Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2018 Páx. 11719

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2018, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-13 Na publicidade: todo vale?

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación integradas nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas; con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras; desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo, e capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia participa na organización do concurso de ámbito estatal Consumópolis, conxuntamente coa Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e outras dezaseis comunidades autónomas, e que consta de dúas fases: unha fase autonómica, organizada polos organismos competentes en consumo de cada cidade e/ou comunidade autónoma, na cal se seleccionarán os equipos gañadores a nivel autonómico; e unha fase nacional, organizada pola Aecosan, na cal participarán os equipos que resulten gañadores en cada cidade e/ou comunidade autónoma.

A finalidade do concurso é promover a reflexión de forma consciente, crítica e solidaria sobre distintos aspectos do consumo responsable, mediante a realización das actividades que se propoñen nas dúas partes de que consta o concurso: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.

En consecuencia, correspóndelles ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os equipos gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal do concurso.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso escolar 2017/18 Consumópolis-13 sobre consumo responsable e calidade de vida que leva por título: «Na publicidade: todo vale?» (código do procedemento IN114A).

2. O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.

3. A primeira parte do concurso consiste na realización do percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es.

4. A segunda parte do concurso consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable.

Artigo 2. Participantes

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos 5º ou 6º de educación primaria ou 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria en calquera centro docente da Comunidades Autónoma de Galicia.

2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teña máis de tres membros do mesmo sexo.

3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.

4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.

Artigo 3. Categorías de participación

Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 4. Premios

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal, que terá lugar en Madrid.

Artigo 5. Certificación e recoñecemento

1. Todos os membros do equipo recibirán, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.

2. Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

Artigo 6. Características do traballo en equipo

1. Cada equipo participante deberá deseñar, elaborar e presentar un traballo sobre consumo responsable en relación coa publicidade dun produto ou servizo concreto. Este traballo realizarase de xeito colaborativo entre todos os membros do equipo.

O traballo consistirá nun cartel ou valo publicitario (mural), e estará composto por unha imaxe (debuxo, fotografía, colaxe, etc.) e un lema ou slogan, cuxo público destinatario serán alumnos e alumnas incluídos no mesmo rango de idade que os participantes.

2. Na elaboración do cartel ou valo publicitario deberán respectarse os principios da educación en valores, de forma que o alumnado reflexione sobre o que está permitido e non permitido na publicidade e tome conciencia daquelas técnicas publicitarias constitutivas de publicidade ilícita.

O resultado final debe consistir nun modelo de boa práctica, de xeito que o traballo reflicta un anuncio non sexista, non discriminatorio, non denigrante nin enganoso, con información clara e veraz, que non induza a erro no público destinatario, e que respecte a dignidade e os dereitos dos menores.

Artigo 7. Obxecto da publicidade e público destinatario

Dependendo da categoría de participación, cada equipo deberá elixir un dos seguintes produtos ou servizos:

1. Categoría A, alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria:

a) Que se pode publicitar (seleccionar un dos seguintes produtos):

1º. Un xoguete.

2º. Unha bicicleta.

3º. Un monopatín ou patinete.

4º. Roupa e/ou calzado de deporte.

b) Público obxectivo ao cal se dirixe a publicidade: alumnado de 5º e 6º de primaria.

2. Categoría B, alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria:

a) Que se pode publicitar (seleccionar un dos seguintes produtos):

1º. Un alimento saudable.

2º. Un produto de comercio xusto.

3º. Un videoxogo.

4º. Un smartphone e/ou tableta electrónica.

b) Público obxectivo ao cal se dirixe a publicidade: alumnado de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria.

3. Categoría C, alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria:

a) Que se pode publicitar (seleccionar un dos seguintes produtos ou servizos):

1º. Unha viaxe.

2º. Un concerto e/ou evento musical.

3º. Unha tarifa de telefonía móbil.

4º. Un smartphone e/ou tableta electrónica.

b) Público obxectivo ao cal se dirixe a publicidade: alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 8. Requisitos técnicos do cartel ou valo publicitario (mural)

1. Deberá reproducirse ou plasmarse sobre unha superficie lisa e moderadamente ríxida (madeira, cartón, papel groso, etc.) en formato A3 (29,7 cm x 42 cm).

2. Deberá situarse en posición horizontal:

missing image file

3. Para a súa elaboración poderá empregarse calquera técnica, que será de libre elección para o alumnado participante:

1º. Un debuxo, ilustración ou colaxe realizado manualmente con lapis, acuarelas, témperas, rotuladores, etc.

2º. Unha fotografía orixinal (no caso de escoller esta opción, o traballo deberá imprimirse e pegarse sobre unha superficie que reúna as características citadas anteriormente).

3º. Unha montaxe de varios elementos utilizando programas de edición ou tratamento de imaxes de software libre, sempre que a base da composición sexa un traballo orixinal creado polo propio alumnado (no caso de escoller esta opción, o traballo deberá imprimirse e pegarse sobre unha superficie que reúna as características citadas anteriormente).

Artigo 9. Requisitos técnicos do lema ou slogan

1. Deberá ter un ton positivo, de maneira que faga fincapé na construción dunha mensaxe publicitaria constitutiva de boa práctica.

2. Poderá redactarse en prosa, en verso, ou ser un xogo de palabras que no seu conxunto teña sentido.

Artigo 10. Orixinalidade, dereitos de autor, corrección lingüística e respecto dos valores da convivencia

1. As imaxes, o lema ou o slogan así como calquera outro contido incluído no traballo debe ser orixinal do equipo que o presenta e inédito, sen que fose premiado noutro concurso, fomentando a creatividade do alumnado.

2. As imaxes, o lema ou o slogan así como calquera outro contido incluído no traballo non poden vulnerar os dereitos de autor.

3. As imaxes, o lema ou o slogan así como calquera outro contido incluído no traballo non poderá conter erros lingüísticos.

4. O traballo non poderá incluír imaxes ou contidos violentos nin discriminatorios, nin calquera outro contrario aos valores da convivencia.

5. O incumprimento de calquera destes requisitos supoñerá a descualificación do traballo, polo que deberán coidarse especialmente os aspectos anteditos.

Artigo 11. Apoio aos centros docentes

1. Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do concurso, os equipos participantes contarán coas fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF, relacionadas co consumo responsable que están localizadas no sitio web www.consumopolis.es.

2. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrécelle aos centros docentes o asesoramento que precisen para realizar as actividades que son obxecto do concurso, o cal poderán solicitar poñéndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal, ou do número de teléfono 881 99 90 91.

Artigo 12. Formalización do envío dos traballos a través da plataforma e obtención da ficha virtual

1. Rematado o traballo, o docente coordinador deberá dixitalizar o cartel ou valo publicitario (mural) e subir a correspondente imaxe dixital á plataforma habilitada para a segunda parte do concurso no sitio web www.consumopolis.es. Para dixitalizar o traballo, pódeselle sacar unha fotografía en formato dixital ao cartel ou valo publicitario (mural) realizados.

Características da imaxe que se subirá á plataforma:

a) A imaxe deberá ter formato JPG ou PNG.

b) O peso da imaxe non poderá superar os 2 MB.

c) A imaxe terá as seguintes dimensións: 425 ppp de largo x 300 ppp de alto.

2. A plataforma só permitirá subir os traballos daqueles equipos cuxos cinco compoñentes completasen o percorrido pola cidade virtual. Só se reservará un espazo virtual por equipo.

3. Formalizado o envío a través da plataforma, o docente coordinador poderá descargar a ficha virtual correspondente, documento que contén os datos do traballo: referencia, nome do equipo, compoñentes e título.

4. Desde o momento en que a ficha virtual do traballo sexa descargada pola persoa coordinadora, o traballo non poderá ser modificado. Se o docente coordinador non descarga a ficha virtual do traballo a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

Artigo 13. Memoria da participación no concurso

1. Cada equipo elaborará unha memoria na cal expoña como foi a súa participación no concurso. Na memoria recollerase, de forma resumida e esquemática, o traballo realizado por cada equipo e a aprendizaxe acadada como consecuencia da participación no concurso.

2. A memoria poderá realizarse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa estrutura contará cos seguintes elementos:

a) Portada, na cal se indicará: o nome do equipo, o título do traballo, o nome do centro, o nome do docente coordinador e o nome dos membros do equipo.

b) Índice paxinado.

c) Corpo da memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, no cal se diferencie de forma clara a primeira parte do concurso, a segunda parte e a valoración da experiencia e da aprendizaxe acadadas. Neste documento cada equipo debe explicar, como mínimo, as seguintes cuestións:

1ª. Como se organizaron os membros do equipo para a resolución das probas do xogo en liña e cal foi, se é o caso, a documentación consultada.

2ª. Como se organizaron os membros do equipo para a realización do traballo conxunto, a distribución dos respectivos roles e tarefas, as fontes documentais consultadas, as ferramentas e os demais materiais empregados.

