Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 13 de abril de 2018 Páx. 20219

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 3 de abril de 2018 pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2018.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.3 atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda, nos termos do disposto nos artigos 47 e 148.1.3 da Constitución.

En virtude dos artigos 3 e 4 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, compete a este organismo autónomo a realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia e, así mesmo, a dirección da política en materia de patrimonio arquitectónico, o fomento da rehabilitación e construción de todo tipo de vivendas.

Segundo o disposto no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, o Instituto Galego da Vivenda e Solo queda adscrito, como organismo autónomo, á Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

No marco competencial descrito, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, impulsa actuacións no patrimonio arquitectónico de Galicia, co fin de atender as necesidades de rehabilitación e, así mesmo, mediante programas de conservación e enriquecemento deste patrimonio, realiza unha intensa actividade de fomento da rehabilitación. Precisamente, este patrimonio, constituído polo conxunto de edificacións representativas da nosa identidade cultural, é digno merecedor dunha adecuada conservación como legado común.

Neste contexto, na nosa comunidade autónoma realizáronse obras arquitectónicas que destacan pola súa contribución á sociedade, por constituíren elementos innovadores, así como pola procura na conservación e rehabilitación do patrimonio arquitectónico. Deste xeito, configúrase unha arquitectura orientada a mellorar as condicións de conservación e mantemento de edificios con valor patrimonial ou utilidade social, o que repercute, en última instancia, na calidade de vida das persoas.

A través desta orde, e co obxecto de impulsar a excelencia da nosa arquitectura e a rehabilitación, convócanse os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2018. Estes premios supoñen o recoñecemento á calidade das edificacións rematadas nos anos 2016 e 2017, tanto de obra nova como de rehabilitación. Cabe destacar, así mesmo, os dous premios especiais: o de sustentabilidade e á traxectoria profesional; o primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co ambiente, en consonancia cos programas europeos e o Horizonte Europa 2020. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.

A presente orde consta de dous artigos, unha única disposición adicional e unha única disposición derradeira, así como un anexo onde se definen as bases reguladoras dos premios, nas cales se inclúen as modalidades de premios e a súa dotación, os proxectos que poden concorrer, a presentación de candidaturas, a composición e funcionamento do xurado e a publicidade e difusión dos premios.

En consecuencia, e segundo o disposto no artigo 4 do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Convocatoria

Esta orde ten por obxecto a convocatoria dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2018, que se rexerán polas bases que figuran no anexo I (código do procedemento VI490A).

Artigo 2. Crédito orzamentario

A dotación económica dos premios pagarase con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.480.0, dos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para 2018.

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das propostas serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación.

O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o director xeral do IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.igvs@xunta.es.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

ANEXO I

Bases reguladoras

Primeira. Modalidades de premios

Establécense as seguintes modalidades de premios:

1. Premio galego de arquitectura 2018. O xurado poderá outorgar o premio galego de arquitectura 2018 entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou unha ampliación dunha xa existente, sempre que teña suficiente entidade como para poder ser valorada de forma independente da construción orixinal.

Dotación económica: 6.000 €.

2. Premio galego de rehabilitación 2018. O xurado poderá outorgar o premio galego de rehabilitación 2018 entre os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente.

Dotación económica: 6.000 €.

3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio, poderán ser obxecto de mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

4. Premios especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a seguir:

a) Á sustentabilidade 2018, destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co ambiente, os recursos e as xeracións futuras.

Dotación económica: 6.000 €.

b) Á traxectoria profesional 2018, destinada a recoñecer a meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura no territorio galego.

Dotación económica: 6.000 €.

Segunda. Condicións dos proxectos e das persoas premiadas

1. Poderán optar aos premios, agás o especial á traxectoria profesional 2018, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2017.

2. As persoas físicas ou xurídicas autoras dos citados proxectos deberán ser profesionais da arquitectura.

3. Poderán propoñerse para o premio especial á traxectoria profesional 2018 as persoas arquitectas que pola súa contribución a favor da arquitectura no territorio galego sexan merecedoras dun especial recoñecemento.

Terceira. Presentación de candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2018

1. As entidades que, segundo a base quinta, teñan representación no xurado, poderán presentar candidaturas para os premios de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2018, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente orde.

