Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2018 Páx. 15419

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de marzo de 2018 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Patronato de Colonias Escolares de Pontevedra e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Patronato de Colonias Escolares de Pontevedra, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 26 de febreiro de 2018 entrou na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Patronato de Colonias Escolares de Pontevedra, adoptado polo padroado o 20 de febreiro de 2018.

Segundo. A Fundación Patronato de Colonias Escolares de Pontevedra foi clasificada como benéfico-docente de carácter particular mediante Orde do Ministerio de Educación Nacional do 6 de decembro de 1941 (BOE núm. 356, do 22 de decembro).

De acordo coa citada orde, a fundación foi instituída por Manuel Barreiro Cavanelas, quen, mediante un documento privado subscrito en Pontevedra o 30 de xullo de 1936, lle doou ao Estado, por conduto da Inspección de Primeira Ensinanza da dita provincia, o predio e o edificio da súa propiedade, sitos no lugar de Laxedo, parroquia de Covelo, concello da Lama, coa expresa condición de que fosen destinados, con carácter permanente, a colonias escolares organizadas pola citada inspección e para as que, no seu día, puidese organizar o Estado.

O expediente correspondente a esta fundación foi transferido á Xunta de Galicia en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación.

Terceiro. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 20 de febreiro de 2018, adoptou o acordo de extinguir a fundación como consecuencia da súa prolongada inactividade e a imposibilidade de realizar os seus fins.

Consideracións legais:

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación Patronato de Colonias Escolares de Pontevedra, de conformidade co establecido no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e foi aprobado polo padroado na súa reunión do 20 de febreiro de 2018. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro.

Cuarto. O padroado da fundación acorda que os bens e dereitos resultantes da liquidación sexan destinados ao Concello da Lama.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, da mesma data, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Patronato de Colonias Escolares de Pontevedra, adoptado polo padroado da fundación na súa reunión do 20 de febreiro de 2018.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Declarar como destinatario dos bens e dereitos resultantes da liquidación o Concello da Lama.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
P.D. (Orde do 25.1.2012, DOG núm. 27, do 8 de febreiro)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria