Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 4 de maio de 2018 Páx. 23279

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (ETX 247/2017).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 247/2017 deste xulgado do social, seguido por instancia de Santiago Seoane Cancela contra Hidrodomus, S.L., Gestión Energética de Galicia, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), ditouse a seguinte resolución:

«Auto.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2018.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A defensa letrada de Santiago Seoane Cancela presentou demanda de execución contra Hidrodomus, S.L., Gestión Energética de Galicia, S.L. e o Fogasa, instando a execución da sentenza ditada no procedemento de despedimento número 269/2017 seguido ante este xulgado e ditada o día 29 de setembro de 2017, a cal, notificada ás partes, alcanzou firmeza.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución mediante auto do 10 de novembro de 2017, por dilixencia de ordenación da mesma data, acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 281 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia asistiu a parte executante, pero non a executada nin o Fogasa a pesar de constaren legalmente citadas. A parte executante ratificouse na demanda executiva, solicitou que, dada a imposibilidade de readmisión, se declarase a extinción da relación laboral coas consecuencias legais inherentes, e reclamou tanto a indemnización coma os salarios de tramitación, indicando ao respecto que o executante permanecera en situación de incapacidade temporal entre o 6 de novembro de 2016 e o 19 de decembro de 2017, así como que cursara en alta noutra empresa o 5 e 6 de xaneiro de 2018, sendo a súa base de regulación de 89,36 euros. Solicitado o recibimento do preito a proba, practicadas as probas propostas e admitidas co resultado que figura nos autos, e tras o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados.

Primeiro. Resulta probado que nos autos de despedimento número 269/2016 seguidos ante este xulgado se ditou sentenza do 29 de setembro de 2017, en cuxa resolución se declara o seguinte:

Estímase a demanda interposta por Santiago Seoane Cancela contra as empresas Gestión Energética de Galicia, S.L. e Hidrodomus, S.L.L., e declárase a improcedencia do despedimento con data de efectos do 28 de febreiro de 2017 e, en consecuencia, debo condenar e condeno de maneira solidaria as empresas demandadas a que readmitan o traballador demandante nas mesma condicións que rexían antes de producirse o despedimento con aboamento dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a notificación da sentenza a razón de 51,88 euros diarios ou ben, a elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento á demandante da indemnización de 855,83 euros por despedimento improcedente.

Dáse por reproducido integramente o contido da citada sentenza que figura nos autos, onde consta que o salario regulador do executante para os efectos do despedimento é de 1.577,66 euros mensuais, a antigüidade do demandante, 27 de setembro de 2016, e a data de efectos do despedimento, 28 de febreiro de 2017.

Segundo. Adquirida firmeza a sentenza, a demandada non exerceu o dereito de opción.

Terceiro. Declárase probado que Santiago Seoane Cancela prestou servizos para outra empresa, Miguel Ángel Carvalho Toledano, os días 5 e 6 de xaneiro de 2018.

Cuarto. Declárase probado que Santiago Seoane Cancela estivo de baixa por IT desde o día entre o 6 de novembro de 2016 e o 19 de decembro de 2017.

Razoamentos xurídicos.

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores, en caso de declararse a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario –como sucede no presente caso– entenderase que procede a readmisión. Polo tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola que o lexislador permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante, LRXS).

O artigo 281 da LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución, acordará que se aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos puntos un e dous do artigo 56 do ET, rateando en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto. O mesmo precepto dispón tamén que se poderá fixar no devandito auto, en atención ás circunstancias concorrentes e aos prexuízos ocasionados pola non readmisión ou pola readmisión irregular, unha indemnización adicional de ata quince días de salario por ano de servizo e un máximo de doce mensualidades.

Corresponde á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario supoñería obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso, os feitos declarados probados resultan da documental que figura nos autos, e da ficcta confesio aplicada á parte demandada, conforme o artigo 91.2 da LRXS.

Con base na dita documental e atendidos os preceptos legais citados, procede declarar a extinción da relación laboral na data da presente resolución, e condenar a executada ao aboamento das percepcións económicas previstas nos números 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2, alíneas b) e c), da LRXS.

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que deberá calcularse na data da presente resolución, deberá selo na forma establecida na disposición transitoria quinta da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (anterior disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro de 2012).

A demandante veu traballando por conta da demandada desde o día 27 de setembro de 2016, cun salario mensual de 1.577,66 euros, con rateo de pagas extraordinarias.

Pois ben, polo que respecta á indemnización, deberá calcularse na data da presente resolución, o que supón un total de 2.710,12 euros.

Os salarios de tramitación desde o despedimento ata a data da presente resolución, pero con dedución dos días en que o executante permaneceu de baixa por IT, isto é, do 6 de novembro de 2016 ao 19 de decembro de 2017, así como os días 5 e 6 de xaneiro de 2018, que estivo de alta noutra empresa, motivo polo cal, o importe dos salarios ascenden a 5.031,39 euros.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe observarse o previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva.

Declaro extinguida na data da presente resolución a relación laboral que unía a Santiago Seoane Cancela coa executada e condeno esta de xeito solidario a aboarlle a Santiago Seoane Cancela a suma de 2.710,12 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral, a suma de 5.031,39 euros en concepto de salarios de tramitación desde a data do despedimento ata a presente resolución, resultando un total de 7.741,51 euros.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa a presente resolución, facéndolles saber que contra ela poden interpoñer recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, Ana María Souto González, maxistrada xuíza de reforzo do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

O/a maxistrado/a

O/a letrado/a da Administración de xustiza».

E para que sirva de notificación en legal forma a Hidrodomus, S.L., Gestión Energética de Galicia, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2018

A letrada da Administración de xustiza