Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2018 Páx. 21267

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Campogrande, parroquia de Morgadáns, no concello de Gondomar.

O Concello de Gondomar remite a delimitación de solo de núcleo rural de Campogrande para resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme o sinalado no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e ao artigo 191 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada; e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O Concello de Gondomar non conta actualmente con ningunha figura de planeamento xeral, tras a anulación do PXOM por sentenza do Tribunal Supremo do 22.2.2005. O seu ordenamento xurídico derívase da providencia da alcaldía do 8.3.2012, na que se remite á dilixencia da secretaria municipal que remite aos informes xurídicos da técnica da Administración xeral do 15.9.2011 e 20.2.2012, e aos informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de días 6.9.2012 e 5.7.2013.

2. Consta informe do arquitecto municipal do 1.12.2015 no que se require informe sectorial en materia de patrimonio, estradas da Deputación e Augas de Galicia.

3. Consta trámite de información pública por prazo dun mes (ao abeiro da disposición adicional segunda da Lei 9/2002) e petición dos anteditos informes sectoriais con data do 11.12.2015; así como publicación no DOG do 28.12.2015, e nos xornais Atlántico do 29.12.2015 e Faro de Vigo do 30.12.2015.

4. Consta informe da Deputación Provincial de Pontevedra do 7.3.2016.

5. Consta novo informe técnico do 26.5.2016, avaliando a nova proposta de DSNR ao abeiro da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

6. O 8.6.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental inicia o trámite de consultas no procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada.

7. Consta Resolución do 23 de agosto de 2016 polo que se formula o informe ambiental estratéxico polo que se resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria, á que se lle achegan informes de: Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 28.7.2016; Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do 29.7.2016; e Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 11.7.2016.

8. Achégase novo informe técnico do 12.9.2016, no que se reitera a necesidade de informe sectorial de Patrimonio, Estradas da Deputación e Augas de Galicia.

9. Consta novo trámite de información pública por dous meses e petición dos anteditos informes sectoriais (Patrimonio, Deputación e Augas de Galicia) con data do 12.9.2016, así como publicación no DOG do 22.9.2016, e nos xornais Atlántico e Faro de Vigo do 20.9.2015. Consta presentada unha alegación.

No informe da DXPC emitido no trámite de consultas do procedemento de avaliación ambiental requírese a remisión para un novo informe tras a aprobación inicial da DSNR. Consta como solicitado o dito informe tras a adaptación da delimitación á Lei 2/2016, sen que na data da aprobación provisional fose recibido.

10. Consta informe sectorial da Deputación Provincial de Pontevedra do día 15.11.2016.

11. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental remite ao concello a contestación á consulta no procedemento de avaliación ambiental do IET do 8.9.2016.

12. Consta informe técnico previo á aprobación provisional do 23.1.2017; e informe xurídico do 25.1.2017.

13. Consta aprobación provisional polo Pleno do Concello do 26.1.2017.

14. Con data do 25.1.2017 recíbese no concello informe de Augas de Galicia do 18.1.2017; e con data do 1.2.2017 recíbese informe do Servizo de Montes en resposta á consulta no procedemento de avaliación ambiental. Con data do 28.9.2017, o Servizo de Urbanismo de Pontevedra solicita a Augas de Galicia a ampliación do informe emitido, respecto á suficiencia de recursos hídricos. Non consta recibida contestación. Porén, achéganse dous novos informes técnicos do 17.2.2017 e 27.2.2017, que avalan as modificacións introducidas no documento proposto para aprobación definitiva como consecuencia do informe de Augas de Galicia.

15. Á vista dos requirimentos desta DXOTU, o concello achegou o 3.7.2017 o documento aprobado provisionalmente polo Pleno do 21.6.2017, coas modificacións introducidas como consecuencia do informe de Augas de Galicia; o 9.8.2017 copia da notificación aos titulares catastrais dos terreos afectados; e o 9.1.2018 copia dos seguintes informes:

– Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital do 15.11.2017.

– Dirección Xeral de Aviación Civil do 29.11.2017, informe favorable condicionado á inclusión na documentación da delimitación das cuestións indicadas neste.

– Subdelegación do Goberno, Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, do 21.12.2017, sobre suxeición á normativa sectorial enerxética vixente de aplicación.

– Instituto de Estudos do Territorio do 4.10.2017.

– Informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do 26.9.2017.

– Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 31.10.2017.

– Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal do 18.12.2017.

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do día 20.10.2017.

II. Análise e consideracións.

A proposta ten por obxecto o recoñecemento e delimitación do asentamento de Campo Grande, como solo de núcleo rural, cunha superficie de 47.473 m2, no leste da parroquia de Morgadáns. Desta superficie, 30.743 m2 corresponden a solo que se cualifica como solo de núcleo rural histórico-tradicional; e 16.730 m2 a solo de núcleo rural común.

A documentación achegada responde ás cuestións recollidas no informe previo á emisión do IAE, emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o día 28.7.2016, e aos requirimentos realizados.

Analizado o documento e o seu propio contido, puido observarse a súa adecuación á normativa que lle resulta de aplicación.

De conformidade co artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural de Campogrande, parroquia de Morgadáns, Concello de Gondomar, condicionada á inclusión na documentación das indicacións dos informes da Dirección Xeral de Aviación Civil do 29.11.2017, e da Subdelegación do Goberno, Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital do 21.12.2017.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2018

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file