2. A presentación das candidaturas realizarase electronicamente, a través da aplicación informática que, para estes efectos, figura na páxina web do IGVS, mediante o achegamento da seguinte documentación:

a) Autorización das persoas autoras dos proxectos á entidade propoñente para presentar a súa candidatura, así como o seu consentimento expreso ao IGVS para poder publicar, difundir e dar publicidade aos proxectos e ao material achegado coa proposta, segundo o modelo dispoñible na devandita aplicación.

b) Imaxes: admitirase un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc., en formato jpg, relativos ao correspondente proxecto.

c) Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.

d) Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.

e) Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos sobre o proxecto proposto.

f) Os proxectos que se presenten para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos.

Co obxecto de permitir a identificación das distintas persoas que participaron nos proxectos, no proceso de presentación de candidaturas de cada proxecto deberá quedar constancia do nome, teléfono e correo electrónico de cada unha das persoas intervenientes neles.

3. Cumpridas as formalidades anteriores, a aplicación informática xerará un documento resumo da documentación presentada, en formato pdf, que a entidade propoñente deberá achegar obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, correspondente ao procedemento VI490A, cuxo modelo se incorpora como anexo II.

4. Para a presentación das propostas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Se algunha das entidades presenta a documentación antes relacionada de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes supostos, considerarase como data de presentación da proposta aquela en que fose realizada a emenda, conforme o disposto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. As entidades propoñentes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o xurado poderá requirir a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.

7. Pechado o prazo de presentación de candidaturas, a persoa secretaria do xurado levantará acta dos proxectos presentados, que será publicada na páxina web do IGVS.

8. Os proxectos propostos poderán ser visualizados na ligazón que, para estes efectos, se dispoña na páxina web do IGVS.

9. A documentación presentada quedará á disposición da organización dos premios, que poderá utilizala para a súa difusión en calquera tipo de formato ou soporte.

Cuarta. Proposta de premio á traxectoria profesional 2018

As propostas para o outorgamento do premio á traxectoria profesional 2018 serán presentadas no seo do xurado polas entidades con representación nel, e deberán vir avaladas pola correspondente xustificación.

Quinta. Composición do xurado

1. O xurado estará presidido pola persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Así mesmo, formarán parte do xurado, as seguintes persoas:

a) A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

c) A persoa titular da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS.

d) A persoa que designe a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

e) A persoa que designe a Real Academia Gallega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.

f) A persoa que designe a Dirección da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

g) A persoa que designe a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña.

h) A persoa que designe o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

i) A persoa que designe o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.

j) A persoa que designe a Federación Galega da Construción.

k) A persoa que designe a Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.

2. Actuará como secretario/a do xurado a persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

Sexta. Funcionamento do xurado

1. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. As reunións do xurado celebraranse nas datas sinaladas pola súa presidencia e terán lugar na sede que o IGVS ten en Santiago de Compostela.

3. Corresponde á presidencia do xurado a interpretación das presentes bases, así como a resolución daqueles aspectos non determinados nelas.

Sétima. Deliberacións e decisión do xurado

1. Nas candidaturas aos premios de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2018, o xurado poderá realizar unha selección previa de proxectos finalistas, entre os cales se elixirá un único proxecto gañador para cada unha das modalidades dos premios. Así mesmo, o xurado poderá facer mencións honoríficas, sen dotación económica, a aquelas actuacións que aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

2. As decisións do xurado tomaranse por maioría dos presentes na deliberación e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade da súa presidencia.

3. O xurado poderá declarar desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen o mérito necesario para acadaren a distinción.

4. O xurado emitirá a súa decisión, con mención aos valores dos proxectos galardoados que os fan meritorios da distinción recibida.

Oitava. Difusión e publicidade

1. O IGVS poderá publicar na súa páxina web os proxectos presentados e, de ser o caso, os seleccionados como finalistas polo xurado e, en todo caso, os galardoados.

2. Tras a decisión do xurado, daranse a coñecer os proxectos premiados e farase entrega, en acto público, dos correspondentes galardóns ás persoas premiadas.

3. O IGVS dará a correspondente publicidade, tanto ás persoas galardoadas como aos proxectos premiados, e pode, para tal efecto, utilizar o material achegado coa proposta de candidatura, así como proceder á súa divulgación a través das publicacións, exposicións, conferencias ou calquera outra actuación que coide oportuna.

missing image file