Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 11 de maio de 2018 Páx. 23956

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de xullo de 2014 polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Friol, no concello de Friol, promovido pola sociedade Enebro Friol, S.L.U. (LU-11/147-EOL).

En cumprimento do disposto nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de xullo de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Friol, emprazado no concello de Friol (Lugo) e promovido pola sociedade Enebro Friol, S.L.U. (LU-11/147-EOL), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Friol emprazado no concello de Friol (Lugo) e promovido pola sociedade Enebro Friol, S.L.U. (LU-11/147-EOL)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Enebro Friol, S.L.U. (en diante, a promotora) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Friol (en adiante o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 21 MW.

Segundo. O 28.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 24.2.2012, a promotora presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Cuarto. O 14.5.2012, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial de Lugo (en diante, a xefatura territorial) informou que non existen dereitos mineiros afectados polo parque eólico.

Quinto. O 16.5.2012, a xefatura territorial emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas recollidas no proxecto de execución do parque eólico.

Sexto. O 15.6.2012, Retegal, S.A., emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico. Neste condicionado, Retegal, S.A., comunica que se ben non se observan obstrucións directas dos sinais de televisión TDT, non se poden descartar ao 100 % afectacións por causa do multitraxecto en algunha entidade de poboación da contorna do parque eólico.

Polo tanto, establece que a promotora comprometerase a realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contorna, e de se detectar perda ou degradación desta, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT.

Sétimo. Por Resolución do 23 de maio de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26.6.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 11.6.2012 e no xornal El Progreso do 13.6.2012. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da dita xefatura territorial e do concello afectado (Friol).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O 20.6.2012, Ángel Cabado Uriz, presentou un escrito en que manifesta que o tipo de cultivo da súa parcela corresponde, en toda a súa extensión, a plantación de eucalipto dun ano de antigüidade, non a monte baixo como figura na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), e que case a totalidade do seu perímetro está formado por un cerramento composto de estacas de madeira de piñeiro tratadas e o seu correspondente arame.

2. O 25.6.2012, Remedios Cabado Uriz manifesta, para os efectos de cuantificar os danos e prexuízos ocasionados, que o tipo de cultivo que se lle asigna á parcela nº 6 da RBDA non é correcta posto que na actualidade dedícase en toda a súa extensión a plantación de eucalipto dun ano de antigüidade, e que o peche está formado na súa maior parte por estacas de madeira de piñeiro tratadas xunto co correspondente arame.

3. O 28.6.2012, Rubén Fernández Casal, en representación de Ana Isabel Casanova Seoane, presentou escrito en que solicita que se actualice a titularidade da parcela nº 16 da RBDA, xa que a titular actual é a súa representada como herdeira de José Casanova Cabado, o cal figura como titular na devandita RBDA.

4. O 4.7.2012, Serafín González Prieto, en nome e representación da Sociedade Galega de Historia Natural, presentou escrito de alegacións en que solicita que:

• Ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e Biodiversidade, non se autorice a afección dos aeroxeradores e viais de acceso sobre:

– Especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007 presentes na zona.

– As zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia.

• Se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre as especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, nos libros vermellos estatais e no catálogo galego de especies ameazadas presentes na zona e se contemple a adopción de medidas mitigadoras.

• Se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.

• O proxecto adopte medidas eficaces para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos viais de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e para minimizar a mortaldade de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico durante todas as fases do ciclo vital.

5. O 3.7.2012, José Manuel Yglesias Espiño, na súa condición de presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carballo, presentou escrito de alegación en que manifesta o seguinte:

• O MVMC de Carballo está orientado á explotación forestal, fundamentalmente das especies Pinus radiata e Pinus sylvestris. A dita explotación supuxo a creación dunha óptima rede de camiños e pistas, infraestruturas de loita contra incendios e edificacións auxiliares, froito do continuo investimento da propiedade para a mellora do aproveitamento forestal. Así mesmo, destaca a existencia dun aproveitamento micolóxico asociado ás masas de piñeiros existentes.

• Por outra parte, desde o ano 2007, vense desenvolvendo, na superficie afectada polo parque eólico, un uso silvopastoral con cabalo galego de pura raza, compatibilizándoo co uso forestal e gandeiro, cos obxectivos de reducir o combustible vexetal, mellorar a transitabilidade polo monte, reducir o risco de incendios, diversificar os produtos e contribuír á recuperación dunha raza en perigo de extinción, ademais de revalorizar estas zonas como uso público e turístico coa celebración de eventos como a Rapa das Bestas.

• O MVMC de Carballo ten incluído parte da súa superficie forestal no grupo de gestión forestal denominado Dorsal Lucense Gallega, que no ano 2011 obtivo a certificación FSC de xestión forestal. No caso de aprobarse o proxecto do parque eólico suporá a perda do certificado nas zonas afectadas e con iso a perda de todos os investimentos realizados.

• O uso social e recreativo tense desenvolvido considerablemente nos últimos anos no monte veciñal. Concretamente a zona de afección do aeroxerador FR-02 é o lugar onde se realizan a maior parte dos eventos sociais e onde se localizan as infraestruturas de manexo. Polo tanto, o feito de que se aprobe a instalación eólica porá en risco os ditos usos se non se toman medidas correctoras ou potenciadoras do uso silvopastoral e social, facéndoos incompatibles co recurso eólico.

• Entende que, de acordo co artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, non hai xustificación suficiente para que a promotora solicite a declaración de utilidade pública posto que, con respecto á comunidade a cal representa, a dita empresa só lles presentou, a través dunha sociedade intermediaria, unha primeira oferta. En resposta a esta oferta a comunidade contestou cunha proposta alternativa e manifestou a vontade de tentar acadar un acordo non tendo recibido ata a data ningunha contestación da promotora.

• Entende que, se finalmente se declara a prevalencia do uso potencial da enerxía eólica, se prexudicarán considerablemente os usos actuais e polo tanto os intereses da CMVMC, evitando en gran medida o desenvolvemento e o asentamento no medio rural.

• Finalmente, achega unha relación de parcelas non identificadas na RBDA como titularidade da CMVMC de Carballo e que segundo se desprende da restitución do límite incluído no esbozo anexo ao expediente de clasificación 62/75 do Xurado de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, están situados parcial ou totalmente dentro dos límites da propiedade do MVMC de Carballo.

6. O 27.7.2012, Ángel Espiño Santos, en representación da CMVMC de Silvela presentou dous escritos de alegacións. No primeiro deles manifesta o seguinte:

• No caso de declararse a utilidade pública do parque eólico e a prevalencia deste sobre a do monte veciñal en man común, terá que deixarse constancia de que as superficies de afección, en pleno dominio ou en superficie, han de cinguirse con exactitude ao proxecto sectorial que se aprobe.

• A declaración de utilidade pública solicitada deberá ser necesariamente posterior á autorización administrativa do correspondente proxecto sectorial.

• Haberán de ser tamén contempladas as afeccións derivadas da recualificación automática do solo, que pasa a ser de solo rústico de especial protección de infraestruturas.

• A superficie que se determina como afectada foi obtida da planimetría catastral, a cal difire da real, polo que será durante o levantamento das actas previas á ocupación cando se concrete a superficie realmente afectada, así como os restantes bens e dereitos que deberán ser obxecto de indemnización.

• Solicita que, na parcela afectada, se realice a implantación sobre o terreo dos límites de servidume, xa que da información que se lle facilitou non é posible coñecer con exactitude que parte do predio é a afectada, e que se faga antes do levantamento das actas previas para evitar a indefensión da comunidade á cal representa no dito trámite.

• Solicitan da empresa promotora un plano catastral ou do SigPac en que se concrete todo o expropiado a fin de identificar de forma precisa e entendible a parcela afectada e o estado e bens dela e evitar a indefensión á hora de alegar o que estimen oportuno en defensa dos seus dereitos e intereses.

• No que respecta á cualificación do cultivo, remítense ao momento do levantamento das actas previas ou aquel en que se concrete a afectación para efectos da correspondente indemnización.

• Finalmente solicita que se denegue a declaración de utilidade pública do parque eólico Friol en canto non se realicen as modificacións de conformidade coas alegacións expostas no seu escrito.

Na súa segunda alegación, Ángel Espiño Santos, en representación da CMVMC de Silvela, manifesta o seguinte:

• A prevalencia do parque eólico sobre o monte non ten sido instada nin se lle ten dado audiencia sobre esta á comunidade á cal representa e, polo tanto, a dita comunidade non pode mostrar a súa conformidade cun proxecto que lle afecta nunha medida tan importante que implica expropiación forzosa e imposición de servidumes, sen que previamente se teña declarado a prevalencia da obra fronte á do propio monte. Considera, ademais, que a autorización sería nula de pleno dereito, en canto non sexa declarada a referida prevalencia.

• No que se refire ás afeccións e servidumes que se pretenden impoñer, mostra a súa oposición ao abeiro do disposto no artigo 7 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento dos montes veciñais en man común, xa que resulta indispensable un previo expediente en que se acredite a compatibilidade de tales ocupacións e servidumes co fin e utilidade pública do monte.

• Finalmente, reitera que a comunidade á cal representa non poderá dar a súa conformidade á autorización do proxecto do parque eólico en tanto non se sigan todos os trámites procedimentais e se declare, por parte da administración competente, a prevalencia deste sobre a do monte e se acredite a imposibilidade de emprazar as ocupacións e servidumes fóra da superficie clasificada deste. Sen prexuízo disto, e unha vez cumpridos todos os requisitos previos, haberá de tramitarse o oportuno procedemento expropiatorio con todas as garantías e que será no cal se concreten os bens e dereitos do monte afectados, así como a forma e valoración do seu resarcimento e indemnización.

Sétimo. O 10.7.2012, en resposta ao condicionado técnico emitido por Retegal, S.A., a promotora presentou un escrito manifestando que de se produciren afectacións negativas, perda ou degradación da cobertura TDT, na zona de influencia do parque eólico e como consecuencia da posta en marcha deste, comprométese á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contorna e, segundo os datos que se obteñan, a poñer os medios necesarios que permitan restablecer a correcta recepción dos sinais de TDT á situación previa á instalación do parque eólico.

Oitavo. O 25.10.2012 a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para a continuación do procedemento.

Noveno. O 5.2.2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo. O 23.5.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 13 de xuño de 2013 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Décimo primeiro. O 20.6.2013, o Servizo de Montes de Lugo emitiu o informe a que fai referencia o artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polo artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas da promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións presentadas pola Sociedade Galega de Historia Natural, considérase que foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 23.5.2013.

2. Por outra parte, no que atinxe ás alegacións relacionadas coa titularidade dos bens e dereitos afectados polo proxecto do parque eólico, así como coas súas características, cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondendo á fase de levantamento de actas previas, dentro do procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados, así como das súas características (lindes, dimensións, tipo de cultivo,...).

3. No que respecta á alegación da CMVMC de Carballo, Manuel Taboada Ramos, en representación da promotora, presentou a súa resposta en que, en síntese, se recolle o seguinte:

• A sociedade á cal representa apoia o uso silvopastoral que se está a desenvolver no monte propiedade da CMVMC e manifesta que na actualidade existen varios parques eólicos na Comunidade Autónoma de Galicia en que se compatibiliza a súa explotación cos usos forestal e silvopastoral xa que as tres actividades son perfectamente compatibles.

• A execución do parque eólico é totalmente compatible ca certificación FSC. En calquera caso, se a súa execución provocase a perda desta certificación e se demostrase documentalmente e fidedignamente que ese é o motivo da perda, a sociedade á cal representa comprométese a aboar a parte proporcional da perda do investimento realizado e ocasionada polas afeccións producidas polo parque eólico. De chegarse a este suposto, os custos do investimento que deberá afrontar a súa representada deberán estar perfectamente xustificados e documentados.

• A instalación do parque eólico é perfectamente compatible cos usos sociais e recreativos que actualmente se desenvolven no monte. En especial, e dada a importancia actual das enerxías renovables, cada vez máis, estanse a organizar viaxes educativas e divulgativas de centros de ensino a este tipo de instalacións polo que a sociedade á cal representa considera interesante que se inclúa a visita ás instalacións do parque eólico nas futuras actividades que realice a CMVMC.

• Considera que a proposta de acordo alternativa remitida pola CMVMC de Carballo non é sustentable, tanto desde o punto de vista económico como desde outras perspectivas, motivo polo que a súa representada incluíu as parcelas da dita comunidade na RBDA. En calquera caso, manifesta que o obxectivo da súa representada é chegar a un acordo amigable con todos os titulares de parcelas afectadas polo parque eólico. Por isto, en breve retomará, a través dunha sociedade contratada para o efecto, os contactos con todos os titulares afectados e intentará formalizar un acordo amigable que sexa beneficioso para todas as partes.

• Reitérase en que a sociedade á cal representa entende que o parque eólico é perfectamente compatible coa explotación de uso forestal, silvopastoral, social e recreativo da CMVMC de Carballo, polo que entende que as dúas partes deben poñer un interese real en chegar a un acordo amigable mediante o cal todos saian beneficiados.

• No que respecta ás parcelas que non foron incluídas na RBDA como de titularidade da CMVMC de Carballo, e que se relacionan na súa alegación, manifesta que no catastro figuran a nome doutros titulares, polo que será no momento de formalizar o acordo amigable, de ser o caso, ou no momento do levantamento das actas previas á ocupación cando a comunidade teña que acreditar documentalmente e fidedignamente a súa titularidade.

4. En relación coa primeira alegación presentada por Ángel Espiño Santos, en representación da CMVMC de Silvela, Manuel Taboada Ramos, en representación da promotora, respondeu o seguinte:

• O obxectivo da súa representada é chegar a un acordo amigable con todos os titulares das parcelas afectadas polo parque eólico. Para iso, manifesta que nos próximos meses se poñerán en contacto cos afectados para intentar formalizar un acordo amigable que sexa beneficioso para ambas as partes.

• O acceso ao parque eólico desde a estrada LU-934 proxectouse fóra do camiño existente coa finalidade de non saírse da poligonal do parque eólico, aínda que a solución técnica máis práctica e economicamente máis barata sería acondicionar o dito camiño.

• Por último sinala que será no momento de formalizar o acordo amigable, de ser o caso, ou no momento do levantamento das actas previas á ocupación cando se concrete a relación individualizada de todos os bens afectados, indicando nese intre as características destes.

En resposta á segunda alegación da CMVMC de Silvela, e mediante un novo escrito, Manuel Taboada Ramos manifesta o seguinte:

• A superficie afectada e o tipo de afección do parque eólico sobre o monte son os que figuran descritos na relación de bens e dereitos afectados notificada á comunidade de Silvela e publicada no DOG, no BOP de Lugo e no xornal El Progreso.

• Que unha vez que o parque eólico conte coa autorización administrativa e ca aprobación do proxecto de execución, e con anterioridade ao levantamento de actas previas e co consentimento da comunidade de Silvela realizará a implantación sobre o terreo co obxecto de delimitar a superficie afectada. Así mesmo, xunta un plano onde se describe a afección producida polo parque sobre os terreos do MVMC de Silvela.

• Por último reitera que o obxectivo da súa representada é acadar acordos con todos os afectados polo que nos próximos meses se poñerán en contacto con eles. Ademais, sinala que será no momento de formalizar o acordo amigable, de ser o caso, ou no momento do levantamento das actas previas á ocupación cando se concrete a relación individualizada de todos os bens afectados, indicando nese intre as características destes.

5. Finalmente, no que atinxe á determinación da prevalencia entre a utilidade pública do parque eólico e a dos montes veciñais en man común afectados, cómpre manifestar que, no caso de que finalmente non se acadasen acordos entre a promotora e as comunidades para establecer a favor do primeiro os dereitos de superficie necesarios, deberá instruírse o correspondente procedemento de compatibilidade ou prevalencia de acordo coas disposicións normativas que resulten de aplicación.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Friol, emprazado no concello de Friol (Lugo) e promovido por Enebro Friol, S.L.U., cunha potencia de 21 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Friol asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Enebro Friol, S.L.U.

Domicilio social: Polígono Industrial Lalín 2000, parcela C-26, 36500 Lalín (Pontevedra).

Denominación: parque eólico Friol.

Potencia instalada: 21 MW.

Concello afectado: Friol (Lugo).

Produción anual: 76.193 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 19.078.431,05 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

A

590.923,18

4.766.307,27

B

592.000,00

4.762.000,00

C

589.300,00

4.762.000,00

D

588.900,00

4.762.400,00

E

588.300,00

4.763.400,00

F

588.400,00

4.764.000,00

G

588.200,00

4.764.450,00

H

588.200,00

4.765.400,00

Coordenadas de emprazamento dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

FR-01

588.548,50

4.764.646,00

FR-02

588.508,00

4.764.270,00

FR-03

588.632,00

4.763.910,00

FR-04

588.776,00

4.763.550,00

FR-05

588.835,00

4.762.903,00

FR-06

589.024,00

4.762.594,00

FR-07

589.354,00

4.762.240,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 7 aeroxeradores Vestas-112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, de 94 m de altura de buxa e 112 m de diámetro de rotor.

– 7 centros de transformación de 3.350 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, Dyn11, instalados individualmente no interior da góndola de cada aeroxerador coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 100 m de altura, equipada con viraventos, anemómetros, medidores de temperatura e de presión e rexistrador de datos.

– Liñas eléctricas subterráneas de 30 kV de tensión nominal normalmente en condutor directamente enterrado en gabia e en canalización entubada baixo vías para a evacuación de enerxía xerada, de interconexión entre centros de transformación 0,69/30 kV e subestación transformadora 30/132 kV.

– Camiños ou vías, con plataforma de 6 m de anchura, e camadas de cascallo compactada para o acceso a aeroxeradores, torre anemométrica, edificio de control e subestación eléctrica.

– Subestación transformadora tipo PASS M0 cun transformador principal 30/132 kV intemperie, YNdn11, de 25/30 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal, e outro de servizos auxiliares 30/0,42 kV de 100 kVA, YZn11, cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control en que se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Enebro Friol, S.L.U., constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 381.568,62 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enebro Friol, S.L.U., constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 170.275 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Enebro Friol, S.L.U., deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dez meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 23.5.2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, que lle resulten de aplicación.

9. A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben que intentada esta, non se puidese practicar.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.