Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2018 Páx. 21407

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2018, da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, pola que se acorda o inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias de vivendas de promoción pública en segundas ou posteriores adxudicacións no concello de Santiago de Compostela (expediente C-2002/010).

De conformidade co establecido no Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de adxudicatarios/as de vivendas de promoción pública en segundas ou posteriores adxudicacións no concello de Santiago de Compostela, expediente C-2002/010 (Belvís), que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto do procedemento

1. O procedemento ten por obxecto adxudicar, logo dos seu correspondente proceso de selección de adxudicatarios/as, as sete vivendas de promoción pública do concello de Santiago de Compostela que se indican a continuación e as vivendas da mesma promoción singular que estean de novo á disposición do IGVS ao longo do período de vixencia destas bases, consonte o establecido na base sétima.

Vivenda

Enderezo

Superficie

Nº cuartos

C2002010:2

Camiño da Ameixaga, bloque 1, P 24-1º esq.

81,96

3

C2002010:4

Camiño da Ameixaga, bloque 1, P 24-2º esq.

81,96

3

C2002010:18

Camiño da Ameixaga, bloque 2, P 11-1º esq.

63,89

2

C2002010:26

Camiño da Ameixaga, bloque 2, P 7-1º esq.

63,89

2

C2002010:34

Camiño da Ameixaga, bloque 3 , P 8-3º esq.

64,53

2

C2002010:38

Camiño da Ameixaga, bloque 3, P 6-2º esq.

80,61

3

C2002010:47

Camiño da Ameixaga, bloque 4, P 12-3º dta.

80,61

3

Todas as vivendas dispoñen de rocho e garaxe.

2. A promoción de que se trata foi cualificada como promoción singular ao abeiro da disposición adicional terceira do Decreto 257/2004, do 29 de outubro. O réxime xurídico é o das vivendas cualificadas en núcleo histórico.

3. Para realizar as adxudicacións elaborarase unha lista, integrada por todas as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, para a quenda xeral, elixidas polo procedemento previsto nestas bases.

Segunda. Requisitos dos beneficiarios/as

1. Poderán resultar adxudicatarias das vivendas as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade ou menores emancipadas, con plena capacidade de obrar que reúnan os seguintes requisitos:

a) Atoparse inscritas no Rexistro Único de Demandantes, na data desta resolución de inicio, na sección 1ª ou 2ª, subsección alugamento, do Rexistro de Demandantes, para o concello de Santiago de Compostela como concello preferente.

b) Pertencer ao colectivo ao cal van destinadas as vivendas desta promoción: demandantes de entre 18 e 35 anos.

c) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 1 e 3,5 veces o índice público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

d) Formar parte dunha unidade familiar/convivencial de ata seis integrantes, en atención ás características das vivendas ofertadas.

e) Residir ou traballar no concello de Santiago de Compostela, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

f) Carecer calquera membro da unidade familiar ou convivencial de vivenda en calidade de propietario/a, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Acreditar que a vivenda da que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos do artigo 10.IV do Decreto 253/2007. Se resulta adxudicatario/a queda obrigado a ofertar ao IGVS a dita vivenda.

– Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

g) Non atoparse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:

– Que xa fosen titulares de VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a allease por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.

– Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do antedito, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición ao longo de todo o proceso de selección, de maneira que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Terceira. Réxime de adxudicación

1. A vivenda adxudicarase en réxime de arrendamento para satisfacer as necesidades dos colectivos especificados.

O réxime de adxudicación manterase durante toda a vixencia do réxime legal de protección sen que sexa posible o cambio de réxime de alugamento a compra.

2. De conformidade co artigo 74 da Lei 8/2012, a Comisión Provincial de Vivenda poderá, en calquera momento anterior á aprobación da lista definitiva de adxudicatarios e de espera, afectar vivendas deste proceso para a súa adxudicación en réxime de arrendamento, a persoas que formen parte dos colectivos aos cales van destinadas as vivendas da promoción, polo procedemento previsto no artigo 47 e seguintes do Decreto 253/2007.

Cuarta. Condicións xerais de carácter económico

O contrato de arrendamento terá unha vixencia de cinco anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibido, en todo caso, a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

A renda inicial anual será a que resulte de aplicarlle o 3% ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007.

A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte do adxudicatario da fianza correspondente.

Quinta. Procedemento de selección

1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 30 do Decreto 1/2010.

2. A selección efectuarase mediante sorteo, que se celebrará ante notario o día 24 de abril de 2018 agás indispoñibilidade do fedatario autorizante; neste caso, publicarase a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.

No sorteo elixiranse, por orde correlativa, sete persoas para integrar a lista provisional de adxudicatarios/as. As restantes persoas integrarán a lista provisional de espera segundo a orde correlativa que resulte do sorteo.

3. Unha vez rematado o sorteo procederase á publicación da lista provisional de adxudicatarios/as e de espera. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, a Comisión Provincial de Vivenda ditará resolución aprobatoria da lista definitiva de adxudicatarios/as e de espera.

Sexta. Publicidade, reclamacións e recursos

1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións, entendendo por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de adxudicatarios/as e de espera.

A publicación das listas provisional e definitiva de adxudicatarios/as e de espera realizarase nos taboleiros de anuncios do concello, no da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.

A publicación substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

3. Contra a aprobación da lista definitiva de adxudicatarios/as e de espera, logo da súa publicación nos termos sinalados no número 1, poderase interpor recurso de reposición de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015.

Sétima. Vixencia das listas definitivas

As listas definitivas deste proceso de selección manterán a súa vixencia ata que teña lugar algunha das seguintes circunstancias:

– Que se cumpra un ano desde a aprobación de tales listas.

– Que se produza a súa caducidade automática ao resultar esgotadas por non quedaren integrantes aos cales ofertar as vivendas.

– Que sexan aprobadas novas listas definitivas noutro proceso no cal se inclúan as vivendas vacantes deste.

Oitava. Aceptación ou renuncia

De conformidade co disposto no artigo 28.2 do Decreto 1/2010, do 28 de xaneiro, unha vez que sexa determinada pola Área Provincial do IGVS a vivenda que lle corresponde a cada adxudicatario/a e que lle sexa notificada tal determinación, a persona interesada deberá aceptar ou renunciar á adxudicación no prazo de 10 días e, no caso de aceptala, deberá presentar nese mesmo prazo a documentación requirida.

A Coruña, 22 de marzo de 2018

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña