Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 5 de abril de 2018 Páx. 18926

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de marzo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición interposto contra a ampliación do monte veciñal en man común de Bóveda, no concello de Begonte (expediente 10/2016).

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 6 de marzo de 2018, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera, Antonio José López-Acuña Herrero e Carlos Vázquez Díaz, e do secretario en funcións, Juan Carlos López Seijas, ditou a seguinte resolución:

Visto no día da data o recurso de reposición interposto contra o acordo de clasificación do monte de Bóveda (ampliación), no concello de Begonte, expediente 10/2016, e resultando os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Na reunión celebrada polo Xurado con data do 13 de decembro de 2017, acordouse clasificar como veciñal en man común o monte de Bóveda (ampliación), pertencente aos veciños da parroquia de Bóveda, do concello de Begonte, nunha superficie de 69,06 ha, descontando da superficie inicialmente solicitada varias parcelas reclamadas durante o expediente polos seus titulares catastrais.

Segundo. Con data do 19 de xaneiro de 2018 ten entrada escrito presentado polo presidente da Comunidade en que interpón recurso de reposición contra a devandita resolución e solicita con base nos fundamentos que expón, a súa estimación e que acorde a ampliación do monte nos termos en que foi solicitado. O recurso fundaméntase, de xeito resumido, nas seguintes consideracións:

• Posesión inmemorial pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común ao reunir os requisitos do artigo 1 da Lei 13/1989.

• O Catastro non atribúe titularidade dominical. Os datos catastrais non producen efectos civís de presunción de existencia de dereitos inmobiliarios.

• Improcedencia da invocación da titularidade rexistral. O rexistro non dá fe dos datos físicos, superficie e lindeiros, é un mero rexistro de titularidades para efectos de inscrición.

• Carácter indivisible, inalleable, pois é imprescritible e inembargable dos montes veciñais en man común.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común ten competencia e xurisdición para coñecer deste recurso en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Examinado o escrito do recurso e alegacións da Comunidade de Bóveda, non se aprecian circunstancias que motiven a súa estimación:

• Nas consideracións efectuadas no seu momento na resolución do expediente 10/2016, ante as reclamación presentadas, explicábase: «Para estes efectos, hai que ter en conta o disposto no artigo 3.3. do Real decreto lexislativo 1/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do catastro imobiliario: “Salvo proba en contrario e sen prexuízo do Rexistro da Propiedade, cuxos pronunciamentos xurídicos prevalecerán, os datos contidos no Catastro Inmobiliario presúmense certos”. Tal presunción non resulta destruída pola comunidade solicitante da ampliación. Procede, pois, descontar as parcelas anteriores da superficie a clasificar».

• No recurso presentado non se presenta ningunha proba que acredite a posesión inmemorial invocada e que motive un pronunciamento diferente ao realizado na resolución impugnada.

Vistos os antecedentes de feito e os fundamentos de dereito anteriores, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acorda desestimar o recurso de reposición interposto por Juan Gómez López, como presidente da CMVMC de Bóveda, contra o Acordo do Xurado, do 13 de decembro de 2017, polo que se acordou clasificar como veciñal en man común o monte de Bóveda (ampliación), expediente 10/2016, confirmando integramente o acordo impugnado.

Contra este acordo poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 21 de marzo de 2018

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Lugo