Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 8 de febreiro de 2018 Páx. 8992

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e se convoca para o ano 2018 o dito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE, L347, do 20 de decembro de 2012) (en diante, disposicións comúns dos fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1225/2011 do Parlamento europeo e do Consello, (DOUE, L149, do 20 de marzo de 2014), constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca sustentable e respectuoso co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13 de novembro de 2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca para efectos de concesión de axudas do devandito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúe á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e as prioridades da Unión.

O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa comunidade que ten o reto de contribuír á consecución de determinados obxectivos temáticos do Marco estratéxico común. Ademais, este sector ten que aproveitar ao máximo os fondos deste marco para acadar os novos retos que se formulan e, neste senso, tanto o sector extractivo como o sector transformador terán que aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para acadar o obxectivo de sector competitivo, sustentable e respectuoso co ambiente.

En cumprimento das citadas disposicións, e dada a importancia económica e social da pesca en gran parte da franxa costeira da Comunidade Autónoma de Galicia, xa se ditaran dúas ordes para as convocatorias de 2016 e 2017 (Orde do 23 de setembro de 2016, DOG nº 187, do 30 de setembro; e Orde do 31 de decembro de 2016, DOG nº 42, do 1 de marzo de 2017, polas que se establecían as bases e se regulaba o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomentasen a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e se convocaban para o ano 2016 e 2017 respectivamente).

A aplicación práctica das citadas ordes, así como cambios normativos, aconsella a súa modificación. Entre estas modificacións está a de eliminar a liña de axudas á paralización definitiva ao establecer o Regulamento (UE) nº 508/2014 relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, no artigo 34.4, que estas axudas só se poderán conceder ata o 31 de decembro de 2017.

Así mesmo, cómpre realizar modificacións de aspectos puntuais do seu articulado, que pretenden achegar unha maior comprensión de cara á potencial persoa beneficiaria e mesmo aos órganos xestores das axudas. Consecuentemente, para esta mellor comprensión e para facilitar a consulta e o manexo por parte das persoas interesadas, así como para adaptación á normativa de referencia, publícase íntegro o contido das bases reguladoras, que substitúen as aprobadas pola Orde da Consellería do Mar do 31 de decembro de 2016.

O artigo 1.1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ao exercicio orzamentario no cal se vaia materializar a contraprestación e, no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3.3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 e 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á realización de actuacións por parte de propietarios de buques pesqueiros para fomentar unha pesca sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva. Códigos dos procedementos administrativos regulados por esta orde:

– PE120A para axudas que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies.

– PE120B para axudas que melloren a hixiene, saúde, seguranza e condicións de traballo en buques pesqueiros.

– PE120C para axudas en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático.

– PE 120E para axudas que aumenten o valor engadido, a calidade dos productos e a utilización de capturas non desexadas.

Artigo 2. Definicións

a) Para efectos desta orde, establécense as seguintes definicións:

– Microempresas, pequenas e medianas empresa (pemes): empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros. As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo a Recomendación da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros terase en conta o indicado na citada recomendación.

– Innovación a bordo: investimentos novos ou substancialmente mellorados que non se estean a aplicar no buque nin maioritariamente no segmento a que pertence.

– Proxecto vinculado: para efectos da axuda para a limitación do impacto da pesca no medio mariño (primeira alínea do artigo 3 desta orde), entenderase por proxectos vinculados o caso en que o 10 % dos buques dun mesmo caladoiro, segmento e porto base soliciten o mesmo investimento. Para que un proxecto teña a devandita consideración deberá figurar o nome de todos os buques no anexo VIII.A e asinar cada propietario que forme parte do proxecto vinculado o compromiso de realizar o investimento.

b) Para as definicións non incluídas na letra a) aplicaranse as definicións dos regulamentos (UE) nº 1303/2013 relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE e Regulamento (UE) nº 508/2014 relativo ao FEMP e, na súa falta, demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas terán como finalidade realizar investimentos que:

– Limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies (procedemento PE120A).

– Melloren a hixiene, a saúde, a seguranza e condicións de traballo en buques pesqueiros (procedemento PE120B).

– En eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático (procedemento PE120C).

– Aumenten o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización de capturas non desexadas (procedemento PE120E).

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. Para o ano 2018 as axudas concederanse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias que figuran dotadas no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2018, e o importe total máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario para cada unha delas, segundo a finalidade, será o seguinte:

14.02.723A.770.0, código proxecto 2016.00254 (limitar o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies): 317.000 €.

14.02.723A.770.6, código proxecto 2016.00279 (mellorar a hixiene, saúde, seguranza e condicións de traballo): 84.000 €.

14.02.723A.770.4, código proxecto 2016.00275 (mellorar a eficiencia enerxética e mitigar o cambio climático): 200.000 €. Ademais, nesta liña de actuación, destinaranse para substitución de motores: 90.000 € (14.02.723A.770.3, código de proxecto 2016.00274).

14.02.723A.770.5, código proxecto 2016.00278 (aumentar o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización de capturas non desexadas): 80.000 €.

2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65 punto 2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.

3. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. A concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

5. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %, excepto para os motores en que o cofinanciamento do FEMP é nun 50 % e do Estado membro (CA de Galicia) noutro 50 %.

6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7. A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma para o 2018.

Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos xerais

Poderán ser persoas beneficiarias persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidade de bens que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser propietario dun buque de 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques e Empresas Navieiras.

2. O buque debe ter o seu porto base na Comunidade Autónoma galega e atoparse de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira.

3. O buque para o cal se solicita axuda debe ter constituído un seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.

4. No caso de buques cuxa primeira venda dos produtos que captura sexa en fresco e, por tanto, obrigatoria en lonxa, o volume de vendas que se obteña da suma das notas de venda durante o ano anterior ao da convocatoria deberá ser superior ao 50 % da media obtida para ese porto base e polo segmento de frota que figuran no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia (RBPG).

5. No caso de buques para os cales a primeira venda dos produtos que captura non sexa obrigada en lonxa, o buque debe dispor da autorización para realizar a devandita venda e debe transmitilas ao órgano competente.

6. O buque non pode ter unha resolución desfavorable de regularización, salvo, que posteriormente se regularizase, para o cal deberá asinar o anexo IV.

7. Os investimentos para os cales se solicite axuda no poderán estar iniciados nin pagados antes de que se acredite o non inicio deles nos termos indicados no artigo 12 desta orde.

No caso de que o solicitante conte cunha certificación de non inicio anticipada, os investimentos no poderán estar finalizados nin completamente pagados antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, a non finalización deles por parte dos servizos da Consellería do Mar.

8. O investimento non poderá aumentar a capacidade de pesca do buque nin que o equipamento aumente a capacidade de detectar peixe.

9. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

10. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Non ter cometido infracción grave:

– Da PPC definidas como tales en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento UE) nº 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento UE) nº 404/2011 suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

12. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).

13. Non estea nin estivese nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

14. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

15. Á solicitude xuntaráselle unha declaración responsable por parte do solicitante, do representante ou apoderado do cumprimento dos requisitos establecidos no punto 9 a 14 deste artigo.

16. Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

Artigo 6. Requisitos específicos das persoas beneficiarias

Sen prexuízo do anterior, segundo o tipo de axuda, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Se a finalidade é «limitar o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies»: o buque debe ter unha actividade pesqueira no mar de cando menos 60 días durante os dous anos civís anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

b) Se a finalidade é «mellorar a eficiencia enerxética e mitigar o cambio climático» debe ter investimentos recollidos no Regulamento (UE) nº 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014 (DOUE, L86 do 31.6.2014) excepto no caso de substitución de motores.

Neste último caso, para a substitución ou modernización do motores principais ou auxiliares é preciso que:

– O buque pertenza a un segmento en equilibrio coas posibilidades de pesca segundo o artigo 22 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, do 11 de decembro de 2013, sobre a política pesqueira común. Este feito comprobarao a Administración de oficio mediante informe da Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

– O motor terá que ser certificado oficialmente de acordo co artigo 40.2, do Regulamento (CE) nº 1224/2009. Se o buque non ten que presentar certificación de potencia, verificarase a coherencia da potencia do motor de conformidade co artigo 41 do Regulamento (CE) nº 1224/2009 e inspeccionarase fisicamente para garantir que a potencia do motor non supera a establecida nas licenzas de pesca.

Ademais, a axuda destinada á substitución ou modernización de motores principais ou auxiliares poderá concederse soamente:

– Aos buques de ata os 12 m de eslora total: a potencia (kw) do motor novo ou modernizado sexa igual ou inferior ao do motor existente.

– Aos buques de entre 12 m e 18 m de eslora total: a potencia (kw) do motor novo ou modernizado sexa cando menos un 20 % menor que a do motor existente.

– Aos buques de entre 18 m e 24 m de eslora total: a potencia (kw) do motor novo ou modernizado sexa cando menos un 30 % menor que a do motor existente.

Para as axudas recollidas na letra b) o buque debe ter unha idade mínima de 5 anos.

d) Se a finalidade é «aumentar o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización das capturas non desexadas»:

– O buque debe ter unha actividade pesqueira no mar de, cando menos, 60 días durante os dous anos civís anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

– O buque ten que ter unha idade mínima de 5 anos.

Ademais, se o aumento do valor engadido se realiza a través de investimentos innovadores a bordo que melloren a calidade das capturas o buque ten que empregar artes selectivas que reduzan ao mínimo as capturas non desexadas.

3. O órgano xestor das axudas comprobará o cumprimento dos días de actividade pesqueira e de faena en augas interiores mediante sistemas de localización de buques. Se o buque non dispón destes dispositivos, a comprobación realizarase mediante a consulta dos datos dos rexistros oficiais de vendas. Tamén se poderán consultar outros medios que, a xuízo do dito órgano, acrediten suficientemente a actividade pesqueira e/ou a zona de faena da devandita actividade.

Artigo 7. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:

– Cesar na actividade produtiva nin, no caso de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica e comunidades de bens, disolverse ata que remate o devandito prazo.

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento de infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.

– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumpriran os requisitos.

Se o investimento é en infraestruturas ou en investimentos produtivos, deberá reembolsarse integramente a axuda se, nos dez anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión, excepto cando a persoa beneficiaria sexa unha peme.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra de comprobación ou control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

f) Comunicar á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

g) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

h) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, cando a axuda sexa de 100.000 € ou superior ou cando o proxecto se estime relevante, segundo se indique na resolución de concesión.

i) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarada culpable de cometer fraude, nin estar incluída na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008.

Artigo 8. Obrigas específicas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo do anterior, segundo o tipo de axuda, a persoa beneficiaria deberá cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

En investimentos en saúde, hixiene, seguranza ou condicións de traballo na pesca que sexan consumibles (como por exemplo as menciñas) ou funxibles non poderán encontrarse caducadas en ningún caso no período de cinco anos. Se a caducidade for menor ou foren consumidas nese período, a persoa beneficiaria deberá repoñelas; serán admisibles, para estes efectos, produtos cuxo efecto sexa similar ao ben subvencionado.

No caso de investimentos inmateriais (campañas informativas, formación...) a persoa beneficiaria deberá acreditar que toda a tripulación enrolada no buque durante o período de 5 anos accedeu á devandita formación, asumindo a persoa beneficiaria o custo da formación da nova tripulación enrolada. Tamén deberá existir unha actualización na formación, manuais, campañas, guías, análise de risco, etc., se o buque sofre unha modificación da infraestrutura, proceso, tecnoloxía... que afecte a finalidade do investimento subvencionado.

Artigo 9. Investimento máximo subvencionable e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.

2. Nas axudas cuxa finalidade sexa a realización dun investimento, o importe do investimento subvencionable será o que se obteña da valoración das obras ou investimentos con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos, de acordo cos informes emitidos.

3. A contía máxima da axuda será o 50 % do investimento máximo subvencionable a que se refire o punto 2 deste artigo, sen prexuízo do establecido no anexo I do Regulamento 508/2014 do Parlamento e do Consello, onde se establece a intensidade específica da axuda.

Artigo 10. Investimentos obxecto de subvención e gastos subvencionables

1. Os investimentos que poderán ser obxecto de subvención son os seguintes:

A. Investimentos que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies:

– En equipamentos que aumenten a selectividade por tamaños ou especies das artes de pesca.

– A bordo ou en equipamentos para eliminar os descartes evitando e reducindo as capturas non desexadas de poboacións comerciais ou para tratar as capturas non desexadas que deban desembarcarse de acordo co artigo 15 do Regulamento (UE) no 1380/2013.

– En equipamentos que limiten e, se é posible, eliminen os efectos físicos e biolóxicos das actividades pesqueiras no ecosistema ou no fondo mariño.

– En equipamentos para protexer as artes de pesca e as capturas fronte aos mamíferos e as aves protexidos pola Directiva 92/43/CEE ou pola Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, sempre e cando non se limite a selectividade das artes de pesca e se apliquen todas as medidas axeitadas para evitar o dano físico aos predadores.

Só se poderán conceder unha vez en todo o período do FEMP para o mesmo tipo de equipamento/investimento no mesmo buque.

B. Investimentos que melloren a hixiene, saúde, seguranza e condicións de traballo en buques pesqueiros, sempre que sexan máis exixentes cos requisitos establecidos na normativa da Unión Europea, na lexislación nacional ou na autonómica, que se refiran á:

* Hixiene:

a) Instalacións sanitarias tales como aseos e lavabos; b) cociñas e equipamentos de almacenamento de produtos alimenticios; c) depuradoras de auga para a produción de auga potable; d) equipamentos de limpeza para manter a bordo as condicións sanitarias axeitadas; e) guías e manuais para a mellora da hixiene a bordo, ferramentas informáticas incluídas.

* Saúde:

a) A compra e a instalación de caixas de primeiros auxilios; b) a compra de medicamentos e de dispositivos para tratamentos de urxencia a bordo; c) a subministración de servizos de telemedicina, incluídos os equipamentos, as tecnoloxías electrónicas e os dispositivos de imaxes médicas aplicados á consulta a distancia desde os buques; d) a adquisición de guías e manuais para mellorar a saúde a bordo; e) as campañas de información destinadas á mellorar a saúde a bordo.

* Seguranza:

a) Balsas salvavidas; b) unidades de destrincaxe hidrostática para balsas salvavidas; c) radiobalizas de localización persoal que, como as radiobalizas de localización de sinistros (RBLS), poidan integrarse nos chalecos salvavidas e na roupa de traballo das persoas dedicadas á pesca; d) dispositivos de flotación persoal, especialmente traxes de inmersión ou de supervivencia e aros e chalecos salvavidas; e) bengalas para sinais de socorro; f) aparellos lanzacabos; g) sistemas de salvamento en casos de «home á auga»; h) dispositivos de loita contra incendios, como extintores, mantas ignífugas, detectores de fume ou lume e aparellos de respiración; i) portas tornalumes; j) válvulas de peche do depósito de combustible; k) detectores de gas e sistemas de alarma de gas; l) bombas de achique e alarmas; m) equipamentos de radio e de comunicacións por satélite; n) trapelas e portas estancas; o) gardamáquinas tales como guinches ou estibadores de rede; p) pasarelas e escadas de acceso; q) iluminación de cuberta, de emerxencia ou para procuras; r) mecanismos de seguranza para os casos en que as artes de pesca queden bloqueados por algún obstáculo situado por debaixo da superficie; s) monitores e cámaras de seguranza; t) equipamentos e demais elementos necesarios para mellorar a seguridade da cuberta.

* Condicións laborais:

a) Varandas de cuberta; b) estruturas de cuberta de abrigo e elementos de modernización dos camarotes que protexan das condicións meteorolóxicas adversas; c) elementos para a mellora da seguranza dos camarotes e o establecemento de zonas comúns para a tripulación, especialmente dotadas de tecnoloxías que faciliten un acceso a baixo prezo da tripulación ás comunicacións, así como tamén a adaptación da habilitación do buque que facilite a incorporación da muller á tripulación; d) equipamentos para alixeirar o levantamento manual de cargas pesadas, con exclusión das máquinas utilizadas directamente nas operacións de pesca, como, por exemplo, os guinches; e) pintura e alfombras de goma antiescorregadiza; f) material de illamento contra o ruído, a calor ou o frío e equipamentos para mellorar a ventilación; g) roupas de traballo e equipamentos de seguranza tales como botas de seguranza impermeables, dispositivos de protección respiratoria e ocular, luvas e cascos de protección ou equipamentos de protección contra as caídas; h) sinais de emerxencia, de seguridade e de alerta; i) análise e avaliacións que determinen os riscos que corren as persoas dedicadas á pesca no porto ou durante a navegación co fin de adoptar medidas para previlos ou reducilos; j) guías e manuais para a mellora das condicións de traballo a bordo.

Non serán subvencionables aqueles investimentos en que o importe da axuda ou aboamento á persoa beneficiaria resulte inferior a 600 euros.

Só se poderán conceder unha vez en todo o período do FEMP para o mesmo tipo de equipamento/investimento no mesmo buque.

C. Investimentos en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático:

* Investimentos en equipamento ou a bordo para reducir as emisións contaminantes ou de gases de efecto invernadoiro e incrementar a eficiencia enerxética dos buques pesqueiros. Os investimentos en artes de pesca serán tamén subvencionables sempre e cando non poñan en perigo a selectividade desa arte de pesca.

* Auditorías e programas de eficiencia enerxética.

* Estudos para avaliar a contribución dos sistemas de propulsión alternativos e do deseño dos cascos respecto da eficiencia enerxética dos buques pesqueiros.

* Substitución ou modernización dos motores principais ou auxiliares que pertenzan a un segmento de frota respecto do cal o informe de capacidade pesqueira a que se refire o artigo 22 do Regulamento (UE) nº 1380/2013 demostrase equilibrio coas posibilidades de pesca, sempre que se reduza a potencia do motor segundo se indica nos requisitos específicos para este tipo e axuda.

Só se poderán conceder unha vez en todo o período do FEMP para o mesmo tipo de equipamento/investimento no mesmo buque.

D. Investimentos que aumenten o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización de capturas non desexadas:

* Investimentos que incrementen o valor dos produtos da pesca, en particular permitindo que as persoas dedicadas a pesca leven a cabo a transformación, comercialización e venda das súas propias capturas.

* Investimentos innovadores a bordo que melloren a calidade dos produtos da pesca.

2. Non serán subvencionables:

– As operacións que incrementen a capacidade de pesca dun buque ou o equipamento que aumente a capacidade do buque de detectar peixe.

– As construcións ou importacións de buques.

– A pesca exploratoria.

– O imposto do valor engadido (IVE) nin outros impostos recuperables.

– As transferencias de propiedade dunha empresa.

– Non se financiarán nin a construción nin a adquisición de elementos, infraestruturas, artefactos, instalacións e equipamento que non supoña unha mellora substancial nos procesos de produción, na calidade dos produtos ou melloras para o ambiente.

– Os gastos de reposición de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos nin os gastos de mantemento das estruturas ou empresas, salvo que a nova adquisición supoña unha mellora substancial, ben pola súa tecnoloxía utilizada, polo seu rendemento, ou por unha mellora substancial nos procesos de produción ou na creación de emprego.

– As adquisicións de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos de segundo uso e posteriores.

– A adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencias bancarias ou aqueles pagados mediante préstamos de entidades provedoras.

3. De ser o caso, serán subvencionables os gastos dos proxectos técnicos que non poderán superar o límite do 12 % do investimento máximo subvencionable.

4. A elixibilidade das operacións basearase nos criterios de selección sinalados no artigo 113.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, aprobados polo comité de seguimento, e que, segundo se indica na citada norma, serán revisados de conformidade coas necesidades de programación.

Artigo 11. Compatibilidade das axudas

1. Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014.

2. No obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no número anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Artigo 12. Certificación de non inicio

1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda no poderán estar iniciadas antes de que os servizos da Consellería do Mar acrediten, unha vez presentada a solicitude, o non inicio.

Para esta convocatoria poderanse admitir actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2014 sempre e cando os investimentos non estean finalizados nin completamente pagados antes da presentación da súa solicitude de axuda para a presente convocatoria, o que deberá ser comprobado pola Administración coa máxima colaboración do interesado e é un requisito indispensable para a validez da acta. O interesado deberá solicitar expresamente esta comprobación para dar validez á devandita acta.

2. Non precisarán da certificación a que fai referencia o número anterior:

Os investimentos que se refiren a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización para a súa instalación, sempre que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000 €.

Nestes supostos o non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable (anexo II) de que os investimentos non foron iniciados.

No caso de que estas actuacións se refiran a investimentos que requiran obras, precisarán da acta de non inicio realizada polos servizos da Consellería do Mar.

3. No caso de proxectos técnicos, o non inicio acreditarase mediante a factura, que poderá ser de data de ata tres meses antes da presentación da solicitude, salvo no caso de non inicio anticipadas, que terá que ser posterior á data de realización da devandita acta.

4. Para a realización das actas de non inicio poderanse realizar convocatorias colectivas fixando unha data, un lugar e unha hora para a súa realización. Esta convocatoria expoñerase nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais da consellería.

5. Para a realización das actas de non inicio o interesado deberá poñer os medios necesarios que faculten a devandita inspección, asumindo os gastos que deriven dela. Tamén se aplicará isto para os controis que deriven da letra c) do artigo 7, cando sexa necesario.

6. Non obstante o indicado no punto 2 deste artigo, para investimentos en buques e por causas xustificadas, poderase solicitar ao órgano competente a que a certificación do non inicio sexa realizada por outros servizos:

6.1. No caso de que as obras se realicen noutra comunidade autónoma ou o buque estea noutra comunidade no momento de realización da acta, esta certificación poderá ser emitida polos servizos correspondentes desa comunidade autónoma.

6.2. Para obras que se realicen no estranxeiro ou se o buque está no estranxeiro, esta certificación poderá ser emitida por entidade ou organismo habilitado e debidamente acreditada coa inescusable intervención das autoridades españolas correspondentes (embaixada, consulado ou outras con capacidade para realizala).

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, o órgano competente poderá designar a persoa ou persoas para que se despracen ata onde estea o buque para realizar a visita in situ e posterior certificación de non inicio; os gastos do devandito desprazamento serán por conta do solicitante da axuda. Aplicarase isto tamén para os controis que deriven da letra c) do artigo 7, cando sexa necesario.

Non obstante, o órgano competente poderá determinar que a inspección in situ se realice no porto base do buque.

7. Se for necesario iniciar as actuacións antes do inicio da data de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, de forma excepcional, poderase facer unha certificación de non inicio antes de que estas comecen, nos seguintes termos:

A solicitude dirixirase á xefatura territorial da Consellería do Mar de cada provincia e xuntaráselle proxecto, de ser o caso, memoria descritiva dos aspectos económicos e técnicos do investimento que inclúa a xustificación da excepcionalidade para acometer os investimentos, facturas pro forma e/ou catálogos que permitan facer unha valoración dos investimentos que se van realizar e relación destes, planos e tres ofertas alternativas. As tres ofertas alternativas serán necesarias cando o importe do gasto unitario supere a contía de 50.000 euros no caso de execución de obras ou de 18.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A delegación territorial correspondente tramitará a devandita solicitude logo de informe da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Esta certificación de non inicio formará parte do expediente administrativo da solicitude posterior, quedando incluída no mesmo procedemento administrativo.

8. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

9. A realización da certificación de non inicio poderá dar lugar ao pagamento das correspondentes taxas.

Artigo 13. Prazo de presentación das solicitudes

Para esta convocatoria de 2018 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 14. Forma de presentación de solicitudes e documentación (anexos normalizados e documentación complementaria)

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación das solicitudes será obrigatoria para as persoas xurídicas, as agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, as comunidades de bens e as persoas representantes dunha das anteriores.

Só se admitirá unha solicitude por barco para unha liña de axudas.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. A estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Os interesados poderán actuar por medio de representante para efectos de presentación da solicitude; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo XI da presente orde.

8. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

9. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

– Segundo o tipo de axuda que se solicite: anexo I.A de solicitude de axudas para investimentos que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies, código do procedemento (PE120A); anexo I.B de solicitude de axudas para investimentos que melloren a hixiene, saúde, seguranza e condicións de traballo en buques pesqueiros, código do procedemento (PE120B); anexo I.C de solicitude de axudas para investimentos en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático, código do procedemento (PE120C); anexo I.E, de solicitude de axudas para investimentos que aumenten o valor engadido, a calidade dos produtos e a utilización de capturas non desexadas, código do procedemento (PE120E).

– Anexo II da declaración responsable de non inicio do investimento, de ser o caso.

– Segundo o tipo de axuda que se solicite: anexo III.A e anexo VIII.A de axudas para investimentos que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies, anexo III.B de axudas para investimentos que melloren a hixiene, saúde, seguranza e condicións de traballo en buques pesqueiros, anexo III.C de axudas para investimentos en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático, anexo III.E de axudas para investimentos que aumenten o valor engadido, ou a calidade dos produtos e utilización de capturas non desexadas do formulario do investimento.

– Anexo IV, declaración de non ter resolución desfavorable a un proceso de regularización.

– Anexo V.1, de pluralidade de persoas físicas, se é o caso.

– Anexo V.2, de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, se é o caso.

– Anexo VI.1, declaración relativa á condición de peme de persoa/as físicas solicitante/s.

– Anexo VI.2, declaración relativa á condición de peme de persoas xurídicas.

– Anexo VI.3, declaración de persoa física partícipe en persoa xurídica.

– Anexo XI, nomeamento de representantes para os efectos de presentación da solicitude.

– Segundo o tipo de axuda, anexo de indicadores FEMP que corresponda: anexo XII.A de axudas para investimentos que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies, anexo XII.B de axudas para investimentos que melloren a hixiene, saúde, seguridade e condicións de traballo en buques pesqueiros, anexo XII.C de axudas para investimentos en eficiencia enerxética e mitigación do cambio climático, anexo XII.E de axudas para investimentos que aumenten o valor engadido, ou a calidade dos produtos e utilización de capturas non desexadas do formulario do investimento.

11. A documentación complementaria está formada por:

I) Se o solicitante é unha persoa física:

a) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, debidamente asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

b) Plan de financiamento do proxecto: indicación da forma de financiamento do proxecto, diferenciando os recursos propios e os recursos alleos e achegando a documentación correspondente:

• Recursos propios: certificados bancarios actualizados das contas bancarias da persoa solicitante onde se indiquen os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento.

• Recursos alleos: préstamos de entidades de crédito e/ou outros que non sexan préstamos de entidades provedoras.

II) Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

b) Poder suficiente do representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

c) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

d) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

e) Imposto de sociedades do último exercicio económico pechado en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

f) No caso de existir grupo empresarial, achegar certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas depositadas pola persoa solicitante ou certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas onde a persoa solicitante estea incluída por consolidación, do último exercicio económico pechado, incluído informe de auditoría consolidado, se é o caso.

g) Plan de financiamento do proxecto: indicar a forma de financiamento do proxecto, diferenciando os recursos propios e os recursos alleos, e achegar a documentación correspondente:

• Recursos propios: ampliación de capital e certificados bancarios actualizados das contas do solicitante onde se indiquen os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento.

• Recursos alleos: préstamos de entidades de crédito e/ou outros que non sexan préstamos de entidades provedoras.

h) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

III) Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado, e, na súa falta, co que figure en primeiro termo.

a) Escritura de constitución da comunidade de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, se é o caso. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación e especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros (anexo V.2).

b) No caso dunha comunidade de bens ou unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica que estea en réxime de atribución de rendas, deberán presentar o modelo 184 de declaración informativa de entidades en réxime de atribución de rendas.

c) Anexo V.1, de pluralidade de persoas físicas ou anexo V.2, de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidade de bens.

d) Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.

e) A conta bancaria sinalada no anexo V.1 ou no anexo V.2, segundo o caso, deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes. En caso contrario deberá achegarse documento asinado por todas as persoas solicitantes, conforme non existe inconveniente en que se pague a axuda a esa conta (anexo V.1 ou V.2, segundo corresponda).

f) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, de cada solicitante, debidamente asinado electronicamante ou debidamente asinado e selado.

g) Plan de financiamento do proxecto, con indicación da forma de financiamento do proxecto, diferenciando os recursos propios e os recursos alleos, e achegando a documentación correspondente:

• Recursos propios: ampliación de capital e certificados bancarios actualizados das contas do solicitante onde se indiquen os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento.

• Recursos alleos: préstamos de entidades de crédito e/ou outros que non sexan préstamos de entidades provedoras.

h) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais desta entidade, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade e antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue un certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

Outra documentación complementaria:

IV) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado e as liquidacións trimestrais ou mensuais dispoñibles do exercicio en curso, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de cada solicitante, se é o caso.

V) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias, de cada solicitante, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

VI) Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 50.000 euros no caso de execución de obras ou de 18.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

VII) Facturas pro forma dos investimentos para os cales se solicita subvención, con descrición detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, instalacións, equipamentos e sistemas que os integran, achegando no seu caso os planos, esbozos ou vistas 3D necesarias para a súa correcta definición e, de ser o caso, certificado de importación.

VIII) Certificación actualizada do Rexistro de Bens Mobles, sección de Buques, acreditativa da propiedade do buque e o estado de cargas ou gravames deste, ou solicitude da devandita certificación ante o Rexistro, sen prexuízo da achega da dita certificación previa a ditarse a proposta de resolución.

IX) Folla de asento actualizada (expedida nos 3 meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación de tela solicitado, sen prexuízo da achega da folla de asento previa a ditarse a proposta de resolución.

X) Seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.

XI) Se a realización do investimento require proxecto técnico ou planos, deberá achegarse e estar asinado por técnico competente. Tamén deberá xuntarse en soporte informático (formato jpg ou pdf). Deberán achegarse os planos de antes e despois da realización do investimento que se solicita.

XII) Se a axuda é para limitar o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies e se trata dun proxecto vinculado, segundo a definición establecida nesta orde, deberá asinar o compromiso de execución do investimento que figura no anexo VIII.A e indicar o nome de todos os buques involucrados.

XIII) Se a axuda é para investimentos que melloren a hixiene, saúde, seguridade e condicións de traballo en buques pesqueiros, deberá achegar plan de prevención de riscos laborais no buque asinado por persoa competente.

XIV) Se o investimento é para «aumentar o valor engadido, a calidade dos produtos e utilización das capturas non desexadas» a través de investimentos innovadores a bordo, deberá achegar:

• Memoria explicativa de que o proxecto é innovador.

• Informe dun organismo público científico ou técnico que conclúa que a arte que emprega o buque é selectiva.

XV) Declaración doutras axudas (xa incluído no anexo I.A, anexo I.B, anexo I.C e anexo I.E), no caso doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto, deberá achegar resolución de concesión, no caso de axudas doutras administracións distintas da Xunta de Galicia. Se as axudas son da Xunta de Galicia, só se presentará a resolución de concesión no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

Artigo 15. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas.

a) DNI/NIE da persoa física solicitante. Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas físicas, DNI/NIE de todas elas.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica, de ser o caso.

d) NIF da persoa xurídica solicitante.

e) NIF da entidade ou agrupación sen personalidade xurídica ou da comunidade de bens.

f) Certificación expedida pola Axencia Tributaria da declaración do imposto da renda das persoas físicas de cada persoa física solicitante, dos últimos dous anos.

g) Resolución da axuda concedida para subvencionar total ou parcialmente o mesmo proxecto solicitado no caso de axudas concedidas pola Xunta de Galicia.

h) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

i) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

j) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

k) Informe acreditativo de acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga).

l) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira emitido pola unidade de sancións e reclamacións da Xefatura Territorial da Consellería do Mar correspondente.

m) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

n) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control emitido polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

o) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, no caso de persoas físicas ou de pluralidade de persoas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, certificado de carecer de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados deberán ser obtidos a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

p) Informe acreditativo do sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP.

q) Informe acreditativo de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR obtido a través da base de datos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

r) Autorización da Consellería do Mar para a realización do investimento previsto no caso de que esta sexa necesaria.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos formularios correspondentes e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Tramitación de solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. Inicio do expediente.

a) No caso de axudas que teñan como finalidade «mellorar a hixiene, saúde, seguridade e condicións de traballo», os servizos de Competitividade e Innovación Tecnolóxica das xefaturas territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes e requirirán a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

b) No caso de axudas que teñan como finalidade «limitar o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies», «mellorar a eficiencia enerxética e mitigar o cambio climático», «aumentar o valor engadido, a calidade dos produtos ou a utilización de capturas non desexadas», o Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Mar nos servizos centrais analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos imprescindibles recollidos no artigo.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5, punto 14, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

Non se considerarán aumento do importe total do investimento as diferenzas ou erros materiais que se poidan dar ao transcribir nos anexos o importe das facturas pro forma.

5. Os expedientes iniciados nas xefaturas territoriais remitiranse xunto cun informe ao respecto ao Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota que continuará coa tramitación segundo o establecido neste artigo. Igualmente, os expedientes iniciados no Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota continuarán coa devandita tramitación.

6. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, darase a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes que fará a comisión de valoración.

7. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

B) Fase de avaliación das solicitudes.

Os proxectos que se financien deberán axeitarse ao programa operativo (PO) do FEMP I) Criterios xerais de avaliación.

1. Avaliaranse os proxectos segundo criterios xerais en que se terá en conta a súa idoneidade co programa operativo do FEMP.

2. Esta avaliación será realizada, preferentemente, por persoas cunha axeitada cualificación e/ou experiencia dos organismos intermedios ou doutras organizacións que poidan fornecer valor engadido a esta avaliación.

3. Para a valoración da idoneidade coa Europa 2020 e ao programa operativo do FEMP terase en conta:

– Adecuación do proxecto á análise Dafo do programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do seu obxectivo específico: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do PO: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

O órgano instrutor emitirá un «informe de idoneidade» para cada solicitude que alcanzase esta fase no cal se cualificará o proxecto de significante (alto: > 7 puntos), razoable (medio: <= 7, > 5), deficiente (baixo: <= 5) e inadecuado (nulo <=2) en función dos puntos totais que obteña.

Os proxectos que sexan cualificados como inadecuados non poderán continuar tramitándose e formularase proposta de resolución previa á resolución desfavorable da axuda. Na resolución de denegación da axuda indicaranse as causas que a motivan.

II) Criterios específicos de valoración.

1. Unha comisión de selección valorará os criterios específicos de cada proxecto de acordo co establecido nesta alínea.

2. Os criterios de selección poderanse modificar en cada convocatoria durante a vixencia do FEMP.

3. Para o ano 2018 os criterios que servirán de base para a determinación da prelación da solicitude serán, segundo a finalidade da axuda, os que se relacionan a seguir:

I. Para a «limitación do impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies» ata un total de 100 puntos:

– O proxecto ten un encaixe colectivo, é dicir, o 10 % dos buques dun mesmo caladoiro, segmento e mesmo porto base solicitan o mesmo investimento, é dicir, son proxectos vinculados: 70 puntos.

– Financiamento propio do proxecto (fórmula do anexo IX).

• O financiamento con fondos propios é igual ou superior ao 40 %: 30 puntos.

• O financiamento está entre o 15 % e menos do 40 %: 20 puntos.

• O financiamento é inferior ao 15 %: 10 puntos.

En caso de empate, terán preferencia aqueles investimentos en equipamentos que aumenten a selectividade por tamaños ou especies das artes de pesca, seguido dos que eliminen os descartes evitando e reducindo as capturas non desexadas de poboacións comerciais ou para tratar as capturas non desexadas que deban desembarcarse de acordo co artigo 15 do Regulamento (UE) nº 1380/2013; a seguir, os equipamentos que limiten e, se é posible, eliminen os efectos físicos e biolóxicos das actividades pesqueiras no ecosistema ou no fondo mariño; e finalmente os equipamentos para protexer as artes de pesca e as capturas fronte aos mamíferos e as aves protexidos pola Directiva 92/43/CEE ou pola Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, sempre e cando non se limite a selectividade das artes de pesca e se apliquen todas as medidas axeitadas para evitar o dano físico aos predadores.

II. Para «mellorar a hixiene, saúde, seguridade e condicións de traballo en buques pesqueiros»:

– Os investimentos que vaian destinados a previr riscos intolerables, seguido de riscos importantes, despois os riscos moderados, a seguir os tolerables e finalmente os triviais, segundo o plan de prevención de riscos.

En caso de empate, darase prioridade a aqueles en que o nivel de dano estea cualificado de moi daniño, seguido dos daniños e, finalmente, os lixeiramente daniños.

De persistir o empate, terán prioridade os que melloren a seguridade, seguido dos que melloren as condicións laborais, despois os que melloren a saúde e finalmente os que melloren a hixiene.

III. Para «mellorar a eficiencia enerxética e mitigar o cambio climático» ata un total de 100 puntos:

a) Alcance do proxecto en función de:

– Número de persoas beneficiarias potenciais en función do segmento de frota a que pertenza o buque:

Buques do censo de artes menores: 15 puntos.

Buques do censo de cerco: 14 puntos.

Buques do censo de arrastre de fondo e arrastre en augas de Portugal: 13 puntos.

Buques do censo de palangre superficie en pesqueiras internacionais: 12 puntos.

Buques do censo de palangre superficie en pesqueira nacional: 11 puntos.

Buques do censo de palangre de fondo en pesqueira comunitaria: 10 puntos.

Buques do censo de arrastre en pesqueiras internacionais: 9 puntos.

Buques do censo de enmalle en pesqueira nacional: 8 puntos.

Buques do censo de palangre de fondo en caladoiro nacional: 7 puntos.

Buques do censo de arrastre en NEAFC: 6 puntos.

Buques do censo de cerco en pesqueiras internacionais: 5 puntos.

– % diminución de consumo de combustible (g/l): redución de 40 % ou máis: 40 puntos; redución entre 20 % e menos 40 %: 20 puntos; redución menos de 20 %: 10 puntos.

b) Necesidade do proxecto.

Valorarse en función do problema que se pretende resolver ou minimizar, neste senso:

Auditorías e programas de eficiencia enerxética: 30 puntos.

– Investimentos relacionados co sistema de propulsión do buque: 25 puntos.

– Investimentos destinados a reducir o consumo de electricidade ou de enerxía térmica: 22 puntos.

– Investimentos relacionados coa hidrodinámica do casco: 19 puntos.

– Investimentos en artes e equipamentos de pesca: 16 puntos.

– Estudos para avaliar a contribución dos sistemas alternativos e do deseño do casco respecto da eficiencia enerxética do buque: 11 puntos.

c) Transferencia de coñecemento.

Valorarase a capacidade de difusión dos resultados do proxecto, para o que tamén se terá en conta a dimensión dos segmentos:

– Buques do censo de arrastre de litoral e arrastre de Portugal, segundo o Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia: 15 puntos.

– Buques en censos de arrastre en pesqueiras internacionais, segundo o Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia: 12 puntos.

– Buques do censo de arrastre de NEAFC, segundo o Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia: 9 puntos.

– Resto dos censos, segundo o Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia: 5 puntos.

No caso específico de substitución ou modernización dos motores principais ou auxiliares que compiten en concorrencia só entre eles, ata un total de 100 puntos:

– Efectos positivos na mitigación do cambio climático.

Segundo a porcentaxe de redución de emisións:

• Se a redución é superior ao 50 %: 40 puntos.

• Se a redución é entre ao 20 % e menos de 50 %: 20 puntos.

• Se a redución é inferior ao 20 %: 10 puntos.

Segundo a porcentaxe de redución de consumo:

• Se a redución é superior ao 50 %: 40 puntos.

• Se a redución é entre ao 20 % e menos de 50 %: 20 puntos.

• Se a redución é inferior ao 20 %: 10 puntos.

– Inversión en activos produtivos: (fórmula do anexo IX).

• Superior 10 %: 10 puntos.

• Entre 5 % e inferior a 10 %: 5 puntos.

• Inferior a 5 %: 1 punto.

– Financiamento propio do proxecto: (fórmula do anexo IX).

• O financiamento con fondos propios é igual ou superior ao 40 %: 10 puntos.

• O financiamento está entre o 15 % e menos do 40 %: 5 puntos.

• O financiamento é inferior ao 15 %: 1 punto.

En caso de empate terá prioridade o que reduza más quilowatts.

IV. Para «aumentar valor engadido e a calidade dos produtos e utilización de capturas non desexadas»:

– Terán preferencia os investimentos innovadores a bordo de acordo co certificado de que o proxecto é innovador, emitido por entidade de certificación acreditada para tal efecto pola ENAC, conforme a norma UNE 166001:2006 (artigo 14.10.XV).

A seguir, priorizarase, segundo:

– Financiamento propio do proxecto: (fórmula do anexo IX).

• Máis do 40 % de fondo propio: 3 puntos.

• Entre o 15 % e menos do 40 %: 2 puntos.

• Menos do 15 %: 1 punto.

En caso de empate terán preferencia os buques de pesca costeira artesanal. De persistir o empate aqueles que acrediten ter mulleres enroladas a bordo.

C) Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a comisión de selección procederá a formular a proposta de resolución de concesión das axudas.

2. Na proposta que formule a comisión de selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde e indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo ca puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A comisión de selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.

4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

5. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 18. Comisión de selección

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: subdirector/a xeral de Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente e a Xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que exercerá como secretaría. Ademais, para as axudas que «melloren a hixiene, saúde, seguridade e condicións de traballo en buques pesqueiros» (procedemento 120B) serán tamén vogais as persoas titulares das xefaturas do Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar de cada unha das xefaturas territoriais.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. A reunión da comisión de selección poderá celebrarse presencial ou telematicamente.

5. A comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

7. A comisión de selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, no que poderá celebrar cantas sesións considere necesarias emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 19. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes corresponde á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 € por persoa beneficiaria, será necesaria a autorización do Consello da Xunta.

2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de seis meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

10. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca; os prazos e modo de pagamento da subvención; e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

Artigo 20. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo anterior, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión e antes da presentación da xustificación de cobramento, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á súa modificación.

2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que o proxecto modificado non poida dar lugar a unha nova análise da solicitude.

b) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

c) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

e) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

3. As solicitudes de modificacións deberán ser comunicadas pola persoa beneficiaria por escrito con anterioridade á súa realización nun prazo non inferior de dous meses antes da data límite de xustificación do investimento e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. No escrito a persoa beneficiaria deberá deixar constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

4. Non se admitirán nin se aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado e en ningún caso suporá un incremento da subvención concedida.

5. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.

6. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou persoa beneficiaria non desvirtúe a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, a nova persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. As modificacións nos prazos de xustificación dos investimentos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, por tanto, deberán tramitarse de acordo co establecido no presente artigo.

8. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 22. Actas de fin de obra/investimento

1. A realización do investimento xustificarase mediante a oportuna acta de fin de obra/investimento mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar, que se solicitará coa propia presentación do expediente para o pagamento, nos mesmos termos e condicións establecido no artigo 12, puntos 5 a 7.

2. Exceptúanse dos puntos anteriores aqueles investimentos en que o importe da subvención sexa inferior a 9.000 €. Neste caso a realización do investimento xustificarase coas facturas e certificación bancaria dos pagamentos correspondentes ás ditas facturas, así como cunha declaración responsable do interesado (anexo VII) de que o dito investimento foi realizado segundo a resolución de concesión.

A Consellería poderá, en calquera momento, realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización dos investimentos antes mencionados.

Artigo 23. Prazos de execución, xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, o prazo para xustificación material e documental dos investimentos será o 31 de outubro de 2018, salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña un prazo distinto.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do Regulamento de subvencións.

3. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estea realizado de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase coa certificación de fin de obra, regulada no artigo 22 desta orde.

No caso de axuda que sexa un proxecto vinculado só se poderá pagar se todos os buques realizan o devandito investimento.

b) Que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

4. As solicitudes de pagamento presentaranse, en calquera das formas previstas nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso das persoas físicas que presenten en formato papel, achegarán un exemplar orixinal e unha copia simple.

As solicitudes deberán ter a seguinte documentación:

– Anexo X, relativo á declaración doutras axudas e compromiso do requisito de admisibilidade.

– Facturas detalladas do investimento realizado, que serán devoltas á persoa beneficiaria unha vez tomada razón de que foron usadas para xustificar a percepción de axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca. As facturas que se entreguen á persoa beneficiaria serán marcadas cun selo en que se indique o financiamento do FEMP.

– Documento de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos e para a instalación e o funcionamento do establecemento, caso de non achegalo antes da concesión da axuda.

– Certificación bancaria acreditativa dos pagamentos realizados correspondentes ás mencionadas facturas. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Os pagamentos teranse que realizar obrigatoriamente mediante transferencia bancaria.

– Anexo VII, declaración responsable de fin de obra, de ser o caso.

5. No caso de que o investimento fose xustificado por menor contía que a considerada como elixible inicialmente, minorarase a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración na xustificación da axuda non afecte aspectos fundamentais do proxecto e non supoña unha execución deficiente deste. En calquera caso, unha xustificación inferior ao 60 % do investimento inicialmente concedido implicará a perda ao dereito de cobramento da axuda.

6. No suposto de falta de xustificación documental ou material, a persoa beneficiaria perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 24. Garantías

1. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o pagamento de cada unha delas, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario do 110 % da cantidade que hai que pagar. Esta garantía estenderase ata dous meses despois da data de xustificación final do investimento establecido na resolución.

2. Se ao interesado se lle concede unha modificación nos prazos de xustificación dos investimentos nos termos previstos no artigo 21 desta orde e a data para xustificación tanto material como documental dos investimentos é no ano inmediatamente seguinte, deberá presentar un aval polo importe do 110 % da axuda correspondente ao investimento para o cal se concedeu a prórroga. A concesión desta modificación quedará condicionada á existencia de crédito desa anualidade.

3. Estes avais deberán presentarse ante a Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o previsto no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Artigo 25. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06) a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 28. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar na dirección web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf.

Artigo 29. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

Artigo 30. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña); ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.gal.

Disposición adicional primeira

No non previsto nesta orde observarase o que se establece no Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ás disposicións comúns dos fondos estruturais e de investimentos europeos; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira

Quedan sen efecto as bases reguladoras das axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) do 31 de decembro de 2016. Non obstante, serán aplicables as súas disposicións aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2017

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file