Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 12 de marzo de 2018 Páx. 14521

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na casa para persoas residentes no exterior durante o ano 2018 (PR926A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Segundo o establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual de maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución, pola que se regula e se convoca o programa de viaxes a Galicia Reencontros na casa, que permite a persoas emigrantes galegas e fillos e fillas de persoas emigrantes galegas maiores de 65 anos viaxar a Galicia a custo reducido para estreitaren vínculos coas súas familias residentes aquí.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na casa para o ano 2018, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra e coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

As axudas consistirán no financiamento parcial do custo da viaxe desde os seus países de residencia ata Galicia e de retorno ao dito país das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2018 (procedemento PR926A).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galega.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.

1.4. Ter, cando menos, 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.

1.6. Para seren persoas beneficiarias deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.

1.7. Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles durante a súa estadía en Galicia.

1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que conviven menos unha.

2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade ás persoas solicitantes indicadas no punto 1, sempre que cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias os fillos e as fillas de persoas emigrantes galegas que teñan a condición de persoa galega e cumpran os requisitos indicados nos puntos 1.2, 1.3, 1.4, 1.6, 1.7 e 1.8 e non teñan participado en programas de viaxes a Galicia da Secretaría Xeral da Emigración nos últimos 10 anos.

4. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o/a seu/súa cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

5. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 3. Características do programa

1. A condición de persoa beneficiaria quedará supeditada ao compromiso de acollida da familia da persoa solicitante residente en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión. A Secretaría Xeral da Emigración poderá verificar estes aspectos en calquera momento.

2. As persoas participantes poderán permanecer coas súas familias en Galicia ata completaren un período máximo de 45 días e serán pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivado da súa estadía en Galicia.

3. As viaxes serán de ida desde o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e de retorno ao dito país.

4. As persoas beneficiarias deberán ingresar, por transferencia ou tarxeta de pagamento, na conta bancaria da axencia de viaxes designada, a parte que lles corresponda do importe do billete, cunha antelación de 20 días naturais á data sinalada para realizar a viaxe. Entenderase que quen non cumpra con este requisito desiste da súa solicitude.

5. A prestación de asistencia sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Prazas convocadas e datas de realización

1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función do número de persoas galegas residentes en cada país e das necesidades e demandas constatadas nas últimas convocatorias deste programa, queda fixada para o ano 2018 do seguinte xeito:

País

Núm. de prazas

Arxentina

80

Brasil

18

Cuba

12

Uruguai

32

Venezuela

38

Outros países

10

Total

190

O número de prazas inicialmente previsto para os distintos países podería variar para adaptalo aos termos económicos previstos no correspondente contrato de servizos.

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 190 ofertadas, poderanse distribuír proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas.

O 90 % das prazas asignadas a cada país destinarase a persoas que cumpran os requisitos indicados no artigo 2, puntos 1 e 2, e o 10 % restante ás persoas que cumpran os requisitos do punto 3 do mesmo artigo. Se non se completar unha destas cotas, as prazas vacantes poderán engadirse á outra.

O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción, por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Datas de realización.

As datas de realización serán, preferentemente, a finais do mes de xuño.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade das axudas

1. Financiamento.

As subvencións do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60 % do custo da pasaxe das persoas beneficiarias desde os lugares de partida en América fixados pola Secretaría Xeral da Emigración ata o lugar de destino designado en Galicia e do retorno.

Naqueles países en que a base de cálculo da prestación económica por ancianidade para o ano da convocatoria non supere os 3.000 euros anuais, a secretaría xeral farase cargo do 90 % do custo da pasaxe.

Naqueles países en que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias para sufragar a parte que deba aboar a persoa beneficiaria debido a dificultades na política de cambio, poderá sufragarse o 100 % do custo da pasaxe.

3. Compatibilidade.

As axudas reguladas nesta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 32 da LPACAP, a Secretaría Xeral da Emigración, excepcionalmente e por razóns xustificadas, poderá ampliar o prazo de presentación de solicitudes mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) As persoas que soliciten o programa por aplicación do número 3 do artigo 2 deberán acreditar ser fillos ou fillas de persoa emigrante galega.

c) A documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e da data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

d) Nos países en que exista a obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha copia da última declaración presentada pola persoa solicitante e/ou os demais membros da súa unidade económica familiar. No caso de que estea exenta de realizala, unha xustificación oficial desta circunstancia e un certificado ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da súa unidade económica familiar.

e) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, unha certificación ou un xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os demais membros da súa unidade económica familiar.

f) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II, conforme a persoa solicitante é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

g) Libro de familia, se procede. Na súa falta, achegarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto dos membros da unidade económica familiar.

h) Una fotografía recente, tamaño carné.

i) Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polos familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade, para que residan con eles durante a súa estadía na Comunidade Autónoma.

2. O/a cónxuxe acompañante da persoa solicitante ou persoa unida a ela de feito ou relación análoga de afectividade, de ser o caso, deberá presentar debidamente completado o anexo III, acompañado da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade:

Pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.

b) Documentación acreditativa da residencia en América.

c) O certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo IV, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Unha fotografía recente, tamaño carné.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentalos de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante se atopa vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia faga imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de cinco meses, que comezarán a contarse desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado que avaliará as solicitudes que non fosen valoradas nos países de orixe e que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación das diferentes comisións de avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación propias, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia respectivas. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela, á vista do número de solicitudes presentadas poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por persoal técnico das delegacións e, de ser o caso, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes.

5. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas indicando as causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse, no prazo máximo de 90 días desde o final do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 6.

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web http://emigracion.xunta.gal para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da súa solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidas da súa petición e arquivarase nos termos establecidos no artigo 68 da LPACAP.

Transcorrido este prazo, elaborarase a lista definitiva de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nas entidades colaboradoras citadas no artigo 6.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes socioambientais, realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos presentados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán terse en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

7. Posteriormente, o órgano colexiado indicado no punto 3 elaborará unha proposta de concesión que o órgano instrutor remitirá á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, para a súa resolución.

8. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións e publicarase na páxina web http://emigracion.xunta.gal a relación de persoas beneficiarias e as reservas.

9. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

10. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 11. Criterios de selección

1. En primeiro lugar seleccionaranse as persoas solicitantes que nunca participasen en edicións deste programa que se atopen en risco de marxinación ou exclusión social. Dentro deste grupo, a orde de preferencia será a dada pola maior idade.

2. No caso de quedaren prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, teranse en conta as persoas solicitantes que xa participasen en edicións anteriores. Neste caso, a orde de preferencia será a dada polo maior tempo que leven sen participar neste programa e se atopen en risco de marxinación ou exclusión social. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano, a orde de preferencia será a dada pola maior idade.

3. No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética do primeiro apelido das persoas candidatas, comezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

4. A selección dunha solicitude realizada por persoa emigrante galega levará implícita a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre que esta veña incluída na solicitude e reúna os requisitos establecidos nesta resolución.

5. A selección dunha persoa solicitante fillo/a dunha persoa emigrante galega non implicará a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade.

6. Seguindo os puntos 1, 2, 3, 4 e 5 anteriores, ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listas de persoas seleccionadas e de reservas de acordo co número de prazas asignadas a cada país no artigo 4.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibiren notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias, control e seguimento

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa; neste caso, a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean ao seu dispor para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, praza de Mazarelos, número 15, 15703 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion@xunta.gal

A persoa solicitante deberá indicar na solicitude que presta o seu consentimento para que lle sexa remitida información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2018

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file