Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 20 de xuño de 2018 Páx. 29854

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2018, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica nos concellos da Lama e Fornelos de Montes (expediente IN407A 2018/10-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción das instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Solicitante: Eléctrica de Moscoso, S.L.

Domicilio social: avenida do Concello, 21, 36830 A Lama.

Denominación: LMTS, CM e CT Verducido-As Estacas.

Situación: A Lama e Fornelos de Montes.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV, con condutor RHZ1, de 2.300 metros de lonxitude, con orixe no centro de manobra proxectado no interior do edificio do centro de transformación (CT) Verducido, na Lama, e final no paso aero-subterráneo no apoio 4EM00661, na LMT subderivación ás Estacas, en Fornelos de Montes, facendo entrada e saída no CT proxectado As Estacas. Centro de transformación de 100 kVA, RT 20 kV/420 V, situado nas Estacas, Fornelos de Montes.

Con data do 3 de abril de 2018, José Antonio Feliciano López presentou escrito de alegacións nesta xefatura territorial en relación co expediente IN407A 2018/10-4, LMTS, CM e CT Verducido-As Estacas, que consisten basicamente en solicitar que o centro de transformación proxectado se afaste máis dos lugares habitados da parroquia das Estacas, co fin de preservar a seguridade dos veciños.

Con data do 12 de abril de 2018, a empresa Eléctrica de Moscoso presentou nesta xefatura territorial escrito de contestación ás alegacións, en que indica que as dúas vivendas máis próximas ao centro de transformación atópanse a 60 e 80 metros respectivamente, e que se tivo en conta o posible rexeitamento dos veciños á localización do centro de transformación máis próximo ás vivendas, por iso escolleu unha localización que non é a máis óptima electricamente pero máis afastada das viviendas existentes. Polo tanto, Eléctrica de Moscoso considera que afastalo máis das zonas habitadas non é admisible xa que non cumpriría a misión de atender o crecemento da demanda e provocaría un custo non xustificado.

Unha vez examinados ambos os escritos conclúese que, en relación cos riscos potenciais para a seguridade dos veciños, os alegantes non indican cales, o proxecto asinado polo enxeñeiro técnico industrial Severino A. Calvar Fonterosa é visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, a liña de media tensión subterránea e o proxecto realizáronse aplicando, entre outra normativa, o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro) e o Regulamento electrotécnico de baixa tensión, e José Antonio Feliciano López non alegou ningún incumprimiento da dita normativa.

Segundo o indicado no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e non tendo proposto o reclamante alternativa ningunha ao trazado da instalación proxectada, procede a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial resolve:

Conceder a autorización administrativa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 16 de maio de 2018

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra