Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 18 de xuño de 2018 Páx. 29609

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Boiro, promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2018/15-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Nedgia Galicia, S.A., con CIF número A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes.

O 25 de marzo de 2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.) a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Boiro, na provincia da Coruña (expediente IN627A 2007/12-1), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 24 de outubro de 2018 e no Boletín Oficial da provincia do 3 de novembro de 2008.

O 20 de outubro de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano, S.A. tiña en oito núcleos de poboación da provincia da Coruña, entre os cales se encontra Boiro, a favor de Gas Natural Redes GLP, S.A. coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

O 29 de maio de 2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das instalacións de distribución de GLP canalizado na localidade de Boiro (A Coruña) e da súa autorización administrativa, da sociedade cedente Gas Natural Redes GLP, S.A. a favor da sociedade adquirente Nedgia Galicia, S.A.

O 4 de abril de 2018 a sociedade Nedgia Galicia, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Boiro (A Coruña), que ten por obxecto procurar a subministración de gas natural á rede de gas canalizado de Boiro (actualmente de GLP), unha vez que esta sexa transformada para a distribución de gas natural (o proxecto de transformación é obxecto doutro expediente: IN627A 2018/17-0).

Neste proxecto prevese a instalación da planta de GNL na parcela onde actualmente se encontra instalada a planta de GLP, que é diferente da parcela prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa.

Obxecto da petición.

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución denominado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Boiro (A Coruña), que se tramitará baixo o número de expediente IN627A 2018/15-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa.

Descrición das instalacións.

A rede ten o seu inicio na válvula de saída da planta de GNL, que se instalará na parcela ocupada actualmente pola planta de GLP (con referencia catastral 0138927NH1203N0000JK, situada no polígono empresarial de Espiñeira, en Boiro), desde onde se desenvolverá ata conectar coa rede de distribución de GLP existente actualmente no núcleo urbano de Boiro. A súa lonxitude será de 15 m, realizarase en tubaxe de polietileno PE-100 e SDR 17,6/SDR 17 en diámetro de 110 mm e dimensionarase para unha presión máxima de operación de 3,5 bar.

A planta de GNL instalarase na parcela onde actualmente está instalada a planta de GLP e estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; e módulos auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 120 m3 (1 depósito horizontal), unha capacidade de regasificación de 1.324 m3(n)/h e unha presión de subministración de gas natural de 3,5 bar.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Boiro, na provincia da Coruña.

Orzamento: douscentos corenta e nove mil cincocentos setenta e nove euros con trinta e nove céntimos (249.579,39 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación desta resolución. O correspondente proxecto poderase examinar na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, rúa Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas