Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 6 de abril de 2018 Páx. 19023

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2018, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica LMT ao CTI Vao, no concello de Cospeito (expediente 002/2013 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Ramón Mª Aller Ulloa, 9, 27003 Lugo, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 12 de abril de 2013, a citada empresa solicita a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica LMT ao CTI Vao, no concello de Cospeito, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE do 27 de decembro de 2000, núm. 310), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE do 28 de novembro de 1997, núm. 285), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 3 de abril de 2017. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso do 13 de abril, no BOP de Lugo do 20 de abril e no DOG do 26 de abril de 2017, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Cospeito. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública presentáronse alegacións o 3 de maio de 2017 por Jacinto García Castro, José Anido Hermida, Javier Rigueiro Fernández, Dolores Piñeiro Ledo e Luis Manuel Fernández Piñeiro, titulares propostos para varios dos predios afectados (predios 1, 2, 4, 6, 7, 8, 10, 11, 12, 13 do parcelario do proxecto), en que tras alegar o que consideren pertinente ao seu dereito solicitan que se manteña o trazado da liña preexistente.

As alegacións formuladas polo interesado foron achegadas á empresa promotora da liña eléctrica que contestou a todas elas en tempo e forma.

Quinto. Por persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emítese informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, infórmase polos referidos servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A esta xefatura territorial correspóndelle resolver sobre a presente solicitude de acordo coas competencias que resultan dos decretos 129/2015, do 8 de outubro (DOG núm. 194, do 9 de outubro), e 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG núm. 22, do 1 de febreiro de 2017), polos que se crea e establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e tendo en conta o Decreto 36/2017, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, de acordo coa cal se tramita este procedemento.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, das contestacións que formula a empresa promotora, das comprobacións efectuadas, os informes emitidos e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente porque a variante proposta polos interesados, consistente en tender a nova LMT sobre o trazado da liña existente, suporía na actualidade o incumprimento do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ao existir limitacións á imposición da servidume no predio indicado por aqueles, polo que de acordo con todo o actuado debe entenderse como máis conveniente, para acadar unha solución óptima para o conxunto de toda a instalación, o trazado proposto polo autor do proxecto.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT ao CTI Vao, no concello de Cospeito, coas seguintes características técnicas principais:

– Liña de media tensión a 20 kV cunha lonxitude de 658 m con orixe nun apoio intercalado na LMT Cospeito da ST Vilalba, en condutor tipo LA 56 sobre apoios metálicos e final nun apoio de derivación existente ao centro de transformación intemperie CTI 14727 Vao.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica LMT ao CTI Vao, visado o día 14 de xuño de 2011 co número 1145/2011 polo COITI de Lugo, e asinado polo enxeñeiro técnico industrial Juan Carlos Vázquez Gómez, colexiado nº 352.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que polo representante da Administración se dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario El Progreso do 13 de abril de 2017, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 20 de abril e no Diario Oficial de Galicia do 26 de abril, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Cospeito. Así mesmo, se fai constar que ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT ao CTI Vao, presentado pola empresa Barras Eléctricas Galaico- Asturianas, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacions que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. A Administración resérvase para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar, e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prezuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 14 de marzo de 2018

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo