Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2018 Páx. 8187

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente para a declarar ben de interese cultural nove esculturas do Mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago de Compostela.

No ano 2015 a Real Academia Galega de Belas Artes tivo a iniciativa de crear o primeiro Día das Artes Galegas dedicándollo ao Mestre Mateo. Os académicos fixaron o 1 de abril para celebrar esta efeméride, na cal se rememora a data inscrita nos linteis do Pórtico da Gloria conmemorativa da súa colocación. Entre o 29 de novembro de 2016 e o 24 abril de 2017 o Museo del Prado presentou a primeira exposición monográfica con obras realizadas polo Mestre Mateo para a catedral de Santiago de Compostela, organizada conxuntamente polo propio Museo del Prado, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Fundación Catedral de Santiago.

No verán de 2017, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comenzou os traballos conducentes ao recoñecemento dunha selección de esculturas do Mestre Mateo na categoría de ben de interese cultural, procedentes todas elas da antiga fachada occidental da catedral de Santiago de Compostela, no cal se recoñecía en Mateo o autor dunha das obras máis destacadas da arte europea na transición dos séculos XII ao XIII, tanto pola súa execución coma pola súa riqueza artística e significación histórica. O 20 de xullo de 2017 inaugurouse a exposición Mestre Mateo no Pazo de Xelmírez, como continuación da celebrada no Museo del Prado.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro), e en virtude do que dispón o artigo 16 do título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992), á vista do informe emitido polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no cal se acreditan como elementos sobranceiros do acervo cultural galego polo seu significado, a súa procedencia, as súas particularidades e a xenialidade do seu autor,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural as nove esculturas do Mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago de Compostela, descritas no anexo I desta resolución, e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens mobles en particular. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que se comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita.

Sexto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición dos bens

– Título: nove esculturas do Mestre Mateo que proceden da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago de Compostela.

Núm.

Denominación

Dimensións (cm)

Cronoloxía

Localización

1

Rei David

160×51×48

Ca.1188-1200

Museo da Catedral de Santiago

2

Rei Salomón

164,5×58×43

Ca.1188-1200

Museo da Catedral de Santiago

3

Abraham ou Xeremías (?)

169×66×50

1188

Colección particular

4

Isaac ou Ezequiel (?)

173×70×51

1188

Colección particular

5

Enoc (?)

-

1188

Museo Provincial de Pontevedra

6

Elías (?)

-

1188

Museo Provincial de Pontevedra

7

Rei bíblico/Fernando II de León/Santiago Miles Christi (?)

157×53×45

Ca.1188-1211

Colección particular

8

Figura masculina con cartela/Profeta Malaquías (?)

188×60×45

Ca.1188-1211

Museo da Catedral de Santiago

9

Cabeza de estatua/columna

33,5×24×22

Ca.1188-1200

Depósito no Museo da Catedral de Santiago

– Natureza: moble.

– Datos históricos e artísticos.

Autor: Mestre Mateo.

Escola: Románico.

Época: c. 1188-1211.

A catedral románica de Santiago de Compostela, oculta pola envoltura que a foi cubrindo en distintos momentos da historia, esconde na súa fachada principal, tras a fachada barroca da praza do Obradoiro, unha obra excepcional no seu contexto europeo nacida da busca dunha solución para un dos problemas máis difíciles de resolver na historia construtiva do templo compostelán: o desnivel do terreo no avance construtivo do templo cara ao oeste.

Está ben documentado que este complexo arquitectonicoescultórico de extraordinaria calidade que se ideou para solucionar o desnivel do terreo foi erixido a partir de 1168 polo Mestre Mateo e o seu taller, e que se deu por finalizado no 1211 coa consagración da catedral. Para acadar este obxectivo, Mateo e o seu taller acometeron un complexo proxecto arquitectónico que resolveu o problema estrutural e serviu de escenario para desenvolver un ambicioso programa iconográfico extraordinario, con tres espazos que dialogan entre si: a cripta, que simboliza o mundo terreal, o Pórtico da Gloria coa desaparecida fachada occidental, e a tribuna que evoca a Xerusalén celeste.

Ben que o Pórtico da Gloria é un dos monumentos máis coñecidos e visitados da cidade de Compostela, o nártex que o protexería cara ao exterior é moi pouco coñecido a causa da súa modificación en 1521 e a súa substitución definitiva a mediados do século XVIII pola actual fachada do Obradoiro.

Mateo proxectou unha fachada aberta cun gran arco central, que permitía a visión do pórtico desde o exterior, custodiado por dúas portas laterais menores que repetían a pauta interna do pórtico. O resultado foi unha fachada exterior coutada lateralmente por dúas torres cadradas de distinta altura, cun corpo central desenvolto en tres rúas, con vans e rosetóns que alixeirarían o muro e permitirían a entrada de luz, xunto cun programa escultórico que completaba a mensaxe do Pórtico da Gloria e do cal conservamos unha pequena serie de esculturas, que outrora terían unha colocación similar á das estatuas columna da parte interior e que, con outras, completarían a mensaxe do conxunto do pórtico, onde se plasmaría a representación da Procesión dos Profetas (Ordo Prophetarum), drama litúrxico medieval, moi popular na súa época, en que participaban profetas bíblicos, sibilas e personaxes pagáns e da Antigüidade clásica. A posta en escena responde a un sobresaínte criterio espacial que sitúa o visitante como un personaxe máis no medio do aparente murmurio mantido entre apóstolos e profetas, envolvido polo cortexo, mentres os músicos están a afinar os instrumentos da orquestra que intervén na representación.

Na Idade Media os artistas traballaban agrupados nos gremios e formaban parte dun taller formado polo mestre que dirixía o obradoiro e os seus axudantes. Por tanto, con respecto á autoría das pezas estamos a falar do Mestre Mateo como director dun grande equipo que foi capaz de desenvolver o seu proxecto para a catedral no prazo aproximado de cincuenta anos.

Do Mestre Mateo, como da maioría dos artistas medievais, sábese moi pouco e, aínda que algunha documentación constata a súa participación como construtor do pórtico, o feito excepcional de que asinase a súa obra certifica a súa importancia no seu tempo e perpetúa a súa existencia ao longo da historia. Así, na epígrafe dos linteis do pórtico conmemorativos da consagración do templo basílica pódese ler «...asentados os linteis do pórtico principal... polo mestre Mateo, que dirixiu as obras desde os cimentos».

Neste senso, algúns investigadores tamén interpretan na figura axeonllada de costas ao pórtico un presunto autorretrato, que mira para o espazo sacro e ofrece a súa obra ao apóstolo Santiago. O certo é que este personaxe se converte, co paso do tempo, no protagonista de distintas lendas que xustifican a súa presencia nese lugar concreto e se perpetúan no imaxinario colectivo coa tradición segundo a cal se debe golpear a cabeza do mestre coa finalidade de que transmita o seu talento a quen lle dea un croque. De aí o nome popular que este singular personaxe recibe de «santo dos croques».

Estes feitos extraordinarios suxiren, ademais dunha inusual arrogancia, un recoñecido prestixio da que seguramente foi a figura máis importante da historia da arte do Camiño de Santiago ao amparo do rei Fernando II de León. Posiblemente, estes feitos causaron que Mateo se convertese no artista máis famoso dos que traballaban na catedral. Mateo foi director desta obra colosal de granito á altura da cidade meta da peregrinación occidental, que conforma o principal conxunto escultórico medieval dos Camiños de Santiago e aglutina coñecementos técnicos, artísticos, teolóxicos, musicais e simbólicos do seu tempo para crear un espazo harmónico de tal refinamento espacial e plástico que non coñece parangón ata o Renacemento italiano.

A serie de esculturas –que outrora integraban esta figuración monumental que Mateo propón para a entrada occidental da catedral de Santiago e que foron desmontadas coa transformación da fachada, aínda que estean fóra do seu contexto orixinal–, permiten a identificación dos proxectos arquitectónicos superpostos que implican un profundo cambio da arquitectura do templo catedralicio durante o proceso construtivo, outorgando personalidade á obra construída e completando a mensaxe do Pórtico da Gloria.

– Descrición.

Nove son as esculturas coñecidas que se conservan desta desaparecida fachada exterior do Pórtico da Gloria que se precisan polo miúdo a seguir. Trátase de pezas graníticas orixinais de procedencia común, como se dixo e, aínda que haxa distintas argumentacións por parte dos investigadores á hora de precisar á súa identidade ou de fixar o seu lugar exacto de colocación orixinario na fachada, estimamos que non resultan uns datos relevantes para considerar na proposta de protección máxima, e recolleremos na relación algunhas destas informacións para agrupar as esculturas emparelladas sempre que sexa posible.

A partir da documentación e dos restos conservados, pódese afirmar que no ingreso central estarían as estatuas columnas esculpidas por un mestre avantaxado do taller de Mateo que representan a dous reis bíblicos: David, ao norte, e Salomón, ao sur. Ambas se recolocaron nas escalinatas exteriores do acceso pola praza do Obradoiro no século XVI, cando se retocaron na parte posterior e se gravaron os seus nomes na parte inferior. As esculturas foron retiradas desta posición en 2016 para a súa exposición na mostra do Museo del Prado e, posteriormente, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autorizou a súa incorporación á colección do Museo da Catedral e a localización na súa posición previa dunhas réplicas.

1. Rei David. Figura sedente en cadeira de tesoira, rematada por cabezas de león. O rei, que viste roupas con abundantes preguas, tanxe unha arpa-salterio coa man dereita, mentres axusta a tensión das cordas coa esquerda. A figura vai toucada con coroa real, que deixa caer os caracois da melena.

2. Rei Salomón. En conxunción coa escultura do Rei David, Salomón tamén se presenta sedente en cadeira de tesoira, rematada por cabezas de león. A escultura resulta menos harmoniosa porque a cabeza orixinal, destruída por una raio en 1729, substituíuse pola actual, de factura torpe e pesada. Presenta a iconografía inequívoca de Salomón, coa man dereita orlada polo manto e a esquerda, apoiada no xeonllo, porta un cetro con remate floral.

No arco esquerdo da fachada, a ambos os lados, polo seu lado exterior, poderían estar os dous personaxes sedentes, con longa cartela e abundante barba identificados como Abraham e Isaac, ou Xeremías e Ezequiel.

O feito de que as iconografías aquí presentadas sexan un asunto de interpretacións diversas, segundo as argumentacións dos especialistas de recoñecido prestixio a nivel mundial, subliña a excelencia dunha empresa que segue a suscitar o máximo interese hoxe en día.

Tras desmontar as estatuas columnas para realizar a reforma da fachada exterior do pórtico a finais do século XVIII, o entón conde de Ximonde, Pedro María Cisneros de Castro y Ulloa, rescataría algunhas delas para levalas á súa casa. Estas esculturas estarían entre elas, tal como o confirma Fermín Bouza Brey en 1933, indicando que esta parella custodia a entrada da casa do seu coetáneo Conde de Ximonde, Santiago de Puga y Sarmiento. Consta na documentación que, en 1948, o Conde de Ximonde vendeu ao Concello de Santiago as esculturas coa condición de que nunca abandonasen a cidade. As esculturas estiveron na escaleira do Pazo de Raxoi ata que pasaron a mans particulares, tal e como se identifican nunha exposición sobre arte románico que se celebrou en 1961.

3. Abraham ou Xeremías (?). O ancián de longas cabeleira e barba, distribuídas cos guechos típicos de Mateo, preséntase sedente, lixeiramente volto cara á esquerda respecto do espectador e descalzo, porta unha cartela na man esquerda á altura dos xeonllos e suxeita o manto que o cobre coa dereita. O patriarca parece vestir unha túnica por embaixo do manto.

4. Isaac ou Ezequiel (?). Iconograficamente esta figura manifesta un grande paralelismo coa anterior, presentándose case idéntica en efecto espello, como corresponde a dúas esculturas concibidas para estaren enfrontadas. A diferenza maior entre ambas atópase na expresión e na cartela que, neste caso, porta coa man dereita á altura do peito mentres a sinala coa man esquerda.

A seguinte parella de figuras que ocuparían as xambas no interior do gran arco central da desaparecida fachada son a figura identificada con Elías, que estaría no lado norte, e Enoc, incrustada no sur. Son dous altorrelevos de grande similitude formal realizados para seren encaixados nunha xamba, circunstancia física que inequivocamente as sitúa en clara relación coa inserción que mostran Moisés e Pedro nas xambas do tímpano interior asinado polo Mestre Mateo.

Ambas foron compradas polo Museo de Pontevedra ao Conde de Ximonde, despois de pasar polo Colexio de San Clemente e polo Museo da catedral de Santiago. Ambos os personaxes van descalzos, nimbados, cunha perna flexionada, visten túnica e cóbrense con manto, con longa cabeleira repartida en guechos, están barbados, e levan un rolo aberto entre as mans no cal noutrora habería un texto pintado. Ambos coa cabeza lixeiramente inclinada cara á dereita, sosteñen un bastón en forma de tau, asociado ao contorno catedralicio.

5. Enoc (?). Esta figura flexiona lixeiramente a perna esquerda, pero sen chegar a tocar a oposta, sobre a cal discorre o bastón, que queda tras a cartela despregada e suxeita coa man dereita á altura do peito. A man esquerda repite unha postura que adoptan outros personaxes do pórtico, co xesto de sinalar co dedo índice a cartela, seguramente onde a policromía recollería o seu nome.

6. Elías (?). O patriarca leva a súa man dereita ao barbarote, e deixa caer tras dela una curiosa barba trenzada. Cruza o pé esquerdo sobre o oposto, coa perna flexionada e envolve o bastón que asoma pola parte superior do torso. Porta o rolo na man esquerda cos dedos bastante abertos e o escorre por diante das pernas, sen ocupar o torso.

O resto de figuras identificadas tamén como provenientes da fachada occidental son:

7. Rei bíblico/Fernando II de León/Santiago Miles Christi (?). De novo xorden as teses para identificar a iconografía da escultura que podería representar o propio monarca da época, moi vinculado a este proxecto arquitectónico; un rei bíblico, en relación coa iconografía da xenealoxía de Cristo; ou ben Santiago como soldado de Cristo nunha das súas primeiras manifestacións.

En calquera caso, trátase dunha peza de encaixe perfecto no programa da fachada mateana, pero cunhas singulares características estilísticas e iconográficas, que lle reserva un lugar privilexiado entre os investigadores.

8. Figura masculina con cartela/Profeta Malaquías (?). En datas moi recentes, no 2016, entre o recheo da torre das campás da catedral, apareceu esta estatua columna, cuxas características formais e estilísticas indican a súa procedencia de xeito inequívoco: a desaparecida portada mateana. Probablemente sexa unha das pezas que se retiraron na primeira intervención, realizada na portada para colocarlle as portas.

A figura está decapitada, feito habitual posto que a imaxe perdera o seu sentido sacro. Conserva a aureola de similar diámetro que as das súas compañeiras do pórtico. O arranque co pescozo esboza a postura da cabeza, que se inclinaría cara abaixo como o resto das estatuas columnas do pórtico, concibidas para seren vistas polos fieis desde abaixo.

A ausencia de melena ou barba polo torso indica que representa un personaxe novo, de pelo curto, seguramente ao xeito mateano de pelo encaracolado, e imberbe ou de barba curta, no cal se seguen as pautas de representación utilizadas para profetas e apóstolos.

Evidencia un marcado hieratismo na postura, seguramente determinado pola súa localización na fachada, probablemente cara a un extremo. Os brazos discorren pegados ao corpo e suxeitan entre ambas as mans unha cartela en disposición horizontal á altura das coxas e sen restos de policromía do texto que presentaría. O vínculo co taller mateano establécese polo traballo dos panos, a labra das mans longas e con uñas e a postura dos pes descalzos sobre unha cornixa.

9. Cabeza de estatua columna. Cabeza de varón barbado, co cabelo e a barba resoltos cos característicos guechos rematados nos extremos con rizos que presentan outras figuras do pórtico da Gloria. Rostro tranquilo, beizos finos que parecen esbozar un leve sorriso, de proporcións idénticas ás das outras figuras.

Os paralelismos que reforzan a súa orixe levarían a identificala como pertencente a unha das estatuas columnas esculpidas deste xeito característico, separado do corpo, cun apéndice na súa parte inferior que serve para fixala ao corpo da estatua.

– Estado de conservación.

O estado de conservación é desigual en relación ao diferente destino que tiveron despois de variar a súa posición orixinal. As figuras dos reis David e Salomón, –que foron trasladadas e dispostas nas escalinatas da praza do Obradoiro no século XVI e foron retalladas pola súa banda posterior, ao permaneceren á intemperie e expostas máis tempo– presentan unha forte erosión. Así mesmo, a cabeza do Rei Salomón é unha recomposición nova do século XVIII de peor calidade artística. Outras figuras, como as de Abraham e Isaac, e Elías e Enoc, xa desde o século XVIII foron adquiridas no proceso de renovación da fachada con diferentes destinos ornamentais. A figura con cartela foi localizada no recheo construtivo, decapitada, probablemente desde o momento da reforma barroca.

Na actualidade, e como resultado dos procesos de restauración realizados de forma previa á súa exposición pública, pode determinarse o seu bo estado de conservación xeral, sen que concorran nestes momentos riscos sobre elas.

– Réxime de protección.

A incoación para declarar ben de interese cultural as nove esculturas do Mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago de Compostela determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), e co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE) en materia de exportación e espolio. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

Calquera intervención que se pretenda realizar nelas deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 43 e 44 LPCG).

Entre outras consideracións, o réxime implica:

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre as esculturas están obrigadas a conservalas, mantelas e custodialas debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da administración nas condicións legais establecidas.

Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e que non poderá superar os dous meses cada cinco anos.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente, que poderá ser substituída polo depósito para a súa exposición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberá ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizala, podendo a Administración exercer os dereitos de tanteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguranza, transporte e, se é o caso, aseguramento.

• Exportación: a súa exportación queda prohibida en aplicación do disposto no artigo 5.3 da LPHE, sen prexuízo de que poida ser autorizada pola Administración do Estado a súa saída temporal nas condicións que se determinen e tomando en consideración que o incumprimento delas ou do seu retorno terá a consideración de exportación ilícita.

– Fotografías.

missing image file
missing image file