Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 2 de abril de 2018 Páx. 18122

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 13 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para a promoción e difusión do cine galego en festivais e mostras de cine de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 391115.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas axudas todas as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas profesionalmente á actividade de creación e produción no eido audiovisual galego, que leven a cabo algunha das actividades descritas como subvencionables na cláusula seguinte.

Só poderán participar nesta convocatoria aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual. En canto á participación de entidades produtoras, será preciso que a empresa estea dada de alta no IAE na epígrafe 9611.

Segundo. Finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción e difusión do cinema galego a través da participación de filmes galegos en festivais e mostras de cinema de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2018.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 13 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para a promoción e difusión do cine galego en festivais e mostras de cine de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2018

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 30.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 2018.10A1.432B.470.0.

As contías que se adxudicarán, segundo os festivais ou mostras de cinema e seccións de referencia, establécense para cada caso nos importes fixos indicados na táboa da cláusula terceira.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes para os eventos xa celebrados será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e para os demais será dun mes desde que se produza a comunicación oficial, por parte do festival, da selección da obra e, en calquera caso, non poderá exceder o 15 de novembro de 2018.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2018

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais