Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 18 de maio de 2018 Páx. 24752

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 8 de maio de 2018 pola que se fai público o incremento do crédito previsto na Orde do 21 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018.

Con data 9 de agosto de 2017 publícase no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018, modificada pola Orde do 22 de decembro de 2017, publicada o 29 de decembro.

No seu artigo 2.2, segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, está prevista a ampliación excepcional dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Debido a que o crédito previsto na citada orde respecto da anualidade 2018 non resultou suficiente para atender todas as solicitudes cuxo obxecto é susceptible de subvención e existe crédito dispoñible na aplicación orzamentaria con cargo á cal se financia a convocatoria e se cumpren os requisitos establecidos nos citados artigos, devén oportuno incrementalo, en liña coas previsións da normativa aplicable na materia e dos obxectivos da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020 de garantir o pleno exercicio dos dereitos e liberdades das persoas con discapacidade e asegurar a accesibilidade universal.

Por iso, e facendo uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento do crédito

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas reguladas a través da Orde do 21 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018, modificada pola Orde do 22 de decembro de 2017.

O importe do incremento, que se realizará con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.312E.760.1 e anualidade 2018, é de 259.602 euros.

O incremento non implica a apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social