Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2018 Páx. 29228

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2018 de modificación da Resolución do 12 de abril de 2018 pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante permuta, de terreos, para o desenvolvemento dos polígonos 1, 2 e 3 do solo residencial de San Paio de Navia.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Por Resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) do 12 de abril de 2018 (DOG núm. 77, do 20 de abril) acórdase realizar unha oferta pública de adquisición, mediante permuta, de terreos, para o desenvolvemento dos polígonos 1, 2 e 3 do solo residencial de San Paio de Navia. A eficacia da oferta está supeditada, segundo consta na propia resolución, á aprobación definitiva da modificación segunda do Plan parcial de San Paio de Navia.

Segundo. Tendo en conta o estado actual da tramitación do proxecto da modificación segunda do Plan parcial de San Paio de Navia, é de esperar que a súa aprobación definitiva se dilate no tempo, respecto á data prevista inicialmente. Por tal motivo e a prol de facilitar que as persoas interesadas na oferta pública realizada desde o IGVS poidan obter a documentación requirida polo citado organismo, considérase oportuno ampliar o prazo de presentación de proposicións, que, segundo a Resolución do 12 de abril de 2018, remataba o 20 de xuño de 2018. Neste senso e para os efectos de que as certificacións expedidas non perdan a súa eficacia, amplíase o prazo da súa emisión.

Terceiro. Por outra banda, ante a imposibilidade na actualidade de solicitar a tramitación de expedientes de segregación debido á suspensión do procedemento de outorgamentos de licenzas, o IGVS acorda incorporar á oferta pública de adquisición, antes citada, a superficie afectada polo ámbito delimitado da modificación segunda, nos termos que figura na súa aprobación inicial, daquelas parcelas que posúen algunha parte fóra del.

Cuarto. Así mesmo, o IGVS quere incluír na oferta as parcelas adquiridas en virtude de negocios xurídicos sucesorios que producisen os seus efectos entre o 30 de xuño de 2016 e o 19 de abril de 2018, data inmediatamente anterior ao día de publicación da oferta pública de adquisición, sen que isto repercuta nas propostas que se presenten conforme os criterios establecidos na antedita Resolución do 12 de abril de 2018.

Quinto. Por último, para os efectos de resolver dúbidas, respecto aos criterios de adxudicación de parcelas de resultado de ordenanza 9P, aclárase a regra de exclusión aplicada polo IGVS.

Consideración legal:

Única. A presente resolución baséase nas consideracións legais establecidas na Resolución do 12 de abril de 2018 pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante permuta, de terreos, para o desenvolvemento dos polígonos 1, 2 e 3 do solo residencial de San Paio de Navia.

De conformidade con todo o indicado,

ACÓRDASE:

Modificar a Resolución do 12 de abril de 2018 pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante permuta, de terreos, para o desenvolvemento dos polígonos 1, 2 e 3 do solo residencial de San Paio de Navia na parte resolutiva, do seguinte xeito:

Primeira. Modificación do punto I) «Requisitos das parcelas de orixe», no relativo á localización na data de adquisición da parcela, que queda redactado co seguinte texto:

– «Deberán estar situadas na súa totalidade dentro do ámbito delimitado polos polígonos 1, 2 e 3 da modificación segunda do Plan parcial de San Paio de Navia; non obstante, admitiranse aquelas parcelas de orixe que posúan parte da súa superficie fóra do ámbito delimitado, sempre que, con posterioridade á aprobación da citada modificación segunda do Plan parcial de San Paio de Navia, as persoas titulares inicien a tramitación do procedemento de segregación respecto a parte delimitada».

– «Deberán terse adquirido antes do 30 de xuño de 2016, data de publicación da Resolución do director xeral do IGVS do 17 de xuño de 2016, en que se realizou a oferta pública de adquisición de terreos, mediante compra, para o desenvolvemento das antigas etapas 3ª (fase B), 4ª, 5ª e 6ª do solo residencial de San Paio de Navia; non obstante, non se terá en conta este requisito nos supostos nos que a adquisición da parcela proveña dun falecemento acontecido con posteridade á indicada data, así como nas adquisicións de parcelas derivadas de negocios xurídicos sucesorios que producisen os seus efectos antes do 20 de abril de 2018 nos termos que figuran nesta resolución.

Así mesmo, nos supostos de achegas de activos a favor de entidades ou sociedades pertencentes exclusivamente a propietarios de parcelas de orixe, así como no caso de redución ou repartición do seu capital social, con entrega de parcelas aos seus membros, a adquisición da parcela poderá ser posterior á indicada data, sempre e cando os títulos dos activos achegados, reducidos ou repartidos fosen adquiridos con anterioridade ao 30 de xuño de 2016».

Segunda. Modificación do punto II) «Valoración de permuta», punto primeiro, relativo aos criterios das parcelas de orixe, engádese un novo apartado:

«c) Parcelas con parte da súa superficie fóra do ámbito: nestes casos, terase en conta unicamente a superficie situada dentro do ámbito delimitado que figure nos planos catastrais do proxecto de modificación segunda de Plan parcial de San Paio de Navia, sen prexuízo dos reaxustes que haxa que realizar como consecuencia da resolución de segregación».

Terceira. Modificación do punto III) «Requisitos das propostas de permuta»:

– No relativo aos criterios para ter en conta na proposta de permuta, engádese un novo punto:

«d) Nos supostos de parcelas con parte da súa superficie fóra do ámbito, as persoas titulares comprometeranse a tramitar o correspondente procedemento de segregación, no prazo máximo de quince (15) días, contados desde a entrada en vigor da dita modificación segunda. Para a verificación do cumprimento deste compromiso, as citadas persoas deberán achegar á Área Provincial do IGVS en Pontevedra a documentación xustificativa da súa solicitude, nos 5 días seguintes a terse presentado.

A resolución do citado procedemento será condición necesaria para a validez da permuta. A superficie que se terá en conta, para os efectos de valoración definitiva, será a que resulte deste procedemento. Se esta superficie diferise da recollida na modificación segunda do Plan parcial de San Paio de Navia, realizaranse os axustes necesarios, antes da formalización en escritura pública do acordo de permuta».

– No relativo ao prazo de remate da oferta, modifícase no seguinte sentido:

«Establécese como prazo de remate da oferta de permuta ata o 5 de setembro de 2018».

– No relativo as certificacións expedidas, modifícase no seguinte sentido:

«As certificacións deberán ser expedidas entre os días 19 de febreiro e o 5 de setembro de 2018 e deberán vir acompañadas, no momento da presentación da proposta de permuta, dunha declaración responsable das persoas titulares dos inmobles de que as ditas circunstancias físicas, rexistrais e catastrais non variaron».

Cuarta. Modificación do punto IV) «Criterios de adxudicación», letra a), no relativo as parcelas de resultado da ordenanza 9P, que queda redactado co seguinte texto:

«a) Para parcelas de resultado da ordenanza 9P (anexo I):

En cada polígono adxudicaranse en primeiro lugar as parcelas de resultado correspondentes ás propostas de permuta que cumpran coa condición de que, como mínimo, o 80 % do conxunto da superficie das parcelas de orixe estea dentro do dito polígono. De seguido, adxudicaranse o resto das parcelas.

A asignación das parcelas realizarase segundo a orde de preferencia indicada na proposta. En caso de coincidir varias propostas nunha mesma parcela, terán preferencia, en primeiro lugar, as propostas formuladas por propietarios que quedaron fóra do ámbito do plan parcial e sexan estremeiras coas parcelas solicitadas; en segundo lugar, as propostas de permuta que se materializarán en tres parcelas; en terceiro lugar, as propostas de permuta que se materializarán en dúas parcelas; finalmente, as propostas de permuta que se materializarán nunha parcela. En caso de seguir a coincidencia nas parcelas, serán asignadas por sorteo, seguindo a orde establecida no citado anexo.

As parcelas de resultado desta tipoloxía que non se asignasen polo procedemento anterior serán atribuídas, tendo en conta os mesmos criterios descritos, ás persoas solicitantes que incluísen na súa proposta parcela/s de orixe adquirida como consecuencia de negocios xurídicos sucesorios que producisen efectos entre o 30 de xullo de 2016 e o 19 de abril de 2018.

Por petición das persoas interesadas, os excesos de edificabilidade poderán compensarse en parcelas de tipoloxía 7P ou 4P, situadas no mesmo polígono, ou ben ser aboados polo IGVS, conforme a valoración indicada no punto II, ata un 50 % do valor da edificabilidade da parcela de orixe, e o restante exceso compensarase en parcelas de tipoloxía 7P ou 4P. Nun e noutro caso, a asignación de parcelas de tipoloxía 7P ou 4P será realizada polo IGVS.

Neste tipo de tipoloxía, quedarán excluídas da proposta aquelas peticións referidas as parcelas de resultado cando a superficie das parcelas de orixe non sexa suficiente para adquirir a totalidade da súa edificabilidade».

En todo o restante, mantense a plena validez do contido da Resolución do 12 de abril de 2018 pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante permuta, de terreos, para o desenvolvemento dos polígonos 1, 2 e 3 do solo residencial de San Paio de Navia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo