Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 18 de xuño de 2018 Páx. 29417

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

DECRETO 64/2018, do 7 de xuño, polo que se modifica o Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións.

A Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modificou o artigo 15, número 3, da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, para eliminar un dos principais obstáculos que impedían ata o momento avanzar nos procesos de fusión de confrarías, como era a perda da titularidade das concesións e autorizacións administrativas que para o exercicio das actividades de marisqueo e cultivos mariños puidesen ter as confrarías fusionadas. Tras esta modificación, a fusión xa non dará lugar á extinción de tales concesións ou autorizacións senón á subrogación na súa titularidade por parte da nova confraría resultante da fusión, efecto que debe recollerse no artigo 64, número 2, do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, no que se regulan as consecuencias da fusión de confrarías. Tamén se modifica a letra a) do número 2 do artigo 65, co fin de adecuar o seu inciso final á nova redacción daquel precepto legal.

De igual xeito, coa finalidade de lograr unha maior claridade e coherencia interna na regulación da presidencia e da secretaría dos órganos colexiados da federación, suprímese o primeiro parágrafo do artigo 73 dado que semella diferenciar entre a presidencia e a secretaría da xunta xeral e do comité executivo, cando, de conformidade co resto do articulado, se desprende que o presidente/a e o secretario/a da federación, elixidos e destituídos pola xunta xeral, presiden as sesións e redactan a acta das ditas sesións, non só das da xunta xeral senón tamén das do comité executivo.

Así mesmo, para resolver as dúbidas xurdidas respecto do procedemento de provisión da secretaría nos órganos colexiados das federacións de confrarías, modifícase o artigo 75 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, co fin de recoller expresamente no dito artigo unha remisión á regulación do procedemento de provisión da secretaría das confrarías.

Por outra parte, o Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, recolle no seu capítulo IX as disposicións que rexen o procedemento electoral para a constitución ou renovación dos órganos das confrarías de pescadores e as súas federacións. Dentro destas disposicións regúlase a administración electoral, da cal forma parte a xunta electoral, única para toda Galicia, contemplada no artigo 85. Na súa redacción actual, a presidencia da xunta electoral recae na persoa titular do órgano superior competente en materia de organización sectorial da consellería con competencias en materia pesca. Con posterioridade á publicación do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, aprobouse o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar, o que leva a necesidade de adecuar a composición da xunta electoral aos cambios derivados da nova estrutura, dado que nela o único órgano superior que se establece é a propia consellería. Tendo en conta esta circunstancia, así como as funcións atribuídas á xunta electoral e a composición desta, considérase máis axeitado que a presidencia recaia na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería.

Esta adecuación debe reflectirse tamén na Orde do 29 de abril de 2014, pola que se regulan as eleccións para a renovación dos órganos reitores de confrarías de pescadores de Galicia e das súas federacións, que se modifica mediante a disposición derradeira primeira deste decreto.

Na elaboración deste decreto consultáronse ás federacións de confrarías de pescadores de Galicia e cumpriuse o trámite de publicación no Portal de transparencia e Goberno aberto, de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

De acordo cos principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e, en particular, os de necesidade, proporcionalidade e eficacia, esta norma contén a regulación imprescindible para atender a súa finalidade e cumprir os seus obxectivos. Igualmente cumpre co principio de seguridade xurídica ao ser coherente co resto do ordenamento xurídico.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Mar, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións

O Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, queda modificado como segue:

Un. A letra c) do número 2 do artigo 64 queda redactada como segue:

«c) A confraría resultante da fusión subrogarase na titularidade das concesións e autorizacións que tiñan as confrarías fusionadas para o exercicio das actividades de marisqueo ou cultivos mariños e deben cumprir as condicións e prescricións da concesión ou autorización ou de calquera outra obriga exixida legal ou regulamentariamente».

Dous. A letra a) do número 2 do artigo 65 queda redactada como segue:

«a) Suporá a perda das concesións e autorizacións administrativas para o exercicio das actividades de marisqueo ou cultivos mariños que posúan, sen prexuízo do que prevexan os estatutos da confraría afectada en canto ao destino do seu patrimonio».

Tres. Suprímese o primeiro parágrafo do artigo 73.

Catro. O artigo 75 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 75. Do/da secretario/a da federación

A xunta xeral da federación nomeará un/unha secretario/a quen, con voz e sen voto, redactará a acta das reunións dos órganos colexiados dela e, ademais, desempeñará, en relación coa federación, as funcións asignadas ao/a secretario/a das confrarías establecidas no artigo 46. Para a provisión do/da secretario/a das federacións será de aplicación o disposto no artigo 45, entendendo a remisión aos estatutos contida no dito precepto como referida aos estatutos da correspondente federación».

Cinco. O artigo 85 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 85. Da xunta electoral

1. A xunta electoral terá a súa sede na Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de pesca.

2. A xunta electoral é un órgano composto por:

a) Un/unha presidente/a, que será a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de pesca.

b) Un/unha secretario/a, que será unha persoa funcionaria que ocupe un posto co nivel mínimo de xefatura de servizo da dirección xeral con competencias en materia de organización sectorial da consellería competente en materia de pesca.

c) Catro vogais: tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de pesca, máis o/a secretario/a dunha das federacións de confrarías que será designado/a pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores, por proposta das federacións provinciais.

3. Os membros da xunta electoral serán nomeados por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de pesca e continuarán no seu mandato ata a constitución dunha nova xunta electoral na seguinte convocatoria de eleccións.

4. A xunta electoral constituirase no prazo máximo de dous días desde a data da convocatoria ordinaria de eleccións.

5. Na composición da xunta electoral procurarase acadar unha presenza equilibrada entre homes e mulleres».

Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 29 de abril de 2014, pola que se regulan as eleccións para a renovación dos órganos reitores de confrarías de pescadores de Galicia e das súas federacións

1. A Orde do 29 de abril de 2014, pola que se regulan as eleccións para a renovación dos órganos reitores de confrarías de pescadores de Galicia e das súas federacións, queda modificada como segue:

Un. O artigo 3 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 3. A xunta electoral

1. Conforme o disposto no artigo 84 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, constituirase unha única xunta electoral para as eleccións ás confrarías de pescadores de Galicia, agrupacións sectoriais, federacións provinciais de confrarías e Federación Galega de Confrarías de Pescadores, con sede na Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de pesca.

2. A xunta electoral estará presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, e a súa persoa suplente será a persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de organización sectorial da consellería competente en materia de pesca.

3. A xunta electoral estará integrada, ademais, por:

a) Tres vogais que serán funcionarios/as do grupo A, subgrupo A1 ou A2, da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de pesca.

b) Un/unha vogal que será o/a secretario/a dunha das federacións de confrarías, designado/a pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores por proposta das federacións provinciais.

c) Secretario/a: un/unha funcionario/a do grupo A, subgrupo A1 ou A2, que ocupe un posto co nivel mínimo de xefatura de servizo, da dirección xeral con competencias en materia de organización sectorial da consellería competente en materia de pesca.

4. Na composición da xunta electoral procurarase acadar unha presenza equilibrada entre homes e mulleres.

5. Os membros da xunta electoral e as súas persoas suplentes, que deberán cumprir os mesmos requisitos que os titulares que substitúan, serán nomeados por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de pesca e continuarán no seu mandato ata a constitución dunha nova xunta electoral na seguinte convocatoria de eleccións.

6. A xunta electoral constituirase no prazo máximo de dous días desde a data da convocatoria ordinaria de eleccións, logo de convocatoria que efectuará o/a seu/súa secretario/a por orde do/da presidente/a.

7. A presentación de recursos administrativos contra as resolucións das comisións electorais será ante a xunta electoral. No mesmo día da presentación do recurso administrativo por calquera dos medios permitidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas deberán remitir unha copia do devandito recurso por fax ou correo electrónico á xunta electoral. O número do fax e o enderezo electrónico da xunta electoral constará na resolución pola que se convocan as eleccións».

Dous. O número 3 do artigo 24 queda redactado da seguinte maneira:

«3. Contra o acordo de proclamación efectuado pola comisión electoral poderase interpoñer, no prazo de tres días, recurso administrativo perante a xunta electoral, que resolverá nun prazo de cinco días. A presentación do recurso deberá realizarse de conformidade co previsto no número 7 do artigo 3 desta orde».

Tres. O número 9 do artigo 30 queda redactado como segue:

«9. Contra a proclamación de vogais da xunta directiva da agrupación poderase interpoñer, no prazo de tres días, recurso administrativo perante a xunta electoral, que resolverá nun prazo de cinco días. A presentación do recurso deberá realizarse de conformidade co previsto no número 7 do artigo 3 desta orde».

Catro. O número 11 do artigo 33 queda redactado como segue:

«11. Contra o acordo de proclamación poderase interpoñer, no prazo de tres días, recurso administrativo perante a xunta electoral, que resolverá nun prazo de cinco días. A presentación do recurso deberá realizarse de conformidade co previsto no número 7 do artigo 3 desta orde».

Cinco. O número 9 do artigo 35 queda redactado da seguinte maneira:

«9. Contra o acordo de proclamación do/da presidente/a da Federación Galega de Confrarías de Pescadores poderase interpoñer, no prazo de tres días, recurso administrativo perante a xunta electoral, que resolverá no prazo de cinco días. A presentación do recurso deberá realizarse de conformidade co previsto no número 7 do artigo 3 desta orde».

2. As previsións da Orde do 29 de abril de 2014, que son obxecto de modificación polo presente decreto, poderán ser modificadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de pesca.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar