Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 13 de abril de 2018 Páx. 20263

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 27 de marzo de 2018 pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación de persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento TR349T).

BDNS (Identif.): 393512.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, con centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o ano 2018, coa finalidade de facilitar a inserción laboral das persoas mozas menores de 30 anos desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permaneceren no mercado de traballo, favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade.

Por medio desta convocatoria, as empresas que o soliciten terán a posibilidade de obter axudas para a formación e contratación por conta allea de persoas mozas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de marzo de 2018 pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación e formación de persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Cuarto. Importe

No exercicio económico 2018, as axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.3, código de proxecto 2016 00 308, cunha contía de 1.888.000 euros (fondo finalista).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2018.

As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 16 de decembro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas a partir da entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses desde a data de inicio da relación laboral, respectando o prazo xeral do 30 de setembro de 2018.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria