Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2018 Páx. 15177

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 30/2018, do 8 de marzo, polo que se aproba a modificación dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento.

No Decreto 19/2009, do 5 de febreiro, polo que se aproba a constitución do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, establécese que a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo consideran que a maneira máis eficaz e eficiente de xestionar os distintos parques comarcais é a través dun único consorcio, e que esta fórmula do consorcio é a organización idónea para facilitar a posta en marcha dos distintos parques comarcais contra incendios e salvamento da provincia de Lugo, no cal se integrarán todos os parques que se constitúan e equipen ao abeiro dos estatutos que rexerán este consorcio.

Tamén se recolle no dito decreto que a entrada en vigor da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, supón o mandato do Parlamento de Galicia para obter importantes obxectivos no ámbito da protección civil e a xestión de emerxencias. Un dos máis salientables é a necesidade de acadar a maior homoxeneidade posible na prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento, en toda Galicia, do xeito máis eficaz.

Con ese obxecto, e tendo en conta que, a diferenza da regulación contida nos estatutos dos outros tres consorcios provinciais contra incendios e salvamento existentes en Galicia, os estatutos do Consorcio Provincial de Lugo establecen unha rotación na presidencia e vicepresidencia do Consorcio entre a representación da Deputación Provincial de Lugo e a da Xunta de Galicia, considérase necesario proceder á súa modificación.

Por outra banda, por ter sido aprobados no Pleno do consorcio do 19 de decembro de 2014, modifícanse os artigos 3 e 30 dos estatutos do Consorcio para adaptalos ás exixencias da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, á Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, e así mesmo, ao establecido posteriormente no artigo 120.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Todas estas modificacións se realizan de conformidade co procedemento establecido nos artigos 151.2 e 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.

Inicialmente estas modificacións foron aprobadas polo Pleno do Consorcio Provincial de Lugo, na sesión ordinaria do día 25 de setembro de 2017. Durante o prazo dun mes o expediente de modificación foi exposto ao público na Secretaría-Intervención do Consorcio sen que se presentase ningunha reclamación á mencionada modificación. Posteriormente, o Pleno da Deputación Provincial de Lugo, na sesión ordinaria do día 30 de xaneiro de 2018, aprobou tamén a modificación dos artigos 3, 10 e 30 dos citados estatutos do Consorcio.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de marzo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación da modificación dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento

Apróbase modificar os artigos 3, 10 e 30 dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, segundo se recolle como anexo deste decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de marzo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación
do servizo contra incendios e salvamento

Un. Modificación do artigo 3

Engádese un novo parágrafo ao artigo 3 dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, que agora queda coa seguinte redacción:

«Artigo 3. Carácter

O consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran, así como capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios. O consorcio contará con patrimonio propio e desenvolverá a súa actividade conforme un orzamento independente.

O consorcio está adscrito á Deputación Provincial de Lugo e axustarase ao seu réxime orgánico, funcional e financeiro».

Dous. Modificación do artigo 10

O artigo 10 dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento quedará redactado como segue:

«Artigo 10. Presidencia e vicepresidencia

1. A persoa titular da presidencia do consorcio será elixida polo Pleno, por maioría absoluta do número legal de membros. De igual xeito será elixida a persoa titular da vicepresidencia.

Ao estar adscrito o consorcio á Deputación Provincial de Lugo, a presidencia será exercida por un membro do Pleno representante da Deputación e a vicepresidencia recaerá nun representante da Xunta de Galicia.

2. Os cargos da presidencia e vicepresidencia renovaranse cada vez que se renoven os cargos dalgunha das administracións consorciadas, como consecuencia da realización de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fagan necesario. A presidencia exercerá as competencias que se lle atribúen nestes estatutos.

3. A persoa titular da vicepresidencia substituirá a da presidencia nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente procedan. Exercerá as mesmas competencias que o titular da presidencia durante o tempo que dure a substitución».

Tres. Modificación do artigo 30

O artigo 30 dos estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento quedará redactado como segue:

«Artigo 30. Modificacións, incorporacións e baixas e disolución

1. Para a modificación dos estatutos do consorcio, posibles incorporacións ou baixas ou para a súa disolución, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. Os membros do consorcio poderán separarse del en calquera momento ou ter unha duración indefinida, de acordo co disposto no artigo 3. O dereito de separación exercerase mediante escrito notificado ao Pleno do consorcio. No escrito deberá facerse constar o incumprimento que motiva a separación, a formulación do requirimento previo de seu cumprimento e o transcurso do prazo outorgado para cumprir tras o requirimento.

3. No caso de disolución do consorcio practicarase a liquidación de todos os seus bens e dereitos, e o resultado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do consorcio na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ao consorcio».