3ª. A valoración do propio alumnado sobre o aprendido en cada unha das fases do concurso.

d) Xuntarase, se é o caso, un anexo bibliográfico e fotográfico en formato dixital das actividades realizadas polo alumnado durante a participación no concurso.

Artigo 14. Presentación das solicitudes

1. Cada centro deberá presentar unha solicitude por cada equipo participante, cubrindo un formulario normalizado (anexo I) para cada equipo. As solicitudes serán presentadas polo director/a ou pola persoa a quen lle corresponda a representación legal do centro.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Debido á actividade profesional, económica e social que desempeñan as persoas físicas que sexan titulares dun centro docente, tanto no ámbito da educación como na xestión dos servizos vinculados á propia actividade educativa, considérase que as persoas físicas que sexan titulares de centros educativos teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 15. Documentación complementaria

1. As solicitudes de participación no concurso irán acompañados da seguinte documentación complementaria:

a) Ficha virtual en formato PDF descargada desde a plataforma do concurso. Para obter esta ficha, cómpre subir o traballo do equipo á plataforma.

b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Debe estar realizada polo alumnado participante e presentarse en formato PDF.

2. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Envío do traballo orixinal

O traballo orixinal (impreso e pegado sobre unha superficie que reúna as características sinaladas no artigo 8), deberá enviarse ao enderezo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, sito na avenida Gonzalo Torrente Ballester, nº 1, 3-5, baixo, en Santiago de Compostela.

Artigo 17. Prazo de presentación

O prazo para a presentación dos traballos á fase autonómica comezará o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 27 de abril de 2018.

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde á posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF do centro educativo.

b) DNI ou NIE da persoa representante do centro educativo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe dos premios concedidos. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia deles, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 22. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou persoa en que delegue.

c) Vogais:

– Un/a asesor/a de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un/a funcionario/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) Secretario/a:

A persoa titular da dirección técnica da Escola Galega do Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles traballos que considere pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de Innovación Educativa e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 23. Criterios de valoración

Para a selección dos traballos con dereito aos premios autonómicos, o xurado terá en conta os seguintes criterios:

1. A puntuación obtida no percorrido pola cidade virtual de Consumópolis: que representará o 50 % da puntuación total que deberá conseguir cada equipo. A valoración das probas incluídas no percorrido quedará establecida de forma automática polo propio sitio web www.consumopolis.es.

2. O traballo en equipo: que representará o 50 % da puntuación total que deberá conseguir cada equipo. A valoración dos traballos realizarase de acordo cos seguintes criterios:

– Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso.

– Creatividade, orixinalidade e presentación na composición do traballo en equipo.

3. Para a valoración dos equipos que optan aos premios autonómicos, o traballo en equipo valorarase cun máximo de 50 puntos, coa seguinte ponderación:

a) Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso: ata 25 puntos.

b) Claridade na mensaxe: ata 5 puntos.

c) Creatividade e orixinalidade na composición: ata 5 puntos.

d) Presentación, calidade lingüística e calidade técnica: ata 5 puntos.

e) Memoria explicativa: ata 10 puntos.

Artigo 24. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non fosen resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A resolución ditada ao abeiro desta convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debe ditala, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non for expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 25. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2018, onde existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración posterior nos traballos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 26. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderán proceder á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. As persoas gañadoras quedan obrigadas a asumir as responsabilidades que poidan resultar da utilización dos textos, das imaxes e doutros elementos creativos achegados na realización do traballo e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou de entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou titores legais dos menores que participen no concurso.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e/ou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales se poderán introducir as variacións que se consideren máis adecuadas para a súa finalidade educativa.

Artigo 27. Retirada da documentación

A dirección do centro educativo e/ou as persoas coordinadoras dos traballos presentados ao concurso, poderán solicitar a retirada daqueles non premiados do sitio web que soporta o concurso, no prazo dos trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia. En caso contrario, quedarán expostos de forma permanente mentres se manteña o concurso.

Tamén poderán solicitar ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a devolución dos traballos non premiados na convocatoria.

Artigo 28. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, encadrado na Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida de Gonzalo Torrente Ballester, nº 1, 3-5, baixo, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a igc.informacion@xunta.gal.

Artigo 29. Réxime de recursos

Contra esta resolución poderase recorrer potestativamente ante a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2018

Sol María Vázquez Abeal

Directora do Instituto Galego do Consumo
e da Competencia

Román Rodríguez Gonzáleza Barja
Conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file