Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2018 Páx. 22236

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación secundaria obrigatoria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2017/18.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, prevé no seu artigo 29 a realización dunha avaliación individualizada ao finalizar a educación secundaria obrigatoria.

O Real decreto 310/2016, do 29 de xullo, polo que se regulan as avaliacións finais de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, establece que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte determinará mediante orde ministerial, para cada curso escolar, as características, o deseño e o contido das probas da avaliación final de educación secundaria obrigatoria, establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e que a realización material das probas corresponde ás administracións educativas.

O Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, no seu artigo 1 modifica a disposición derradeira quinta da citada lei e no artigo 2 adecua o réxime xurídico da avaliación final de educación secundaria obrigatoria ao novo calendario de implantación e establece que ata a entrada en vigor da normativa resultante do Pacto de Estado social e político pola educación, a avaliación final de educación secundaria obrigatoria recollida no artigo 29 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, non terá efectos académicos, será considerada mostral e terá finalidade diagnóstica.

Ademais, o citado real decreto establece que a selección de alumnos e centros será suficiente para obter datos representativos e as administracións educativas poderán elevar o número de centros participantes por riba das necesidades mostrais ou facela con carácter censual. Avaliará o grao de adquisición da competencia matemática, a competencia lingüística, a competencia social e cívica e terá como referencia principal as materias xerais do bloque das disciplinas troncais cursadas en cuarto de educación secundaria obrigatoria.

Posteriormente, a Orde ECD/65/2018, do 29 de xaneiro, regula, para todos os centros docentes do Sistema educativo español, e para o curso 2017/18, as probas da avaliación final de educación secundaria obrigatoria de conformidade co disposto no Real decreto lei 5/2016, do 9 de decembro, de medidas urxentes para a ampliación do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no artigo 22 atribúelle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, entre outras competencias e funcións, a organización de probas específicas que deriven da normativa xeral ou específica, nos niveis educativos non universitarios de Galicia.

En consecuencia, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto ditar as instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación secundaria obrigatoria, regulada pola Orde ECD/65/2018, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2017/18.

Esta avaliación terá carácter mostral. Aplicarase ao alumnado matriculado no curso escolar 2017/18 en cuarto curso de educación secundaria obrigatoria nos centros docentes seleccionados para formar a mostra.

Segundo. Finalidade

A avaliación final de educación secundaria obrigatoria terá finalidade diagnóstica, con vistas á mellora da calidade e equidade do sistema educativo.

Valorará o grao de adquisición da competencia matemática, da competencia lingüística e da competencia social e cívica, tendo como referencia principal as materias xerais do bloque de materias troncais cursadas en cuarto curso de educación secundaria obrigatoria.

Terceiro. Competencias obxecto de avaliación

1. Na avaliación final de educación secundaria obrigatoria avaliaranse a competencia matemática, a competencia lingüística e a competencia social e cívica.

2. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables de cuarto curso de educación secundaria obrigatoria recollidos nos anexos I e III do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As materias de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura e Primeira Lingua Estranxeira serán a referencia principal para a determinación do grao de adquisición da competencia lingüística; as materias de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Académicas e Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas serán a referencia principal para a determinación do grao de adquisición da competencia matemática; e a materia de Xeografía e Historia será a referencia principal para a determinación do grao de adquisición da competencia social e cívica.

Cuarto. Características xerais das probas

1. A Administración educativa proporcionará aos centros docentes os materiais necesarios e o soporte informático para que poidan realizar a avaliación.

2. As probas estarán constituídas por cadernos de alumnado para cada unha das competencias obxecto de avaliación e cuestionarios de contexto dirixidos ás persoas titoras, á dirección do centro, ao alumnado e ás súas familias. Estes cuestionarios permitirán obter información sobre as condicións socioeconómicas e culturais dos centros para a contextualización dos resultados obtidos.

Os cuestionarios de contexto realizaranse preferentemente en formato dixital, sen prexuízo de que as familias o poidan realizar en formato papel.

3. Os estándares de aprendizaxe utilizados nas probas da avaliación final de educación secundaria obrigatoria seleccionaranse entre os enumerados na matriz de especificacións da materia correspondente, incluída no anexo II da Orde ECD/65/2018. Os estándares de aprendizaxe utilizados na proba de Lingua Galega e Literatura seleccionaranse entre os enumerados na matriz de especificacións do anexo desta resolución.

4. O alumnado que teña concedida no presente curso escolar unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación na materia de Lingua Galega e Literatura estará exento nesta avaliación da realización da proba de competencia en comunicación lingüística en lingua galega e literatura.

Quinto. Aplicación e corrección das probas

1. As probas aplicaranse conforme as instrucións que dite a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. As probas, con carácter xeral, serán aplicadas e corrixidas por profesorado que non imparta docencia ao alumnado avaliado.

3. No proceso de corrección aplicaranse os criterios establecidos para cada competencia avaliada.

Sexto. Datas da avaliación

1. A aplicación das probas realizarase os días 29 e 30 de maio de 2018.

2. No caso de que algún centro docente non poida realizar algunha das probas nas datas establecidas no punto anterior, por coincidir cun día non lectivo no centro docente ou por circunstancias sobrevidas que imposibiliten a súa realización, a dirección do centro comunicarao á Inspección educativa e á comisión local establecida no punto noveno desta resolución, cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio da proba. A comisión, oída a inspección do centro, adoptará as medidas necesarias para que se realicen as probas nunha data inmediatamente posterior.

Sétimo. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

1. Estableceranse as medidas máis adecuadas para que as condicións de realización das probas se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

2. Con carácter xeral, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que requira unha atención educativa diferente á ordinaria por presentar necesidades educativas especiais, dificultades específicas de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), altas capacidades intelectuais, por se incorporar tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, realizará a mesma proba que o resto do alumnado, e estableceranse as medidas necesarias para que as condicións de realización da avaliación se adapten ás súas necesidades. As medidas poderán consistir na adaptación de tempos para a realización da proba, a presentación da proba en formatos adaptados e a posta á disposición do alumnado de medios materiais e axudas técnicas que precisen.

O alumnado que leve escolarizado no sistema educativo galego menos dun curso escolar completo e cuxa competencia lingüística non sexa suficiente para a comprensión da proba contará co asesoramento lingüístico necesario do seu profesorado, e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.

3. O alumnado que teña autorizada unha adaptación curricular será avaliado de acordo con esa adaptación, polo que os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe que figuren na súa adaptación curricular serán os referentes para a dita avaliación e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.

4. A elaboración, aplicación e corrección das probas adaptadas a cada alumno ou alumna a que se refire o punto anterior, será responsabilidade do titor ou titora, contando co asesoramento do resto do equipo docente, da persoa responsable da orientación educativa no centro docente e coa colaboración do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e en Audición e Linguaxe.

5. Para aquelas situacións extraordinarias en que se formule dúbida sobre a aplicación da proba de avaliación ao alumno ou alumna, correspóndelle á comisión de coordinación da avaliación no centro docente, establecida no punto décimo desta resolución, oído o titor ou titora do alumno ou da alumna, resolver se se debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada. De ser o caso, esa decisión farase constar no informe do dito alumno ou alumna.

Oitavo. Comisións de coordinación da avaliación

Para o desenvolvemento da avaliación estableceranse dous niveis de coordinación vinculados ás actuacións que se deben desenvolver: unha comisión local de avaliación en cada unha das sedes territoriais de Inspección educativa e unha comisión de coordinación da avaliación no centro docente.

Noveno. Comisións locais de avaliación

1. Constituirase unha comisión local de avaliación final de educación secundaria obrigatoria en cada unha das sedes territoriais de Inspección educativa formada por entre tres e seis funcionarios ou funcionarias de carreira do corpo de inspectores de educación en función das necesidades das sedes territoriais de Inspección educativa e, cando menos, dous directores ou directoras de centros públicos de educación secundaria ou, de ser o caso, dous profesores ou profesoras funcionarios, todos eles designados pola persoa titular da xefatura territorial de educación correspondente.

2. Corresponde a cada comisión local de avaliación no seu ámbito territorial respectivo:

a) Facilitar toda a información necesaria aos centros docentes do seu ámbito para a realización da avaliación.

b) Coordinar a realización da avaliación nos centros docentes.

c) Coordinar os procesos de corrección, rexistro de resultados e cualificación das probas de avaliación.

3. As comisións locais de avaliación constituiranse coa entrada en vigor da presente resolución e comunicarase a súa constitución á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

4. As comisións locais de avaliación estarán auxiliadas polos inspectores e inspectoras da sede territorial de inspección correspondente e polo persoal docente dos centros en que se realice esta avaliación.

5. Para os efectos de colaboración coas comisións locais, e en particular para a corrección das probas, poderanse constituír subcomisións de avaliación integradas por funcionarios ou funcionarias de carreira dos corpos de inspectores de educación, funcionarios ou funcionarias dos corpos de catedráticos de ensino secundario e/ou de profesores de ensinanza secundaria, especialistas nas distintas materias que compoñen as probas, todos eles designados pola persoa titular da xefatura territorial de educación correspondente.

A percepción de asistencias dos membros das comisións locais de avaliación e das subcomisións aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Décimo. Comisión de coordinación da avaliación nos centros docentes

1. Constituirase unha comisión de coordinación da avaliación final de educación secundaria obrigatoria en cada centro docente que participe na avaliación, formada polo director ou directora do centro, que a presidirá, o xefe ou a xefa de estudos, de ser o caso, o xefe ou a xefa do departamento de orientación, de ser o caso, e un profesor titor ou profesora titora de cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, segundo corresponda, nomeados pola dirección do centro.

2. Esta comisión será a encargada no centro docente de:

a) Informar a comunidade educativa do centro docente sobre o sentido e a finalidade da avaliación final de educación secundaria obrigatoria.

b) Planificar e facilitar as condicións e medios materiais para a correcta realización da avaliación.

c) Planificar e coordinar todo o proceso da avaliación no centro docente e garantir que se realiza de modo adecuado.

d) Seleccionar o persoal docente responsable da aplicación das probas, de acordo co disposto no punto quinto desta resolución.

e) Comunicar á comisión local correspondente o persoal docente seleccionado que auxiliará a dita comisión.

f) Adoptar todas as medidas necesarias para a realización da avaliación ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e, para aquelas situacións extraordinarias para as cales se formule dúbida, resolver se ao alumno ou alumna se lle debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada.

g) Custodiar os materiais da avaliación e garantir a debida confidencialidade.

h) Garantir o rigor e a obxectividade no desenvolvemento de todo o proceso da avaliación.

i) Colaborar coa Administración educativa e coa comisión local correspondente naqueles aspectos do proceso para os cales sexa requirida.

3. A comisión de coordinación da avaliación no centro docente constituirase coa entrada en vigor da presente resolución e comunicarase á Inspección educativa correspondente.

Décimo primeiro. Informes

1. Elaborarase un informe en que se reflectirán os resultados obtidos, expresándoos en seis niveis de desenvolvemento competencial, que se nomearán do nivel 1 ao 6. Os resultados poñeranse en coñecemento da comunidade educativa mediante un resumo dos indicadores recollidos no anexo IV da Orde ECD/65/2018, considerando os factores socioeconómicos e socioculturais do contexto.

2. Os centros docentes obterán un informe de centro incluíndo os indicadores recollidos no anexo IV da Orde ECD/65/2018.

Décimo segundo. Control do proceso

A Administración educativa, a través da Inspección educativa, requirirá dunha mostra significativa de centros docentes, os materiais das probas da avaliación, co fin de realizar unha segunda corrección que contribúa ao control da calidade do proceso.

Correspóndelle á Inspección educativa supervisar e velar polo correcto desenvolvemento da avaliación nos centros docentes do seu ámbito e participar na corrección de contraste.

Décimo terceiro. Participación do profesorado

De acordo co establecido no artigo 142 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, os equipos directivos e o profesorado dos centros docentes participarán e colaborarán coas administracións educativas nas avaliacións que se realicen nos seus centros.

Décimo cuarto. Datos de carácter persoal

Para o tratamento dos datos de carácter persoal aplicarase o disposto na disposición adicional vixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os datos de carácter persoal serán incluídos nun ficheiro denominado avaliación do sistema educativo cuxa finalidade é xestionar os plans e probas que se realizan para contribuír a mellorar a calidade e equidade da educación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: sxt.cultura.educacion@xunta.gal.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

ANEXO

Matriz de especificacións de Lingua Galega e Literatura

Bloque de contidos

Estándar de aprendizaxe

Comunicación escrita: ler e escribir

30 %

LGB2.1.1. Emprega pautas e estratexias que facilitan a análise do contido (resumos, cadros, esquemas e mapas conceptuais).

LGB2.1.3. Elabora o esquema xerarquizado de ideas dun texto.

LGB2.1.4. Deduce información global do texto a partir de contidos explícitos e implícitos.

LGB2.2.1. Identifica a intención comunicativa, o tema e os subtemas de escritos propios da vida cotiá relacionados co ámbito laboral, administrativo e comercial.

LGB2.5.1. Diferencia os trazos característicos dos textos xornalísticos de opinión: carta ao director, editorial, columna e artigo de opinión.

LGB2.13.3. Sintetiza a información e resume textos argumentativos sen repetir nin parafrasear o texto de partida.

LGB3.10.1. Identifica a estrutura do texto, en construcións propias e alleas.

LGB3.10.4. Elabora textos cunha estrutura apropiada, divididos en parágrafos e empregando os mecanismos de progresión temática.

LG3.11.1. Identifica e describe a estrutura e os trazos lingüísticos dos diferentes xéneros textuais, especialmente nos argumentativos, e aplícaos nas producións propias.

Funcionamento da lingua

30 %

LGB3.1.1. Recoñece, explica e usa un léxico amplo e preciso de diferentes categorías gramaticais.

LGB3.3.1. Recoñece e explica os procedementos de creación de palabras.

LGB3.3.3. Recoñece os valores de prefixos e sufixos e as súas posibilidades combinatorias para crear novas palabras.

LGB3.6.1. Aplica correctamente as normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega nos discursos orais e escritos.

LGB3.8.1. Recoñece enunciados e identifica a palabra nuclear que o organiza sintáctica e semanticamente.

LGB3.12.2. Elabora producións lingüísticas cunha adecuación apropiada ao contexto, ao tema e ao xénero textual.

Lingua e sociedade

15 %

LGB4.2.1. Coñece e describe a lexislación estatal e autonómica básica en materia lingüística.

LGB4.2.2. Describe acertadamente con criterios sociolingüísticos a situación galega actual.

LGB4.3.2. Distingue normativización e normalización e explica adecuadamente cada fenómeno.

LGB4.6.1. Sinala os prexuízos lingüísticos atribuíbles a calquera lingua e especialmente á galega e rebáteos cunha argumentación apropiada.

Educación literaria

25 %

LGLB5.1.2. Comprende e explica razoadamente os distintos períodos da literatura galega de 1916 ata a actualidade sinalando os seus principais trazos característicos.

LGB5.2.3. Comenta, de forma guiada ou libre, textos de obras da literatura galega desde 1916 ata a actualidade, sinala os seus trazos característicos definitorios e relaciónaos co contexto histórico, cultural e sociolingüístico do período da literatura galega correspondente.