Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 16 de abril de 2018 Páx. 20513

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a Terraza de Sada (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.2 da devandita lei indícase que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

O artigo 88.1.e) da devandita lexislación autonómica recoñece a importancia e significación dentro do patrimonio arquitectónico para os edificios relevantes da arquitectura modernista e da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos.

A Terraza de Sada evidencia por completo, e despois dos anos da súa construción como unha arquitectura inicialmente con carácter efémero, os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial e construtivamente, a súa singularidade estética e a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa.

Os procedementos para o recoñecemento do seu valor remóntanse a máis de 40 anos e as diferentes consideracións e valoracións que sufriu ao longo do tempo son tamén o reflexo da evolución dos conceptos do patrimonio cultural e dos procesos da súa valoración.

O 24 de xaneiro de 1975 o director xeral do Patrimonio Artístico e Cultural resolveu incoar o expediente para declarar monumento histórico artístico con carácter nacional o edificio da Terraza de Sada.

O expediente incoado tramitouse segundo a Lei de patrimonio nacional do 13 de maio de 1933, que, no seu artigo 14, indicaba que a declaración dos devanditos monumentos requiriría a aprobación por decreto despois do informe favorable e razoado dalgún dos órganos consultivos mencionados.

O 14 de xuño de 1975 o director da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando cuestionou a entidade do inmoble e recomendou a súa declaración, de ser o caso, coa categoría de monumento local ou provincial.

Tanto o Concello de Sada como a Deputación Provincial da Coruña opuxéronse a tal declaración, principalmente polo elevado custo económico da súa restauración, que se consideraba pouco viable pola natureza do material de construción e o seu estado de ruína.

Á vista de tal situación, en 1982 e a petición do Ministerio de Cultura, a Real Academia variou a súa consideración inicial e considerou que non existiría inconveniente en volver tramitar a declaración de monumento nacional, cuestión que a corporación local de Sada apoiou coa intención de procurar a súa posta á disposición para usos «públicos, creativos e recreacionais», sempre que contase co patrocinio do Ministerio. A pesar de iniciarse de novo o procedemento cun trámite de audiencia, o expediente non seguiu adiante.

A pesar de tal circunstancia, durante os seguintes anos e ata 1987 realízanse varias obras de restauración financiadas pola Xunta de Galicia que detiveron a súa deterioración e facilitaron á súa posta en valor e o mantemento da súa funcionalidade.

En 1994, xa desde a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, comezáronse uns novos traballos preparatorios para proceder á declaración, neste caso co estudo e tramitación dun contorno de protección, do cal se obteñen os informes de órganos consultivos, ata maio de 1996, sen que tampouco nesta ocasión se tivese realizado máis avance, se ben neste caso non se pode falar da caducidade do expediente porque quedou só na parte preparatoria.

O 1 de xaneiro de 2011 o Concello de Sada instou a Xunta de Galicia a declarar como ben de interese cultural coa categoría de monumento a Terraza de Sada, e o Consello da Cultura Galega o 9 de abril de 2011 asumiu esta petición, neste caso acompañada dun estudo arquitectónico do seu valor e que, para os efectos desta valoración da oportunidade para a tramitación, constitúe o argumento xustificativo principal.

En calquera caso, transcorrido o prazo sen terse pronunciado sobre as solicitudes, os expedientes considéranse desestimados por silencio administrativo, segundo o recollido no anexo II da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que recolle a relación de procedementos en que o silencio administrativo produce efectos desestimatorios.

O día 11 de outubro de 2017 foi aprobado definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal, que incorporou, dentro do seu catálogo, unha serie de medidas concretas dirixidas a protexer este ben, no cal se lle asignaba un grao de protección integral e un contorno de protección, medidas que melloraron a concreción das condicións necesarias para unha axeitada integración da súa preservación nas futuras previsións urbanísticas que se desenvolverían no futuro.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, substituíu desde o 16 de agosto de 2016 a Lei 8/1995, do 30 de outubro. A nova Lei do patrimonio cultural de Galicia integra os bens inventariados e catalogados do derrogado Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, en virtude do punto primeiro da súa disposición adicional segunda.

A Terraza de Sada ten na actualidade a consideración dun ben inmoble catalogado e o seu contorno de protección vén determinado polo recollido no propio Plan xeral de ordenación municipal de Sada, no que está integrado con outra serie de bens tamén catalogados.

En consecuencia, visto o informe técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que conclúe que a documentación existente semella xustificar a petición da clasificación como ben de interese cultural, fundamentada no informe do Consello da Cultura de 2011 e no propio informe técnico da Administración, no cal propón un contorno de protección coherente co aprobado definitivamente no Plan xeral de ordenación municipal, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e en virtude do que dispón o artigo 23 do Rexistro de bens de Interese Cultural, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a Terraza de Sada (A Coruña), conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación proposta no anexo II, e proceder aos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar, de forma inmediata e provisional, o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os monumentos en particular, con eficacia desde o momento da súa publicación. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita.

Sexto. Notificar esta resolución ao Concello de Sada, así como aos interesados no expediente.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Terraza de Sada.

2. Localización: o inmoble está situado no predio con referencia catastral número 0702901NJ6000S0001MP, no recheo do paseo marítimo de Sada e con fronte e acceso á Avenida da Mariña, separada dela por unha estreita beirarrúa. A localización do seu punto central no sistema oficial nas coordenadas UTM ETRS89 Fuso:29 é X:560.559; Y:4.800.048.

3. Descrición:

3.1. Resumo histórico e descrición formal.

A Terraza é un pavillón modernista comezado a construír en 1912 no recheo do paseo de Méndez Núñez na Coruña, sobre un deseño probablemente do arquitecto Antonio López Hernández, destinado a quiosco dos xardíns.

Foi trasladado, entre os anos 1919 e 1920, á praia urbana da vila de Sada para continuar coa mesma función de servizo hostaleiro e recreo.

Construído principalmente en madeira e vidro, coas formas e cores do modernismo, profuso en adornos xeométricos estilizados e voluptuosos, ten desde a súa orixe un concepto esvelto, lixeiro, aberto e luminoso, favorecido polo carácter efémero e flexible, do cal é proba a súa propia biografía. Inicialmente construíuse nun dos dous espazos de concesión do paseo en planta baixa, pasando enseguida a entoldar a planta alta ante o aumento do número dos seus usuarios.

A ampliación dos períodos de concesión municipal animou no seu día ao investimento en instalacións actualizadas e modernas, tendo en conta a necesidade de competir comercialmente polos clientes con outras instalacións localizadas en paralelo. A linguaxe arquitectónica empregada combina a versatilidade dun espazo diáfano co emprego dun estilo radical, urbano e actual, enlazado coa tendencia europea da época e co claro obxectivo de diferenciarse da arquitectura histórica e a institucional que remedaba o seu aspecto de forma ecléctica.

O edificio, con este carácter vivo e dinámico, evolucionou para adaptarse á transformación dos usos e das expectativas dos seus xestores, de tal forma que, desde o modelo sinxelo de planta baixa e azotea aberta pasou a cubrir a planta alta como un suxerente salón de baile diáfano duns 150 m2, rodeado de paneis acristalados de cores vivas.

Para o seu traslado a Sada construíuse un soto sobre o cal apoialo na daquela superficie areosa, e modificáronse algúns aspectos, como a instalación dun espazo para cociña e aseos nun modulo traseiro ou a reforma do sistema de acceso, que mudou a un único espazo central cuberto, a supresión das escaleiras exteriores e a introdución dunha escaleira interior tamén na posición central.

Ademais destas modificacións espaciais e funcionais, tamén o paso do tempo derivou nalgunhas intervencións de carácter pragmático, tanto en entrepanos e cores de acabamento como en reparacións puntuais que tiñan por obxecto prolongar a súa vida, se ben desde premisas máis utilitaristas e económicas, sen referencias reais ao concepto artístico e arquitectónico orixinal. Todas estas modificacións, con independencia de que transforman o proxecto e concepto orixinal, non deturpan os seus valores e a súa singularidade.

Os quioscos resultaban instalacións innovadoras tanto na tipoloxía arquitectónica, construtiva e funcional como ornamental, e proba da súa axeitada aposta e risco é a pervivencia ata os nosos días dun exemplo do cal desapareceron case todos os seus semellantes, ata que a propia Terraza é xa un supervivente único e singular nos nosos días.

3.2. Valores culturais.

Os valores propios do inmoble, a súa singularidade, o seu percorrido histórico e as súas características artísticas e arquitectónicas, ademais dos seus valores identitarios e materiais que non só a fan recoñecible senón que exemplifican un desexo social de pertenza e recoñecemento, aconsellan o seu estudo desde a perspectiva do recoñecemento dun valor sobranceiro no ámbito do patrimonio cultural galego.

A Terraza de Sada é un ben sobranceiro de Galicia polos seus valores culturais e representa un caso único de conservación dos inmobles desta tipoloxía e función na comunidade autónoma. No aspecto histórico destaca por ser unha tipoloxía orixinal creada nos primeiros anos do século XX, pola novidade que supuña para unha sociedade urbana o uso de espazos públicos relacionados co cambio radical da estrutura da cidade, das comunicacións e dos estándares da calidade de vida, que, ademais, sobreviviu á desaparición case que absoluta dos seus coetáneos, dos cales existiron numerosos exemplos que, cunha vida efémera, non chegaron na maior parte dos casos aos nosos días.

Tamén destaca polos valores arquitectónicos e artísticos, pola calidade do deseño, os espazos de uso diáfanos, claros e vivos, tinguidos de cores e de elementos ornamentais cunha xeometría sensual e acolledora, calidade e calidez reforzada polo exercicio artesanal da produción das pezas con que está construído.

Finalmente poden destacarse valores etnolóxicos por resultar un exemplo singular, recoñecible e apreciado do pobo de Sada e en Galicia en xeral, tanto no referido ao seu uso hostaleiro como o propio cultural, punto central do modernismo entendido como un sinal identitario, e en proceso de recuperación con actividades lúdicas e culturais periódicas en que a Terraza é o punto central e máis coñecido.

En conxunto resulta un ben senlleiro, exemplo dunha arquitectura recreativa e urbana ligada ao ocio público e ás actividades culturais, cunha fermosa e delicada formalización, sensible e cálida, recoñecida popularmente e cun grande aprecio a nivel social, por representar un momento histórico concreto asociado á vida social da Coruña e principalmente de Sada e referente na súa evolución urbana.

4. Estado de conservación: o seu estado de conservación é precario en especial no relativo aos seus elementos compositivos e ornamentais, e, se ben se mantén en condicións de poder ser usado, precisa dunha restauración acaída que poida mesmo recuperar aspectos de cor e deseño dos cales se conservan os datos orixinais. As actuacións máis recentes non corresponden cos sistemas e materiais axeitados para os materiais orixinais, e a lixeireza e a funxibilidade supoñen un maior risco de deterioración. Moitas actuacións previas xa modificaron, como non podía ser doutra forma, nun ben desta natureza, os seus acabamentos e mesmo os seus elementos ornamentais. Porén, algún deles debería ser obxecto de completa revisión ou substitución no marco dun proxecto de restauración complexo. Á vista de tales circunstancias, considérase que o ben require da elaboración dun proxecto ou plan integral de conservación, na medida en que se prevexa a futura xestión do inmoble, localizado en dominio público. Xúlgase que podería ser factible e beneficioso revisar, no marco dos devanditos proxectos, a posibilidade de incorporar outros usos que colaboren ao seu sustento e uso entre a comunidade, tal e como o requirira o Concello de Sada en 1982, e contribúan ao seu recoñecemento.

5. Uso: hostalería e complementarios: consideraríanse complementarios os usos culturais ou de actividades de lecer que sexan compatibles coa conservación da súa distribución e características espaciais e construtivas.

6. Réxime de protección: o réxime de protección será o que garanta a conservación dos seus valores históricos, etnolóxicos, artísticos e arquitectónicos e corresponderá co que definen nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. As intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e, en especial, o contido da Instrución do 8 de novembro de 2017 relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento (DOG núm. 231, do 5 de decembro de 2017).

O contorno de protección delimítase pola liña de fachadas que dan fronte á avenida da Mariña polo suroeste, polo que os cambios que afecten a esta deberán ser avaliados en relación tamén á presenza da Terraza.

Así mesmo, a consideración como ben de interese cultural implica unha serie de dereitos e obrigas que, en concreto, pode resumirse en:

• Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufran e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

• Tanteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellaría competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

• Uso: en calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

ANEXO II

Proposta de delimitación

O ámbito proposto como ben de interese cultural correspóndese coa parcela catastral do edificio da Terraza cuxa referencia, segundo os datos da sede electrónica do catastro é a 0702901NJ6000S0001MP.

O contorno de protección do ben queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais ou rúas por que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría adxunta e vén xustificado tanto pola adaptación aos contornos xa recollidos no PXOM definitivamente aprobado do termo municipal de Sada (11 de outubro de 2017) como á fronte edificada da avenida da Mariña máis próxima. Dada a súa consideración e a evolución do seu contexto, non se considera un contorno de maior extensión. O perímetro queda definido pola liña que une os puntos A-B-C-D-E:

• Tramo A-B: pártese do punto A situado na esquina nordeste do inmoble situado no número 1 da rúa Alcalde Fernández Pita (0602303NJ6000S0001WP), con fronte á avenida da Mariña. O perímetro baixa cara ao sur polas fachadas desta rúa, ata atravesar a rúa da Ponte á altura do número 3, en cuxa fachada se sitúa o punto B.

• Tramo B-C: continúa dende o punto B cara á avenida da Mariña, pola fachada noroeste do número 8. O punto C sitúase ao atravesar esta avenida, no límite da parcela catastral 0702902NJ6000S0001OP, identificada co núm. 1 do paseo marítimo de Sada.

• Tramo C-D: desde o punto C baixa cara ao sueste e bordea o aparcadoiro público ata o punto D, situado no camiño que separa este equipamento, da zona verde que limita coa Praia Nova.

• Tramo D-E: o contorno de protección entre os puntos D e E, segue cara ao norte pola beira leste do citado camiño, que queda dentro do contorno delimitado.

• Tramo E-A: do punto E ao inicial, o perímetro de protección discorre apegado ao límite da zona verde con outro camiño que conduce á Praia Nova. Únese ao punto A e segue o trazado da rotonda situada no cruzamento da avenida da Mariña coa rúa Alcalde Fernández Pita.

missing image file