Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 12 de xuño de 2018 Páx. 28723

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 30 de maio de 2018 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso 2018/19.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 246/2016, do 13 de novembro, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 8, a estrutura da Consellería de Política Social. A dita consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, segundo dispón o artigo 25 do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

O artigo 18.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, trata dos servizos á xuventude; destacan entre eles as instalacións xuvenís e no artigo 33.e) atribúense á consellería competente en materia de xuventude as funcións de coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

Neste senso a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado desenvolve o Programa fomento da actividade xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as que están as residencias xuvenís.

As ditas instalacións póñense á disposición dos/das mozos/as estudantes coa reserva dun 9 % das prazas para a mocidade traballadora.

As prazas ofrécense en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza; ademais nas residencias ofrécense unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das cales se intentan fomentar os valores sociais, culturais e deportivos dos/das mozos/as residentes e de calquera outra persoa que puidese beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxeto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas para residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e proceder á súa convocatoria, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto convocar para o curso académico 2018/19, en réxime de concorrencia competitiva, 220 prazas para mozos e mozas, de 16 a 30 anos, nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social (procedementos BS303B prazas de residencias xuvenís para estudantes e BS303D prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras).

Con esta oferta póñense as residencias xuvenís ao servizo da mocidade que, por razóns de estudo ou traballo, se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde ten a súa residencia habitual.

2. O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Cidade

Residencia

Núm. de prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

74 home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

55 home/muller

Vigo

Altamar

91 home/muller

3. Do total de prazas resérvase un 9 % para mozos e mozas que desempeñen unha actividade profesional, tanto se é por conta propia como allea, distribuídas do seguinte xeito:

Cidade

Residencia

Núm. de prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

7 home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

5 home/muller

Vigo

Altamar

8 home/muller

No suposto de que non se cubran todas as prazas reservadas a persoas que desenvolvan unha actividade profesional coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.

4. Así mesmo, do total de prazas resérvase tamén un 9 % para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen. A distribución de prazas é:

Cidade

Residencia

Núm. de prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

7 home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

5 home/muller

Vigo

Altamar

8 home/muller

Ao igual que no caso de reserva para a mocidade traballadora, no suposto de que non se cubran todas as prazas coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse aos/ás solicitantes que vaian cursar estudos.

5. Cando o número de solicitudes supere a reserva establecida, para a adxudicación das prazas aplicaranse os criterios de selección establecidos no artigo 9.

Artigo 2. Período da estadía

1. O período máximo de estadía de todas as persoas beneficiarias será de 11 meses e estará comprendido no período establecido para o curso académico 2018/19; exceptúanse os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.

2. As persoas beneficiarias que teñan a condición de estudantes iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia coincidindo co curso académico no cal estivesen matriculadas, respectando sempre o período máximo antes indicado e, en todo caso, concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.

3. En calquera caso, as persoas beneficiarias deberán iniciar a súa estadía na residencia como prazo máximo o 31 de outubro.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria os mozos e as mozas que reúnan os seguintes requisitos xerais:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.

b) Non ter perdido a condición de residente por causa imputable á persoa solicitante.

c) Ter os 16 anos feitos e non superar os 30, na data do 31 de decembro de 2018.

2. Requisitos específicos para a mocidade estudante:

a) Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.

Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales o/a solicitante non obteña a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia habitual.

b) Que no concello onde radique a súa residencia habitual non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante.

3. Requisitos específicos para a mocidade traballadora:

a) Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia habitual da persoa solicitante.

b) No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida terá que ter unha duración mínima de 3 meses contados desde a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

c) No caso de ser unha persoa traballadora por conta propia será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.

Artigo 4. Solicitude, presentación e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

(Anexo I para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para estudantes e o anexo II para as solicitudes de prazas de residencias xuvenís para persoas traballadoras).

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG da presente orde.

O día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

5. As solicitudes que non se presenten na forma, no lugar e no tempo sinalados nos puntos 1 e 4 serán inadmitidas, agás que o número de solicitudes fose inferior ao número de prazas ofertadas, caso en que poderían admitirse e baremarse segundo o establecido no artigo 9.

6. Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 4 no caso de cambio de concello de residencia da unidade familiar. As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, a súa admisión estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles no centro onde se solicite a praza.

7. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixera, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 21 desa lei.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Libro de familia: copia de todas as follas do libro de familia en que figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar. A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente á data de presentación da solicitude.

b) Título de familia numerosa: copia do titulo de familia numerosa cando non fose expedido en Galicia, se é o caso.

c) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso.

d) Certificación de Facenda de non ter obriga de declarar, de ser o caso. No suposto de que non sexa posible achegar a dita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

No caso de que se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de catro meses consecutivos para seren tomadas en consideración.

e) Acreditación de ser muller xestante, se é o caso, presentarase certificación médica que acredite o embarazo no momento da presentación da solicitude de axuda.

f) Acreditación de violencia de xénero, se é o caso, acreditarase por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

7º. Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

g) Orfandade: acreditación desta condición, se é o caso.

h) Discapacidade, se é o caso: acreditación da discapacidade igual ou superior ao 33 % de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar cando non fose expedido en Galicia.

i) Anexo III, de ser o caso.

2. Documentación específica para solicitudes de estudantes, procedemento BS303B.

a) Certificación académica, orixinal ou copia, na cal figuren as notas correspondentes ao último curso académico en que estivo matriculado/a ou, se é o caso, da proba de selectividade. Na certificación deberá constar a nota media.

b) Para o alumnado que vaia cursar o primeiro ano de estudos, copia da preinscrición/reserva de praza nas facultades ou escolas universitarias, centros de bacharelato ou ciclos formativos. Cando non se dispoña desta documentación, por non estar aberto o prazo de preinscrición ou reserva durante o prazo de presentación de solicitudes de residencia, deberá comunicar esta circunstancia por escrito comprometéndose a presentala no momento en que se realice.

3. Documentación específica para persoas traballadoras, procedemento BS303D:

a) Traballo por conta allea:

1º. Copia do nomeamento, se a relación de traballo é funcionarial ou estatutaria.

2º. Copia do contrato laboral en vigor, se a relación de traballo é laboral por un período mínimo de 3 meses.

b) Traballo por conta propia: certificado do tempo cotizado no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante e, se é o caso, do representante e demais membros que compoñen a unidade familiar.

b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

c) Datos do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Datos do título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia

b) Certificado do grao de discapacidade, da persoa solicitante, e se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar, recoñecida pola Xunta de Galicia.

c) Desemprego. Acreditación dos importes de prestacións por desemprego percibidos a data actual da persoa solicitante, e se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

d) Acreditación da situación legal de desemprego sen prestación económica da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros que compoñen a unidade familiar.

e) Familia monoparental.

2. No caso de que as persoas interesadas, o/a titor/a ou representante legal o os demais membros que compoñen a unidade familiar se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e, de ser o caso, no anexo III e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Publicación e notificación

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación. Así mesmo, de forma complementaria efectuarase a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes:

a) As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

b) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c) A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

d) As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

e) Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de selección

1. Cando o número de solicitudes para cada residencia supere a dispoñibilidade de prazas, estas serán asignadas segundo o baremo establecido neste artigo.

2. Baremo xeral, aplicable a todas as persoas solicitantes:

a) Antigüidade na residencia: aqueles/as que xa foron residentes en cursos anteriores: 1 punto.

Este criterio preferente non se terá en conta para o caso daqueles/as residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de rematar o curso académico. Non obstante, puntuaranse os criterios indicados no caso de non completar o curso académico na residencia polos seguintes motivos:

1º. Enfermidade persoal dos/das residentes ou dalgún familiar con que convivan, debidamente xustificada.

2º. Contrato laboral noutra localidade.

3º. Ser persoas merecedoras dunha bolsa de Erasmus ou Séneca.

4º. Ter que realizar as prácticas académicas noutra localidade.

En todo caso, a admisión de persoas que xa fosen residentes en cursos anteriores queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable do/da director/a da residencia xuvenil visado polo/a xefe/a territorial da Consellería de Política Social da provincia en que radica a residencia, baseado no incumprimento das normas de réxime interno ou inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestes centros.

b) Renda da unidade familiar: terase en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar.

1º. A renda calcularase por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro; cadros 392+405 da declaración do imposto da renda das persoas físicas (en diante, IRPF). Tomarase o importe total dos ingresos da unidade familiar, para o cal se sumarán as rendas do total de membros computables e o resultado dividirase entre o mesmo número para obter así a renda media da unidade familiar.

2º. O importe da renda enténdese referido á declaración do IRPF presentada no ano inmediato anterior á data de publicación desta convocatoria.

3º. Non obstante, cando as circunstancias na data da declaración do IRPF antes indicada, non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente e sempre e cando cumpran as condicións recollidas no último parágrafo do artigo 5.1.d).

4º. A renda media da unidade familiar puntuarase segundo o seguinte baremo:

Inferior ao 50 % do indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): 8 puntos.

Entre o 50 % e o 75 % do IPREM: 6 puntos.

Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: 4 puntos.

Entre o 100 % e o 125 % do IPREM: 2 puntos.

Superior ao 125 % e inferior ao 150 % do IPREM: 1 punto.

c) Situación de familia numerosa:

1º. Categoría xeral: 0,25 puntos.

2º. Categoría especial: 0,50 puntos.

d) Orfandade:

1º. Condición de orfandade: 0,50 puntos.

2º. Condición de orfandade absoluta: 1 punto.

e) Discapacidade de calquera membro da unidade familiar. Por cada membro da unidade familiar con discapacidade:

1º. Igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 0,50 puntos.

2º. Igual ou superior ao 65 %: 1 punto.

f) Residencia, por ter a súa residencia habitual en Galicia: 2 puntos.

g) Embarazo, por ser muller en estado de xestación: 1 punto.

h) Violencia de xénero; mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas solicitantes cuxas proxenitoras a sufrisen, sempre que a acreditación das ditas circunstancias fora emitida dentro do intervalo de tempo dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude e sempre que a dita acreditación se realice de conformidade co indicado no artigo 5.1.f): 1 punto.

i) Outras circunstancias sociofamiliares; por calquera outra circunstancia sociofamiliar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión cualificadora e adecuadamente acreditada no momento de presentar a solicitude: ata un máximo de 2 puntos. En todo caso:

1º. Por ter algún(s)/algunha(s) irmán(s)/á(s) con praza renovada na residencia: 1 punto.

2º. Por ter a condición de familia monoparental: 1 punto. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por un/unha único/a proxenitor/a que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que, de existir outro/a proxenitor/a, non contribúa economicamente ao sustento.

j) Desemprego; situación laboral de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da titor/a legal: 1 punto por cada situación.

3. Baremo específico para estudantes:

No suposto de que as persoas solicitantes sexan estudantes, terase en conta, ademais do establecido no punto anterior:

a) Cursar estudos:

1º. Universitarios, estudos superiores en ensinanzas artísticas: 1 punto.

2º. Ciclos formativos de grao superior, medio ou bacharelato: 2 puntos.

b) Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade; na proba de acceso á universidade terase en conta só a nota media da parte xeral. Cando o curso universitario sobre o que se fai a media non fose completo, teranse en conta o número de créditos cursados e ponderarase a nota media con base en 60 créditos dos cales conta o curso universitario segundo o plan Boloña.

A puntuación neste punto correspóndese no baremo coa dita nota media.

4. Baremo específico para persoas traballadoras.

No caso de que as persoas solicitantes sexan traballadoras, sumarase ao baremo xeral:

a) Traballadores/as por conta allea. A duración da relación laboral, que será como mínimo de 3 meses contados desde a data de remate de presentación de instancias, valorarase con 5 puntos. Esta valoración incrementarase 1 punto máis por cada mes de duración do contrato, ata un máximo de 10 puntos. Os contratos de duración indeterminada ou indefinida, así como a relación estatutaria ou funcionarial de carácter permanente valoraranse con 8 puntos.

b) Traballadores/as por conta propia. No caso de traballadores/as por conta propia, a alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, que deberá terse producido cunha antelación mínima de tres meses desde a data en que remate o prazo de presentación de instancias, valorarase en 5 puntos e incrementarase 1 punto máis por cada mes que teña cotizado no dito réxime, ata un máximo de 10 puntos.

5. Para os efectos do disposto neste artigo, considéraranse membros computables da unidade familiar:

a) A persoa solicitante, o pai, a nai ou os/as titores/as legais, e os/as irmáns/irmás menores de idade que convivan no domicilio familiar, ou os/as de maior idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos/as á patria potestade prorrogada ou rehabilitada. Tamén se considerarán membros da unidade familiar: irmáns e irmás, descendentes e ascendentes ata segundo grao que convivan coa persoa solicitante e que non dispoñan de ingresos ou que os teñan inferiores ao 50 % do IPREM.

b) En cumprimento do establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, terase en conta o seguinte:

1º. Computarase que a unidade familiar de que forme parte a muller embarazada está integrada por un ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo do número de fillos/as que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

2º. Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar entenderase que a constitúe, polo feito de estar embarazada.

c) No caso de divorcio ou separación legal do matrimonio, non se considerará membro computable aquel/aquela que non conviva coa persoa solicitante, sen prexuízo de que nos ingresos de base de familia se inclúa a súa contribución económica. Non obstante, si terá a consideración de membro computable, se é o caso, o/a novo/a cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade, tendo que incluír a súa renda e o seu patrimonio.

d) Cando a persoa solicitante constitúa unidade familiar independente, tamén se considerarán membros computables o/a cónxuxe ou persoa con que estea unido/a por análoga relación, así coma os/as fillos/as, se os/as ten. Neste caso deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento do alugamento da vivenda, se é o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e a situación real do/da solicitante.

Artigo 10. Comisión cualificadora

1. A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos e constituída por:

a) Presidente/a: a persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado da correspondente provincia.

b) Vogais:

1º. Unha persoa funcionaria do Servizo de Xuventude e Voluntariado desa provincia.

2º. As persoas que exerzan a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

c) Secretario/a: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

Na designación das persoas integrantes da comisión de cualificación procurarase atender o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

2. O órgano instrutor do procedemento resérvase para si o dereito de solicitar a documentación que considere necesaria para aclarar a valoración das solicitudes a comisión cualificadora.

Artigo 11. Resolución da convocatoria e adxudicación de praza

1. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no artigo 9. Cada comisión cualificadora confeccionará unha lista, por orde de puntuación, coas solicitudes recibidas para a respectiva residencia e emitirá un informe que remitirá ao órgano instrutor da xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde radique a residencia. Dos resultados do informe, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución provisional.

A relación provisional de excluídos/as, inadmitidos/as, admitidos/as e mais a lista de espera coa puntuación obtida farase pública de conformidade co establecido no artigo 7 e ao mesmo tempo publicarase na páxina web http://xuventude.xunta.gal e poderá consultarase nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e nas propias residencias xuvenís, así como na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

As persoas solicitantes terán un prazo de 10 días hábiles, posteriores á data da exposición pública da relación provisional, para efectuar as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

A lista de espera estará formada polas persoas que non obtivesen praza, e estará ordenada segundo a orde de puntuación obtida en aplicación do baremo indicado no artigo 9.

2. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional elevarase a relación definitiva á xefatura territorial de cada provincia onde radique a residencia.

Por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, a resolución de adxudicación das prazas, a relación definitiva de admitidos/as e a lista de espera coa puntuación obtida, será aprobada e notificada polo/a xefe/a territorial de cada provincia onde radique a residencia no prazo máximo de tres meses, contado desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa debera entenderse desestimada a solicitude correspondente. As ditas relacións notificaranse de acordo co establecido no artigo 7.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela pódese interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á publicación da resolución, se o acto fose expreso; se o acto non fose expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, ou impugnalas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución ou do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto (artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

3. Con posterioridade á proposta de resolución, poderanse realizar outras sen necesidade de que se reúna de novo a comisión cualificadora, sempre que se respecte a orde da lista de espera.

As prazas vacantes que se vaian a producir durante o curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os/as solicitantes da lista de espera.

De non existir lista de espera e se o número de prazas ocupadas é inferior ao de prazas ofertadas, ou de esgotarse a lista de espera por producirse vacantes ao longo do curso poderán adxudicarse prazas a aqueles/as mozos e mozas que quedaron excluídos/as por non presentar a solicitude en tempo ou por non reunir os requisitos específicos establecidos no artigo 3, punto 2 e punto 3. A adxudicación realizarase conforme os criterios de valoración establecidos nesta orde, ata a data de publicación da primeira proposta de resolución e posteriormente por estrita orde de entrada da solicitude.

4. A partir do día seguinte á publicación de resolución definitiva de beneficiarios/as das prazas, as persoas interesadas deberán presentar a seguinte documentación:

a) Copia da tarxeta sanitaria ou, na súa falta, calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

b) Certificado de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de vacinacións.

c) Dúas fotografías tamaño carné.

d) Xustificante bancario de pagamento dunha mensualidade en concepto de reserva de praza. O prezo e a forma de pagamento especifícanse nos artigos 13.1 e 13.2, respectivamente.

e) Se a persoa beneficiaria ten a condición de estudante, copia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que vai cursar ou, no caso do alumnado de 3º ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, conforme a persoa solicitante está a realizar o doutoramento naquel.

5. A documentación a que se refire o punto anterior terán que presentala de acordo co establecido no artigo 4, números 1, 2 e 3, no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte á publicación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia, excepto a copia do xustificante de matrícula ou o certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 2018, con excepción do establecido no artigo 5. 2.b) para o caso de alumnos/as do 1º curso. No caso de que o/a interesado/a non poida presentar a copia do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha copia da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente e deberá, non obstante, presentar a copia do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

De non presentar a documentación teranse por desistidos da súa petición, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21, da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 12. Renuncia e perda do dereito

1. A renuncia dunha praza da cal fosen adxudicatarios/as deberase facer por escrito e realizarase tendo en conta o establecido no artigo 4, apartados 1, 2 e 3. A renuncia producirá os efectos económicos do artigo 13.3.

2. Entenderanse decaídos/as no seu dereito e poderán perder a súa condición de adxudicatarios/as da praza polos seguintes motivos:

a) Por non presentar en tempo e forma a documentación requirida para formalizar a adxudicación, incluído o pagamento dunha mensualidade, segundo recolle o artigo 11.4.d).

b) Pola falta de pagamento do prezo establecido, segundo o disposto no artigo 13.2.

c) Por non cumprir coas súas obrigas como residentes, logo de expediente disciplinario, conforme establece o artigo 15.1.

d) Por non incorporarse á residencia en prazo, tal e como establece o artigo 15.4.

e) Pola comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

f) Pola ausencia inxustificada da residencia durante máis de 15 días consecutivos.

A perda do dereito será resolta pola xefatura territorial por proposta da dirección da residencia e notificarase ás persoas solicitantes por escrito, seguindo o establecido no artigo 7.

No caso de perda do dereito á praza non procederá a devolución da cota mensual aboada.

3. En calquera dos casos sinalados nos puntos precedentes, por renuncia ou por perda do dereito, a praza que resulte vacante cubrirase respectando a lista de espera confeccionada pola comisión cualificadora, conforme o disposto no artigo 9.

Artigo 13. Condicións económicas

1. De acordo co estipulado na letra d) do anexo I da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a cota que haberá que aboar por mes será:

a) Habitación dobre: 324 € por residente e mes.

b) Habitación cuádrupla: 250 € por residente e mes.

2. Unha vez comunicada a admisión farase entrega dunha mensualidade completa en concepto de reserva de praza, que non será reintegrable no caso de perda do dereito á praza ou expulsión. Esta cantidade poderá devolverse ou, a criterio das propias residencias, validarse pola última mensualidade que a persoa estudante ou traballadora permaneza no centro.

O pagamento do primeiro e último mes de estadía na residencia será proporcional aos días reais de permanencia nela, segundo a data de inicio e remate do plan de estudos de cada residente estudante, ou da relación laboral de cada traballador/a.

As cotas restantes poderanse aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos dez primeiros días de cada trimestre ou mes, durante a duración do curso 2018/19, segundo estableza o plan de estudos da persoa beneficiaria e non haberá descontos por vacacións, permisos, etc.

O prezo aboarase mediante ingreso nas entidades bancarias autorizadas, utilizando o impreso normalizado de prezos privados da Comunidade Autónoma de Galicia, modelo RE, que estará á disposición das persoas solicitantes nas propias residencias e nas xefaturas territoriais; tamén se poderá facer o ingreso telemático, con ou sen certificado dixital, a través da oficina virtual https://host.cixtec.es/EntradaOficinaVirtual/OV/gal/OV_Tributaria.htm. Posteriormente deberá entregarse o xustificante de pagamento na propia residencia.

Transcorridos 15 días desde a finalización do prazo previsto para o pagamento do prezo sen que a persoa beneficiaria realice o ingreso poderá acordarse a perda do dereito á praza e a expulsión do/da beneficiario/a da instalación e adxudicarase a praza a outra persoa seguindo a orde da lista de espera.

3. A renuncia á praza deberá comunicarse sempre por escrito tendo en conta o establecido no artigo 4, números 1, 2 e 3. Cando a renuncia se comunique por escrito cunha antelación mínima de 15 días xerará o dereito á devolución da mensualidade entregada en concepto de reserva de praza; noutro caso perderase o dereito á dita devolución.

Non procedera a devolución da mensualidade entregada en concepto de reserva de praza no caso de abandono durante o curso académico.

En calquera caso procederá a devolución da parte proporcional da mensualidade pagada, correspondente aos días de non permanencia na residencia, no caso de comunicación escrita cunha antelación mínima de 15 días e presentando o anexo IV.

A persoa solicitante da devolución debe ser a mesma que a titular da conta en que se solicita o ingreso da devolución.

4. Con carácter excepcional, as persoas residentes que se ausentaran xustificadamente durante un mes natural, poderán manter o seu dereito á praza aboando o 50 % do prezo mensual establecido en concepto de reserva. Se a duración da ausencia é de períodos alternos inferiores a un mes, deducirase economicamente a parte proporcional. Se a ausencia ten unha duración superior a un mes poderá manterse o dereito á praza aboando cada mes o 25 % do prezo mensual en concepto de reserva.

A reserva farase durante un máximo de 3 meses, agás que o/a residente faga unha petición expresa en que xustifique as causas e que será atendida segundo as necesidades de funcionamento da residencia.

Considerarase motivo xustificado de ausencia para solicitar a reserva, a obriga do alumnado de facer as prácticas dos estudos que estea a cursar, en concello distinto ao da residencia, así como os intercambios de inmersión lingüística ou cultural que obriguen a cursar estudos no estranxeiro durante uns meses. Así mesmo, terase a mesma consideración cando unha persoa traballadora teña unha suspensión ou extinción do contrato. Para calquera residente será causa xustificada a súa enfermidade ou a dun/dunha familiar directo/a, debidamente acreditada.

Artigo 14. Servizos ofertados

1. Ademais dos servizos de aloxamento e mantenza, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

a) Aula de estudo-biblioteca.

b) Salas de xogos.

c) TV e vídeo.

d) Actividades culturais e deportivas.

e) Información aos pais e/ou ás nais ou titores/as legais sobre o comportamento do seu fillo ou da súa filla, cando os/as pais/nais ou titores/as legais o soliciten ou cando a dirección da residencia o considere necesario.

2. A asistencia médica e os gastos farmacéuticos serán por conta do/da residente, que debe traer o día da incorporación a copia da tarxeta da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico de que sexa beneficiario/a: Muface, Sanitas, Adeslas, etc. Con todo, en cada residencia haberá unha caixa de primeiros auxilios.

3. As fins de semana e festivos non se prestarán servizos de comedor.

4. Durante as vacacións académicas de Nadal e Semana Santa, non se ofrecerán os servizos de mantenza nin de aloxamento, non obstante se lles reservará ás persoas residentes o dereito á tenza de bens nos cuartos, durante calquera destes períodos vacacionais.

Artigo 15. Obrigas das persoas residentes

1. Os/as residentes comprometeranse a respectar e cumprir as normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento, logo da tramitación do expediente disciplinario no cal se respectará en todo caso o trámite de audiencia, poderá dar lugar, de ser o caso, á perda da condición de residente.

2. Os/as residentes deberán deixar os cuartos libres, inescusablemente, o día que finalice o calendario académico e, en todo caso, o prazo máximo será o 31 de xullo. No caso de que o/a residente sexa menor de idade deberá abandonar a residencia as fins de semana e días non lectivos, agás autorización expresa dos/das pais/nais ou titores/as legais.

3. Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios serán de responsabilidade individual dos seus autores e das súas autoras ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ao seu uso e terase que aboar o seu custo.

4. Os/as adxudicatarios/as poderán incorporarse ás residencias xuvenís de acordo co inicio do curso académico segundo estableza o plan de estudos do/da beneficiario/a e dentro do prazo máximo establecido no artigo 2, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. Na súa falta, entenderase que renuncia á praza adxudicada, perdendo os seus dereitos e procederase a cubrir a vacante conforme o disposto nos artigos 9.3 e 11.3.

5. O estado de saúde do/a residente deberá en todo momento permitir o normal desenvolvemento da vida residencial e, en caso contrario e por prescrición facultativa, deberá abandonar a residencia ata a súa recuperación.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas solicitantes mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas solicitantes sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o dito órgano, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.politica.social@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento do establecido nesta orde

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social en función do seu respectivo ámbito territorial, para resolver a adxudicación das prazas e a perda do dereito nas residencias xuvenís dependentes da consellería.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file