Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 2 de maio de 2018 Páx. 22805

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 41/2018, do 12 de abril, polo que se declara ben de interese cultural o pazo de San Isidro, no lugar do Couto de Outeiro da parroquia de Nosa Señora do Carme, no termo municipal de Mondoñedo (Lugo), coa categoría de monumento.

O pazo de San Isidro, situado no lugar do Couto de Outeiro, preto da ponte do Pasatempo, na parroquia de Nosa Señora do Carme do concello de Mondoñedo (Lugo), domina o val desta vila, que coñeceu o seu auxe na época da raíña Dona Urraca cando mandou trasladar a sé episcopal de San Martiño de Mondoñedo de Foz a Vilamaior do Val de Brea ou Vallibria, a actual Mondoñedo. A súa situación no lugar do Couto fai referencia a un lugar de xurisdición importante, sendo unha zona de mando por poder real. Ao seu pé está a calzada que levaba ata a mencionada ponte e que daba entrada á cidade de Vallibria. Trátase dun pazo senlleiro, o máis sobresaínte do concello de Mondoñedo, que exemplifica a relación entre o edificio e o seu ambiente cultural e histórico.

A edificación actual do pazo de San Isidro é do século XVIII e é un dos tres proxectos presentados polo arquitecto Diego Ibáñez Pacheco, que seguramente aproveitou as edificacións anteriores para apoiar a nova construción. Entre as pedras atopadas no seu interior destaca a aparición dunha peza de xustiza que confirma que o lugar estivo relacionado coa xurisdición civil e criminal. O pazo está formado por diversos corpos rectangulares acaroados entre si que conforman un conxunto de planta irregular cun patio porticado no seu interior, onde destacan os capiteis e bases das columnas do patio de pedra e os fustes de madeira pintada, tipoloxía pouco frecuente en Galicia.

O empedrado do chan do patio é máis antigo que o porticado, e nel atópase a entrada principal ao pazo que, curiosamente, non ten fronte ao val de Mondoñedo, senón que é unha entrada dirixida cara á montaña e ao paso do trazado do camiño real, feito que se confirma cos restos da calzada que existen no traxecto que pasa por debaixo do arco de comunicación da capela e que sobe ata a porta principal e continúa ata a ponte do Pasatempo.

Este inmoble destaca pola sucesiva e coidadosa adaptación da súa arquitectura aos diferentes usos ao longo da súa vida, o que tamén exemplifica o devir da historia. En primeiro lugar como torre defensiva, coa súa xurisdición civil e criminal; posteriormente, como convento; finalmente como pazo residencia. Por riba de todos os seus momentos destaca a arquitectura austera, harmoniosa e proporcionada do antigo convento. A calidade formal e construtiva da edificación esténdese aos distintos elementos que o compoñen, non só á edificación residencial principal senón aos detalles no patio pechado con pórtico, ao miradoiro do val, tanto na edificación coma no muro de peche do eido no cal se situaban as hortas do convento, as grandes chemineas...

Outra característica singular é que a fachada e as portas principais están ocultas no lugar máis recóndito da propiedade e que a fachada de cara á vila é a máis simple e opaca de todo o conxunto; se cadra, esta peculiaridade provén da distribución ascética, influenciada polo antigo convento. O pazo completa o seu interese cos valores históricos asociados á vida dos Baamonde e Sarmiento, identificados nos escudos presentes tanto na entrada como no miradoiro do pazo. O predio está pechado por muro de xisto en gran parte e nel hai árbores autóctonas de grande porte, un cruceiro e unha fonte.

O 19 de xullo de 2017 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite a resolución pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural coa categoría de monumento o pazo de San Isidro, no lugar do Couto de Outeiro da parroquia de Nosa Señora do Carme, no termo municipal de Mondoñedo (DOG núm. 153, do 11 de agosto), e ábrese un período de exposición pública dun mes e con notificación aos interesados.

Previamente foran requiridos os informes de órganos consultivos, constando no expediente, ademais do informe técnico da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os informes favorables do Consello da Cultura Galega (13 de xullo de 2017) e da Real Academia Galega de Belas Artes (21 de abril de 2017).

Durante o trámite de información pública, no cal se notificou aos interesados e ao Concello de Mondoñedo, incluíndo os titulares catastrais dos predios afectados pola declaración, foi presentada unha alegación, que foi estimada parcialmente segundo as conclusións do informe técnico do 19 de marzo de 2018, que: «Tomando en consideración todos os argumentos citados, considérase que, ben que está acreditado o valor cultural do pombal e a necesidade da súa protección, esta non ten porque implicar a extensión do réxime de ben de interese cultural a todos os predios e construcións, senón a aqueles que acreditan reunir os valores no seu grao sobranceiro. Por iso, entendo que existen fundamentos para estimar parcialmente a alegación e recoller, na proposta de decreto para declarar de forma definitiva o pazo de San Isidro como ben de interese cultural, como monumento, as construcións relacionadas e que forman un conxunto murado, e deixar os predios restantes como contorno deste. Porén, os informes existentes si valoran a existencia e concorrencia de valores culturais no pombal, tanto pola súa calidade construtiva como polas súas dimensións e polas evidencias dunha relación co uso do pazo, e aínda que tales indicios e presuncións de valor poden non xustificar a súa declaración como ben de interese cultural, si debe ser protexido como ben catalogado para promover as medidas de salvagarda necesarias para evitar a súa perda, deterioración ou destrución».

Tendo en conta as circunstancias devanditas, considérase xustificado o valor cultural sobranceiro do pazo de San Isidro polo seu interese arquitectónico, arqueolóxico, histórico e etnolóxico, coa categoría de monumento.

Á vista das consideracións devanditas, e despois de rematar a instrución do expediente administrativo, cómpre resolver o expediente segundo a proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do doce de abril de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural o pazo de San Isidro, no lugar do Couto de Outeiro da parroquia de Nosa Señora do Carme, no termo municipal de Mondoñedo (Lugo), coa categoría de monumento, segundo a descrición, delimitación e réxime recollidos nos anexos I e II deste decreto.

Segundo. Incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o pombal localizado no contorno de protección devandito ben segundo se recolle no anexo II deste decreto, cun nivel de protección integral.

Terceiro. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural e notificala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Cuarto. Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Notificar esta resolución aos interesados e ao Concello de Mondoñedo, para os efectos do coñecemento da consideración de protección referida á natureza do ben.

Disposición derradeira. Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de abril de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Descrición e réxime de protección

1. Denominación: Pazo de San Isidro.

2. Localización: lugar do Couto de Outeiro, parroquia de Nosa Señora do Carme, concello de Mondoñedo, provincia de Lugo.

3. Descrición.

a) Inmobles obxecto da declaración:

O pazo de San Isidro sitúase no lugar do Couto de Outeiro, preto da ponte do Pasatempo, nunha aba que domina o val de Mondoñedo. A súa orixe relaciónase co capitán Pedro Fernández Vaamonde y Saavedra e a súa muller dona María de Losada, que o 28 de outubro de 1627 mercaron o Coto de Outeiro ao Convento de San Salvador de Vilanova de Lourenzá, coa súa xurisdición civil e criminal. Casado en segundas nupcias con dona María Pardo de Andrade, fundou o 16 de maio de 1656 o morgado a favor do seu fillo don Isidro Alonso Vaamonde Pardo y Sarmiento. Este morgado, entre outros bens, comprendía as casas e pazos das prazas de Vilanova de Lourenzá, cos seus lugares, etc.; o couto e xurisdición civil e criminal do Outeiro. Este capitán fundou tamén a ermida de Nosa Señora do Socorro do Couto de Outeiro e dona María Pardo de Andrade dispuxo a fundación e construción dun convento no Campo dos Remedios pero, debido á forte oposición do cabido catedralicio, construíse no Coto de Outeiro, pegado á citada ermida.

A edificación actual é do século XVII e para a súa construción aproveitáronse as edificacións anteriores; deste xeito a planta baixa do pazo é moito máis antiga que o resto do edificio, que é de orixe medieval. Entre as pedras que se atoparon dentro da propiedade encontrouse unha peza de xustiza que confirma que o lugar estivo relacionado coa xurisdición civil e criminal.

O pazo está formado por diversos corpos rectangulares acaroados entre si que conforman un conxunto de planta irregular cun patio porticado na parte posterior. É de destacar que os capiteis e bases das columnas do patio son de pedra mais os fustes son de madeira pintada, tipoloxía pouco frecuente en Galicia e moi popular en Castela. O empedrado do chan do patio é máis antigo que o porticado. Neste patio atópase a entrada principal ao pazo, que, curiosamente, non ten fronte ao val de Mondoñedo senón que é unha entrada recóndita de cara á montaña. No entanto, coincide co paso do trazado do camiño real, feito que se confirma cos restos da calzada que existen no traxecto que pasa por debaixo do arco de comunicación da capela e que sobe ata a porta principal e continúa ata a ponte do Pasatempo e a calzada que agora está asfaltada que sobe ata Lindín, camiño de Lugo.

Así mesmo, destaca o arco do corpo que une o antigo convento coa capela, as chemineas e as escaleiras que conducen ao patio e ao miradoiro cara ao val e á vila de Mondoñedo. O eido está pechado por muro de xisto en gran parte e nel hai árbores autóctonas de gran porte, cruceiro e fonte.

A construción do pazo é de carácter tradicional con muros de carga de cachotaría con predominio do macizo sobre os ocos; nalgunhas zonas pódense apreciar restos de revestimentos. As cubertas executáronse novamente seguindo a configuración orixinal e con técnicas e materiais tradicionais (estrutura en madeira rematada con lousa irregular do país). Nalgunhas zonas o piso de planta alta de madeira substituíuse por placa de formigón con acabamento de madeira.

Na planta baixa situábanse as cortes de animais, a cociña e calabozos. A zona de cortes está lixeiramente modificada para adaptarse ás necesidades de vivenda. A cociña conserva a gran lareira e o pozo. Na zona de calabozos non hai ningún tipo de actuación; consérvanse os arcos que sustentan o gran comedor da planta alta, o antigo pavimento de xistos e os restos do que se supón que era unha nora de tracción animal. Os espazos da planta alta conservan a súa configuración orixinal, non existen compartimentacións de actuacións posteriores. Consérvanse dúas chemineas nos diferentes salóns.

b) Partes integrantes:

b.1. Escudos: o pazo conta con dous escudos, o primeiro situado na porta principal, posúe a seguinte inscrición escrita polo Licenciado Molina: «Solar que de antiguo ya pierde sazón/Es de Baamonde con sus siete peces/Que no son de mar ni cosas sueces/Mas moros bien bravos se muestran que son/Sacó la mujer inglesa en nación/Según lo demuestran sus armas y escudo/Por donde la letra que es M le pudo/Dar la corona de aquel su blasón.». O segundo escudo encóntrase no miradoiro do pazo e é anterior á edificación actual; probablemente, pertencía ao edificio da torre de Vallibria e presenta o seguinte texto: «Esta es la casa de solar de los/Sarmientos fundada en es/te outeiro para la gu/ardia del reino de los mo/ros perseguido por mar/y tierra ofendido el Con/de Osorio a Dios pide le g/uarde i a los nobles sus/parientes i mas a sus/allegados que en las ba/tallas le asisten les dad des/poxos insines i de Pelaio/merced».

b.2. Capela: fundada en 1664 é de planta rectangular, aínda que case cadrada, ten unha superficie duns 100 m2. Executouse con muros de cachotaría de taco de lousa e pezas de cantaría nas esquinas e ocos. Orixinalmente, estes muros estaban recebados e pintados mais quedan poucos restos deste acabamento. Estaba pintada en dúas cores claras, a máis clara para o fondo e a máis escura para elementos decorativos. A carpintaría exterior é de madeira pintada de cor verde. O muro de cara ao camiño coróase cunha discreta cornixa en cantaría de pedra. A cuberta a tres augas resólvese con armazón de madeira e acabamento de lousa. Posúe unha espadana rematada cun pequeno arco para unha campá. No seu pavimento interior hai catro campas sepulcrais, todas elas do século XIX. No altar había un retablo de estilo barroco salomónico, de tipo rexional, hoxe desmontado e gardado no pazo, e nun lateral outro retablo renacentista con esculturas. Aínda se distinguen as pinturas con formas xeométricas do zócolo dos muros do coro en cores amarela, vermella e azul e da varanda do coro en vermello e azul. Destaca o arco do corpo que une o antigo convento co coro da capela.

b.3. Patio: trátase dun patio pechado que nun dos seus laterais ten un pórtico en que destacan as columnas de madeira pintada en cor vermella e capiteis de pedra. Fronte a este pórtico sitúase a porta principal de acceso ao pazo co seu escudo e inscrición coroada con pezas decorativas e pequena cruz en forxa. O patio está pavimentado formando un debuxo radial, e no centro érguese un cruceiro. Este patio de acceso atópase completamente pechado aos xardíns situados intramuros do pazo que, nos tempos do convento, eran as hortas. Tan só existe un paso a eles cun portón de dúas follas practicables en forxa. Nestes xardíns destaca a impoñente escaleira en cantaría de granito que dá acceso ás principais dependencias do pazo. Así mesmo, destaca a fonte de planta rectangular.

b.4. Cruceiro: un cruceiro base está formado por unha única pedra cilíndrica a partir da cal se levanta o fuste formado por dúas pezas, unha de sección cilíndrica e outra octogonal. Remata cun capitel e cruz sinxela exenta, de sección octogonal e remates cuadrangulares que queda un pouco desproporcionada respecto ao resto do cruceiro.

b.5. Outros bens: fóra do recinto amurallado do pazo, no extremo norte do eido, existe un pombal de grandes dimensións. É de planta circular e está realizado con muros de fábrica de cachotaría de pedra recebados no exterior. Actualmente carece de cuberta, xeralmente de forma cónica e cubrición de lousa sobre estrutura de madeira. Ten un estreito sollado perimetral e ocos de acceso das pombas situados na parte superior.

Dadas as súas dimensións, que o fan destacar polo seu tamaño, como pola calidade da súa fábrica construtiva, en virtude do disposto nos informes técnicos que acompañan este expediente, así como o que determina o artigo 91.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en que se indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia, o pombal debe identificarse dentro do contorno de protección do pazo como un ben catalogado cunha protección integral que permita a reconstrución da súa cuberta segundo materiais e técnicas tradicionais nos elementos desta tipoloxía.

4. Estado de conservación.

O estado xeral de conservación en que se atopa o pazo é bo a nivel estrutural e permite unha lectura íntegra do conxunto sen excesivas situacións de inminente risco. O abandono prolongado derivou nun proceso de degradación material e estrutural e, como principal consecuencia, produciuse o colapso dalgunhas partes da cuberta e pisos. Os actuais propietarios acometeron obras de recuperación, como a execución de parte da cuberta caída do corpo principal do pazo, de pisos, cintaxe de muros, receba de muros interiores, etc. En todas estas actuacións empregáronse solucións construtivas e materiais tradicionais. Aínda así, existen moitas partes que precisan de intervencións de restauración e rehabilitación para a súa recuperación total. Por exemplo, o pórtico do patio atópase sen cuberta e coa estrutura de madeira á vista e os calabozos están abandonados e sen uso. En xeral, as carpintarías exteriores están en mal estado de conservación e algunhas delas foron substituídas por outras en aluminio lacado.

5. Uso.

O actual pazo tivo diferentes usos ao longo da historia. Primeiro como torre de xurisprudencia e despois como convento das Concepcionistas, antes que pazo. Na actualidade, dado o seu tamaño, estado de conservación e inexistencia de instalacións acordes coa vida actual, o pazo atópase en desuso. O uso prioritario do monumento debería ser o residencial, sen prexuízo de que poida ser usado ou rehabilitado para outros usos, como os dotacionais e os culturais, sempre que se respecten os seus elementos e valores culturais co carácter integral que corresponde á clasificación do monumento.

6. Réxime de protección.

A declaración como ben de interese cultural coa categoría de monumento do pazo de San Isidro determina a aplicación do réxime de protección previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE). Para o caso do pombal, o réxime será o establecido complementariamente no título IV da LPCG devandita, e que implica as obrigas de conservación, acceso e comunicación, pero non as restantes.

Para o ben de interese cultural o réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. As intervencións que se pretendan realizar, así como os cambios de uso substanciais, deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos. O réxime do ben de interese cultural implica:

– Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais están obrigadas a permitir o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

– Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o ben permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

– Transmisión: a transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute do ben deberá ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente. Se a pretensión de transmisión e as súas condicións non foren notificadas correctamente, poderase exercer o dereito de retracto no prazo dun ano a partir da data en que se teña coñecemento das condicións e do prezo do alleamento.

– Expropiación: o incumprimento das obrigas de protección e conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

– Desprazamento: un inmoble é inseparable do seu contorno e non se poderá proceder ao seu desprazamento agás que resulte imprescindible por causa de forza maior ou interese social, despois da tramitación do necesario expediente.

En calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretendan terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

7. Fotografías.

ANEXO II

Delimitación do ben e do seu contorno de protección

• Delimitación do monumento.

O delimitación do pazo de San Isidro como ben de interese cultural circunscríbese ao conxunto rodeado polo muro de cachotaría e as propias construcións do pazo. Ben que o pombal localizado cara ao norte está relacionado co conxunto, este elemento clasifícase singularmente como ben catalogado, dentro do contorno delimitado. Os predios e construcións afectados pola declaración como monumento, incluídas todas as edificacións, como a capela, o cruceiro, os muros de peche e outras construcións auxiliares, con independencia do seu estado de conservación actual, son as identificadas graficamente neste anexo e, en concreto, afecta as parcelas catastrais B01000100PJ31A0001WJ e 3395301PJ3039N0001OO que conteñen as edificacións; e cara ao norte e cara ao sur inclúense na delimitación parcialmente os predios delimitados polos muros e construcións, incluídas as 27030B502002680000KT, 27030B502002630000KY e 27030B502003040000KO.

Delimitación do pazo de San Isidro

UTM ETRS89 fuso 29

Punto

X

Y

A

633.229

4.809.516

B

633.287

4.809.494

C

633.275

4.809.435

D

633.269

4.809.437

E

633.270

4.809.376

F

633.188

4.809.356

G

633.196

4.809.398

H

633.237

4.809.445

I

633.211

4.809.449

missing image file

• Delimitación do contorno de protección:

O contorno de protección proposto axústase á estrutura do territorio, adaptándose á delimitación do monumento e creando un perímetro que se axusta ás vías que circundan o pazo e á estrutura do parcelario. Cara ao oeste mantense a incorporación do barrio do Couto de Outeiro ata o límite coa estrada LU-124, que ten unha relación inmediata co pazo. Cara ao leste a delimitación do contorno axústase ao perímetro das masas arbóreas que conforman o límite cara a Lindín. Cara ao leste e o norte o contorno adáptase á delimitación do monumento e, por tanto, non se incorporan neste contorno a igrexa parroquial de Nosa Señora do Carme, a Fonte Santa do Carme nin a casa reitoral do Carme. Si se incorpora o muíño do Carme (M-40) así como o novo elemento que resulta catalogado, o pombal do pazo, cun nivel de protección integral que permita, entre as actuacións necesarias, a reconstrución da cubrición segundo a tipoloxía e técnicas tradicionais. Na parte suroeste, fica dentro deste contorno parte do territorio histórico do Camiño Norte Costa, que coincide co barrio do Couto de Outeiro. A delimitación deste territorio histórico do Camiño, no seu tramo desde Santiago de Lindín, foi a referencia para delimitar polo sur o contorno do pazo de San Isidro. Procurouse, por tanto, a delimitación dun contorno homoxéneo que garanta a preservación deste espazo e a súa contemplación en función da estrita delimitación do pazo de San Isidro.

O contorno de protección proposto queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais e estradas ou camiños por que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría. As parcelas identifícanse mediante a súa referencia catastral ou por dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e parcela catastrais (polígono/parcela). A delimitación do contorno de protección proposto axústase aos seguintes puntos:

• O punto «A» localízase no extremo norte onde se encontran os predios 502/10257 e 502/252, seguindo cara ao sueste pola linde sur deste predio ata o recanto nordés do predio 502/253, en que se localiza o punto «B».

• Desde aquí sigue a delimitación cara ao sur ata o punto «C» no extremo nordés da parcela 502/257, que fica incluída no contorno de protección e na cal se atopa o pombal.

• Desde aquí segue polo linde leste das parcelas 502/257-263-268, incluídas no contorno, ata o extremo sueste desta última, na cal se atopa o punto «D».

• Desde o punto «D» a delimitación do contorno continúa cara ao oeste seguindo o curso dunha liña de arborado existente ata o camiño asfaltado cara ao núcleo das Abidueiras no punto «E».

• Desde aquí a delimitación segue polo linde sur das parcelas 502/304-303 ata o punto «F», no extremo suroeste da parcela 502/90.

• A delimitación segue polo sur do barrio do Couto de Outeiro, incluíndo en sentido cara ao oeste desde o seu número 47 (3395302PJ3039N0001KO) ata o número 1 (3296014PJ3039N0001IO), onde se atopa o punto «G», no extremo noroeste da parcela 501/20227, que linda polo norte coa estrada LU-124.

• A delimitación segue para o norte polo linde leste da estrada e despois o camiño para a igrexa parroquial, ata de novo pechar a área que conforma o contorno no punto «A».

Delimitación do contorno de protección do pazo de San Isidro

UTM ETRS89 fuso 29

Punto

X

Y

A

633.300

4.809.723

B

633.390

4.809.657

C

633.459

4.809.526

D

633.554

4.809.313

E

633.440

4.809.303

F

633.026

4.809.272

G

633.196

4.809.458

missing image file

missing image file