Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 18 de maio de 2018 Páx. 24801

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ORDE do 30 de abril de 2018 pola que se acorda a adxudicación do procedemento de alleamento, mediante poxa pública, de dous bens inmobles situados no concello de Santiago de Compostela.

Mediante as ordes do 3 de novembro de 2017 e do 4 de xaneiro de 2018, da Consellería de Facenda, foi autorizado o alleamento, mediante poxa, de dous inmobles situados no concello de Santiago de Compostela.

Logo de publicarse o 28 de febreiro de 2018, no Diario Oficial de Galicia núm. 42, e nun xornal de ampla difusión (El Correo Gallego do mesmo día), o Anuncio do 5 de febreiro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, de alleamento dos citados inmobles, tivo lugar o 18 de abril de 2018 a poxa pública anunciada, co que, á vista da acta da mesa de contratación, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e tras a proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar as seguintes adxudicacións:

1. A Isabel Álvarez Caramés e Juan R. Gallástegui Baamonde, en terceira poxa, polo prezo de 142.313,85 €, o inmoble descrito como departamento número un. Edificación destinada actualmente a oficinas –uso complementario– (segundo o Rexistro da Propiedade) no lugar de Outeiro, parroquia do Castiñeiriño, no concello de Santiago de Compostela, de catro plantas, que ocupa unha superficie da parcela de 102,74 m2, dunha superficie construída de 304,34 m2, dos cales corresponden ao soto 78,64 m2 construídos e 71,82 m2 útiles; á planta baixa, 81,65 m2 construídos e 66,08 m2 útiles; aos soportais, 21,09 m2; á planta alta, 78,64 m2 construídos e 63,87 m2 útiles; e ao baixo cuberta, 44,32 m2 construídos e 35,69 m2 útiles. A edificación está construída sobre un terreo descrito como parcela número 3. Eiravedra-3 a labradío e monte de 438,34 m2, que estrema: norte, parcela nº 2 anterior (Eiravedra-2); sur, parcela nº 4 seguinte (Eiravedra-4); leste, despois de terreo cedido ao concello, cómaro que a separa de monte comunal, hoxe camiño veciñal, e oeste, despois de terreo cedido ao concello, presa e camiño, muro no medio. Inscrito no Rexistro da Propiedade número 2 de Santiago de Compostela no tomo 1.485, libro 527, folio 60, predio 42.273. Referencia catastral 7544847NH3474C0001UX.

2. A José Manuel Pérez Santamaría, en segunda poxa, polo prezo de 255.000,00 €, o inmoble descrito como piso, situado na planta cuarta da rúa doutor Teixeiro, 26, de Santiago de Compostela, dunha superficie construída de 160 m2, que estrema, comprendidos o patio de luces e a caixa da escaleira, polo leste ou fronte do edificio, rúa Doutor Teixeiro; polo oeste ou fondo, coa vertical ao terreo a patio anexo ao piso baixo-local ou piso número un; polo norte, ou dereita entrando ao edificio, coa vertical ao predio de Adriano Martínez Piña (actualmente edificio da rúa Doutor Teixeiro, 24); polo sur, ou esquerda, coa casa de Antonio Bouzas Ferreiro e outros (actualmente edificio da rúa Doutor Teixeiro, 28); por riba, co faiado e por baixo, co piso terceiro. Ten anexa a leñeira, sinalada co nº 4, existente na parte dianteira do faiado, duns 14 m2 de extensión, á cal ten acceso por un corredor común con entrada independente desde a escaleira. Cota de participación 16 %. Inscrito no Rexistro da Propiedade número 1 de Santiago de Compostela no tomo 1.376, libro 362, folio 36, predio 32.709. Referencia catastral 7271203NH3477A0005BD.

Segundo. Os pagamentos dos prezos de adxudicación efectuaranse segundo o estipulado no artigo 70.3 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei do patrimonio.

Terceiro. As vendas formalizaranse como corpo certo en escritura pública e serán por conta dos adquirentes os custos do seu outorgamento. Os tributos derivados, da transmisión serán exixidos conforme o disposto na lexislación tributaria. Así mesmo, será por conta do adxudicatario o pagamento dos custos dos anuncios que se producisen neste procedemento de alleamento.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2018

O conselleiro de Facenda
P.D. (Orde do 9.1.2012; DOG núm. 9, do 13 de xaneiro)
Mª del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda