Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2018 Páx. 11396

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 22/2018, do 15 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade do resto da estrada OU-901, situado na súa marxe dereita entre o punto quilométrico 5+630 e o punto quilométrico 6+190, a prol do Concello de Vilamarín.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Vilamarín e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración o día 2 de xaneiro de 2018 para levar a cabo a mellora e o acondicionamento da travesía de Porto Amieiro, de titularidade autonómica como treito antigo da OU-901, así como a pavimentación de varias vías municipais que conflúen nesta travesía, de modo que se configure este conxunto de acordo coas súas características urbanas. Entre as obrigas do concello asumidas neste convenio de colaboración está a de aceptar a transferencia de titularidade do treito antigo da OU-901 correspondente á travesía de Porto Amieiro e asinar a acta de entrega correspondente antes da licitación da obra.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do resto da estrada OU-901, situado na súa marxe dereita entre o p.q. 5+630 e o p.q. 6+190, a prol do Concello de Vilamarín.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de febreiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilamarín de:

– Resto da estrada OU-901, situado na súa marxe dereita entre o p.q. 5+630 e o p.q. 6+190.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vilamarín deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Vilamarín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito sinalado, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de febreiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda