Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 6 de febreiro de 2018 Páx. 8284

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 5 de febreiro de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga indefinida a partir do día 7 de febreiro de 2018 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia.

As organizacións sindicais SPJ-USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO. convocaron folga indefinida, desde o día 7 de febreiro de 2018, durante toda a xornada laboral, en todos os centros de traballo da Administración de xustiza en Galicia.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga. O artigo 496.d) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, dispón pola súa vez que o exercicio do dereito de folga por parte do persoal ao servizo da Administración de xustiza se axustará ao establecido na lexislación xeral do Estado para os/as funcionarios/as públicos/as, aínda que estará, en todo caso, suxeito ás garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da Administración de xustiza.

Así mesmo, conforme o establecido nos artigos 28.2 e 37.2 da Constitución española, o exercicio do dereito de folga debe garantir a actividade ininterrompida da Administración de xustiza nos aspectos cuxa paralización poida causar prexuízos irreparables aos dereitos e intereses lexítimos dos cidadáns.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1 que, en relación coa Administración de xustiza, lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado.

Mediante os reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración xeral do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúe a este departamento exercer as competencias que corresponden á Xunta de Galicia relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza.

Por outra parte, o artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación tras oír o comité de folga.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento esencial prestado pola Administración de xustiza en Galicia que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público.

Neste sentido, e de conformidade coa doutrina do Tribunal Constitucional e coa xurisprudencia recaída na materia, considéranse servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público:

1. Servizos de garda de xulgados, fiscalías e Instituto de Medicina Legal.

2. Xuízos orais na orde penal de causas con preso.

3. Medidas precautorias ou provisionais en materia de familia, de violencia sobre a muller e de liberdade provisional, entre outras.

4. Actuacións relativas á violencia de xénero nos xulgados de violencia sobre a muller, sexan ou non exclusivos.

5. Actuacións urxentes do Rexistro Civil, tales como a expedición de licenzas de enterramento, entre outras.

6. Rexistro de asuntos e documentos nos que venza un prazo preestablecido por lei e cuxo vencemento poida deparar perda de dereitos aos cidadáns, así como a atención daquelas actuacións en que venza un prazo improrrogable establecido na lei cuxo incumprimento poida afectar o dereito da tutela xudicial efectiva, así como aquelas cuxa urxencia veña determinada polas leis procesuais ou polos bens xurídicos en xogo.

Así mesmo, esta Administración ten en conta igualmente os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos que establece a doutrina do Tribunal Constitucional e a xurisprudencia contencioso-administrativa.

Así pois, na determinación do alcance dos servizos mínimos que se fixan, téñense en consideración as concretas características que concorren na presente convocatoria, que se sinalan a continuación e, particularmente, a súa duración indefinida, circunstancia esta que marca unha substancial diferenza respecto ás xornadas puntuais de folga convocadas en decembro de 2017 e xaneiro de 2018, que se concretaban en tres días, por outra parte non consecutivos. É precisamente esta diferenza substancial a que xustifica a modificación dos servizos mínimos fixados nas ordes desta consellería, do 29 de novembro de 2017 e 24 de xaneiro de 2018, para as convocatorias previas antes citadas.

Preténdese, pois, unha proporcionalidade entre o servizo esencial que cómpre prestar e a garantía do exercicio do dereito de folga dos traballadores, convocada esta vez con carácter indefinido. Neste sentido, o establecemento do persoal mínimo para garantir os ditos servizos esenciais ten en consideración os seguintes criterios que se expoñen a continuación de forma xeral, con independencia da xustificación concreta que, para cada tipo de órgano ou xurisdición, se establece no anexo desta orde.

Para garantir a prestación dos anteditos servizos esenciais, por tanto, establécense os servizos mínimos que se concretan no anexo, para o que se ten en conta o carácter indefinido da folga, a extensión territorial e as diferentes dotacións de persoal en función do órgano concreto, as distintas funcións dos distintos corpos, de ser o caso, así como as distintas localizacións dos órganos nos edificios xudiciais segundo a localidade e a existencia de órganos especializados nalgunhas cidades, entre outros.

Neste sentido, tense en conta, igualmente, a distinción entre órganos xurisdicionais e aqueles órganos que non o son; órganos nos que, ou ben non se establecen servizos mínimos, como é o caso dos servizos comúns de atención á cidadanía, ou ben os servizos que se fixan son inferiores que os establecidos nos primeiros, por canto estes atenden os bens xuridicamente obxecto de maior protección.

Ademais, as diferenzas de dotacións existentes nos órganos xudiciais, en función das distintas ordes xurisdicionais, das necesidades destes e das funcións a que atenden, ou da súa localización nas distintas localidades, entre outras razóns, xustifican que non exista unha uniformidade total na fixación do número de funcionarios que deben constituír os mencionados servizos mínimos.

Así mesmo, as distintas funcións que corresponden a cada corpo funcionarial, establecidas polos artigos 476 e seguintes da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, fan necesaria, na determinación dos efectivos que deben atender os servizos esenciais en cada órgano, a concorrencia de funcionarios dos distintos corpos, imprescindibles para garantir estes servizos esenciais. Neste sentido, os funcionarios do corpo de auxilio xudicial, polas súas funcións, non se consideran precisos para garantir os servizos esenciais en determinados órganos, caso do Imelga ou xulgados de paz; ou ben esta Administración entende suficiente, case na totalidade dos restantes supostos, que o funcionario designado servizo mínimo sexa compartido por distintos xulgados ou seccións dos tribunais. Só naqueles supostos nos que, ben por existir un único órgano por xurisdición ou na localidade ou polas materias ás que este atende, como violencia sobre a muller, se estima necesaria a fixación dun auxilio xudicial en cada órgano.

Cómpre sinalar, así mesmo, que nos xulgados de primeira instancia e instrución se fai un tratamento individualizado, diferenciando aqueles partidos xudiciais con dous, tres ou catro xulgados, fixando dotacións mínimas para cada caso, establecendo así que o funcionario de auxilio xudicial será compartido para todos os xulgados, sexan estes partidos de tres ou catro xulgados e inclusive compartido o auxilio xudicial do xulgado de garda, no suposto de partidos xudiciais con dous xulgados.

Por outra banda, e para a maior protección do dereito fundamental de folga, esta Administración, con respecto dos funcionarios do corpo de xestión e tramitación, estimou que o servizo mínimo, naqueles órganos onde poderían atenderse os servizos esenciais coa presenza dun único funcionario, que son a regra xeral, podería designarse tanto dun corpo como doutro; establecendo, con carácter excepcional, a necesidade dun funcionario tanto do corpo de xestión como de tramitación, como sucede nos xulgados do penal, vixilancia penitenciaria ou violencia sobre a muller, por canto os asuntos que atenden afectan os bens xurídicos máis protexidos polo ordenamento vixente, como pode ser a liberdade. Cómpre sinalar, por último, ao respecto, que ben que nos rexistros civís exclusivos non se estimou necesaria na dotación o funcionario de auxilio xudicial, si se estima precisa a designación de dous xestores ou tramitadores tanto para as funcións relacionadas con defuncións, como para as restantes actuacións de carácter urxente consideradas servizo esencial, polo volume dos servizos deste carácter que prestan os citados órganos.

En conclusión, por tanto, como regra xeral, esta Administración, para a protección do dereito de folga, non fixou servizos mínimos naqueles órganos que non atenden servizos esenciais, establecendo, naqueles que si os atenden, as dotacións mínimas que os poidan garantir e, neste sentido, non se designan funcionarios do corpo de auxilio xudicial nalgúns órganos ou se comparten estes funcionarios por distintos órganos xudiciais e, con respecto dos funcionarios dos corpos de xestión ou tramitación, establécese, como norma xeral, a suficiencia dun funcionario dos citados corpos por órgano, de forma alternativa.

En virtude do exposto, oído o comité de folga en reunión do día 2 de febreiro de 2018, no exercicio da facultade atribuída polo artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga, que afectará o persoal funcionario dos corpos ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, que se iniciará o próximo día 7 de febreiro de 2018 e que se estenderá desde a dita data con carácter indefinido, en todos os centros de traballo da Administración de xustiza en Galicia, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2

O incumprimento da obriga de atender aos servizos mínimos esenciais será sancionado de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin respecto á tramitación e efectos que a motivan.

Artigo 4

O exercicio do dereito de folga comportará as deducións salariais correspondentes en quen o exercite, de conformidade coa normativa de aplicación.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

1. Tribunais.

A) Tribunal Superior de Xustiza.

1.1. Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza.

– 1 xestor ou 1 tramitador que preste servizos en cada unha das respectivas seccións e 1 auxilio xudicial para todas as seccións.

1.2. Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza.

– 1 xestor ou 1 tramitador que preste servizos en cada unha das respectivas seccións e 1 auxilio xudicial para todas as seccións.

1.3. Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza.

– 1 xestor ou 1 tramitador e 1 auxilio xudicial.

1.4. Oficina de Rexistro e Repartición do Tribunal Superior de Xustiza.

– 1 xestor ou 1 tramitador e 1 auxilio xudicial.

1.5. Secretaría de Goberno.

– 1 xestor ou 1 tramitador.

Xustificación. Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos en que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, actuacións nas que venza un prazo improrrogable preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva, causas con preso, actuacións relativas a violencia doméstica e de xénero, apostilas, ou procesos declarados de carácter urxente pola lexislación procesual tales como despedimentos colectivos.

No caso da Secretaría de Goberno, órgano que se encarga das apostilas, establecese o mínimo, un funcionario, que se estima suficiente para atender os servizos esenciais. Este poderá ser tanto do corpo de xestión como de tramitación, para garantir unha maior protección do dereito de folga.

Respecto da Oficina de Rexistro e Repartición, fíxase a dotación de servizos mínimos tipo, cun funcionario que poderá ser tanto do corpo de xestión como de tramitación, para garantir esta maior protección do dereito de folga, para realización das funcións de rexistro e repartición dos asuntos nos que venza un prazo preestablecido. Ademais, contará cun funcionario de auxilio xudicial.

No caso das salas, dado que operan por seccións, considérase necesario que en cada unha delas exista un funcionario do corpo de xestión ou tramitación, compartindo estas seccións un único funcionario de auxilio, que deberá atender os servizos mínimos de todas as seccións da sala. No caso da Sala do Civil e Penal, toda vez que non opera en seccións, fíxase un funcionario de auxilio único para a citada sala.

B) Audiencias provinciais.

1.1. Seccións civís das audiencias provinciais.

– 1 xestor ou 1 tramitador por cada unha das respectivas seccións, e 1 funcionario de auxilio por cada 2 seccións ou fracción.

1.2. Seccións penais e mixtas das audiencias provinciais.

– 1 xestor, 1 tramitador e 1 auxilio por cada unha das respectivas seccións.

1.3. Oficinas de rexistro e repartición das audiencias provinciais.

– 1 xestor ou 1 tramitador e 1 auxilio xudicial.

Xustificación. Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos nos que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, actuacións nas que venza un prazo improrrogable e preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva, atención de sala en causas con preso, medidas cautelares (prisión provisional, liberdade provisional...), en materia de dereito de familia, incluídas as derivadas dos xulgados de violencia sobre a muller, ou actuacións en execución de sentenza que afecten dereitos fundamentais (liberdades...).

No caso da Oficina de Rexistro e Repartición fíxase, tal e como se expuxo na orde, os servizos mínimos tipo, cun funcionario que poderá ser tanto do corpo de xestión como de tramitación, para garantir unha maior protección do dereito de folga; así como un funcionario do corpo de auxilio xudicial.

No caso das audiencias provinciais, que se estruturan en seccións, algunha das cales non está na capital de provincia, como sucede coas de Santiago de Compostela ou Vigo, estímase necesario, no caso das seccións civís, que en cada unha delas exista un funcionario do corpo de xestión ou tramitación, compartindo cada dúas seccións un único funcionario de auxilio, establecéndose que, só no caso de ser o número de seccións impar, un funcionario de auxilio deberá atender a unha única sección.

No caso das seccións penais e mixtas, tal e como sucede cos restantes xulgados que atenden asuntos de xurisdición penal, que protexe os bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento vixente e, esencialmente, bens personalísimos e primarios como, entre outros, a liberdade das persoas, o número de efectivos fixados apártase da regra xeral no tocante aos funcionarios do corpo de xestión e tramitación, establecendo a necesidade dun funcionario de cada un destes corpos. Así mesmo, fíxase un funcionario de auxilio por cada respectiva sección.

2. Xulgados.

2.1. Xulgados que actúen de garda. Terán que contar con toda a dotación do persoal que efectúa o servizo de garda habitualmente.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de atender as actuacións que xorden durante o servizo de garda que teñen carácter esencial.

2.2. Rexistros civís exclusivos. 2 xestores ou 2 tramitadores para a sección de defuncións, e 2 xestores ou 2 tramitadores para o resto das funcións do rexistro.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de atender as actuacións do Rexistro Civil que teñan carácter esencial.

Nos rexistros civís exclusivos non se considerou necesaria na dotación o funcionario de auxilio xudicial. Respecto dos funcionarios do corpo de xestión e tramitación, si se considera precisa a designación de dous xestores ou tramitadores para atender aqueles servizos esenciais relacionados con defuncións, polo carácter esencial da expedición de certificacións nesta materia, e dous xestores ou tramitadores para as restantes actuacións de carácter urxente consideradas servizo esencial que se agrupan.

2.3. Xulgados de primeira instancia.

1 xestor ou 1 tramitador por cada xulgado e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción. Nos xulgados de primeira instancia con competencias en materia de familia, 1 xestor, 1 tramitador e 1 auxilio; e nos xulgados de primeira instancia con competencias en materia de rexistro civil, 1 xestor e 1 tramitador.

Xustificación. Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos nos que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, actuacións nas que venza un prazo improrrogable preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva, actuacións propias do Rexistro Civil, adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes cuxa demora dificultase a efectividade da tutela xudicial, procesos en materia de familia, internamentos ou atención ás salas de vistas.

Respecto da concreta xustificación do número de efectivos, a dotación de servizos mínimos segue, tal e como se expuxo na exposición de motivos da orde, a pauta xeral: un funcionario que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal e un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción. Este mínimo, non obstante, increméntase naqueles xulgados que teñen atribuídas competencias en materia de familia, onde se ven afectados os dereitos dos menores, entre outros, así como nos que teñan funcións de rexistro civil.

2.4. Xulgados do mercantil (exclusivos):

– 1 xestor ou 1 tramitador para cada xulgado e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

Xustificación. Radica na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos nos que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, actuacións nas que venza un prazo improrrogable preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva, tales como medidas cautelares ou provisionais urxentes en materia mercantil, embargos preventivos de buques, medidas cautelares cuxa demora dificultase a efectividade da tutela xudicial tales como en materia de patentes e relacionadas coa propiedade intelectual e industrial, ou despedimentos colectivos en sede concursal.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, estableceuse, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima da que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un funcionario que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal, e un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

2.5. Xulgados de instrución.

Os xulgados de garda terán que contar con toda a dotación do persoal que efectúa o servizo de garda habitualmente.

No resto de xulgados: 1 xestor ou 1 tramitador para cada xulgado, e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción. Nos xulgados con competencias en materia de violencia sobre a muller a dotación será 1 xestor, 1 tramitador e 1 auxilio.

Xustificación. Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: rexistro de asuntos nos que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, actuacións nas que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, ou adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes (peticións de liberdade provisional, afastamentos, prisión provisional…).

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, igualmente neste suposto se estableceu, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima da que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un funcionario que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal e un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción. Exclusivamente, apártanse desta regra xeral aqueles xulgados que estean de garda, nos que, tal e como xa se expuxo e xustificou con anterioridade, deben contar coa dotación habitual durante a prestación deste servizo, e aqueles que teñan competencias en materia de violencia sobre a muller, onde polos bens xurídicos protexidos e o carácter esencial de gran parte das súas actuacións, os servizos mínimos deben incrementarse nun funcionario máis por corpo, en atención, así mesmo, das distintas funcións atribuídas a cada un deles.

2.6. Xulgados do penal.

– 1 xestor e 1 tramitador para cada xulgado, e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de garantir a celebración de xuízos orais en causas con preso, asegurando deste xeito as vistas con preso sinaladas, así como de atender aquelas actuacións nas que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, dilixencias urxentes e asuntos de violencia de xénero.

Toda vez que a xurisdición penal protexe os bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento xurídico e, esencialmente, bens personalísimos e primarios como, entre outros, a liberdade das persoas, o número de efectivos fixados nos xulgados do penal apártase da regra xeral no tocante aos funcionarios do corpo de xestión e tramitación, establecendo a necesidade dun funcionario de cada un destes corpos. No tocante aos funcionarios de auxilio xudicial, non obstante, a dotación dos servizos mínimos segue o tipo fixado con carácter xeral, un funcionario por cada dous xulgados ou fracción.

2.7. Xulgado de menores.

– 1 xestor ou 1 tramitador e 1 auxilio xudicial.

Xustificación. Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: actuacións nas que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos menores, adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes (internamentos de menores…), celebración de vistas con menor suxeito a medida de internamento ou tramitación de permisos extraordinarios.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, igualmente se estableceu neste suposto, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima da que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un funcionario que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal. O auxilio xudicial é único por xulgado toda vez que só existe un único xulgado de menores na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

2.8. Xulgados do contencioso-administrativo.

– 1 xestor ou 1 tramitador en cada xulgado e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

Xustificación. Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: actuacións nas que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, ou adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes (como autorizacións de entrada en domicilio, autorizacións en materia sanitaria...), procesos de tramitación preferente ou en materia de dereitos fundamentais.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, iigualmente se estableceu neste suposto, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima da que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un funcionario que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal e un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

2.9. Xulgados do social.

– 1 xestor ou 1 tramitador en cada xulgado e 1 auxilio para cada 2 xulgados ou fracción.

Xustificación. Radica na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: actuacións nas que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, asegurando desta forma a celebración de vistas que poidan afectar os dereitos dos traballadores, tales como as demandas de tutela de dereitos fundamentais e liberdades públicas, actuacións declaradas urxentes pola lexislación procesual tales como medidas cautelares necesarias para asegurar a efectividade da tutela xudicial, procesos de conflitos colectivos, impugnacións  de altas médicas, vacacións, mobilidade xeográfica, modificacións substanciais nas condicións de traballo, suspensión do contrato e redución de xornada por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior, ou procedementos para o exercicio da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, recoñecidos legal ou convencionalmente.  

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, igualmente se estableceu neste suposto, tal e como consta na exposición de motivos da orde, a dotación mínima da que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un funcionario que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal, e un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

2.10. Xulgado de vixilancia penitenciaria.

– 1 xestor, 1 tramitador e 1 auxilio.

Xustificación. Estriba na necesidade de atender aquelas actuacións nas que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos internos, así como de tutelar os dereitos dos presos.

Respecto da xustificación da concreta dotación de efectivos, ao igual que se motivou respecto dos xulgados do penal, e toda vez que os xulgados de vixilancia penitenciaria garanten bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento xurídico e, esencialmente, bens personalísimos e primarios como, entre outros, a liberdade das persoas, o número de efectivos fixados nestes xulgados apártase da regra xeral no tocante aos funcionarios do corpo de xestión e tramitación, establecendo a necesidade dun funcionario de cada un destes corpos. No tocante aos funcionarios de auxilio xudicial, establécese un funcionario como servizo mínimo, toda vez que non existe máis dun xulgado deste tipo na mesma localidade.

2.11. Xulgados exclusivos de violencia sobre a muller.

– 1 xestor, 1 tramitador e 1 auxilio.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións: actuacións nas que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes en materia de familia ou de violencia sobre a muller, ou causas con detido na materia.

Respecto da xustificación da concreta dotación de efectivos, ao igual que se motivou respecto dos xulgados do penal ou dos de vixilancia penitenciaria, nos que a dotación de servizos mínimos tamén é coincidente, e toda vez que estes xulgados especializados da orde penal garanten bens xurídicos especialmente protexidos polo ordenamento xurídico, o número de efectivos fixados nestes xulgados apártase da regra xeral no tocante aos funcionarios do corpo de xestión e tramitación, establecendo a necesidade dun funcionario de cada un destes corpos. No tocante aos funcionarios de auxilio xudicial, establécese un funcionario como servizo mínimo, toda vez que non existe máis dun xulgado deste tipo na mesma localidade.

2.12. Xulgados de primeira instancia e instrución de cada localidade.

Os xulgados de garda terán que contar con toda a dotación do persoal que efectúa o servizo de garda habitualmente.

No resto do xulgados:

– En localidades con 2 xulgados: 1 xestor e 1 tramitador por xulgado, e 1 auxilio compartido co xulgado de garda.

– En localidades con 3 xulgados: 1 xestor e 1 tramitador por xulgado e 1 auxilio compartido para os 2 xulgados que non estean de garda.

– En localidades con 4 xulgados: 1 xestor e 1 tramitador  por xulgado e 1 auxilio para os 3 xulgados que non estean de garda.

Xustificación. Ao se tratar de órganos con competencias en materia civil e penal, e con funcións concorrentes, se for o caso, de rexistro civil e/ou de violencia sobre a muller, a xustificación fundaméntase na necesidade de atender aquelas actuacións, civís e penais, nas que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, así como de atender causas con detidos ou presos, actuacións urxentes de rexistro civil ou de violencia sobre a muller e adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes, entre outras cuestións.

No establecemento dos servizos mínimos dos xulgados de primeira instancia e instrución faise un tratamento individualizado, diferenciando aqueles partidos xudiciais con dous, tres ou catro xulgados, fixando as mínimas dotacións para cada caso, establecendo, así, que o funcionario de auxilio xudicial será compartido para todos os xulgados, sexan estes partidos de tres ou catro xulgados, e inclusive compartido o auxilio xudicial do xulgado de garda, no suposto de partidos xudiciais con dous xulgados. Respecto da fixación dun funcionario do corpo de tramitación e de xestión, segue a mesma pauta que os xulgados da xurisdición penal, por canto neste caso non só pode atender servizos esenciais relacionados co rexistro civil senón tamén aqueles relacionados, tal e como se expuxo con anterioridade, cos bens xurídicos obxecto de superior protección.

3. Servizos.

3.1. Oficinas de rexistro e repartición dos decanatos.

– A Coruña e Vigo: 3 de xestión ou de tramitación e 1 auxilio.

– Ferrol e Lugo: 1 de xestión ou 1 de tramitación.

– Santiago, Ourense e Pontevedra: 2 de xestión ou de tramitación e 1 auxilio.

– Nos decanatos dos xulgados de primeira instancia e instrución que realizan as ditas funcións, 1 xestor ou 1 tramitador.

Xustificación. Fundaméntase no feito de que se trata dun servizo que ten encomendada, entre outras funcións principais, a da recepción de demandas e escritos dirixidos a todos os órganos xudiciais do partido xudicial, o que podería afectar a tutela xudicial efectiva, especialmente se se trata do vencemento dun prazo preestablecido na lei.

Na asignación do número de efectivos en servizos mínimos tense en conta o volume de rexistros diferentes en cada partido xudicial, así como o número de efectivos que veñen realizando estas funcións con carácter xeral. Neste sentido, aqueles decanatos cuxo número de rexistros supera, con carácter xeral, os 10.000 rexistros mensuais, fíxanse uns servizos mínimos de 3 xestores ou tramitadores. Naqueles cun número de rexistros superior, de media, aos 7.000, fíxanse 2 xestores ou tramitadores; e, por ultimo, aqueles cun número de rexistros inferior, a dotación mínima será 1 xestor ou tramitador. Igualmente, nos decanatos dos xulgados de primeira instancia e instrución fíxase o mínimo, un funcionario de xestión ou tramitación. En todos estes servizos mínimos se mantén a pauta xeral pola que o funcionario pode ser tanto do corpo de xestión coma de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal. Respecto dos funcionarios de auxilio establecidos como servizos mínimos, cómpre sinalar que Ferrol e Lugo non teñen fixado este servizo por canto non contan tampouco habitualmente cun funcionario deste corpo.

3.2. Servizos comúns de actos de comunicación e execución.

– 1 de xestión, 1 de tramitación e 1 auxilio.

Xustificación. Radica na necesidade de asegurar a realización de actos de comunicación de carácter urxente.

A concreta dotación de servizos mínimos apártase do tipo mínimo que permite un funcionario de xestión ou de tramitación, toda vez que se estima necesaria a presenza dun funcionario de cada un destes corpos, en atención ás funcións encomendadas nestes servizos, como sucede coa Comisión Xudicial. Así mesmo, cómpre sinalar que este servizo presta asistencia a todos os órganos do partido xudicial no que están constituídos.

4. Fiscalías.

Ademais do persoal que lle corresponda ao servizo de garda:

– Fiscalía da Comunidade Autónoma: 1 xestor ou tramitador e 1 auxilio.

– Fiscalías provinciais: 1 xestor ou 1 tramitador e 1 auxilio; e a maiores, 1 xestor ou 1 tramitador para a fiscalía de menores.

– Fiscalías de área: 1 xestor ou 1 tramitador e 1 auxilio.

– Seccións territoriais da fiscalía: 1 funcionario.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de, entre outras cuestións, garantir as medidas cautelares ou provisionais urxentes en materia de familia, de violencia sobre a muller e de liberdade provisional.

Respecto da concreta dotación de servizos mínimos, cómpre sinalar que segue a pauta do tipo mínimo, tal e como consta na exposición de motivos, agás na fiscalía provincial, por canto de designa un funcionario a maiores para garantir aqueles servizos esenciais relacionados cos menores, e nas seccións territoriais, onde se establece o mínimo para permitir a apertura do servizo: un funcionario.

5. Instituto de Medicina Legal de Galicia.

– En cada subdirección do Imelga, o equipo do persoal que presta o servizo de garda e 1 tramitador.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de garantir o servizo que lles é propio na materia, a prestación do servizo de garda, a asistencia médico-forense ao xulgado de garda, o levantamento de cadáveres, a asistencia a detidos e a vítimas de violencia de xénero, asistir nos internamentos, autopsias, para atender aquelas actuacións nas que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, así como a redacción de informes urxentes, entre outros.

A dotación dos servizos mínimos é, por tanto, o persoal que presta o servizo de garda e, así mesmo, un funcionario do corpo de tramitación, por canto o Imelga non conta con funcionarios de xestión, para dar soporte, rexistrar e dar trámite a aquelas actuacións urxentes descritas con anterioridade que poidan constituír servizo esencial.

6. Xulgados de paz.

– 1 xestor ou 1 tramitador.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de garantir a apertura e o servizo esencial que lles é propio na materia, principalmente de Rexistro Civil.

Respecto da dotación, tamén neste suposto se fixa a dotación mínima, un funcionario por xulgado de paz, coa finalidade de garantir a apertura do servizo, dado que a ausencia deste único funcionario implicaría a paralización do servizo, asegurando así as funcións de certificación que lle son propias en materia de Rexistro Civil.