Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2018 Páx. 24311

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública do proxecto de construción dun poliduto e instalacións auxiliares para descarga de cru no porto exterior de punta Langosteira.

Expediente: SEM 2015/50.

Solicitante: Repsol Petróleo, S.A.

Tipo de inicio: solicitude do interesado.

Asunto: resolución de autorización.

Procedemento: autorización administrativa.

Data de inicio: 11.7.2016.

«Feitos:

1. O 11.7.2016 Repsol Petróleo, S.A., unha vez superado o trámite de consultas previas establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, presentou a documentación necesaria para continuar a tramitación do Proxecto de construción dun poliduto e instalacións auxiliares para descarga de cru no porto exterior de punta Langosteira, na Coruña, consistente no proxecto técnico de instalacións, así como o estudio de impacto ambiental e o documento de síntese.

2. O 10.10.2016 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña acordou someter o proxecto e o estudo de impacto ambiental, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, ao trámite de información pública, que se publicaron no DOG do 15.12.2016, no BOP da Coruña do 24.10.2016 (corrección de erros do 25.11.2016), no xornal La Voz de Galicia do 26.10.2016 e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Arteixo e A Coruña.

3. Ao mesmo tempo solicitouse informe sobre as cuestións das súas competencias ás seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados polo proxecto de instalacións: Concello da Coruña, Concello de Arteixo, Deputación da Coruña, Autoridade Portuaria da Coruña, Augas de Galicia, Ministerio de Fomento, Unión Fenosa Distribución, S.A. e Telefónica de España, S.A.

Do mesmo xeito, solicitouse informe, dentro do procedemento de avaliación do impacto ambiental, ao Concello da Coruña, Concello de Arteixo, Autoridade Portuaria da Coruña, Secretaría Xeral do Mar, Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, Augas de Galicia, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

4. Como consecuencia das alegacións e informes recibidos, o 10.4.2017 Repsol Petróleo, S.A. presentou unha actualización da relación de bens e dereitos afectados polo proxecto de instalacións. O 24.4.2017 Repsol Petróleo, S.A. presentou os documentos Addenda ao proxecto de autorización dun poliduto e instalacións auxiliares para a descarga de cru no porto exterior de punta Langosteira, e o seu correspondente estudo de impacto ambiental, solicitando a incorporación ao expediente para a súa autorización.

5. O 11.8.2017 esta xefatura territorial acordou someter a addenda ao proxecto e o novo estudo de impacto ambiental, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, ao trámite de información pública, con publicación no DOG do 31.8.2017, no BOP da Coruña do 21.8.2017, no xornal La Voz de Galicia do 2.9.2017 e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Arteixo e A Coruña.

Esta xefatura territorial realizou os anuncios de notificación do expediente de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os ditos anuncios publicáronse no DOG do 23.11.2017 e no BOE do 27.11.2017, así como no BOE do 22.2.2018.

6. Durante os prazos establecidos recibíronse os seguintes informes referidos ás partes do proxecto de instalacións que poden afectar os bens e servizos a cargo dos diversos organismos:

a) O Concello da Coruña emitiu un informe en que expón que as obras están suxeitas á previa obtención da licenza urbanística. Debe definirse con suficiente detalle a incidencia das obras proxectadas sobre as vías, infraestruturas e servizos afectados.

b) O Concello de Arteixo emitiu un informe en que indica que as actuacións deberán realizarse procurando afectar na menor medida posible o termo municipal e, en particular, a zona litoral, polo seu grande valor paisaxístico e ecolóxico, e que as servidumes e as limitacións da propiedade que vai xerar o poliduto non deberían limitar nin as determinacións do planeamento municipal nin o correcto funcionamento e desenvolvemento das infraestruturas existentes.

c) A Autoridade Portuaria da Coruña considera que só pode establecer condicións na súa zona de servizo, a diferenza co redactado no punto 5 do procedemento de execución da páxina 8. Propón unha modificación da alternativa 2A, desprazando o trazado ao norte, para que o poliduto sexa compatible co acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña que está en fase de tramitación.

d) A Deputación da Coruña informa que no trazado que coincida coa estrada DP303 será necesaria a construción dunha lousa de formigón de, polo menos, 20 cm de espesor e 250 kg/cm2, armada para soportar as cargas do tráfico da dita vía, ademais dunha reposición do firme con mistura bituminosa en quente de, polo menos, 6 cm de espesor e do largo da gabia máis un metro a cada lado. Ademais, deberán solicitarse autorizacións específicas desa deputación.

e) O Ministerio de Fomento indica que non existen condicionados por parte de Portos do Estado e establécense condicións para o cruzamento coa estrada AC-15.

f) O organismo Augas de Galicia informa de que a execución da obra en zona de policía de leitos precisará autorización administrativa de Augas de Galicia. A zona de servidume do río de Suevos quedará exenta de afección. O cruzamento do poliduto non afectará o leito do rego nin o leito. Deberá terse en conta a existencia dunha concesión de augas nas proximidades.

g) Unión Fenosa Distribución, S.A. informa de que existen elementos da rede de distribución que non están reflectidos no proxecto. Indica a normativa que debe cumprir a instalación no que respecta aos elementos da rede eléctrica.

h) Telefónica de España, S.A. informa de que a instalación cumpre co establecido nas normas vixentes en Telefónica de España. Solicítase que se lles comunique coa antelación suficiente a data de execución das obras para comprobar sobre o terreo o cumprimento das normativas vixentes no relativo os cruzamentos e paralelismos.

7. Os informes sectoriais foron remitidos a Repsol Petróleo, S.A., que contestou nos seguintes termos:

a) Con respecto aos informes do Concello da Coruña, indica que está previsto elaborar antes do inicio da execución das obras, un plan de vixilancia ambiental coas variables definidas no EIA, así como tomar medicións que sirvan como liña base do referido plan, co obxecto de poder comparar estes factores durante a execución da obra co estado inmediatamente anterior a ela. O plan de vixilancia ambiental contemplará as medidas co suficiente nivel de detalle e profundidade, prestando especial atención respecto do seguimento acústico, durante as obras, do control de voaduras. Así mesmo, as medidas tendentes a corrixir o impacto que puider producir unha vertedura serán recollidas no plan de emerxencia que será elaborado antes da posta en marcha do poliduto. Tanto as medidas protectoras e correctoras como o programa de vixilancia ambiental para a fase de execución das obras de construción cumprirán exhaustivamente o condicionado que reflicta no seu día a DIA do proxecto.

Por outra parte, en relación coa solicitude de variación do trazado, indica que a análise do concello se basea nunha alternativa que non corresponde ao trazado proxectado por Repsol Petróleo, S.A. e que este discorre lonxe das zonas de interese identificadas como 1 e 2, ben que é certo que resulta afectada a zona 3, pero en moita menor medida que o trazado interpretado erroneamente. O trazado proposto acércase o máis posible ás instalacións existentes sen ter afeccións a elas e mantendo unha distancia suficiente de seguridade para a operación e mantemento. Considerouse en todo momento a boa práctica de enxeñaría, principalmente aplicando a execución en máxima pendente e non a media ladeira como sucedería co trazado suxerido polo Concello da Coruña. Ademais, o trazado proposto atravesaría a canteira existente e discorrería polo interior da planta de residuos urbanos. O proxecto do poliduto non implicará a redución da superficie do hábitat de uceiras e toxais, só unha alteración puntual, parcial e transitoria que será revertida polas medidas correctoras propostas e pola propia capacidade de rexeneración natural. Como conclusión considera que a alternativa presentada polo Concello debe ser descartada por inviabilidade técnica.

b) Con respecto ao informe do Concello de Arteixo, sinala que o seguimento ambiental das obras se realizará conforme o plan de vixilancia ambiental, que recollerá os requisitos da declaración de impacto ambiental. Así mesmo, a referida información facilitarase aos organismos públicos que corresponda, sen prexuízo de poñer de manifesto que cumprirá exhaustivamente o condicionado que se inclúa na declaración de impacto ambiental ordinaria que no seu día se formule.

c) Canto ao informe da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, indican que como parte do EIA se realizou unha avaliación de riscos incluíndo a análise de probabilidade de derrames e o estudo de afección á Rede Natura 2000. Así mesmo, e atendendo á información presentada por esa dirección xeral, na revisión do EIA reflectirase tamén a situación das instalacións que citan e analizaranse os posibles impactos para descartar unha posible afección.

d) Con respecto ao informe da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, confirman que o trazado non afecta terreos incluídos no dominio público marítimo-terrestre ,senón exclusivamente a zona de servizos do porto exterior, e que están elaborando os planos de deslindamento para a súa inclusión no EIA. Repsol Petróleo xa dispón do correspondente informe favorable da Autoridade Portuaria da Coruña, e que o proxecto de instalacións contén separatas para cada un dos organismos referidos no informe.

e) En referencia ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, manifesta que xa ten previsto actuar nos termos do informe desa dirección xeral. Así, antes do inicio das obras, presentará o proxecto de control e seguimento (xa incluído no anexo 5 do EIA), asinado por técnico competente para a súa autorización.

f) En relación co informe de Augas de Galicia, fan constar que en relación co cruzamento proxectado do leito do rego de Suevos, tanto no EIA como no propio proxecto técnico recolléronse todas as consideracións postas de manifesto polo organismo informante, para garantir en todo momento a non interrupción do fluxo de auga do leito, procedendo á reposición do leito e da súa vexetación. A execución das obras realizarase ao descuberto, contando cos posibles desvíos e instalacións temporais axeitadas e instalando para cada liña – tubo do poliduto o correspondente lastrado continuo e respiro; deste xeito, a zona de servidume do rego quedará totalmente exenta de afección derivada da implantación do poliduto unha vez que finalicen as obras de construción. Por outra banda, no que respecta á posible alteración dos leitos de regos de escasa entidade e regos como o de Suevos e da Cortiña, estes xa figuran representados na información cartográfica contida no EIA, concretamente no plano 4 relativo á hidroloxía, se ben o rego da Cortiña aparece denominado como rego de Suevos. En canto ao referente ao rego que aparece innominado no visor de Augas de Galicia, o seu curso resultou modificado como consecuencia da construción da estrada de acceso ao porto exterior, xa que, de feito, actualmente discorre canalizado e cruza a dita estrada, continuando en paralelo ata o túnel de cruzamento coa estrada DP-0503, onde volve cruzar e se une o leito do rego de Suevos. De conformidade co indicado, o poliduto cruzaría unicamente o leito do rego de Suevos, instalando para cada tubo unha vaíña externa formada por un tubo de maior diámetro que garanta a seguridade dos tubos do poliduto, protexéndose así mesmo cun lastrado de formigón sobre as vaíñas ao longo dos 10 m que supón o dito cruzamento. Con independencia destas medidas instalarase ao longo de todo o trazado do poliduto un novo sistema de detección de fugas mediante fibra óptica que, ademais de detectar as posibles fugas, permitirá detectar tanto riscos xeolóxicos como os ocasionados por posibles intrusións de terceiros, o que incrementa considerablemente a seguridade da instalación. En canto á afección sobre zonas protexidas, estas están representadas ou representaranse nos planos do EIA, téndose tomado diversas medidas descritas no EIA para minimizar o risco de posibles verteduras ou fugas desde os tubos. Por outra banda, Repsol solicitará a preceptiva autorización de ocupación da zona de dominio público hidráulico, aínda que non considerou necesario realizar o estudo hidráulico de detalle, dada a característica soterrada do poliduto, a ausencia de grandes cursos de auga na zona e na proximidade á costa. Para o posible abastecemento de auga potable durante a construción, solicitarán a correspondente conexión coa rede municipal de abastecemento; para as augas sanitarias producidas nas casetas de obra está previsto instalar fosas sépticas que serán baleiradas periodicamente mediante camión para o seu tratamento, non estando previsto realizar verteduras de este tipo de efluentes. A achega adicional de augas residuais pluviais está incluída na solicitude de modificación da autorización ambiental integrada das instalacións de Repsol Petróleo. Por último, non se propoñen os puntos de control de augas subterráneas citados no informe porque non se consideran efectivos neste caso, xa que polas características do terreo polo cal discorre o poliduto, a infiltración é baixa e a presencia de augas subterráneas é escasa dado que a traza atravesa formacións xeralmente impermeables ou de moi baixa permeabilidade que poden albergar acuíferos moi superficiais por alteración ou fisuración de moi pouca extensión e de baixa produtividade; este feito confírmase polo baixo desenvolvemento dos solos e a falta de captacións de auga soterrada rexistradas no contorno do poliduto; adicionalmente o poliduto conta con numerosas medidas de control e vixilancia para minimizar a afección por algunha fuga.

g) Con respecto ao informe do Instituto de Estudos do Territorio, pon de manifesto que procederá a cumprir exhaustivamente coas medidas correctoras de integración paisaxística incorporados no EIA, así como co condicionado que se inclúa na DIA que se formule no seu día.

h) En relación co informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, levará a cabo a delimitación do terreo ocupado, tendo en conta os accesos, tránsito de maquinaria, parques, aparcadoiros, zonas de provisión e movementos de terra, así como os depósitos temporais de aprovisionamento de materiais, incluíndo a obrigatoriedade da dita delimitación no plan de vixilancia ambiental que se realizará antes do inicio das obras; este plan incluirá tamén o procedemento diario de control do correcto uso e funcionamento das instalacións auxiliares para a xestión de efluentes de obra que resulten necesarias. Respecto as augas superficiais afectadas, cumprirase co disposto no Regulamento de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais no relativo aos valores de calidade de augas continentais; co dito fin e tendo en conta o escaso caudal dos regos de Suevos e da Cortiña, así como o carácter da actuación conforme os parámetros establecidos, controlarase a presenza de graxas e a turbidez nas augas superficiais. O plan de vixilancia ambiental incluirá a obriga de situar os vertedoiros temporais e as instalacións auxiliares en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística e de pouco interese natural; incluirá, igualmente, a prohibición de depositar residuos nas zonas en que o escorregamento poida transportalos a zonas fluviais e costeiras; tamén incluirá as correspondentes medidas correctoras para evitar a dispersión de especies exóticas/invasoras nos movementos de terra e corta de vexetación. Realizarase o correspondente estudo bibliográfico para identificar e concretar a existencia catalogada de zonas de cría do Phalacrocora aristotelis, así como a requirida inspección de campo para corroborar a súa existencia e, no caso positivo, axustarase o calendario de obras co obxecto de non interferir na época de cría. O plan de vixilancia ambiental incluirá indicadores ambientais do estado de recuperación do hábitat 4030 e da posible presenza de especies exóticas/invasoras nas zonas onde se leven a cabo movementos de terra; por outra parte, e con carácter xeral, recollerá as medidas necesarias para corrixir calquera afección sobre os valores naturais da zona, informando previamente o Servizo de Conservación da Natureza da Coruña. O plan interior marítimo incluirá as medidas correctoras requiridas necesarias para evitar ou, se for o caso, minimizar os posibles efectos de verteduras accidentais ao medio mariño; de igual xeito, o porto conta co correspondente plan interior marítimo e plan de continxencias, que tamén recollen as medidas correctoras que se aplicarán no caso de verteduras accidentais. Procederase, con anterioridade ao inicio das obras de construción do poliduto, a realizar unha prospección dos hábitats, da fauna e da vexetación ameazadas, que incluirá un informe asinado por técnico cualificado, identificando a presencia ou non destas especies e, no caso positivo, tomaranse as medidas axeitadas tras consultar o Servizo de Conservación da Natureza.

8. Durante o período de información pública recibíronse as seguintes alegacións referidas ao proxecto técnico e á solicitude de declaración de utilidade pública:

a) Máximo Rodríguez Pan e Antonio Martínez Souto, Antonio Rúa Parapar, Dolores Parapar Almoina e Complementos del Aluminio Padrón, S.L. alegan que os predios que se lles adxudican non son da súa titularidade.

b) José María Teijido Iglesias, titular do predio C-AR-04, Consuelo Sánchez Sánchez, titular do predio C-AR-36, Camila Gestal Pan, titular do predio C-AR-44, Olga Pan Souto, titular do predio C-AR-54, Alberto José Vázquez Chiva, titular do predio C-AR-55, Obdulia Souto Souto, titular do predio C-AR-64 e Soledad Maceiras Martínez, titular do predio C-CO-12, alegan que os predios afectados quedan parcialmente inutilizados pola servidume proposta. Solicitan a expropiación total dos predios e que se valoren os terreos de acordo coas últimas valoracións realizadas nas proximidades nos últimos anos.

c) Elvira Souto Pan, titular do predio C-AR-26 realiza consideracións sobre a expropiación forzosa e solicita un acordo entre as dúas partes para indemnizar de forma efectiva e correcta a servidume de paso ou ocupación temporal tendo en conta o prexuízo que lle causará debido a que o terreo quedará inutilizado para calquera outra utilidade.

d) Dolores Martínez Zas, titular do predio C-AR-34 indica que o predio da súa propiedade non é de 510 m2 senón de 3 ferrados = 1.332 m2. Con posterioridade expresa o seu desacordo co paso polo seu predio por perder o seu valor actual e quedando imposibilitado para futuras vendas ou posibles construcións.

e) Carmen Zas Martínez alega que non recibiu notificación sobre o predio C-AR-34, e que o predio da súa propiedade comprende os identificados como C-AR-33 e C-AR-34, descoñecendo por que aparece con dúas referencias catastrais distintas. Solicita que se modifique o erro na titularidade do predio e que se consideren as afeccións ao predio no seu conxunto.

f) Diana Méndez Martínez e Nuria María Méndez Martínez solicitan que o resto das notificacións referidas ao predio C-AR-52 se lles realicen a elas como herdeiras da súa nai, falecida.

g) Antonio Martínez Souto, titular dos predios C-AR-61 e C-AR-63 alega que o predio afectado queda parcialmente inutilizado pola servidume proposta. Solicita a expropiación total do predio e que se valoren os terreos de acordo coas últimas valoracións realizadas nas proximidades nos últimos anos. Solicita tamén que se cambie a cualificación do predio 63 de monte baixo a labradío.

h) Jesús Rey Rey, titular do predio C-AR-76, alega que a superficie real do predio é maior da que figura no catastro e que o predio xa sufriu outra expropiación con motivo das obras do porto exterior. Solicita que se teña en conta a superficie real do predio e non a reflectida na cartografía catastral.

i) Josefina Vázquez Corral, titular do predio C-AR-80, Elizabeth Fernández Mallo, titular dos predios C-AR-82, C-AR-83 e C-AR-84 alegan que os predios xa se atopan actualmente gravados coas servidumes de paso aéreas de tres distintas liñas eléctricas, polo que a nova afección impide o seu aproveitamento. Solicitan que o trazado do poliduto se desprace cara ao noroeste para discorrer baixo as liñas eléctricas existentes ou, entre elas polos terreos xa expropiados contiguos á estrada de acceso ao porto de punta Langosteira. No caso de non aceptarse o cambio de trazado, solicita a expropiación total dos predios afectados.

j) A sociedade Urbaser, S.A., alega que é titular dos predios C-AR-95, C-CO-02, C-CO-07, C-CO-12, C-CO-19 e C-CO-42, segundo a documentación acreditativa que xunta e solicita que se rectifique a titularidade dos predios que aparece na RBD.

k) Francisco Moreno Martínez alega que os predios C-AR-96 e C-CO-15 que aparecen como de titular descoñecido son propiedade de María, Dolores e Francisco Moreno Martínez e solicita que así conste no expediente. Considera que os predios quedarán inservibles a causa da instalación, polo que solicita a expropiación total.

l) A sociedade Contenedores de La Coruña, S.L., titular do predio C-AR-97, alega que o proxecto prevé que se produzan cortes na estrada de acceso ás súas instalacións, o que paralizaría a actividade da empresa cos conseguintes danos e perdas. Deberá preverse a adopción das medidas necesarias para garantir os accesos de camións ás instalacións. Considera tamén que o traballo con explosivos pode afectar o vertedoiro que ten a empresa.

m) A comunidade de bens Os Suárez, titulares dos predios C-CO-05, C-CO-08 e C-CO-08V, oponse á expropiación solicitada xa que consideran que o monte quedaría inservible, polo que solicitan a expropiación total.

n) Carlos Suárez Martínez, titular do predio C-CO-07, manifesta que é o propietario de dous terreos afectados polo proxecto, aínda que non ten rexistrada a titularidade. Solicita a expropiación total da parcela.

o) María Dolores Naya Campos, titular do predio C-CO-11, solicita a modificación do trazado para que discorra na súa maior parte a través de solo rústico de especial protección de infraestruturas, xa que é mais rectilíneo, afecta un menor número de parcelas e afástase do núcleo veciñal de Nostián. Considera que o predio queda inutilizable debido á servidume proposta, polo que solicita a expropiación en pleno dominio da totalidade do predio.

p) Julio Martínez Maceiras alega que é o propietario dos predios C-CO-14, C-CO-23 e C-CO-29; considera que estes quedan inutilizables debido á servidume proposta, polo que solicita a expropiación en pleno dominio da totalidade dos predios.

q) Rebeca Martínez Vázquez alega que é a actual propietaria dos predios C-CO-16 e C-CO-39. Solicita a expropiación total dos predios por resultar a explotación do resto antieconómica.

r) Elvira Sande Martínez, titular do predio C-CO-40, comparece no expediente e indica unha conta bancaria para o cobramento do prezo xusto da expropiación.

t) Sarval Bio-Industries Noroeste, S.A.U. alega que pola zona habilitada para o paso do poliduto discorre o río Suevos ou Lagadoce, polo que calquera obra que poida afectar o río ten que garantir o seu mantemento e conservación, polo que non pode resultar afectado o seu leito, caudal nin calquera outra característica. Que ten concedidas diversas captacións de auga de uso industrial que poden quedar afectadas, sendo de vital importancia para o mantemento da actividade industrial ou operatividade desas captacións de auga, polo que no proxecto deberán adoptarse as medidas oportunas que eviten danos temporais ou permanentes ao río Suevos e ás instalacións de captación situadas no seu leito.

u) Lidia Vázquez Méndez alega que o proxecto está integra e exclusivamente redactado en lingua castelá, polo que infrinxe o dereito da administrada comparecente a ter a información publicitada en lingua galega, segundo garante o artigo 5.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e o artigo 1 e concordantes da Lei de normalización lingüística de Galicia, Lei 3/1983, do 15 de xuño, motivo polo que solicita a tradución para a lingua galega e a nova exposición pública. Considera que o proxecto padece graves irregularidades que soamente poden dar lugar á nulidade de actuacións pola flagrante infracción das normas sectoriais aplicables, que fan nulo, ou canto menos, anulable o citado proxecto. Opina que se silencia o impacto que terá o poliduto sobre o núcleo rural de Nostián, que co emprazamento da refinaría e a proposta de poliduto queda literalmente illado, e causará evidente perigo en caso de sinistro aos cidadáns, que quedan completamente desprotexidos, para o que non existe previsión para o caso de catástrofe e que vulnera a normativa sectorial en materia de distancias mínimas de núcleos de poboación a refinarías e tamén polidutos, infrinxindo a Directiva da UE. Entende que o proxecto carece de mención ningunha ao plan de especial protección do castro de Nostián, vulnerando así a Lei 8/1995 de Galiza e concordantes. Que o trazado infrinxirá as distancias mínimas da contorna do citado conxunto protexido. O mesmo que cabe dicir das pedras de valor xeolóxico e etnográfico que o trazado do poliduto voará. Que se pretende facer transcorrer o poliduto nun trazado que non está aprobado polo vixente PXOU da Coruña, de tal maneira que tamén por este feito o novo trazado proposto é nulo de pleno dereito. Considera tamén que, non quedan acreditadas no proxecto as razóns polas cales se incumpre o artigo 31.2 da Lei de costas. Solicita que se declare o proxecto nulo de pleno dereito ou, subsidiariamente, a súa nulidade.

v) A Asociación de Veciños de Nostián O Campo fai referencia a escritos presentados outros trámites precedentes e realizan as seguintes manifestacións: que a solicitante volve a equivocarse novamente coa situación xeográfica do lugar de Nostián; que fan referencia á empresa Albada poñendo como localidade Nostián-Arteixo. Con respecto á calidade acústica, que o EIA di que a zona non supera os límites establecidos (diúrnos e nocturnos), mentres os veciños de Nostián din que a calidade é moi mala e que supera os límites establecidos pola lei, polo que piden unha estación de medición acústica. En relación coa calidade atmosférica, o EIA di que a calidade do aire no seu contorno é, en xeral, boa, mentres os veciños din que, en xeral, é moi mala, e solicitan na zona unha estación de medición da calidade do aire. En canto á análise do medio socio-económico en canto á calidade de vida, emprego, valor e uso do solo, para a asociación a influencia non poden dicir que sexa positiva; a empresa Repsol podería tentar paliar na medida do posible as agresións ao ambiente; a valoración dos terreos é claramente negativa e no referente ao emprego é claramente mellorable. No que respecta ao medio cultural-patrimonio cultural, os tubos discorrerán a unha distancia de 143 m do perímetro do castro, polo que se preguntan se a partir de 143 m xa no teñen incidencia sobre o castro, e cren que é necesario un estudo mais detallado, así como un traballo de campo rigoroso. Como conclusións consideran que a elaboración do impacto ambiental non se basea na realidade no que respecta ao contorno de Nostián, tanto no relativo ao impacto acústico, ambiental e ao socio-económico. Non están de acordo co trazado proposto e solicitan outra localización, xa que discorre moi próximo ao lugar por unha ladeira rochosa co risco de desprendemento. Que a solicitante non se preocupa de dar alternativa ao bloqueo da saída de emerxencia do lugar e tamén queren informarse de como vai ser a obra, xa que supoñen que meterán maquinaria pesada pola única vía de acceso ao lugar de Nostián, estragando o que queda de estrada e obstaculizando a maiores do problema que xa teñen cos camións doutras empresas, con risco de posibles accidentes graves, de quedar con tráfico abundante que facer imposible a circulación dos veciños e medios de transporte. Desde a asociación de veciños valoran o impacto previsto como moi alto, polo que solicitan que se estude outro trazado posible máis lonxe do núcleo de Nostián e, de non ser así, solicitan que se estude o traslado das instalacións que Repsol ten nas proximidades do lugar de Nostián por molestas, nocivas e perigosas.

9. As alegacións remitíronse ao promotor que contestou nos seguintes termos:

a) Tras as comprobacións oportunas, corrixiranse os erros na relación de bens e dereitos de acordo coas informacións achegadas, ben que os alegantes deberán achegar títulos orixinais suficientes que acrediten a súa condición de propietarios dos predios.

b) A afección proposta non imposibilitará a explotación agrícola das parcelas afectadas, coa única limitación de plantar arboredo sobre a franxa de servidume permanente de paso. Unha vez finalizadas as obras de construción, poderase continuar coa explotación agrícola habitual dos predios. A servidume de paso no dividirá materialmente as parcelas nin impedirá o uso e explotación da superficie con cultivos compatibles, polo que considera que non procede a expropiación en pleno dominio da totalidade das parcelas.

c) As modificacións propostas para o trazado proxectado, ademais de inviables tecnicamente, afectarían numerosos terceiros non incursos no expediente que poderían manifestarse en igual sentido que os alegantes.

d) A valoración do prezo xusto da expropiación establecerase no momento procedemental correspondente. Durante o procedemento de levantamento de actas previas á ocupación realizarase unha exposición pormenorizada da afección proxectada sobre as parcelas dos alegantes.

e) En relación coa alegación de Contenedores de La Coruña, S.L., durante a execución das obras de construción non se interromperá o acceso e o tránsito de vehículos pesados ás súas parcelas co obxecto de que a alegante poida seguir desenvolvendo a súa actividade habitual. Con carácter previo ao inicio dos traballos o promotor realizará un estudo de accesos temporais durante o tempo que duren as obras que presentará a Conteco. Ademais, tomará todas e cantas medidas técnicas sexan necesarias para garantir a seguridade tanto das instalacións que se constrúen como da propia compactación dos residuos acumulados nos terreos, para o que realizará un estudo previo de voaduras.

f) Con respecto á alegación de Lidia Vázquez Méndez, considera que o trazado no suporá o illamento do núcleo urbano de Nostián, xa que a servidume de paso necesaria non ocasionará a división material dos predios nin se impedirá o seu uso e explotación, manténdose os accesos ao dito núcleo urbano. Por outra banda, o proxecto respecta as zonas protexidas e conta con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

g) En relación coa alegación da Asociación de Veciños de Nostián, considera que o trazado non suporá o illamento do núcleo urbano de Nostián, xa que a servidume de paso necesaria non ocasionará a división material dos predios nin se impedirá o seu uso e explotación, manténdose os accesos ao dito núcleo urbano. O proxecto respecta as zonas protexidas e conta con informes favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e do Instituto de Estudos do Territorio. A modificación da totalidade do trazado proxectado ao seu paso por Nostián afectaría numerosos terceiros non incursos no expediente que poderían manifestarse en igual sentido que a alegante. Tal e como se indica no estudo de impacto ambiental, elaborarase un plan de vixilancia ambiental, en que se establecerán medidas de control acústico e de calidade do aire durante a execución das obras.

10. O estudo de impacto ambiental, xunto cos informes e alegacións referidos ao estudo de impacto ambiental foron remitidos á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que o 27.11.2017 emitiu a correspondente declaración de impacto ambiental na cal conclúe que o proxecto previsiblemente non causará efectos negativos significativos sobre o ambiente, e ao considerarse que as medidas previstas polo promotor garanten suficientemente a súa completa corrección ou a súa axeitada compensación. A declaración de impacto ambiental contén unha serie de condicionados ao proxecto que serán considerados como condicionados da autorización administrativa. A declaración de impacto ambiental publicouse no DOG núm. 242, do 22 de decembro de 2017.

11. O 19.3.2018 os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria emitiron o correspondente informe sobre a solicitude de autorización administrativa previa, autorización de construción e declaración de utilidade pública.

Consideracións legais e técnicas:

1. Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

2. Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas, modificado polo Real decreto 1523/1999, do 1 de outubro.

3. Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

4. As características técnicas da instalación son as seguintes:

• Poliduto composto por 11 tubos de aceiro ao carbono con revestimento de polietileno de media densidade, con diámetros entre 6” e 24”, cunha lonxitude de 4.200 m que discorrerá soterrado en gabia a unha profundidade que garanta un recubrimento mínimo sobre a súa xeratriz superior de 1,2 m. O poliduto terá un largo útil de 10,0 m.

• Trampas de rascadores de envío e recepción das liñas de 24” situadas tanto no porto exterior como na refinaría.

• Liña eléctrica soterrada de 15 kV e 10 MVA para alimentación das instalacións do porto desde a refinaría.

• Cables de fibra óptica e telecomunicacións en tubo conduit metálico, paralelos aos tubos.

5. A afección a predios particulares derivada da construción do poliduto concrétase da seguinte forma:

– Expropiación forzosa dos terreos sobre os cales se teñen que construír as instalacións fixas en superficie.

– Imposición de servidume permanente de paso, nunha franxa de terreo do largo da gabia na que estarán enterradas as tubaxes máis 2 m a cada lado do eixe das tubaxes exteriores. Esta servidume estará suxeita ás limitacións de dominio establecidas no artigo 107 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

– Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras.

6. O proxecto cumpre co establecido no artigo 13 da instrución técnica complementaria MI-IP-01 “Refinarías”, do Regulamento de instalacións petrolíferas, para garantir a seguridade da instalación.

7. O proxecto conta cos preceptivos informes das administracións públicas, organismos ou empresas que prestan servizos públicos ou de interese económico xeral no relativo a bens e dereitos da súa propiedade que se atopan afectados pola instalación, así como a aceptación por parte do promotor dos condicionados impostos.

8. Á vista das alegacións recibidas durante o período de información pública, a contestación emitida pola empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente considérase que:

a) En relación coas alegacións referentes á titularidade dos terreos, á súa superficie ou ao seu uso, procedeuse a corrixir a relación de bens e dereitos afectados. Non obstante, os novos propietarios deberán presentar a documentación acreditativa da titularidade dos predios durante a fase de levantamento de actas previas para a cal serán oportunamente convocados.

b) En canto ao valor económico dos predios afectados e o prexuízo ocasionado, a afección proposta polo promotor non imposibilitará a explotación agrícola das parcelas afectadas, coa única limitación de plantar arboredo sobre a franxa de servidume permanente de paso. Unha vez finalizadas as obras de construción, poderase continuar coa explotación agrícola habitual dos predios. Por outra banda, a servidume de paso non dividirá materialmente as parcelas nin impedirá o uso e explotación da superficie con cultivos compatibles. Durante o procedemento de levantamento de actas previas á ocupación realizarase unha exposición pormenorizada da afección proxectada sobre as parcelas dos alegantes. Por outra banda, a valoración do prezo xusto da expropiación estableceraa o Xurado de Expropiación de Galicia no momento procedemental correspondente, no caso de que os titulares non acepten a proposta da empresa beneficiaria da expropiación. Non obstante, en calquera momento do procedemento as partes poden chegar a un acordo amigable.

c) No que respecta ás solicitudes de expropiación total dos predios afectados, durante a fase de levantamento de actas previas, na cal serán oportunamente notificados, deberán presentar a documentación que acredite o prexuízo ocasionado no predio.

d) Non se pode aceptar a variación de trazado proposta por Josefina Vázquez Corral, titular do predio C-AR-80 e Elizabeth Fernández Mallo, titular dos predios C-AR-82, C-AR-83 e C-AR-84 xa que, ademais de seren inviables tecnicamente debido ás limitacións nas curvaturas máximas no deseño do poliduto e á imposibilidade de discorrer en paralelo con liñas eléctricas, resultarían afectados numerosos terceiros non incursos no expediente que poderían manifestarse en igual sentido que as alegantes.

e) Con relación á alegación da sociedade Contenedores de La Coruña, S.L., titular do predio C-AR-97, durante a execución das obras de construción non se poderá interromper o acceso e o tránsito de vehículos pesados ás súas parcelas para que a empresa poida seguir desenvolvendo a súa actividade habitual. Con carácter previo ao inicio dos traballos, o promotor realizará un estudo de accesos temporais durante o tempo que duren as obras, que presentará a Conteco. Ademais, tomará cantas medidas técnicas sexan necesarias para garantir a seguridade tanto das instalacións que se constrúen como da propia compactación dos residuos acumulados nos terreos, para o que realizará un estudo previo de voaduras.

f) Non se pode aceptar a variación do trazado proposta por María Dolores Naya Campos, titular do predio C-CO-11, xa que o trazado proxectado está suxeito a limitacións técnicas de deseño e de cumprimento dos condicionados establecidos polos organismos consultados; ademais, a modificación proposta afectaría numerosos terceiros non incursos no expediente que poderían manifestarse en igual sentido que a alegante.

g) En relación coa alegación de Sarval Bio-Industries Noroeste, S.A.U., as obras que afecten o dominio público hidráulico faranse seguindo os condicionados establecidos polo organismo Augas de Galicia, que xa prevé no seu informe a existencia de concesións de aproveitamento na zona.

h) No referente á alegación presentada por Lidia Vázquez Méndez, esta Administración cumpre estritamente o disposto tanto no artigo 5.2 da Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, así como o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e no artigo 15 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xa que en ningún momento se impide á alegante empregar o idioma cooficial da súa elección nas súas relacións coa Administración. En contra da súa interpretación da normativa aplicable, o artigo 2 da citada Lei 3/1983 establece que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma; ademais, o artigo 15 da Lei 39/2015 establece que o procedemento administrativo tramitarase na lingua elixida polo interesado, polo que non se pode obrigar a sociedade Repsol Petróleo, S.A., a empregar unha lingua distinta á da súa elección. Non obstante, para garantir o dereito dos administrados a empregar calquera dos idiomas cooficiais, os diversos anuncios de información publica realizáronse en ambos os dous idiomas, galego e castelán; do mesmo xeito, a resolución do procedemento de autorización administrativa publicarase nos boletíns oficiais nos dous idiomas e, por outra banda, a documentación pública xerada por esta Administración estivo confeccionada en idioma galego, no cal se lle notificará esta resolución que remata o procedemento administrativo.

Por outra banda, aínda que alega que o proxecto padece graves irregularidades que soamente poden dar lugar á nulidade de actuacións pola flagrante infracción das normas sectoriais aplicables, non indica cales son esas irregularidades e a normativa infrinxida.

No que respecta aos impactos sobre o núcleo rural de Nostián, sobre o castro do mesmo nome e a costa, estes tivéronse en conta no procedemento de avaliación ambiental do proxecto; o proxecto manterá os accesos ao núcleo de Nostián e respecta as zonas protexidas; ademais, conta cos correspondentes informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, os concellos afectados e a Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar. En canto aos riscos que poida supoñer a instalación no seu contorno, lémbrese que a instalación está suxeita ao cumprimento da normativa sobre seguridade industrial.

i) En relación coa alegación da Asociación de Veciños de Nostián O Campo, as alegacións de carácter ambiental están recollidas na declaración de impacto ambiental do 24.11.2017.

En canto aos accesos ao núcleo de poboación, o proxecto manterá os accesos ao núcleo de Nostián e respectará as zonas protexidas.

9. O proxecto conta cunha declaración de impacto ambiental favorable, na cal se establecen os condicionados que debe cumprir o desenvolvemento do proxecto.

10. No expediente administrativo consta un informe dos servizos técnicos desta consellería no cal se conclúe que a solicitude de autorización administrativa do proxecto de construción dun poliduto e instalacións auxiliares para descarga de cru no porto exterior de punta Langosteira, realizada por Repsol Petróleo, S.A., cumpre coa normativa de aplicación, que deberán ser de aplicación os condicionados impostos polos organismos consultados, en especial os contidos na declaración de impacto ambiental, que a execución das instalacións debe efectuarse baixo a dirección dun técnico titulado competente e que a autorización administrativa debe outorgarase sen prexuízo do resto das autorizacións necesarias.

11. No procedemento administrativo de autorización cumpríronse todos os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado,

PROPOÑO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa e de construción do proxecto de construción dun poliduto e instalacións auxiliares para descarga de cru no porto exterior de punta Langosteira realizada por Repsol Petróleo, S.A.

2. Declarar a instalación de utilidade pública, para os efectos da aplicación do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

3. Esta autorización estará condicionada ao cumprimento dos condicionados impostos polos organismos consultados, en especial os contidos na declaración de impacto ambiental.

4. A execución das instalacións autorizadas efectuarase baixo a dirección dun técnico titulado competente. Unha vez finalizadas as obras será obrigatorio solicitar a autorización de posta en servizo, para o cal deberá presentarse o correspondente certificado final de obra asinado polo director de obra.

5. Esta autorización administrativa outórgase sen prexuízo do resto das autorizacións necesarias.

A Coruña,

Isidoro Martínez Arca, xefe territorial da Coruña».

Vista a proposta de resolución que antecede, dou a miña conformidade nos termos expostos e elévoa a resolución.

Notifíquese á sociedade Repsol Petróleo, S.A. e ao resto dos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), facendo constar que poderá interpor recurso de alzada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da citada Lei 39/2015.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas