Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 21 de maio de 2018 Páx. 24996

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de tecnólogos para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Principia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN848C).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) establece o marco xeral de actuación cara ao cal deben enfocarse os esforzos da política de cohesión europea e fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento que basea, pola súa vez, en varios criterios de intervención para lograr os devanditos tipos de crecemento: desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e a innovación; desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva e desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial. A EE2020 fixa cinco obxectivos para ser cumpridos no ámbito europeo con fitos específicos para cada país.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, e no seu artigo 15.3 atribúelle a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O primeiro plan que iniciou a senda de definición de políticas de innovación asociadas ao concepto de especialización intelixente foi o Plan de innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C). Este plan é o antecedente inmediato da vixente Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, e que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 e prevé, entre os seus instrumentos de desenvolvemento, o Programa de retención, incorporación e mobilidade de talento, dirixido a fomentar o espírito emprendedor innovador, mediante o instrumento de fomento do talento que servirá para axudar á incorporación de talento investigador e tecnólogos en centros de investigación, así como nas empresas galegas, como vía para fomentar especificamente a atracción e/ou retención de investigadores que orienten a súa actividade para atender as demandas do sector produtivo galego a través da realización de proxectos de innovación dentro das empresas que se baseen na transferencia ou valorización de coñecemento. Así mesmo, inclúese igualmente como instrumento de desenvolvemento o Programa Peme Innova, dirixido a fomentar a capacidade innovadora das pemes, propiciándolles acceso, entre outros, a recursos intanxibles, como pode ser a contratación de doutores, tecnólogos, e/ou profesionais cualificados para a indución de innovación na empresa, que contribúan obxectivamente a mellorar a súa capacidade de absorción de coñecemento na parte de desenvolvemento de actividades de I+D+I con clara orientación ao mercado.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

O procedemento de concesión das axudas reguladas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo con criterios de valoración de natureza obxectiva. Estas axudas axustaranse, no que respecta ás empresas, ao réxime de axudas de minimis, segundo o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. Nembargantes, as que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. En todo caso, os organismos de investigación beneficiarios quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i, conforme o establecido no artigo 3 do devandito marco comunitario.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación, durante un período mínimo dun ano, de persoal para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2018 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848C).

3. As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá dos 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

En virtude do anterior, as empresas deberán declarar, no momento de presentar a solicitude, o conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso.

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Organismos de investigación e difusión de coñecementos: son organismos de investigación e difusión de coñecementos (en diante, organismos de investigación), segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación), independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados destas mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos; cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos de tales actividades deberán contabilizarse por separado; as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

3. Tecnólogo: para efectos desta convocatoria, será a persoa contratada para a realización de actividades de I+D+i, que conte cunha ou varias das seguintes titulacións:

a) Título oficial español de graduado ou máster dentro do novo Espazo Europeo de Educación Superior.

b) Título oficial español de licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico.

c) Título oficial de técnico superior de formación profesional ou equivalente.

4. Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da estratexia RIS3 de Galicia, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Reto 1: xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2: o modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Reto 3: novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.

b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

2. Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as contratacións de tecnólogos para a realización de actividades de I+D+i, que se formalicen desde o día 1 de xaneiro de 2018 ata o 1 de decembro de 2018, ambas inclusive, coas seguintes características:

a) As actividades de I+D+i que realicen os tecnólogos contratados deberán desenvolverse en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia e estar aliñadas cos retos e coas prioridades estratéxicas establecidas na RIS3 para Galicia (anexo III).

b) O contrato de traballo que se formalice poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 12 meses.

c) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada tecnólogo contratado deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 19.000 euros.

d) O persoal contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:

1º. Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 35 anos.

2º. Estar en posesión dunha das seguintes titulacións:

– Título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado, diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

– Título de formación profesional de grao superior ou equivalente.

No caso de estar en posesión dun título obtido nun país estranxeiro, a titulación deberá ser equiparable en capacitación a algunha das anteriores.

3º. Non ter experiencia laboral superior a 36 meses no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación. Para o cómputo desta experiencia non se terán en conta as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións correspondentes, as prácticas non laborais ou as bolsas.

4º. Non ter sido contratado nos 6 meses anteriores pola entidade solicitante no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación.

5º. Non ter sido subvencionada a súa contratación á entidade solicitante ao abeiro das resolucións do 2 de xuño de 2016 e do 8 de xuño de 2017, polas que se convocou o programa Principia para os anos 2016 e 2017.

2. Para os efectos do disposto nesta convocatoria, consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación do persoal contratado os que se correspondan coa seguinte táboa:

Titulación

Grupo/s de cotización á Seguridade Social

Título superior universitario (licenciado universitario, arquitecto, enxeñeiro ou grao)

1 ou 2

Título medio universitario (graduado, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao)

1 ou 2

Título de formación profesional de grado superior ou equivalente

3 ou 5

3. A selección e contratación dos tecnólogos, así como a determinación das súas condicións laborais e funcións serán competencia exclusiva da entidade solicitante. Esta asume a súa condición de empregadora respecto ao devandito persoal e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Artigo 5. Contía das axudas e concorrencia

1. A contía da axuda en concepto de incentivo que percibirán as entidades beneficiarias será de 10.000 euros por cada persoa contratada.

2. Cada entidade poderá solicitar a axuda para ata un máximo de 10 contratos, tendo en conta que as primeiras 5 contratacións se concederán por orde de puntuación, de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 17.

As restantes contratacións solicitadas poderán concederse por orde de puntuación, sempre que exista crédito orzamentario e, unha vez esgotada a lista de contratacións solicitadas, segundo o recollido no parágrafo anterior.

3. Estas axudas serán incompatibles con outras que, en concepto de incentivos á contratación, poidan outorgar as administracións públicas. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

Artigo 6. Financiamento

1. Os incentivos imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, en que existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, o que poderá dar lugar á concesión de máis incentivos de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Procedemento IN848C.

Beneficiarios

Aplicación

Código do proxecto

2018

Empresas

09.A3.561A.470.0

2016 17

700.000 €

Organismos de investigación

09.A3.561A.480.0

2016 17

300.000 €

Universidades

09.A3.561A.444.0

2016 17

100.000 €

Total

1.100.000 €

2. A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, e será posible incluso a incorporación de novas aplicacións, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sen incrementar o crédito total.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo finaliza o derradeiro día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria da/s actividade/s de I+D+i que se realizarán, segundo o modelo que se inclúe como anexo II.

b) No caso de ter concedida algunha axuda, copia da resolución de concesión.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN848C, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 881 99 91 21, 881 99 95 29 e 981 95 73 93 da devandita Axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal.

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou o representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá achegar coa solicitude estas certificacións, que deberán estar en vigor.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública de Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se achega a documentación exixida, requirirase o interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellara, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 16. Comisión de selección

1. A comisión de selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes de acordo coa valoración realizada, conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo seguinte, e estará composta por:

a) Un director de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Un xefe de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, actuando un deles como secretario, con voz e sen voto.

2. A comisión de selección procederá á selección das solicitudes ata esgotar o crédito dispoñible e de acordo co seguinte procedemento:

a) En primeiro lugar seleccionaranse as solicitudes de contratación, por orde decrecente de puntuación, ata un máximo de 5 contratos por entidade solicitante.

b) Unha vez realizada esta selección inicial, e sempre e cando exista crédito orzamentario dispoñible, seleccionaranse, por orde decrecente de puntuación, os restantes contratos solicitados por aquelas entidades que pedisen máis de 5 contratacións.

3. Quedarán, en todo caso, como suplentes, aquelas solicitudes para as cales non se dispoña de crédito suficiente sempre a cando cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria.

4. De producirse empates, estes resolveranse de acordo coa maior puntuación obtida no criterio establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

5. A comisión de selección emitirá un informe final en que figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, con especificación da avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un delas sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 17. Criterios de valoración

A puntuación de cada contratación proposta, que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria, realizarase sobre un total de 76 puntos, que se outorgarán conforme os seguintes criterios obxectivos avaliables mediante fórmulas:

1. Tipo de contrato:

a) Por contrato indefinido: 20 puntos.

b) Por contratos temporais:

13 meses: 1 punto.

14 meses: 2 puntos.

15 meses: 3 puntos.

16 meses: 4 puntos.

17 meses: 5 puntos.

18 meses: 6 puntos.

19 meses: 7 puntos.

20 meses: 8 puntos.

21 meses: 9 puntos.

22 meses: 10 puntos.

23 meses: 11 puntos.

24 meses ou máis: 12 puntos.

2. Retribución salarial anual bruta da persoa que se vai contratar:

Entre 19.001 e 20.000 euros: 1 punto.

Entre 20.001 e 21.000 euros: 2 punto.

Entre 21.001 e 22.000 euros: 3 puntos.

Entre 22.001 e 23.000 euros: 4 puntos.

Entre 23.001 e 24.000 euros: 5 puntos.

Entre 24.001 e 25.000 euros: 6 puntos.

Entre 25.001 e 26.000 euros: 7 puntos.

Entre 26.001 e 27.000 euros: 8 puntos.

Entre 27.001 e 28.000 euros: 9 puntos.

Entre 28.001 e 29.000 euros: 10 puntos.

Entre 29.001 e 30.000 euros: 11 puntos.

Entre 30.001 e 31.000 euros: 12 puntos.

Entre 31.001 e 32.000 euros: 13 puntos.

Entre 32.001 e 33.000 euros: 14 puntos.

Entre 33.001 e 34.000 euros: 15 puntos.

Entre 34.001 e 35.000 euros: 16 puntos.

Entre 35.001 e 36.000 euros: 17 puntos.

Máis de 36.000 euros: 18 puntos.

2. Experiencia profesional previa da persoa que se vai contratar no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación (excluídas as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións correspondentes, as prácticas non laborais e as bolsas):

a) Sen experiencia: 8 puntos.

b) Menos de 12 meses: 6 puntos.

c) Entre 12 e 24 meses: 4 puntos.

d) Máis de 24 e ata 36 meses: 2 puntos.

e) Sen definir: 0 puntos.

3. Titulación da persoa que se vai contratar:

a) Doutor: 7 puntos.

b) Posgrao (curso de posgrao/máster): 5 puntos.

c) Grao (licenciado/diplomado): 3 puntos.

d) Título de formación profesional de grado superior ou equivalente: 1 punto.

e) Sen definir: 0 puntos.

A puntuación desta epígrafe non será acumulable; compútase unicamente o nivel de titulación máis alto.

4. Perfil da persoa que se vai contratar:

+ 5 puntos se a persoa que se vai contratar é muller.

+ 5 puntos se a persoa que se vai contratar ten unha discapacidade certificada superior ao 33 %.

A puntuación desta epígrafe será acumulable para o caso de que a persoa que se vai contratar cumpra os dous requisitos.

5. Prestación dun plan de formación/capacitación complementario ao persoal contratado:

a) Entre 20 e 40 horas: 3 puntos.

b) Entre 41 e 60 horas: 5 puntos.

c) Máis de 60 horas: 7 puntos.

6. Ter contratado a entidade solicitante ao abeiro do programa Principia nas súas dúas convocatorias anteriores (resolucións do 2 de xuño de 2016 e do 8 de xuño de 2017):

a) Entre 1 e 2 traballadores: 2 puntos.

b) Entre 3 e 5 traballadores: 4 puntos.

c) Máis de 5 traballadores: 6 puntos.

