Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 11 de xuño de 2018 Páx. 28644

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 31 de maio de 2018 para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública dos estudos de ordenación de delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na Rede autonómica de estradas de Galicia, dos seguintes concellos da provincia de Pontevedra: Baiona, Cerdedo, A Estrada, Fornelo de Montes, Marín e Valga.

Con data do 30 de maio de 2018, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 14 de xullo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 134) o Anuncio do 7 de xullo de 2017 polo que se someten ao trámite de información pública os estudos de ordenación de delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na Rede autonómica de estradas de Galicia, dos seguintes concellos da provincia de Pontevedra: Baiona, Cerdedo, A Estrada, Fornelo de Montes, Marín e Valga.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións e certificados, e procedeuse á súa valoración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 63.4 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, os mencionados estudos de ordenación sometéronse ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Que simultaneamente ao trámite do parágrafo anterior, e para os efectos de incorporar na normativa urbanística a ordenación establecida para os peches nos treitos anteriores; os documentos sométense tamén a información pública, segundo o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, xa que establece que os estudos e proxectos sometidos ao trámite de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

De acordo con todo o exposto, e tras os certificados e alegacións recibidas,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, o expediente de información pública dos estudos de ordenación de delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na Rede autonómica de estradas de Galicia, dos seguintes concellos da provincia de Pontevedra: Baiona, Cerdedo, A Estrada, Fornelo de Montes, Marín e Valga, de clave: GA/17/047.09.4, tendo en conta o seguinte:

1. A resolución de aprobación definitiva do seguinte expediente supón a entrada en vigor do réxime especial de treitos urbanos para os solos de núcleo rural incluídos no estudo.

2. Modificarase neste estudo a posición dos peches tendo en conta a súa tipoloxía, do seguinte xeito:

a) Os peches completamente diáfanos, sobre piquetes sen cimentación de obra de fábrica, por circunstancias de aproveitamento agrícola ou gandeiro debidamente acreditadas, poderán situarse no bordo da parcela.

b) Os peches diáfanos, con cimentación de obra de fábrica que non sobresaian máis de corenta (40) cm en ningún punto da rasante do terreo, non poderán situarse máis próximos á estrada que a maior das dúas distancias, oito (8) metros medidos desde o eixe da estrada ou a situación da aliñación oficial exterior.

c) O resto de peches non diáfanos ou de obra de fábrica non poderán situarse máis próximos á estrada que a aliñación de edificación.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2018

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas