Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 16 de abril de 2018 Páx. 20507

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 28 de marzo 2018 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 393411.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior (procedemento PR811A).

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións.

A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia e executarse baixo o enfoque de vulnerabilidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 28 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de 300.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2018.

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto e a subvención concedida non superará en ningún caso os 70.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2018

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza