Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 18 de xuño de 2018 Páx. 29424

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 65/2018, do 31 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e construción da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez para o cumprimento da central térmica da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais, de clave AC/16/248.01, no concello das Pontes de García Rodríguez.

Antecedentes:

Primeiro. O día 6 de abril de 2017 asínase o convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas, a Consellería de Facenda e Endesa Generación, S.A., de reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez para o cumprimento por parte da central térmica da Directiva 2010/75/UE; onde Endesa Generación se compromete a asumir o custo das obras e a Axencia Galega de Infraestruturas e a Consellería de Facenda a impulsar a actuación.

Segundo. En desenvolvemento do convenio asinado, mediante Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 5 de xuño de 2017, aprobouse provisionalmente o proxecto de trazado da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez, para o cumprimento por parte da central térmica da Directiva 2010//75/UE, sobre emisións industriais, de clave AC/16/248.01.

Terceiro. O día 13 de xuño de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 111, o Anuncio do 6 de xuño de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez, para o cumprimento por parte da central térmica da Directiva 2010//75/UE, sobre emisións industriais, de clave AC/16/248.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Cuarto. Por Resolución do 14 de setembro de 2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe de impacto ambiental, en cumprimento do artigo 47 da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, determinando que o proxecto non é previsible que xere efectos significativos sobre o ambiente e, por tanto, non se considera necesario sometelo á avaliación de impacto ambiental ordinaria.

Quinto. O 29 de setembro de 2017 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emite informe onde non se formulan obxeccións ao proxecto de trazado, e se entende que as modificacións propostas teñen cabida na lexislación urbanística vixente, segundo a Lei 2/2016, do solo de Galicia, e o Decreto 143/2016, polo que se aproba o seu regulamento.

Sexto. Despois da análise dos certificados, informes e alegacións presentados, o 2 de outubro de 2017 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez para o cumprimento da central térmica da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais, de clave AC/16/248.01.

Sétimo. O 18 de maio de 2018 aprobouse o proxecto de construción da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez para o cumprimento da central térmica da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais, de clave AC/16/248.01.

Este proxecto ten por obxecto a adaptación do sistema viario das Pontes de García Rodríguez para optimizar a súa configuración funcional e mellorar a accesibilidade, considerando tanto a mobilidade de vehículos, como a mobilidade alternativa peonil e ciclista. O proxecto prevé as seguintes actuacións:

– A transformación do treito da AC-861 que discorre entre a central térmica de carbón e o ciclo combinado de gas (entre o p.q. 26+670 e o p.q. 27+550), nunha vía de servizo para atender a central térmica das Pontes de García Rodríguez.

– A execución dunha nova vía que sirva como circunvalación ao núcleo urbano das Pontes de García Rodríguez, e separe a área industrial da residencial, e manteña a conexión coa AG-64.

– A continuidade da rede peonil e ciclista existente, mediante tres treitos de senda: un paralelo á nova vía e dous paralelos ao río Eume, un polo noroeste e outro polo leste.

– A construción dun aparcadoiro disuasorio na contorna da Casa da Enerxía.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado e construción da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez para o cumprimento da central térmica da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais, de clave AC/16/248.01.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda