Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2018 Páx. 11420

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de febreiro de 2018 pola que se autorizan ensinanzas deportivas en baloncesto no centro autorizado de ensinanzas deportivas (CAD) Liceo La Paz, da Coruña.

A titularidade do centro de ensinanzas deportivas (CAD) Liceo La Paz, da Coruña, solicita autorización para impartir as ensinanzas conducentes á obtención do título de técnico deportivo superior en Baloncesto, reguladas no Decreto 118/2017, do 5 de outubro.

Conforme a Orde do 21 de xullo de 2005 autorízase o mencionado centro para impartir as ensinanzas de técnico e técnico superior en Fútbol Sala.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia; norma desenvolvida pola Orde desta consellería do 17 de abril de 2008, en que se determina o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos con que deben contar os centros.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización de ensinanzas

Autorizar o CS Baloncesto no CAD Liceo La Paz, quedando configurado como se sinala a seguir:

Denominación xenérica: Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas (CAD).

Denominación específica: Liceo La Paz.

Código do centro: 15032546.

Enderezo: Sebastián Martínez Risco, 12.

Localidade: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Provincia: A Coruña.

Titular: Carlos Pérez Roca e Antonio Pintor Vidal.

Composición resultante:

Técnico deportivo en Fútbol Sala (2 unidades para 20 postos escolares).

Técnico deportivo superior en Fútbol Sala (1 unidade para 20 postos escolares).

Técnico deportivo superior en Baloncesto (1 unidade para 20 postos escolares).

Artigo 2. Inicio da actividade

Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta docencia nas ensinanzas que se autorizan, así como o equipamento axeitado.

Artigo 3. Inscrición no rexistro de centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria