Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 19 de marzo de 2018 Páx. 16212

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural, coa categoría de xardín histórico, o Parque do Pasatempo de Betanzos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

No artigo 8.2 da dita lei indícase: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais». Amais, o artigo 18 da LPCG concreta que estes bens deben ter unha relevancia e valor cultural destacados e o artigo 10 da LPCG define o xardín histórico, categoría asignada ao Pasatempo, como «o espazo delimitado produto da ordenación planificada de elementos naturais e artificiais de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, antropolóxico ou científico e técnico».

De igual xeito, o artigo 83 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, declara que integran o patrimonio artístico de Galicia «as manifestacións pictóricas, escultóricas, cinematográficas, fotográficas, musicais e das restantes artes plásticas, de especial relevancia, de interese para Galicia». Estas manifestacións están presentes no Parque do Pasatempo xa que este ben contén un considerable número de manifestacións pictóricas e escultóricas, de desigual valor, posto que combina pezas de elaborada feitura con outras de trazos máis inxenuos e que, individualmente, son representativas do eclecticismo que caracterizou os movementos artísticos de finais do século XIX, tendo especial relevancia o complexo significado das esculturas dos Irmáns García Naveira e da Caridade, o que constitúe un conxunto de elementos pictóricos e escultóricos único e de especial relevancia na historia da arte plástica galega.

Ademais, o artigo 87 establece que o patrimonio arquitectónico está formado polos «inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás cales se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela», e no artigo seguinte 88.1 menciónase que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos «edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos». O Parque do Pasatempo responde a estas características, xa que é un xardín de características moi singulares, que o fan único e sen igual na xardinaría galega, ademais de representar cun testemuño cualificado da obra dun indiano que se enmarca no estilo e actitude ecléctica que caracterizou a arquitectura galega de finais do século XIX e principios do XX. O Pasatempo é, cando menos, unha obra singular no contexto da creación artística galega de finais do século XIX e principios do XX, que recolle diversos aspectos da longa tradición da xardinaría europea, pero constitúe un testemuño único e excepcional, pola actitude ecléctica desenvolvida e por apartarse da tradición local dos pazos galegos e da propia arquitectura indiana. Non se pode considerar representativo da tradición da xardinaría galega, aínda que o seu trazado comparte elementos dela e o seu carácter non ten parangón, posto que non hai exemplos significativos de xardíns de titularidade e promoción privados dedicados ao uso público e non asociados ao uso residencial. Este mesmo argumento aplicouse tamén respecto da arquitectura indiana de Galicia, coa que comparte intencións e aspectos formais, pero que nunca chegaron aos extremos manifestados nesta obra. O Pasatempo é unha obra senlleira pola súa singularidade e fráxil polo abandono e as agresións a que estivo sometido, o que o converte nun ben vulnerable que require de maneira urxente afondar na súa protección e adecuada xestión.

En resumo, este ben pódese considerar como unha obra de carácter territorial, que conxuga aspectos naturais e antrópicos e na cal se manifestan diversas formas de expresión artística (xardinaría, arquitectura, escultura, pintura), cunha finalidade multidisciplinar (pedagoxía, ciencia, relixión, política...). Neste sentido, esta obra posúe un interese científico e técnico, ao constituír un dos primeiros exemplos de institucións con vocación científica que podemos atopar en Galicia e onde por primeira vez se amosan certos avances técnicos que van caracterizar o século XX.

O intricado e misterioso significado desta obra tamén leva a que se asocie con crenzas, ideas e tradicións de carácter inmaterial. Os anos de abandono e deturpación do ben afondaron nesta compoñente, que se manifesta nunha percepción particular pola cidadanía de Betanzos, que fala da tráxica historia recente deste lugar.

Os procedementos para o recoñecemento do seu valor cultural remóntanse ao anos oitenta do século pasado cando Adelpha (Asociación de Defensa Ecológica y del Patrimonio Histórico Artístico) solicitou á Dirección Xeral de Belas Artes, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura que incoase o expediente de declaración de conxunto histórico-artístico para O Pasatempo, entre outros, na cidade de Betanzos.

Os tramites derivados desta solicitude continuarían ata o mes de setembro de 1990, cando a Comisión provincial de Urbanismo da Coruña aprobou, con certas correccións, o Plan parcial do Pasatempo, para o desenvolvemento do sector 3 do solo apto para urbanizar de Betanzos. Así mesmo, as Normas complementarias e subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, aprobadas pola Resolución da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 14 de maio de 1991, incluíron no seu anexo III do Inventario do patrimonio cultural o «Xardín O Pasatempo, Betanzos» entre os «monumentos pendentes de declaración» e na epígrafe «varios» do inventario do patrimonio histórico-artístico do concello de Betanzos. O proceso reiniciaríase o 17 de marzo de 2017 cando o concello de Betanzos solicitou a declaración como ben de interese cultural do Parque Enciclopédico Pasatempo de Betanzos. Días despois, o 28 de marzo, uns particulares solicitaron tamén a declaración do Parque Enciclopédico do Pasatempo como un ben de interese cultural.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, substituíu desde o 16 de agosto de 2016 a Lei 8/1995, do 30 de outubro. A nova Lei do patrimonio cultural de Galicia integra os bens inventariados e catalogados do derrogado Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, en virtude do punto primeiro da súa disposición adicional segunda. Por tanto, o Pasatempo ten a consideración de ben catalogado por estar incluído no catálogo das Normas subsidiarias de planeamento urbanístico de Betanzos, aprobadas o 27 de xuño de 1996 (código 23 PHA), e no catálogo das Normas complementarias e subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, aprobadas pola Resolución da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 14 de maio de 1991 (NCSPP). En todo caso, cómpre indicar que nin no expediente de declaración de xardín histórico nin en ningún dos anteriores catálogos consta ningunha delimitación específica do ben.

En consecuencia, vista a documentación técnica existente no expediente, a achegada polo concello e, en especial, o informe técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que propón a declaración do Parque do Pasatempo como ben de interese cultural coa categoría de xardín histórico, exercendo as competencias que atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro), e en virtude do que dispón o artigo 17, notificación, publicación e efectos da incoación do procedemento de declaración, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de xardín histórico o Parque do Pasatempo de Betanzos (A Coruña), conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación proposta no anexo II, e realizar os trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar, de forma inmediata e provisional, o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os xardíns históricos, en particular, con eficacia desde o momento da súa publicación. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizarase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, Santiago de Compostela, logo da correspondente petición da cita.

Sexto. Notificar esta resolución ao Concello de Betanzos, así como aos interesados no expediente.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición do ben

1. Denominación: Parque do Pasatempo, tamén coñecido como O Pasatempo, Parque Enciclopédico, Xardíns do Pasatempo ou a Horta de Don Xoán.

2. Localización: o ben está situado no lugar do Carregal, na parroquia de Betanzos, nos predios con referencias catastrais número 3421102NH6932S0001DW e 3421103NH6932S0001XW para a parte alta do predio, e o 3522601NH6932S0001ZW  para a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións.

A localización dos seus puntos significativos no sistema oficial nas coordenadas UTM ETRS89 fuso 29 son as seguintes:

– As esquinas do polígono que delimita a parte alta son: NE (563333, 4792005), NW (563179, 4791990), SW (563173, 4791945) e SE (563319, 4791853).

– O centroide da estatua da Caridade: 563419, 4791980.

– O centroide da fonte das Catro Estacións: 563517, 4792088.

3. Descrición:

3.1. Recensión histórica e descrición formal.

Juan María García Naveira comezou a adquirir os terreos do Pasatempo no ano 1883 e dez anos despois iniciou a súa construción. A maior parte do parque estaba construída no ano 1914. Porén, continuouse ampliando e modificando ata o ano 1933, cando morreu o seu promotor. Algún autor sostén que o Pasatempo é unha obra inacabada, na cal non se remataron as dúas últimas terrazas.

Non consta a existencia dun proxecto ou plan redactado que definise o deseño do parque. A bibliografía atribúelle a autoría ao seu propio promotor, Juan María García Naveira, e suxire que os planos de apoio foron executados pola súa filla Águeda. Isto sería acorde co que pasa coa maior parte das obras da arquitectura indiana que, segundo os estudos dispoñibles ata o de agora, foron executadas, na súa maior parte, sen a participación dun titulado superior en arquitectura. Ademais, o longo período de tempo da construción do Pasatempo fai supor que, se houbese un director técnico das obras –distinto do promotor–, este se coñecería. Está acreditada a contratación de varios dos arquitectos máis representativos do eclecticismo galego para proxectar e dirixir outras obras promovidas polos irmáns García Naveira, Juan de Ciórraga y Fernández de la Bastida, Ricardo Boán ou Rafael González Villar, o que pode sementar dúbidas sobre a falta dunha autoría técnica cualificada do Pasatempo responsable, cando menos, da composición xeral. En todo caso, si está constatada a participación de persoal cualificado técnica e artisticamente: a dirección das obras estivo a cargo de Francisco Sanmartín Murias e varias das esculturas do parque foron executadas por artistas recoñecidos.

A parte baixa ou leste do Pasatempo era a que ocupaba unha maior superficie e asentábase sobre parte da marisma de Betanzos, nun terreo –denominado O Carregal– que ocupaban as xunqueiras do río Mendo, desecado na segunda metade do século XIX e principios do XX coa construción do ferrocarril. A parcela desta parte baixa era de forma irregular, cunha superficie aproximada de catro hectáreas e media. É un espazo plano, por tratarse de terreos de recheo, situado ao sur do camiño que comunicaba a ponte do Carregal coa fábrica de curtidos de Lissargue Etchard, hoxe desaparecida. Nesta parte do parque dominaba a compoñente vexetal, na cal se inserían diversos elementos singulares, arquitectónicos e escultóricos. O xardín estaba configurado por distintos espazos e paseos organizados ao redor de grupos escultóricos, fontes ou pavillóns de carácter ornamental. Non toda a parcela estaba destinada a xardín, xa que a parte noroeste acollía hortas e campos de cultivo, e a parte sur estaba ocupada por un espazo arborizado ou bosque. Tras a morte do promotor do parque, esta área, a máis próxima á cidade de Betanzos, foi a que máis sufriu a destrución ao ser obxecto dunha gran transformación e ocupacións posteriores que a deturparon case totalmente, e da que unicamente quedan uns poucos elementos illados. Nesta parte podían distinguirse os seguintes ámbitos: a zona de entrada cun xardín de carácter xeométrico; unha zona de estanques e fontes; a área de xardíns temáticos; un bosque ocupado parcialmente polo zoo e a horta.

A parte alta ou oeste aséntase na aba da pequena elevación situada no que foi a beira oeste da ría de Betanzos antes de desecar O Carregal. Esta propiedade estaba separada da anterior por un camiño que se transformou na estrada provincial C-542 (actual avenida Fraga Iribarne). Ocupa uns terreos de certa pendente, cuxa topografía foi alterada, creando varios bancais axardinados nos cales se dispón, dun xeito recargado, unha multitude de elementos arquitectónicos, escultóricos e pictóricos. Tamén é característico o sistema de covas e galerías soterradas que percorren boa parte desta zona e que, xunto coa construción dos bancais, implicou mover un considerable volume de terras. A parte alta do parque acolle o denominado Parque Enciclopédico, organizado en bancais e socalcos que van ascendendo do leste ao oeste na aba do monte, no cal a acumulación de elementos é máis evidente. Está constituído por dúas parcelas comunicadas cunha pasarela. A parcela situada máis ao leste (6.617 m2), de forma irregular, linda polo norte cunha parcela rústica, polo leste coa avenida Fraga Iribarne e polo sur cun carreiro tradicional que se prolonga polo oeste, onde está a segunda parcela, e que linda polo norte e polo oeste con outros predios rústicos. Esta área do parque non foi ocupada como a anterior por edificios, vías ou dotacións, e aínda que sufriu a destrución de moitos dos seus elementos. Na actualidade mantense como parque público. A parcela leste é a que contén a maioría dos elementos que caracterizan o parque e que chegaron aos nosos días: un área de estanques constituído por cinco terrazas ou niveis; a área dos grandes murais e a gran gruta-león colosal, estruturada en tres niveis. A parcela oeste contén outras dúas plataformas.

3.2. Valores culturais.

O Pasatempo é un compendio de disciplinas artísticas que acolle mostras dunha arquitectura exótica, en boa parte perdida, e da que podemos resaltar os inigualables sistemas de grutas e estanques que caracterizan o parque. A escultura, presente en case todas as súas manifestacións posibles (vulto redondo, relevo, etc.), achega pezas únicas, tanto pola súa feitura como polo seu significado (estatuas da Caridade e dos irmáns García Naveira). A pintura, nun pésimo estado de conservación, complementa a escultura, pero tamén ten unha especial manifestación nos diversos murais da parte alta do parque, en especial naqueles que decoran o muro da gran gruta. Ademais, pode considerarse unha obra representativa do xenio creador do seu promotor, o indiano Juan María García Naveira, que nos achega un manifesto dos valores en que cría.

O feito de que numerosos elementos do parque sexan copias, máis ou menos literais, de obras da arte universal non lles resta valor, xa que a maioría das veces hai unha reinterpretación dos modelos, con modificacións que lle outorgan unha lectura local ou con cambios de materiais, que lle engaden novos significados e valor artístico. Por outra banda, a rudeza ou pouca estilización dalgunha das esculturas é comprensible pola profusión de temas e elementos contidos no parque e polo xeito de execución de moitos deles, con profesionais en prácticas que debían empregar técnicas e materiais novos para a época.

O Pasatempo é un exemplo representativo da tradición filantrópica galega e, concretamente, da que desenvolveron os indianos ao seu regreso de América a finais do século XIX e principios do XX. E non o é tan só pola súa función pública, senón especialmente polo xeito en que se construíu, dando emprego a moitos obreiros locais, e pola súa finalidade didáctica intrínseca, que é moi singular neste contexto. Este ben construído en boa parte sobre uns terreos gañados ao mar é un exemplo significativo da interacción do home co medio nunha área de transformación e crecemento da cidade de Betanzos durante as primeiras décadas do século XX, que foi alterada e deturpada con posterioridade pola multitude de construcións que racharon esta relación e provocaron un profundo impacto ao non integrarse nin valorar as estruturas e organización previa do parque.

4. Estado de conservación: os únicos bens que se conservan in situ da parte baixa do Pasatempo, a fonte das Catro Estacións e a estatua da Caridade, foron restauradas nos anos 2016 e 2015, respectivamente.

Na parte alta do Pasatempo, o estado de conservación xeral é deficiente, non só polo abandono e deturpación que sufriu durante as décadas centrais do século XX, senón tamén pola falta de mantemento posterior ás intervencións de recuperación das décadas de 1990 e 2000.

Todo o conxunto, en maior ou menor medida, está sometido a riscos e ameazas. Deste xeito, na parte baixa do Parque do Pasatempo, a continuada urbanización e edificación dos terreos que ocupou o xardín, sen os debidos controis arqueolóxicos, poñen en risco os posibles restos do Pasatempo que deberían ser obxecto de estudo e valoración. Así mesmo, estas construcións alteran sensiblemente o contorno deste ben ao non seguir un modelo común dos valores mínimos xerais de integración no conxunto do parque. Os equipamentos construídos no Carregal impiden a observación na distancia do Pasatempo, onde se apreciaban certas relacións entre elementos e entre o parque e a paisaxe en que se encadra.

Na parte alta do Pasatempo, a falta de mantemento e do control de acceso, así como o tráfico da avenida Fraga Iribarne, constitúen as potenciais ameazas para as estruturas que resistiron ata o de agora ou que xa foron intervidas. Así, téñense documentados derrubamentos recentes e actos de vandalismo que degradan o parque e poñen en risco a súa conservación.

Outros problemas son a falta de seguridade de utilización, con riscos para a seguridade das persoas usuarias intrínsecas co deseño do parque; a procura de medidas que garantan a accesibilidade universal e a información dispoñible para as persoas que visitan o parque que colabore á súa interpretación e difusión.

Compatibilidade do uso actual coa correcta conservación do ben: na parte alta, o uso de espazo libre de uso público, similar ao orixinal, considérase axeitada. Na parte baixa deberá avaliarse a introdución de desvíos específicos de urbanización e integración ambiental que colaboren á percepción do conxunto e os elementos escultóricos que aínda permanecen.

5. Uso: o uso de espazo libre de uso público, tal e como foi concibido O Pasatempo, é o máis axeitado. Porén, dada a súa extensión e fraxilidade, cómpre tomar en conta a necesidade de controlar o seu acceso, co gallo de preservar a súa integridade física e a súa mensaxe cultural.

Calquera outro uso deberá ser compatible co mantemento de todos os elementos do parque e adaptarse ás súas características e ás condicións de uso e interpretación deste.

6. Réxime de protección: o réxime de protección será o que garanta a conservación dos seus valores artísticos, históricos, arquitectónicos, arqueolóxicos, etnolóxicos, antropolóxicos e científico-técnico e corresponderá co que definen os títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. As intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e en especial o contido da Instrución do 8 de novembro de 2017, relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento (DOG núm. 231, do 5 de decembro de 2017).

Así mesmo, a consideración como ben de interese cultura implica unha serie de dereitos e obrigas que, en concreto, poden resumirse en:

• Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais persoas titulares de dereitos reais están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou perda que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

• Tanteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

• Uso: en calquera caso, a protección do ben implica que as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

Así mesmo, segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, a declaración obrigará o concello a incorporalo ao seu planeamento e establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

ANEXO II
Proposta de delimitación

O ámbito proposto como ben de interese cultural correspóndese coas parcelas catastrais cuxas referencias, segundo os datos da sede electrónica do catastro, son as número 3421102NH6932S0001DW e 3421103NH6932S0001XW para a parte alta do predio, e o 3522601NH6932S0001ZW  para a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións, e que corresponden coas coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29):

• As esquinas do polígono que delimita a parte alta son: NE (563333, 4792005), N» (563179, 4791990), SW (563173, 4791945) e SE (563319, 4791853).

– O centroide da estatua da Caridade: 563419, 4791980.

– O centroide da fonte das Catro Estacións: 563517, 4792088.

Esta delimitación axústase á parcela física en que se asenta a parte alta do parque, delimitada na cartografía máis detallada dispoñible (facilitada polo Concello de Betanzos), que ten pequenos desaxustes coa parcela catastral. A superficie de solo ocupado por esta parte é de 10.184 m2. A delimitación tamén inclúe os dous únicos elementos da parte baixa do Pasatempo que se conservan no seu lugar orixinal: a estatua da Caridade (2 m2) e a fonte das Catro Estacións (133 m2).

Canto ao contorno de protección, en primeiro lugar cómpre indicar que para esta delimitación se toman como referencia os límites físicos (ríos e canles), as vías e infraestruturas públicas (rúas e estradas) e os ámbitos do planeamento vixente, axustándose principalmente á cartografía catastral. Ademais, incoáronse os procedementos para a catalogación da casa da fábrica de electricidade da Ponte Nova e a casa da Rega que, en parte, se solapan con esta. O contorno de protección do Pasatempo está constituído polos terreos próximos cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores dos bens no seu contexto (artigo 12.1 da LPCG). Dáse a circunstancia de que a parte alta do parque se encontra nunha ladeira orientada ao leste, cunha gran visibilidade sobre e desde O Carregal. Así mesmo, cómpre ter en consideración a delimitación do que foi a parte baixa do parque, onde está a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións.

Con estas premisas, a delimitación do contorno de protección axústase á ribeira do río Mendo polo leste; polo norte ás parcelas que dan fronte á avenida Carregal; polo noroeste ao camiño público que comunica O Carregal con Abelares; polo leste ao Camiño Real da Infesta; polo suroeste ao regato do Escorial; e polo sur e sureste ás parcelas de solo urbano cualificadas polo planeamento como uso empresarial. A superficie delimitada deste contorno de protección é de 355.352 m2. Así mesmo, no contorno de protección e no ámbito que ocupaba antigamente o parque, a súa parte baixa de bosque e horta, será preciso a realización de actividade arqueolóxica preventiva para o caso de que as intervencións supoñan movementos de terras, co obxecto de poder documentar ou, de ser o caso, recuperar elementos que poidan ser de interese para o coñecemento e interpretación do parque.

missing image file