A puntuación desta epígrafe só se concederá de non terse producido renuncias parciais ou totais pola entidade solicitante ás axudas concedidas.

Artigo 18. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 19. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren o incentivo e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe do incentivo para cada unha delas.

No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada procedemento:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade; informarán expresamente, no caso das empresas, do seu carácter de minimis, en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento que estableza as condicións da axuda, no cal deberán figurar, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Prazo de contratación do persoal técnico.

b) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir.

c) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

c) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase o beneficiario da data de comezo deste prazo.

5. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de dous meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta fose expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a directora da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 22. Modificación da resolución

1. As actividades subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen na resolución de concesión e deberase obter autorización da Axencia Galega de Innovación para realizar modificacións nelas.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación da actividade subvencionable estea comprendida dentro da finalidade e dos requisitos das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe formulala o representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, e notificárselle ao interesado.

Artigo 23. Contratación do persoal técnico

1. Unha vez recibida a notificación da resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá ter contratado ou contratar o persoal concedido no prazo e nos termos establecidos na dita resolución.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Axencia Galega de Innovación poderá autorizar a prórroga do prazo de contratación, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria e tendo en conta que, en todo caso, os contratos de traballo deberán subscribirse coa data límite do 1 de decembro de 2018.

2. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas nun código de conta de cotización que corresponda de acordo coa táboa incluída no artigo 4.2.

3. Os contratos de traballo subscritos deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativo CONTRAT@, agás no caso de entidades de menos de cinco traballadores, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

4. As contratacións que incumpran calquera destes requisitos non poderán ser incentivadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas, de conformidade co disposto nos artigos 27, 28 e 29 desta resolución.

Artigo 24. Substitución do persoal contratado

1. As entidades beneficiarias poderán substituír o persoal inicialmente contratado ao abeiro desta resolución, que será subvencionable sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos:

a) O remate anticipado do contrato do persoal subvencionado deberá ser comunicado á Axencia Galega de Innovación no prazo de 15 días desde a súa formalización, achegando copia do correspondente parte de baixa na Seguridade Social.

b) A entidade poderá contratar un novo traballador substituto respectando cada un dos termos establecidos na resolución de concesión e ata esgotar a duración da contratación inicialmente concedida. No caso de contratos indefinidos, o traballador substituto deberá ter idéntica modalidade de contratación.

c) A entidade deberá achegar, no prazo máximo de 3 meses desde a baixa do traballador inicialmente contratado, a documentación establecida nas letras b), c), d) e e) do artigo 25.1 desta resolución.

2. Se a entidade beneficiaria non realiza a substitución do traballador inicialmente contratado, ou esta non é subvencionable, procederá o reintegro da axuda percibida nos termos previstos no artigo 28.2.f) desta resolución.

Artigo 25. Pagamento

1. O aboamento do incentivo para a contratación do persoal técnico farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedido, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación dentro do prazo que se relaciona:

Prazo: 10 días contados a partir da data do último contrato incentivado subscrito ou desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para o caso de contratacións xa realizadas antes da dita notificación.

En todo caso, a data límite de presentación de documentación será o 10 de decembro de 2018.

Documentación:

a) Modelo de solicitude de pagamento, que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas, en que constarán as seguintes declaracións responsables:

1ª. Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2ª. Conxunto de axudas recibidas pola empresa en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

3ª. A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Copias dos contratos de traballo subscritos co persoal subvencionado.

c) Copia da vida laboral do persoal subvencionado actualizada na data de contratación.

d) Documento de información ao persoal contratado, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e no cal constarán, de ser o caso, a aceptación do plan de formación acordado así como as autorizacións relativas á consulta dos datos de identidade, titulación e acreditación do grao de discapacidade.

e) Só no caso de que se denegue a consulta no documento anterior:

1º. Copia do título universitario das persoas traballadoras contratadas.

2º. De ser o caso, copia da acreditación da posesión do grao de doutor ou posgrao.

3º. De ser o caso, certificado acreditativo do grao de discapacidade do persoal contratado.

4º. Declaración responsable ou certificación, segundo os casos, da entidade beneficiaria de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

2. O cumprimento dos requisitos de contratación tidos en conta para a valoración de acordo cos criterios establecidos no artigo 17 comprobarao de oficio o órgano concedente, e a súa acreditación incorporarase ao expediente.

Artigo 26. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditala ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento en que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases da convocatoria e na normativa reguladora das subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio desta convocatoria.

g) Aboar ás persoas contratadas o salario que legal ou convencionalmente lles corresponda e sexa acorde coa súa categoría profesional e titulación. Este salario, tal e como establece o artigo 4.1.c) desta resolución, deberá constar de forma expresa no contrato de traballo.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actividades aprobadas.

i) Comunicar á Axencia Galega de Innovación as incidencias, como renuncias, interrupcións e outras, que ocorran en relación co contrato laboral obxecto da axuda. Estas incidencias deberán comunicarse no prazo máximo de 15 días naturais desde a data en que se produzan.

l) Dar publicidade, nos termos establecidos na resolución de concesión, ao carácter público do financiamento do contrato e da actividade obxecto da axuda, facendo referencia expresa nos contratos laborais, así como nas publicacións, relatorios, actividades de difusión de resultados e calquera outra actuación relacionada coa actividade de I+D+i en que estea implicado o persoal contratado, mencionando expresamente a súa convocatoria e orixe. O mesmo tipo de publicidade realizarase nun lugar preferente da páxina web da empresa, de existir esta.

m) Manter a duración temporal de cada contratación incentivada establecida na resolución de concesión. Para o caso de contratacións indefinidas, manter no seu cadro de persoal fixo o persoal contratado durante un período de 2 anos contados desde a data de realización da contratación.

n) Para os efectos de xustificación final da axuda percibida, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

n.1) No prazo de trece meses contados desde o inicio de cada contratación incentivada (incluídas as posibles substitucións):

– Copias das nóminas aboadas ao persoal contratado, así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento, e mailos impresos de liquidación nominal do IRPF e xustificantes do seu pagamento, unha vez que se dispoña deles.

– Memoria final resumo das actividades de I+D+i realizadas polo persoal contratado.

n.2) No prazo dun mes contado desde o remate da duración temporal de cada contratación incentivada, ou desde o transcurso do período de 2 anos para o caso das contratacións indefinidas:

– Copia da vida laboral actualizada do persoal contratado.

ñ) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

o) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 27. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao día nas súas obrigacións coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 28. Causas de reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deberá reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro total do incentivo.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro total do incentivo.

c) Incumprimento dos prazos establecidos para a presentación da xustificación final da axuda percibida, sinalados no artigo 26.n): reintegro do 2 % do incentivo.

d) O atraso no cumprimento da obriga de satisfacer ao seu vencemento, con independencia do cobramento da axuda, as obrigas económicas de carácter salarial: reintegro do 10 % do incentivo. Para o caso de reincidencia, entendendo como esta a segunda comisión deste incumprimento cun mesmo traballador: reintegro total do incentivo.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas na resolución de concesión: reintegro do 2 % do incentivo.

f) As baixas do persoal subvencionado producidas antes do transcurso de 12 meses, e sen substituílo de acordo co previsto no artigo 24, serán causa de reintegro do incentivo proporcional ao número de días deixados de realizar, sempre e cando a persoa contratada acadase un período mínimo de 6 meses. En caso contrario, ademais do anterior, procederá un reintegro do 10 % sobre o incentivo restante.

g) As baixas do persoal subvencionado, non substituídas segundo o establecido no artigo 24 da presente convocatoria, producidas despois do transcurso de 12 meses e que non respecten a duración temporal prevista na resolución de concesión ou o mantemento do emprego por un período de 2 anos para as contratacións indefinidas, serán causa de reintegro do 20 % do incentivo para o caso de contratacións temporais e do 50 % do incentivo para o caso de contratos indefinidos.

h) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

I) Procederá o reintegro do 10 % do incentivo, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 29. Procedemento de reintegro

1. Se, unha vez aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecen os motivos que se indican no artigo 28 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente, que comunicará ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007 e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución de procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 30. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade. Se na obrigatoria actividade de inspección previa ao pagamento final da subvención se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, propoñerá o reintegro da subvención concedida. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia Galega, no marco do seu plan anual de inspección poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante, DL 1/1999), e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 31. Publicidade

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 32. Normativa aplicable

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria, polo que respecta ás empresas, seralles de aplicación o Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. Supletoriamente, seralles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Emprego xuvenil innovador, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Europa, nº 10 A/6º, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a gain@xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2018

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Retos, prioridades e obxectivos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia)

Reto 1. Xestión innovadora de recursos naturais e culturais.

Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e do rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Prioridades asociadas:

1. Valorización dos subprodutos e residuos xerados polas cadeas de produción vencelladas ao mar mediante a súa utilización como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios, aplicacións farmacolóxicas, para conseguir unha diminución significativa nos residuos xerados e acadar un posicionamento nos mercados de produtos innovadores con alto valor engadido. [Valorización-Mar].

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularse arredor dos seguintes obxectivos específicos:

– Loxística da concentración, recollida e transporte de subprodutos e residuos ligados a actividades dos sectores primarios vencellados ao mar.

– Aplicación de residuos e subprodutos na produción de biocombustibles.

– Novas aplicacións para a valorización destes residuos (como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas, etc.) a partir de subprodutos e descartes da actividade pesqueira.

– Novas actividades e modelos de negocio de servizos relacionadas con estas novas aplicacións.

– Mellora significativa nun contexto global da produción ou comercialización de bens ou servizos asociados aos usos actuais dos residuos e subprodutos ligados ás actividades do sector primario.

– Mellora da capacidade de absorción de coñecemento nas empresas, en particular das pemes, orientado ao desenvolvemento endóxeno e colaborativo das actividades de innovación recollidas nesta epígrafe.

– Calquera outra que mellore a competitividade do sector e fomente a creación de emprego.

2. Desenvolvemento do sector acuícola galego para converter a rexión en referente internacional na xeración de novos produtos e servizos de base tecnolóxica aplicados á acuicultura. [Acuicultura].

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Potenciar a diversificación con actuacións nos seguintes eidos: biodiversidade, sistemas produtivos (instalación de tecnoloxías de cultivo) e comercialización (produtos e presentacións).

– Reforzamento da capacidade de absorción de coñecemento das estruturas produtivas para emprego da biotecnoloxía como vector para acadar unha maior eficiencia produtiva e enerxética nas distintas fases dos cultivos; na optimización do uso da auga e xestión dos residuos da produción, na alimentación e na loita contra as patoloxías.

– Mellora da comercialización e rastrexabilidade. Co apoio de ferramentas TIC, potenciar a imaxe de marca e incrementar o valor engadido proporcionando información da calidade alimentaria, rastrexabilidade de produto, das garantías hixiénico-sanitarias e, en definitiva, da seguridade alimentaria dos produtos procedentes da acuicultura.

– Calquera outra iniciativa que contribúa á mellora da competitividade do sector e fomente a creación de emprego estable e de calidade.

Modernización dos sectores.

3. Diversificación do sector enerxético galego para acadar un melloramento significativo da eficiencia no aproveitamento de recursos naturais galegos priorizando a biomasa e a enerxía mariña. [Biomasa e enerxías mariñas].

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se promoverán neste eido iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación en equipamentos, técnicas e tecnoloxías tanto de explotación e aproveitamento da biomasa como da propia produción de combustibles, entre as cales se poden salientar:

– Técnicas de explotación e aproveitamento forestal, innovando na maquinaria de recollida e tratamento de biomasa;

– Procesos asociados á fabricación e loxística de distribución de combustibles.

– Caldeiras de alta eficiencia e policombustibles.

– Gasificación de biomasa.

– Microcoxeración con biomasa.

– Calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade do sector e xerar emprego.

Por outra banda, Galicia presenta unhas condicións naturais excelentes para a explotación das enerxías procedentes do mar, e conta cun tecido industrial forte en tecnoloxías navais que podería atopar neste eido unha senda de diversificación cara a un novo nicho de mercado.

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se apoiará o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas ao aproveitamento enerxético do medio mariño (concretamente a enerxía das ondas ou undimotriz, a das correntes mariñas e a eólica off-shore), o que permitirá aproveitar as sinerxías de coñecemento e capacitación doutros sectores galegos coma o naval e o eléctrico, para a súa exportación a aqueles países onde o aproveitamento enerxético é unha oportunidade de negocio, e calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade e xerar emprego.

4. Modernización dos sectores primarios galegos (agricultura, pesca, gandería e forestal) cara á mellora sustentable dos indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións e á xeración de produtos e servizos innovadores. [Modernización sectores primarios].

As áreas de mellora relacionadas con esta prioridade deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, principalmente ao redor de innovacións para optimizar o uso dos recursos (fertilizantes, concentrados, fitosanitarios, auga, enerxía, xenética ou poboación mariña), ampliar a base territorial das explotacións, mellorar a súa xestión económica, crear novos produtos e canles de comercialización, reducir e controlar os riscos ambientais e mellorar a eficiencia enerxética, avanzar na loita integrada de pragas e o control de enfermidades; reducir a contaminación das augas e do aire polos gases de efecto invernadoiro e protección e explotación sustentable de recursos hídricos (rías e continentais). Así mesmo, de forma transversal, realizaranse actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente e o equilibrio territorial, que contribúan á mellora, valorización e modernización dos recursos naturais e dos seus aproveitamentos.

5. Modernización do sector turismo e das industrias culturais galegas a través do uso intensivo das TIC para acadar un sector turístico competitivo no ámbito europeo baseado no turismo cultural e nos recursos naturais. [TIC-Turismo].

Para acadar este obxectivo, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Dotar de contidos innovadores mediante a aplicación das TIC e o fomento das ICC en todos os recursos dispoñibles na nosa Comunidade: patrimonio, cultura, gastronomía, natureza, etc., e responder así a unha demanda cada vez máis exixente e especializada.

– Fomentaranse iniciativas que desde o ámbito da tecnoloxía e da creatividade permitan xerar novos produtos turísticos e novas actividades económicas de dimensión internacional; as administracións xogan un papel de facilitador e provedor de contornos adecuados para este desenvolvemento por parte das empresas.

– Aumentar as canles de comercialización e a competencia apostando pola venda directa sen intermediarios turísticos e eliminando trabas á libre competencia.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego no sector turístico galego.

Reto 2. O modelo industrial da Galicia do futuro.

Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Prioridades asociadas:

1. Diversificación en sectores tractores galegos e os seus sectores auxiliares a través dun uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras [TFE], orientado ao fornecemento de novos procesos e produtos de alto valor engadido que permitan explorar novos mercados baseados na hibridación, no coñecemento e na tecnoloxía. [Diversificación sectores tractores].

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva arredor de catro grandes áreas de actuación:

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto, que incorporen o uso de materiais intelixentes aplicados á industria do transporte ou ao sector téxtil.

– Diversificación de industrias tradicionais vencelladas tradicionalmente a sectores tractores, como é o caso do sector do metal galego, moi ligado ao naval e á automoción, cara a actividades de alta tecnoloxía, por exemplo como provedores do sector aeronáutico e aerospacial.

– Desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-administración, potenciando a capacidade de proxección tecnolóxica e comercialización no ámbito internacional, por exemplo nos eidos vencellados coas necesidades chave da Administración pública.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de incrementar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores tractores galegos.

2. Potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de fábrica do futuro e a través da eco-innovación para a mellora da eficiencia e do comportamento ambiental na industria. [Competitividade sector industrial].

Para iso, defínense como obxectivos específicos:

– Tecnoloxías de proceso: a fábrica do futuro. Potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade no ámbito internacional.

– Tecnoloxías limpas: eco-innovación. É indubidable a importancia que os procesos industriais produtivos teñen na nosa sociedade e as implicacións de carácter ambiental que entrañan; por isto, un dos obxectivos desta prioridade é apoiar a transformación dos modelos produtivos cara a unha produción máis eco-innovadora e eficiente orientada á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados no coñecemento respectuosos co ambiente.

– E, en xeral, calquera outra medida susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores industriais galegos.

3. Impulso das TIC como sector tractor da economía do coñecemento en Galicia, ao igual que outras tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE). [Economía do coñecemento: [TIC e TFE].

Nesta prioridade deberán implicarse todos os axentes do ecosistema de innovación rexionais para a consolidación eficiente dun sector tecnolóxico auxiliar cunha dobre perspectiva:

– Impulso dun sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento.

– Fortalecemento dun sector tecnolóxico integrador que actúe non só como provedor auxiliar dos sectores estratéxicos de Galicia, senón tamén como elemento tractor debido á súa compoñente transversal.

Reto 3. Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.

Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: o envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades asociadas:

1. Galicia como rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e da vida saudable e na promoción da autonomía persoal. [Envellecemento activo].

As actividades principais vencelladas a esta prioridade centraranse en:

– Reforzar as áreas de xeración de coñecemento relacionadas con esta prioridade en que Galicia acredita unha capacidade competitiva internacional.

– Propiciar un ambiente axeitado para o florecemento de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica capaces de valorizar o coñecemento xerado en Galicia, atendendo as demandas tecnolóxicas do ecosistema socio-sanitario.

– Consolidar o desenvolvemento e a comercialización de novos produtos ou servizos no ámbito das TIC vencellados ao envellecemento activo e á vida saudable.

– Apoiar o desenvolvemento e a a introdución nos mercados de novos produtos ou servizos biotecnolóxicos de alto valor engadido dirixidos, sobre todo, á industria farmacéutica e biotecnolóxica.

– Apoiar o desenvolvemento e acomercialización de novos produtos intensivos en coñecemento baseados na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos e promoción da autonomía persoal.

– Potenciar calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade, asociado ás actividades económicas comprendidas nesta prioridade, a través dun uso intensivo do coñecemento e da tecnoloxía.

2. Diversificación do sector alimentario galego para posicionalo como referente internacional ao redor da innovación en nutrición como elemento chave para unha vida saudable. [Alimentación e nutrición].

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularse arredor das seguintes grandes áreas de actuación:

– Apoio á xeración de valor engadido a través da consolidación dunha estrutura produtiva e de investigación artellada en torno á nutrición, aos alimentos funcionais, nutracéuticos, á alimentación adaptada para etapas e condicións da vida como a terceira idade ou a obesidade, alimentación saudable para patoloxías específicas como a diabetes, a hipertensión e, en xeral, aos hábitos de vida saudables vencellados á alimentación.

– Apoio tamén á mellora de procesos de produción, apoiado no uso das TIC que permitan o seguimento integral da cadea produtiva-extractiva (rastrexabilidade), para garantir a seguridade e calidade dos produtos e a confianza do consumidor.

– Apoio ao desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privada en Galicia, fomentando o cambio nun sector tradicional con potencial innovador non explotado e aproveitando a sólida base académica e institucional.

– Potenciarase calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade neste sector tan relevante na nosa Comunidade.