Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 6 de marzo de 2018 Páx. 12919

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2018 pola que se convoca o curso A nova Lei de contratos do sector público para o persoal das entidades locais de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 12 de xaneiro de 2018, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócanse un curso para empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia.

RESOLVO:

Convocar o curso denominado A nova lei de contratos do sector público, que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Funcionarios/as con habilitación de carácter nacional e empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de sete días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibiren mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitir á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Pagamento de matrícula

– O importe da matrícula é de sesenta euros (60 €) para os subscritores/as e novos/as subscritores/as de Cositalnetwork e da Revista de Estudos Locais.

– Para persoal da entidade local subscritora o importe da matrícula será de cento vinte euros (120 €).

– Para o resto dos asistentes o pagamento da matrícula será de dous centos corenta euros (240 €).

Farase unha transferencia bancaria polo importe correspondente á conta dos subscritores do Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital) ES09 0049 0263 55 2111621894 (Santander) e enviarase o xustificante da operación a mtcosital@cosital.es.

O pagamento da matrícula poderase facer efectivo nun prazo único ou en dous prazos. Neste último caso, a expedición do certificado de aproveitamento queda condicionada ao envío do xustificante de pagamento no prazo establecido.

A información sobre o pagamento da matrícula faráse a través do enderezo electrónico mtcosital@cosital.es e no teléfono 915 21 18 25.

A inscrición inclúe acceso ao número en liña monográfico da Revista de Estudos Locais dedicado á nova Lei de contratos do sector público local.

Quinta. Criterios de selección

Criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro) tendo en conta a preferencia do persoal funcionario con habilitación de carácter nacional e empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia subscritores do Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital).

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236 do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades impartidas na modalidade mixta:

As faltas de asistencia nas horas presenciais da actividade non poderán superar o 10 % da duración desta. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría na parte de teleformación da actividade pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Cosital poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Cosital reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Cosital garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV18006.

Área de coñecemento: réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas.

Nome do curso: A nova lei de contratos do sector público.

1. Obxectivos.

Principais novidades da Lei 9/2017. Ámbitos subxectivo e obxectivo da lei. Réxime de invalidez e recursos. Preparación dos contratos. Plan anual de contratación e memoria xustificativa.

2. Destinatarios/as.

Funcionarios/as con habilitación de carácter nacional e empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: mixta (8 horas presenciais e 7 horas de teleformación).

Duración: 15 horas.

Edicións: unha.

Lugar: salón de actos da EGAP, rúa Madrid, nº 2-4.

Datas: do 19 ao 23 de marzo de 2018.

Data da proba final: 23 de marzo de 2018.

Sesión presencial: o día 19 de marzo das 9.00 ás 14.30 h e das 16.00 ás 18.30 horas

Prazas: 100.

4. Contido.

Obxectivos e principais liñas de cambio na nova Lei de contratos do sector público.

Prohibicións de contratar. A preparación dos contratos. Novidades nos procedementos de adxudicación. Modificacións dos contratos. O recurso especial en materia de contratación.

A contratación electrónica no marco da nova Lei de contratos do sector público.

Os tipos contractuais. Novidades nos contratos de obras e de concesión de obras. O contrato de subministación. Os contratos de servizos na nova lei. Os contratos menores.

A concesión de servizos. As formas de xestión dos servizos públicos locais tras a entrada en vigor da nova Lei de contratos do sector público.

O orzamento, o valor estimado e o prezo dos contratos. A revisión de prezos. O pagamento dos contratos. Organización e especialidades da contratación nas entidades locais. A función interventora en relación cos contratos.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro) e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as administracións públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG do 16 de marzo), e corrección (DOG do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.