setembro de 2018.

2. A documentación xustificativa científico-técnica das actividades desenvolvidas constará de:

a) Un informe científico-técnico normalizado, segundo o modelo dispoñible na web da Gain http://gain.xunta.gal.

b) Fotos en cor dos equipamentos/infraestruturas adquiridos.

c) Unha memoria en formato libre sobre a execución e evolución das actividades desenvolvidas. Deberá incluírse, de forma expresa, mediante fotografías ou calquera outro soporte probatorio, a xustificación das normas de publicidade previstas no artigo 24 desta convocatoria, de conformidade co Regulamento (UE) nº 1303/2013 e no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014.

3. A documentación xustificativa económica das actividades desenvolvidas constará:

a) Dunha declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, de todas as administracións públicas, utilizando o modelo que aparece como anexo II a esta resolución e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na web da Gain http://gain.xunta.gal. De ser o caso, deberá achegarse unha copia da resolución da concesión desas outras axudas.

b) Dos certificados acreditativos, de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de que o centro solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para realizar estas consultas.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública de Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Dun resumo de execución económica no que conste o concepto de gasto, o provedor, o importe (excluído o IVE) e a data de cada un dos xustificantes presentados.

d) Da documentación xustificativa do investimento constará dos documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

A entidade beneficiaria deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel cando non dispoña de factura electrónica.

e) Da documentación xustificativa do pagamento comprenderá unha copia das transferencias, certificacións ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica, sempre que conteñan o selo da entidade bancaria. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor/a e o emisor/a do pagamento, o número de factura e o importe total satisfeito (incluído o IVE), e o concepto do ben. No caso de que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá achegarse a documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

Cando un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, este deberá incluír unha relación detallada delas na que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas a esta axuda, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

f) No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

g) Dunha declaración asinada polo/a representante legal do centro, na que se detallen os ingresos e gastos repartidos entre actividades económicas e non económicas da infraestrutura financiada.

5. Sen prexuízo da documentación indicada nos puntos anteriores, poderá requirirse que se acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. A documentación presentarase por medios electrónicos. As entidades beneficiarias responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presentan. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa, ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Nos casos de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica que impidan a presentación electrónica da documentación, esta poderá presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Neste caso, as facturas que se presenten deberán ser orixinais ou copias cotexadas.

7. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, o centro tecnolóxico non presenta a documentación xustificativa segundo o indicado, a Gain requirirao para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 26. Pagamentos

1º. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009, e nesta convocatoria.

Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido. No caso de que a entidade fixese constar na solicitude de subvención que solicita a modalidade de pagamento anticipado, no prazo máximo de 20 días hábiles, a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión, deberá presentar a documentación que se indica a continuación, noutro caso enténdese que renuncia ao anticipo:

a) Solicitude de pagamento anticipado, utilizando o modelo publicado na web da Gain http://gain.xunta.gal.

b) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando o modelo publicado na web da Gain http://gain.xunta.gal.

2º. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Gain, antes de proceder ao pagamento final desta, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007. Será obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Gain, sendo requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante unha acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como pola entidade beneficiaria.

No suposto de que a xustificación da subvención sexa inferior ao importe anticipado e dea lugar a unha minoración da subvención, procederá ao reintegro da diferenza.

Artigo 27. Garantías

Non se precisará a presentación de garantías no caso dos anticipos, de acordo co disposto nos artigos 65.4 e 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 28. Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada Lei e no Decreto 11/2009.

2. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, na inexactitude ou a omisión, dos datos fornecidos pola entidade beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou o ocultamento daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para o que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, a xustificación insuficiente, a xustificación fóra do prazo establecido, a falsidade, a terxiversación ou o ocultamento dos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 24 desta resolución.

e) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade ou do investimento.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

3. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

4. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda nos seguintes casos:

a) Non xustificar a execución dun mínimo do 75 % do orzamento subvencionable concedido.

b) Non comunicar á Gain a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

c) Non comunicar á Gain a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

d) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 24 destas bases.

e) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado, en relación con todas as transaccións relativas aos gastos subvencionables que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade.

5. No período de mantemento dos investimentos establecido no artigo 24 destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación:

a) Non manter a publicidade do financiamento do proxecto e o plan de igualdade do centro no caso de aplicación como criterio de desempate, de acordo co establecido no artigo 24 destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

b) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido de forma proporcional ao período no que se tivera incumprido este requisito.

6. Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

7. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

8. En caso de incumprimento do establecido no artigo 2.d) procederase conforme o establecido no artigo 4.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 29. Control e seguimento

1. A Gain poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

2. A Gain poderá realizar en calquera momento visitas ás entidades beneficiarias e facer as comprobacións e solicitar as aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades financiadas, empregando os medios que considere oportunos para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade da orixe dos fondos. Se se constase unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos, a Gain poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

3. Así mesmo, a Gain poderá convocar anualmente ás entidades beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades ligadas ás infraestruturas financiadas segundo o seu plan de explotación.

4. Con carácter previo ao pagamento final da subvención será obrigatorio que a Gain realice unha actividade de inspección. Ademais desta actividade final de inspección a Gain poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes no marco do seu plan anual de inspección.

5. Será un requisito imprescindible que a Gain faga unha comprobación material do investimento, da que quedará constancia no expediente mediante a acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como pola entidade beneficiaria.

6. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007.

Así mesmo, as subvencións estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 30. Publicidade

A resolución da concesión das axudas publicarase no DOG coa relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 31. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo europeo de desenvolvemento rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Supletoriamente, seralles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento; a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 32. Datos de carácter persoal

1. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación, nos casos en que así o prevé a norma reguladora autoricen as entidades interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Fortalecemento de centros 2018» co obxecto de xestionar este procedemento, así como para informar as entidades interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Gain. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Gain, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Europa, nº 10A, 6º andar, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a xestion.gain@xunta.gal.

2. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista nos artigos 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

3. Así mesmo, os citados datos serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.gal.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2017

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV
Índice da memoria descritiva do proxecto de infraestrutura que se solicita

1. Identificación da entidade solicitante.

2. Descrición do proxecto de infraestrutura que xustifique a súa necesidade e indique as tecnoloxías dixitais e tecnoloxías facilitadoras esenciais implicadas.

3. Orzamento completo e desagregado dos diferentes equipamentos científico-técnicos e/ou dos programas e aplicacións informáticas de carácter especializado. Xustificación da adecuación dos distintos compoñentes ao proxecto de infraestrutura.

4. Intereses e beneficios que achegarán ao centro. Incremento da competitividade en I+D+i do centro.

5. Grao de innovación e novidades ou melloras substanciais con respecto ao estado actual da arte. Xustificación da súa adecuación nun contexto rexional e internacional.

6. Capacidade técnica e económica do centro para a explotación da infraestrutura.

7. Traxectoria científico e técnica dos/das investigadores/as ou técnicos/as que se dedicarán ás liñas de I+D+i ligadas ao proxecto de infraestrutura solicitada.

8. Complementariedade da proposta cos recursos materiais e económicos do centro.

9. Impacto socioeconómico e aumento das capacidades do centro. Capacidade de atraer talento e investimento privado.

10. Creación de emprego para actividades científicas e tecnolóxicas ligado ao proxecto de infraestrutura solicitado.

11. Descrición da/das liña/s de investigación á/ás que se vai orientar o proxecto de infraestrutura no marco das prioridades da Estratexia RIS3 de Galicia, con indicación de se son novas ou existentes.

ANEXO V
Índice do plan de explotación do proxecto de infraestrutura que se solicita

1. Plan de traballo/cronograma de explotación previsto para a posta en marcha da infraestrutura durante a duración da axuda ata 2023, no que deberán incluírse unha serie de fitos clave que servirán para o control da adecuada execución do proxecto.

2. Obxectivos, incluíndo sempre indicadores asociados, da explotación da infraestrutura solicitada con respecto á:

2.1. Mellora da excelencia do centro, en termos de capacidade investigadora e xeración de coñecemento:

– Participación en proxectos H2020 e noutros programas de I+D+i internacionais. Previsión de grao de retorno ou liderado.

– Proxectos desenvolvidos polo centro en solitario ou ben en colaboración efectiva con empresas.

2.2. Mellora na prestación de servizos ao tecido produtivo (tarefas de transferencia do centro):

– Distribución do uso previsto da infraestrutura entre actividades económicas e non económicas: metodoloxía que se seguirá para o seu cómputo.

– Descrición dos principais servizos de apoio ao tecido produtivo que prestará a infraestrutura, diferenciando os destinados principalmente a pemes, e incluíndo unha referencia sobre o seu dimensionamento (nun contexto rexional e internacional)

– Metodoloxía de acceso á infraestrutura de entidades usuarias externas.

– Modelo de negocio que se prevé para a explotación da infraestrutura, unha vez rematada a axuda.

– Definición dos compromisos, en termos económicos e técnicos, que adquire cada unha das entidades no caso de que o plan de explotación da infraestrutura solicitada sexa de forma conxunta con outro/s centro/s.

– Previsión de patentes xeradas.

ANEXO VI
Retos, prioridades e obxectivos da Estratexia de especialización
intelixente de Galicia 2014-2020
(Estratexia RIS3 de Galicia)

Reto 1. Xestión innovadora de recursos naturais e culturais

Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Prioridades asociadas:

1.1. Valorización dos subprodutos e residuos xerados polas cadeas de produción vencelladas ao mar mediante a súa utilización como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas, para conseguir unha diminución significativa nos residuos xerados e acadar un posicionamento nos mercados de produtos innovadores con alto valor engadido. [Valorización-Mar].

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, artellándose arredor dos seguintes obxectivos específicos:

– Loxística da concentración, recollida e transporte de subprodutos e residuos ligados a actividades dos sectores primarios vencellados ao mar.

– Aplicación de residuos e subprodutos na produción de biocombustibles.

– Novas aplicacións para a valorización destes residuos (como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas) a partir de subprodutos e descartes da actividade pesqueira.

– Novas actividades e modelos de negocio de servizos relacionados con estas novas aplicacións.

– Mellora significativa nun contexto global da produción ou comercialización de bens ou servizos asociados aos usos actuais dos residuos e subprodutos ligados ás actividades do sector primario.

– Mellora da capacidade de absorción de coñecemento nas empresas, en particular das pemes, orientado ao desenvolvemento endóxeno e colaborativo das actividades de innovación recollidas nesta epígrafe.

– Calquera outra que mellore a competitividade do sector e fomente a creación de emprego.

1.2. Desenvolvemento do sector acuícola galego para converter a rexión en referente internacional na xeración de novos produtos e servizos con base tecnolóxica aplicados á acuicultura. [Acuicultura].

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, artellándose arredor de tres grandes áreas de actuación:

– A diversificación, con actuacións nos seguintes eidos: biodiversidade, sistemas produtivos (instalación de tecnoloxías de cultivo) e comercialización (produtos e presentacións).

– O reforzamento da capacidade de absorción de coñecemento das estruturas produtivas para o emprego da biotecnoloxía como vector para acadar unha maior eficiencia produtiva e enerxética nas distintas fases dos cultivos, na optimización do uso da auga e xestión dos residuos da produción, na alimentación e na loita contra as patoloxías.

– A mellora da comercialización e da rastrexabilidade. Potenciación da imaxe de marca co apoio de ferramentas TIC, e incremento do valor engadido achegando información da calidade alimentaria, da rastrexabilidade de produto, e das garantías hixiénico-sanitarias e, en definitiva, da seguridade alimentaria dos produtos procedentes da acuicultura.

– Calquera outra iniciativa que contribúa á mellora da competitividade do sector e fomente a creación de emprego estable e de calidade.

1.3. Diversificación do sector enerxético galego para acadar un melloramento significativo da eficiencia no aproveitamento de recursos naturais galegos, establecendo como prioridades a biomasa e a enerxía mariña. [Biomasa e Enerxías Mariñas].

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se promoverán neste eido iniciativas de I+D+i en equipos, técnicas e tecnoloxías tanto de explotación e de aproveitamento da biomasa como da propia produción de combustibles, entre as que se poden salientar as seguintes:

– Técnicas de explotación e aproveitamento forestal que innoven na maquinaria de recollida e tratamento de biomasa.

– Procesos asociados á fabricación e loxística de distribución de combustibles.

– Caldeiras de alta eficiencia e policombustibles.

– Gasificación de biomasa.

– Microcoxeración con biomasa.

– Calquera outra área que permita mellorar a competitividade do sector e xerar emprego.

Por outra banda, Galicia presenta unhas condicións naturais excelentes para a explotación das enerxías procedentes do mar, e conta cun tecido industrial forte en tecnoloxías navais que podería atopar neste eido unha senda de diversificación cara a un novo nicho de mercado.

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se apoiará o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas ao aproveitamento enerxético do medio mariño (concretamente a enerxía das ondas ou ondomotriz, a das correntes mariñas e a enerxía eólica mariña), o que permitirá aproveitar as sinerxías de coñecemento e capacitación doutros sectores galegos coma o naval e o eléctrico, para a súa exportación a aqueles países onde o aproveitamento enerxético é una oportunidade de negocio. Igualmente, apoiarase calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade e xerar emprego.

1.4. Modernización dos sectores primarios galegos (agricultura, pesca, gandaría e forestal) cara á mellora sustentable dos indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións e á xeración de produtos e servizos innovadores. [Modernización dos Sectores Primarios].

As áreas de mellora relacionadas con esta prioridade deben estar vinculadas con todas as fases da cadea produtiva, artellándose principalmente arredor de innovacións para optimizar o uso dos recursos (fertilizantes, concentrados, fitosanitarios, auga, enerxía, xenética ou poboación mariña), para ampliar a base territorial das explotacións, mellorar a súa xestión económica, crear novos produtos e canles de comercialización, reducir e controlar os riscos ambientais e mellorar a eficiencia enerxética, avanzar na loita integrada de pragas e o control de enfermidades; para reducir a contaminación das augas e do aire polos gases de efecto invernadoiro e protexer e explotar de xeito sustentable os recursos hídricos (continentais e das rías). Así mesmo, de forma transversal, realizaranse actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente e o equilibrio territorial, que contribúan á mellora, valorización e modernización dos recursos naturais e dos seus aproveitamentos.

1.5. Modernización do sector turístico e das industrias culturais galegas a través do uso intensivo das TIC para acadar un sector turístico competitivo no nivel europeo baseado no turismo cultural e nos recursos naturais. [TIC-Turismo].

Para acadar este obxectivo, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, artellándose arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Dotar de contidos innovadores mediante a aplicación das TIC e o fomento das industrias culturais galegas en todos os recursos dispoñibles na nosa Comunidade: patrimonio, cultura, gastronomía, natureza, etc., respondendo así a unha demanda cada vez máis exixente e especializada.

– Fomentar iniciativas que desde o ámbito da tecnoloxía e da creatividade permitan xerar novos produtos turísticos e novas actividades económicas de dimensión internacional, xogando as administracións un papel facilitador e provedor de contornas axeitadas para este desenvolvemento por parte das empresas.

– Aumentar as canles de comercialización e a competencia, apostando pola venda directa sen intermediarios turísticos e eliminando trabas á libre competencia.

– Calquera outra área de mellora susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego no sector turístico galego.

Reto 2. O modelo industrial da Galicia do futuro

Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Prioridades asociadas:

2.1. Diversificación en sectores tractores galegos e nos seus sectores auxiliares mediante o uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras esenciais, orientado ao fornecemento de novos procesos e produtos de alto valor engadido que permitan explorar novos mercados baseados na hibridación, no coñecemento e na tecnoloxía. [Diversificación de Sectores Tractores].

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva artellándose arredor de catro grandes áreas de actuación:

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto, incorporando o uso de materiais intelixentes aplicados á industria do transporte ou ao sector téxtil.

– Diversificación de industrias tradicionais vencelladas tradicionalmente a sectores tractores, como é o caso do sector do metal galego, moi ligado ao naval e á automoción, cara a actividades de alta tecnoloxía como, por exemplo, os provedores do sector aeronáutico e aerospacial.

– Desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-administración, potenciando a capacidade de proxección tecnolóxica e comercialización no nivel internacional como, por exemplo, nos eidos vencellados coas necesidades chave da Administración pública.

– Calquera outra área de mellora susceptible de incrementar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores tractores galegos.

2.2. Potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de «fábrica do futuro», e mediante ecoinnovación para a mellora da eficiencia e do comportamento ambiental na industria. [Competitividade do Sector Industrial].

Para iso, defínense os seguintes obxectivos específicos:

– Tecnoloxías de proceso: a fábrica do futuro. Potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade no nivel internacional.

– Tecnoloxías limpas: ecoinnovación. É indubidable a importancia que os procesos industriais produtivos teñen na nosa sociedade, e as implicacións de carácter ambiental que os mesmos entrañan. Por isto, un dos obxectivos desta prioridade é apoiar a transformación dos modelos produtivos cara a unha produción máis ecoinnovadora e eficiente orientada á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados no coñecemento e respectuosos co ambiente.

– Calquera outra medida susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores industriais galegos.

2.3. Impulso das TIC como sector tractor da economía do coñecemento en Galicia, ao igual que outras tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE). [Economía do Coñecemento: [TIC e TFE].

Nesta prioridade deberán implicarse todos os axentes do ecosistema de innovación rexionais para a consolidación eficiente dun sector tecnolóxico auxiliar cunha dobre perspectiva:

– Impulso dun sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento.

– Fortalecemento dun sector tecnolóxico integrador que actúe non só como provedor auxiliar aos sectores estratéxicos de Galicia, senón tamén como elemento tractor debido á súa compoñente transversal.

Reto 3. Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo

Posicionar a Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades asociadas:

3.1. Galicia como rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable, e na promoción da autonomía persoal. [Envellecemento Activo].

As actividades principais vencelladas a esta prioridade centraranse en:

– Reforzar as áreas de xeración de coñecemento relacionadas con esta prioridade nas que Galicia acredita unha capacidade competitiva internacional.

– Propiciar un ambiente axeitado para o florecemento de novas iniciativas empresariais con base tecnolóxica capaces de valorizar o coñecemento xerado en Galicia atendendo as demandas tecnolóxicas do ecosistema socio-sanitario.

– Consolidar o desenvolvemento e comercialización de novos produtos ou servizos no ámbito das TIC vencellados ao envellecemento activo e á vida saudable.

– Apoiar o desenvolvemento e a introdución nos mercados de novos produtos ou servizos biotecnolóxicos de alto valor engadido dirixidos, sobre todo, á industria farmacéutica e biotecnolóxica.

– Apoiar o desenvolvemento e comercialización de novos produtos intensivos en coñecemento baseados na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos, e na promoción da autonomía persoal.

– Potenciar calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade, asociados ás actividades económicas comprendidas nesta prioridade, a través dun uso intensivo do coñecemento e a tecnoloxía.

3.2. Diversificación do sector alimentario galego para posicionalo como referente internacional arredor da innovación en nutrición como elemento chave para unha vida saudable. [Alimentación e Nutrición].

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, artellándose arredor das seguintes grandes áreas de actuación:

– Apoio á xeración de valor engadido a través da consolidación dunha estrutura produtiva e de investigación artellada en torno á nutrición, aos alimentos funcionais e nutracéuticos, e á alimentación adaptada para etapas e condicións da vida como a terceira idade ou a obesidade, a alimentación saudable para patoloxías específicas como a diabetes, e a hipertensión e, en xeral, en torno aos hábitos de vida saudable vencellados á alimentación.

– Apoio tamén á mellora de procesos de produción, apoiado no uso das TIC que permitan o seguimento integral da cadea produtiva-extractiva (rastrexabilidade), para garantir a seguridade e calidade dos produtos e a confianza do/da consumidor/a.

– Apoio ao desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privada en Galicia, que fomenten o cambio nun sector tradicional con potencial innovador non explotado e que aproveiten a sólida base académica e institucional.

– Potenciarase calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e ao emprego estable e de calidade neste sector tan relevante na nosa Comunidade.