Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 8 de xuño de 2018 Páx. 28427

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, sito no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido por Fenosa Wind, S.L. (expediente LU-11/141-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Fenosa Wind, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Pastoriza-Rodeiro (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 45 MW e promovido por Fenosa Wind, S.L. (en diante, a promotora).

Segundo. O 20.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

Terceiro. O 24.5.2012, a promotora solicitou a modificación do proxecto consistente, de forma xeral, no desprazamento dun dos aeroxeradores do parque eólico.

Cuarto. O 4.6.2012 e o 4.8.2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial) emitiu informes sobre os dereitos mineiros existentes na área definida pola poligonal do parque eólico. O 4.4.2013 concedéuselle trámite de audiencia ao solicitante do permiso de investigación Santa Fe nº 589, sen que se recibise ningunha alegación do interesado.

Quinto. O 6.8.2012, a xefatura territorial emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas descritas no proxecto de execución do parque eólico.

Sexto. Mediante a Resolución do 12 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de industria, Enerxía e Minas, autorizáronse as modificacións do proxecto do parque eólico.

Sétimo. O 17.9.2012, a promotora presentou addenda do proxecto de execución.

Oitavo. Pola Resolución do 23 de novembro de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, someteuse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, das instalacións relativas ao parque eólico Pastoriza-Rodeiro.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31 de decembro de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 14 de xaneiro de 2013 e no xornal El Progreso do 10 de xaneiro. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado da Pastoriza, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

– Alegación respecto da localización proxectada dos aeroxeradores, que producen impacto visual, sonoro e ambiental que afectan o conxunto onde se sitúan, e que as parcelas se verán depreciadas pola presenza do parque eólico.

– Alegacións en relación coa proximidade das instalacións do parque eólico a vivendas.

– Respecto á proximidade das instalacións do parque eólico a parcelas con explotacións agrícolas e gandeiras, cos conseguintes prexuízos e limitacións no uso e na xestión das explotacións.

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para os efectos de notificacións, etc.

– Alegacións en que se declara a falta de negociación para chegar a un acordo cos propietarios incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

– Solicitude do arrendamento das parcelas afectadas en lugar de expropiación, ou solicitude de expropiación total das parcelas afectadas parcialmente por entender que quedan inservibles para o seu aproveitamento.

– Solicitudes de modificación do trazado da servidumes afectadas e oposición á declaración de utilidade pública.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello da Pastoriza, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A., Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Décimo. O 11.12.2012, Retegal, S.A. emitiu condicionado en que emite informe favorable sobre o proxecto, establecendo a necesidade de compromiso por parte da promotora de realizar campañas de medición de cobertura e corrección de defectos futuros. O 14.1.2013, a promotora comunica a súa conformidade.

Décimo primeiro. O 20.12.2012 e o 4.2.2013, Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto e solicita que se lle comunique calquera modificación para avaliar as posibles afeccións, sen prexuízo de requirir o compromiso da promotora de corrixir as posibles deficiencias que se poidan producir na recepción do sinal de televisión derivado da construción do parque eólico. Con data do 22.1.2013 e 15.3.2013, a promotora manifesta a súa conformidade.

Décimo segundo. O 10.1.2013, a xefatura territorial reiterou as solicitudes de condicionado técnico, feitas o 23.11.2012, ao Concello da Pastoriza e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Décimo terceiro. O 16.7.2014, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo cuarto. O 20.10.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 12 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 35, do 20 de febreiro de 2015).

Décimo quinto. O 22.1.2015 e o 16.1.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo sexto. O 27.11.2017, Fenosa Wind, S.L. presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia un escrito en que solicitou a tramitación do proxecto do parque eólico conforme a disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Décimo sétimo. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o proxecto do parque eólico, consonte a disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo oitavo. O 4.1.2018, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co documento Proxecto executivo. Adenda nº 1: relocalización aeroxerador A14. Xuño 2012.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito oitavo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20.10.2014, que se fixo pública mediante a Resolución do 12 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 35, do 20 de febreiro de 2015).

2. No que respecta á proximidade do parque eólico a vivendas, cómpre sinalar que a posición dos aeroxeradores cumpre a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable acorde co Plan sectorial eólico de Galicia, tal e como se recolle no informe do 16.1.2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, indicado no antecedente de feito décimo quinto.

3. En relación coa reclamación sobre os prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas e gandeiras, non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

4. No que respecta á falta de negociación cos titulares, a promotora sinalou que manterá conversas cos propietarios incluídos na relación de bens e dereitos afectados, co obxectivo de chegar a un acordo.

5. Cómpre indicar que as alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como coas compensacións económicas que poidan percibir os afectados pola eventual expropiación daqueles, serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución. Con todo, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

6. No que respecta ás alegacións relativas á modificación do trazado da servidume afectada, considérase o número 3 do artigo 153 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. No dito número ponse de manifesto a necesidade de acreditar na solicitude de variación do trazado a conformidade previa dos novos propietarios coa dita variación, debidamente documentada, así como o compromiso formal de sufragar todos os gastos que ocasione a súa realización. Do mesmo xeito, as consideracións efectuadas sobre a falta de xustificación da necesidade dun proceso de utilidade pública serán abordadas na resolución que finalmente se adopte sobre esta cuestión.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, situado no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido pola sociedade Fenosa Wind, S.L., cunha potencia de 45 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, composto polos documentos: Proxecto de execución P.E. Pastoriza-Rodeiro. Xuño 2011 e Proxecto executivo. Addenda nº 1: relocalización aeroxerador A14 P.E. Pastoriza-Rodeiro. Xuño 2012, asinados pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso, colexiada nº 9.746 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid (COIIM).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Fenosa Wind, S.L.

Domicilio social: avenida de Arteixo, nº 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Pastoriza-Rodeiro.

Potencia instalada: 45 MW.

Produción neta: 147.298 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.273 horas.

Concellos afectados: A Pastoriza (Lugo).

Orzamento de execución material: 42.910.927,50 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

Coordenadas UTM

(fuso 29 ED50)

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

A

627.000

4.797.500

626.875,27

4.797.286,42

B

629.300

4.797.500

629.175,29

4.797.286,45

C

629.300

4.795.000

629.175,31

4.794.786,44

D

627.000

4.795.000

626.875,29

4.794.786,42

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(fuso 29 ED50)

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

1

627.212

4.796.857

627.087,28

4.796.643,42

2

627.272

4.796.564

627.147,28

4.796.350,42

3

627.279

4.796.217

627.154,28

4.796.003,42

4

627.474

4.796.059

627.349,29

4.795.845,43

5

627.647

4.797.292

627.522,28

4.797.078,43

6

627.907

4.797.199

627.782,28

4.796.985,43

7

628.413

4.797.288

628.288,28

4.797.074,44

8

628.521

4.797.106

628.396,29

4.796.892,44

9

627.948

4.796.887

627.823,28

4.796.673,43

10

628.103

4.796.688

627.978,29

4.796.474,43

11

628.302

4.796.533

628.177,29

4.796.319,44

12

628.600

4.796.478

628.475,29

4.796.264,44

13

628.780

4.796.304

628.655,30

4.796.090,44

14

627.536

4.795.856

627.411,29

4.795.642,43

15

628.936

4.795.753

628.811,30

4.795.539,44

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(fuso 29 ED50)

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

 

627.558

4.797.261

627.433,28

4.797.047,43

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 15 aeroxeradores Enercon E-101 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, con torres de formigón prefabricadas, 99 metros de altura de buxa e 101 metros de diámetro de rotor.

– 15 centros de transformación de 3.500 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,4/30 kV, Dyn5, instalados individualmente no interior de cada aeroxerador cos seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 99 metros de altura, equipada con viraventos, anemómetros, medidores de temperatura, medidores de presión e rexistrador de datos.

– Subestación transformadora, cunha posición de liña de saída aérea cun módulo HIS, un transformador principal 30/220 kV intemperie, de 53 MVA de potencia nominal, YNd11, e outro de servizos auxiliares 30/0,4 kV de 100 KVA, Dyn11, cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

– Liñas eléctricas subterráneas de 30 kV de tensión nominal, en condutor directamente enterrado en gabias, para a evacuación de enerxía xerada, de interconexión entre os centros de transformación 0,4/30 kV e subestación transformadora 30/220 kV.

– Camiños ou vías para o acceso aos aeroxeradores, torre meteorolóxica, edificio de control e subestación eléctrica.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Fenosa Wind, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 382.980 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución e na addenda aprobada, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia e, así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano As built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

5. No caso de que se manifestaren perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Fenosa Wind, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

6. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 20.10.2014 pola Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital que lle resulten de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito oitavo:

José Antonio Edrosa López, o 14.12.2012; María Edita Cabana Pérez, o 19.12.2012; Gloria García García, o 19.12.2012; Ricardo García Bouza, o 19.12.2012; Luís Rodríguez Nogueira, o 27.12.2012; Genaro Parga Villamarín, o 28.12.2012; José Senén Sordo Fernández, o 3.1.2013; Marisa Varela Díaz, o 3.1.2013; Olga Nogueira Iglesia, o 9.1.2013; José Luís Rodríguez Martínez, Ana Rodríguez Martínez, Javier Rodríguez Martínez, Yovani Rodríguez Martínez e Mercedes Rodríguez Martínez, o 9.1.2013; Edita Lanzós Eiras, o 9.1.2013 e o 10.1.2013; Jesús Parga Edrosa e Edita Lanzós Eiras, o 10.1.2013; Alicia Gayoso Rodríguez, o 11.1.2013; Genaro Parga Villamarín, o 15.1.2013; María Ubalda Díaz López, o 15.3.2013; Elia Otero Castro, o 16.3.2013.