Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 2 de maio de 2018 Páx. 22913

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2018, do Servizo Provincial de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación, para a expropiación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de alargamento e mellora da PO-230, punto quilométrico 12+630 a 14+430, de clave PO/16/109.10, termo municipal de Cerdedo-Cotobade.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia, establece no seu número 2 a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 22 de febreiro de 2018 o Consello da Xunta de Galicia declarou a utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra polo Decreto 27/2018, publicado no Diario Oficial de Galicia número 51, do 13 de marzo.

Con data do 19 de febreiro de 2018 o director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, aprobou o expediente correspondente ao proxecto da devandita obra.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do Regulamento para a súa aplicación, no uso das facultades que me confire o artigo 98 da mencionada lei, resolvo convocar os titulares de bens e dereitos afectados, para que comparezan no lugar, data e hora que se citan, para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Lugar: salón de plenos do Concello de Cerdedo.

Data: 29 de mayo de 2018.

Horario: das 10.30 ás 12.30 horas.

De: Barros García Generosa a Gas Natural SDG, S.A.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos de expropiación correspondentes estarán expostos no concello de Cerdedo-Cotobade e no Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (avenida Fernández Ladreda, 43, 1º).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade, e último recibo da contribución; poderán ir acompañados, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notario.

Así mesmo, e en cumprimento do establecido no artigo 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante un prazo de 15 días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución ata o momento do levantamento da acta previa correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante o Servizo de Infraestruturas de Pontevedra (avenida Fernández Ladreda, nº 43, 1º), as alegacións que consideren pertinentes, co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.

Conforme establece o artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado servirá como notificación aos posibles interesados que non puidesen ser identificados, aos titulares de bens e dereitos que sexan descoñecidos, a aqueles dos cales se ignore o domicilio, ou ben a quen, intentada a súa notificación, non se puidese efectuar.

Pontevedra, 6 de abril de 2018

Fausto Núñez Vilar
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra